Airco DH.2

Airco DH.2
Tipocaza
FabricanteAirco
Deseñado porGeoffrey de Havilland
Primeiro vooxullo de 1915
Retirado1918
Principais usuariosRoyal Flying Corps
Unidades construídas453

O Airco DH.2 foi un biplano monopraza con configuración "pusher" (coa hélice montada na parte posterior) que operou como caza durante a primeira guerra mundial. Foi o segundo deseño "pusher" de Geoffrey de Havilland para Airco, baseado no anterior DH.1 de dúas prazas. O priototipo do DH.2 realizou o seu primeiro voo en xullo de 1915, pero perdeuse no seguinte mes nas probas de servizo na fronte occidental.

O DH.2 foi introducido en servizo na liña de fronte en febreiro de 1916 e foi o primeiro caza monopraza británico con armamento efectivo, permitíndolle aos pilotos do Royal Flying Corps (RFC) contrarrestar o "látego Fokker" que lles dera aos alemáns a vantaxe no aire a finais de 1915. Ata que os británicos desenvolveron un sistema de sincronización que igualase o sistema alemán como o que levaba o monoplano Fokker Eindecker, os pushers como o DH.2 e o F.E.2b levaron o peso das tarefas de caza e escolta.

O modelo foi superado polos novos cazas alemáns e finalmente foi retirado da primeira liña de fronte en Francia en xuño de 1917 despois de que o RFC recibise novos avións como os Nieuport 17 e Airco DH.5.