Alexandre VIII, papa

Alexandre VIII, papa
Nome completoPietro Vito Ottoboni
Nacemento22 de abril de 1610
Lugar de nacementoVenecia
Falecemento1 de febreiro de 1691
Lugar de falecementoRoma
CausaGangrena
SoterradoBasílica de San Pedro
NacionalidadeRepública de Venecia
Relixióncatolicismo
Alma máterUniversidade de Padua
Ocupaciónsacerdote católico e bispo católico
Períodoentre 1689 e 1691
Coñecido porser o papa n° 241 da igrexa católica
OrganizaciónIgrexa católica
CargosBispo de Roma
Na rede
WikiTree: Ottoboni-1 Find a Grave: 7172187 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Alexandre VIII, nado co nome de Pietro Vito Ottoboni en Venecia o 22 de abril de 1610 e finado en Roma o 1 de febreiro de 1691, foi papa da Igrexa católica entre 1689 e 1691.

Traxectoria

Pertencía a unha ilustre familia veneciana de orixe dálmata: foi o máis novo dos nove fillos de Marco Ottoboni, Gran Chanceler da República de Venecia, e da súa esposa Vittoria Tornielli.

Realizou os seus estudos con brillantez na Universidade de Padua, onde en 1627 completou un doutoramento en dereito civil e canónico.

Foi a Roma durante o pontificado de Urbano VIII, que o nomeou referendario do Tribunal da Signatura Apostólica, e posteriormente gobernador das cidades de Terni, Rieti Spoleto.

Descoñécense as circunstancias da súa ordenación sacerdotal.

Cardealado e episcopado

A petición da República de Venecia, en 1652 o papa Inocencio X ordenouno cardeal do título de San Salvatore in Lauro.

En 1654 foi consagrado bispo de Brescia. En 1660 mudou o seu título cardinalicio polo de San Marco. Dimitiu da súa sé episcopal de Brescia en 1664. Tres anos despois o papa Clemente IX nomeouno datario da Súa Santidade. En 1677 foi investido inquisidor de Roma e secretario do Santo Oficio polo papa Inocencio XI. Ese mesmo ano cambiou o seu título cardinalicio polo de Santa Maria in Trastevere. Tamén como cardeal optou sucesivamente ó título de Santa Prassede (1680), e ós bispados suburbicarios de Sabina (1681), Frascati (1683) e Porto-Santa Rufina (1687). Ese mesmo ano foi elixido vice-decano do Sacro Colexio Cardinalicio.

Participou nos conclaves de 1667, 1669-1670, 1676 e 1689, resultando elixido papa neste último.

Elección papal

Á morte de Inocencio XI o embaixador do rei Lois XIV de Francia apertou o conclave para que elixise a Ottoboni, xa octoxenario e a priori bastante dócil ante os propósitos franceses. Porén, foi difícil alcanzar unha maioría, xa que oito cardeais estaban ausentes. Ademais, no curso da reunión outro cardeal faleceu e dous máis tiveron que abandonala por enfermidade. Despois de cincuenta días de votacións e de que funcionasen as presións e as promesas de futuro, resultou elixido por unanimidade: era o 16 de outubro de 1689. Dez días despois foi coroado papa na Patriarcal Basílica Vaticana polo cardeal Francesco Maidalchini, protodiácono de Santa Maria in Via Lata.

Papado

O seu pontificado durou só un ano e catro meses, pero resultou excepcionalmente activo.

Á morte do seu predecesor o tesouro pontificio estaba en condicións saneadas. Inocencio VIII inverteu a situación de prosperidade: rebaixou os impostos e dilapidou as finanzas papais en dádivas á súa familia.

Contravindo as prácticas do pontificado anterior, inmediatamente despois de que o elixisen papa lanzouse a un nepotismo desenfreado: en Roma rexistrouse un auténtico desembarco de Ottoboni venecianos e de achegados a estes, todos prestos a recibiren cargos e prebendas. Cinguíndose ós seus familiares máis próximos, nomeou un dos seus sobriños, Antonio, xeneral en xefe dos exércitos dos Estados da Igrexa; a outro sobriño, Pietro, de só dezanove anos, nomeouno cardeal diácono pro illa vice de San Lorenzo in Damaso, gobernador de Fermo, Tivoli e Capranica, vicechanceler da Igrexa Romana, secretario de memoriais e vigairo papal no territorio de Avignon; a un terceiro sobriño, Marco, que era chepudo e coas facultades mentais algo diminuídas, nomeouno superintendente das fortalezas e as galeras papais, e comprou para el o ducado de Fiano mediante o pago dunha auténtica fortuna. Disque Alexandre VIII, previndo que lle quedaba pouca vida e que o seu sucesor non sería tan pródigo, instaba os seus favorecidos a acapararen rapidamente o máximo de prebendas coa frase: Le 24 stanno per scoccare (Falta pouco para media noite).

A finais de 1690 e mediante decreto do Santo Oficio condenou 31 proposicións das máis de 200 presentadas por un grupo de teólogos xesuítas belgas, especificamente os da universidade de Lovaina, a propósito da graza, a penitencia e da eucaristía, así como a teoría do "pecado filosófico". Tamén se opuxo ó "rigorismo" excesivo de determinadas correntes morais, contraposto ó "laxismo" que fora denunciado en pontificados anteriores.

Malia o patrocino do monarca francés, condenou a declaración realizada en 1682 polo clero deste país en relación coas liberdades da igrexa galicana. Mediante a bula Inter multiciples de 1692 declarou anulados catro artigos daquela declaración, así como o dereito de regalía. Porén, Lois XIV, cunha situación política en momento crítico, conseguiu ganancias coas disposicións pacíficas do novo papa, e restituíu a este o territorio de Aviñón e do Condado Venasino, ó tempo que renunciaba ó dereito de asilo da Embaixada francesa. En compensación, Alexandre VIII nomeou o máis férvido dos galicanos, o bispo de Beauvais e embaixador de Francia ante a Santa Sé Toussaint de Forbin Janson, cardeal do título de San Agnese fuori le mura.

Comprou os libros e manuscritos da raíña Cristina de Suecia para nutrir a Biblioteca Vaticana.

Axudou á súa Venecia natal con xenerosos subsidios na guerra en contra dos turcos.

Instituíu na China as dioceses de Pequín e Nanking.

Canonizou a san Lorenzo Giustiniani, a san Xoán de Deus e a san Pascual Bailón.

Convocou tres consistorios, nos que creou un total de catorce cardeais.

Morte

Morreu en Roma o 1 de febreiro de 1691, e está sepultado na Patriarcal Basílica Vaticana baixo un suntuoso mausoleo obra de Arrigo di San Martino.

As profecías de San Malaquías refírense a este papa como Pœnitentia gloriosa (A penitencia gloriosa), cita que ó parecer fai referencia ó seu nome de pila, Pedro, pois o apóstolo Pedro é considerado o "gran arrepentido", aínda que nunha segunda lectura se asocia a cita co día en que foi elixido, consagrado a San Bruno, considerado o anxo da penitencia. Existe outra terceira explicación á cita, e é a que fai referencia a que forzou ós bispos franceses ó arrepentimento na súa Declaración do Clero de Francia

Véxase tamén

Ligazóns externas