Alexis Tsipras

Alexis Tsipras
Alexis Tsipras
Alexis Tsipras de 2017.

Presidente de Synaspismos
10 de febreiro de 2008 – 10 de xullo de 2013
Precedido por Alekos Alavanos

Vicepresidente do Partido da Esquerda Europea

Datos persoais
Nacemento 28 de xullo de 1974 (49 anos) Atenas, Grecia Grecia
Partido Synaspismos
SYRIZA

Na rede
IMDB: nm5053464 Facebook: tsiprasalexis Twitter: atsipras Instagram: alexistsipras Youtube: UCDjKEuGFhR0YNg_mBNdqBrw WikiTree: Τσίπρας-1 Editar o valor em Wikidata

Alexis Tsipras (en grego Αλέξης Τσίπρας), nado en Atenas o 28 de xullo de 1974[1], é un político grego e membro do seu Parlamento, líder da Coalición da Esquerda Radical (SYRIZA) e presidente de Synaspismos (SYN), partido político que forma parte de dita coalición.[2] Tras o seu grupo SYRIZA gañar as eleccións gregas do 25 de xaneiro do 2015 e logo de pactar coa formación ANEL converteuse en primeiro ministro do país heleno,[3] ata a convocatoria de eleccións anticipadas o 27 de agosto de 2015.

Traxectoria

Estudou enxeñaría civil na Universidade Técnica Nacional de Atenas. Tras diplomarse en 2000, iniciou uns estudos sobre planificación territorial no marco dun programa interdepartamental da súa universidade, como tamén empezou a traballar como enxeñeiro civil no sector da construción.

Afiliouse ás Xuventudes Comunistas a finais dos anos 80. A comezos dos anos 90, mentres era alumno no Liceo de Ambelokipi, foi moi activo politicamente na rebelión dos alumnos de instituto contra unha lei controvertida do Ministro de Educación e Asuntos Relixiosos daquela época, Vasilis Kontogiannopoulos. Converteuse rapidamente en membro influente do movemento contestatario tras a súa participación nunha entrevista en televisión coa xornalista Anna Panagiotarea.

Como estudante da Universidade uniuse ás filas do movemento de renovación da esquerda e foi membro do Consello Executivo da Unión da Facultade de Enxeñaría Civil de Atenas e tamén foi representante dos estudantes no Claustro Universitario. Foi elixido membro do Consello Central da Unión Nacional de Estudantes de Grecia (EFEE) durante o período 1995-1997.

En 1999 foi elixido secretario da Xuventude de Synaspismos, cargo que ocupou até o 3º congreso da organización en marzo de 2003. Como secretario das Xuventudes de Synaspismos tomou parte activa no proceso de creación do Foro Social Grego e asistiu a todas as marchas e protestas internacionais contra a globalización neoliberal. No 4º congreso de Synaspismos en decembro de 2004, foi elixido membro do comité central do partido político, onde foi responsable das cuestións de educación e xuventude.

Nas eleccións de 2006 foi candidato a alcalde de Atenas, co apoio de Synaspismos e as forzas aliadas de SYRIZA. Encabezou a lista Ανοιχτή Πόλη (Cidade Aberta), quedando terceiro despois dos candidatos de Nova Democracia e PASOK cun apoio do 10,5% e catro concelleiros. Foi elixido para o cargo de presidente de Synaspismos durante o 5º Congreso do Partido en febreiro de 2008. Foi elixido membro do Parlamento nas eleccións nacionais en 2009 e desde entón dirixiu o grupo parlamentario SYRIZA.

Notas

  1. "Synaspismos Alexis Tsipras". Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2011. Consultado o 9 de maio de 2012. 
  2. "Alexis Tsipras to head SYRIZA Parliamentary group". Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2011. Consultado o 22 de decembro de 2012. 
  3. D.A. "Syriza gobernará cunha excisión de Nova Democracia contraria ao memorando da UE". Arquivado dende o orixinal o 15/02/2016. Consultado o 26/01/2015. 

Véxase tamén

Ligazóns externas