Camiño dos Faros

Non confundir con Camiño do Faro, editorial coruñesa.
Camiño dos Faros
Camino de los Faros (en castelán)
The Lighthouse Way (en inglés)
Caminho dos Farois (en portugués)
Faro das illa Sisarga
De esquerda a dereita empezando por arriba
Faro das illas Sisargas, Faro de Punta Nariga, Faro de Punta Roncudo, Faro de Laxe, Faro de cabo Vilán, Faro de Muxía, Faro de cabo Touriñán e faro de Fisterra.

O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo do noroeste galego —na provincia da Coruña— que une Malpica de Bergantiños (lugar de saída) con Fisterra (lugar de chegada) ao longo de 200 km en dirección suroeste[1] pola beira do mar. A presenza de faros ao longo do percorrido é o que lle dá nome, pero tamén decorre por outros lugares de interese da Costa da Morte: praias, bosques, dunas, acantilados, ríos ou regos, peiraos pesqueiros, estuarios, fontes de auga, espazos de valor arquitectónico etc.

Esta ruta adoita dividirse en oito etapas dunhas 9 horas de camiñada a ritmo de paseo, cunha media de 26 km por etapa, a máis curta das cales é a de Laxe a Arou (Camariñas), de 18 km, e a máis longa a que vai desde Camariñas ata Muxía, de 32,6 km. No seu camiño desde Malpica ata Fisterra pasa polos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía e Cee.

O nome da ruta, Camiño dos Faros, fai referencia aos numerosos faros construídos na costa durante os dous últimos séculos para facer segura a navegación nesa zona, coñecida como Costa da Morte, un nome acuñado pola prensa británica na década de 1890 despois dunha serie de naufraxios mortais.

Pequenas cruces ao longo da costa, probablemente en lembranza aos percebeiros afogados, son un recordatorio do perigoso que é este tramo, tanto para os pescadores locais como para os navegantes en rutas máis longas.

A Ferida en Muxía

Ademais dos faros, outros recordatorios das diferentes traxedias ocorridas nesta zona inclúen o Cemiterio dos Ingleses, que contén os restos de mariñeiros ingleses naufragados a finais do século XIX, ou tamén os restos ocasionais de barcos e carga que deron lugar a nomes de praias, rochas, baixíos etc. O monumento máis dramático é A Ferida, unha escultura (unha enorme laxa de rocha), situada en Muxía fronte ao océano Atlántico, nun outeiro ao carón do santuario da Virxe da Barca, relacionada co afundimento do petroleiro MV Prestige en 2002.[2]

Historia

O 7 de decembro de 2012 un grupo de catro sendeiristas galegos, amigos desde a infancia, xunto con dous cans decidiron saír andar pola beira do mar desde Malpica ata Fisterra aproveitando os camiños que abriran ao seu paso pescadores e percebeiros: unha viaxe de 200 km[3] bordeando a costa do noroeste de Galicia que tardaron varias semanas en completar. Querían crear unha ruta que se mantivese o máis preto posible do mar, e deseñala foi a súa forma de convidar outras persoas a gozar dela.[4][5]

Particularmente impresionante foi o apoio que tivo o Camiño dos Faros entre as comunidades locais. Non só limparon e sinalizaron o carreiro, senón que axudaron a desenvolver un programa de actividades que atraeu a esta costa sendeiristas, ciclistas e corredores de toda Galicia.[Cómpre referencia]

Homologación

Houbo numerosos intentos por parte da Asociación Camiño dos Faros para homologar esta ruta como camiño de gran percorrido (GR). Porén, aínda non se chegou a un acordo coas diferentes administracións, de modo que ese proceso de homologación aínda non se rematou.[6]

Etapas

Porto de Malpica, punto de partida do Camiño dos Faros

En principio, o Camiño dos Faros divídese en oito etapas, aínda que cabe a posibilidade de organizalo segundo o ritmo ou as esixencias de cadaquén. Seis das etapas (cada etapa corresponde a un día de camiñada) seguen unha mestura de carreiros que pasan por cantís e praias, mentres que as outras dúas diríxense cara ao interior, circunvalando as rías de Corme e Laxe e de Camariñas, ao longo do que son dous tramos de costa moi quebrada. A maioría das etapas comezan e terminan en pequenas aldeas pesqueiras con moitas opcións de aloxamento.

1ª etapa: Malpica-Niñóns

Vista da capela do Santo Adrián coas illas Sisargas a esquerda da foto

Esta 1ª etapa comeza no porto de Malpica e acaba na praia de Niñóns, xa no concello de Ponteceso, despois de percorrer 21,3 km, case todos dentro do concello de Malpica.[7]

Despois de deixar atrás o porto de Malpica crúzase a vila malpicá rumbo ao noroeste ata chegar á rúa da Praia. Desde aquí xa se albisca o océano Atlántico e o primeiro dos grandes faros, que non toca a ruta pois está situado nas illas Sisargas, que acompañan o camiñante, ao lonxe, na meirande parte desta etapa. A rúa da Praia vai bordeando ao seu paso a praia de Area Maior,[8] ata chegar á rúa Canido, que bordea a praia de Canido.[9] Alí cóllese a senda que leva ata a praia de Seaia,[10] que se bordea por un camiño de táboas, deixando entre o camiño e a praia as primeiras dunas de area do Camiño dos Faros. Desde aquí a senda segue bordeando o monte ata o cabo de Santo Adrián, tramo no que se atopa a fonte de Santo Adrián, cuxa auga segundo as crenzas populares cura as verrugas. Xa no cabo, atópase a ermida de Santo Adrián —famosa pola súa romaría—[11] e un miradoiro, que nos permite ver o camiño xa feito, o seguinte tramo da etapa e as illas Sisargas.

Desde aquí séguese bordeando a costa, deixando atrás o coído de Fontán e a punta do Castro, ata chegar á praia de Beo.[12] Logo de superada continúase a ruta, deixando atrás a rada do porto da Tella, punta Galiana e o castro de Entretorres —un dos poucos castros marítimos da zona e totalmente sen estudar, cara ao lugar de Seiruga, ata chegar á praia de Seiruga. Para chegar a ela cómpre cruzar o regato do Esteiro, que pode supoñer un problema dependendo do estado da marea e do caudal de auga que leve: é frecuente ter que remangarse e descalzarse para cruzado, e entre os meses de xaneiro e marzo pode ser preciso tomar a ruta altenativa que sae desde Beo porque o seu caudal imposibilita cruzalo.

Xa na praia de Seiruga, esta crúzase por unha pasarela de madeira que atravesa as dunas e conduce ata o lugar de Seiruga,[13] desde onde se continúa bordeando o monte da Insua e pasando pola punta Cherpa e os acantilados de Secova do Monte ata chegar á depuradora de Barizo, a pedra das Garzas e a estrada asfaltada que leva ata a praia de Barizo. Logo de cruzar e subir un pequeno monte de eucaliptos a ruta continúa ata chegar ao porto de Barizo,[14] onde comeza o tramo máis difícil desta etapa: a zona de punta Cabalo, a punta de Ensubelas e o Alto da Barreira, desde o que xa se albisca o faro de Punta Nariga, a costa de Niñóns e a do Roncudo.

A partir de aqui báixase un pequeno tramo ata chegar ao faro,[15] para seguir polas penas do Rubio, a enseada do Lago,[16] Punta Queimada e chegar á praia de Niñóns onde remata esta primeira etapa.[17]

Praia de Niñóns, punto de chegada da 1ª etapa e de saída da 2ª

2ª etapa: Niñóns-Ponteceso

Véxase tamén: Faro de Punta Roncudo.
Cruz no Roncudo
Vistas da praia de Balarés desde o Camiño dos Faros.

A 2ª etapa comeza na praia de Niñóns e acaba en Ponteceso, xusto ao pé da casa onde naceu o bardo e escritor do himno galego, Eduardo Pondal (1835-1917),[18] e da ponte que une Ponteceso e Cabana de Bergantiños sobre o río Anllóns, despois de percorrer 27,1 km. Esta etapa transcorre na súa totalidade polo concello de Ponteceso.[19]

Despois de deixar atrás a praia de Niñóns, esta etapa comeza camiñando durante un pequeno treito por un bosque de piñeiros que leva ata a pequena praia do Morro; dende aquí séguese ata a punta do Niño do Corvo, pásase ás beiras das praias do Niño do Corvo e da de santa Mariña, e continúase ata chegar ao porto de Santa Mariña.[20] Ao saír del camíñase os primeiros metros por detrás deste para seguir bordeando a costa pasando polos acantilados da Eiroa e a punta do Pichón ata chegar á altura dun cruceiro onde se xira á esquerda para dirixirse ao interior, seguindo as frechas verdes que indican o camiño. Un pouco máis adiante, atravesando entre os montes de Mean, á esquerda, e Arbosa, á dereita, pódese ver pegado ás rochas un curro artesanal que se usa para coidar unha manda de cabalos salvaxes, que con sorte se poderían ver.[21] Hai que continuar ata atopar a estrada asfaltada que leva ao porto de Santa Mariña, que se segue durante uns 200 m ata coller a senda que leva á cima do monte Arbosa, o alto do Bravío, desde onde se ve por vez primeira a enseada da Barda e a praia do mesmo nome, aproximadamente a un quilómetro de camiño.[22]

Chegados alí, hai que continuar pola estrada ata o cruzamento, onde se colle á dereita para enfrontar a costa da Tremosa,[23] un tramo bastante duro que se pode evitar seguindo pola estrada que leva dereita á aldea do Roncudo, lugar de arribada deste tramo. A medida que se bordea a costa sen parar de subir chégase á punta Espiñeira, desde onde un tramo bastante sinuoso duns 50 m achega o camiño ata a punta do Castro. Desde alí pásase ao lado da enseada da Grixoa xunto á punta de Eiras, que a separa da enseada de Eiras, para chegar despois ata a punta da Percebellosa, onde o camiño se separa da costa para ascender ata a pequena aldea do Roncudo.[24] Nela os camiñantes poden avituallarse da auga da fonte que esta aldea ten sinalada para os seus visitantes. Logo de cruzar a aldea ponse rumbo ao faro do Roncudo pola estrada que se atopa á dereita[25] e que unha vez pasada dá paso a un descenso algo complicado ata a Laxe das Pesqueiras, desde onde se continúa deixando atrás a pedra Golfeira e a furna da Fuxisaca, antes de chegar ao faro do Roncudo.[26] O nome de Roncudo, que aparece en varios topónimos, procede do ruído rouco que fai o mar cando rompe nos cantís próximos.

Desde o faro do Roncudo ata o porto de Corme camíñase por unha estrada asfaltada duns 3 km. Neste tramo vaise pasando xunto ao mar da Eiruxa, o pozo do Aguillón, a praia da Insua, a cala das Gralleiras e a cala de Area das Conchas.[27] Xa no porto bordéase o lugar ata chegar á praia da Arnela e un pouco máis adiante á praia do Osmo, onde se atopa a furna do Osmo.[28] Desde aquí bordéase a praia ata chegar a unha estrada asfaltada pola que cómpre camiñar un puco para sortear a praia. Deseguido, cóllese a senda que leva ata a praia da Ermida, desde a que se pode ver a illa da Estrela, e séguese camiñando ata a praia de Río Covo,[29] un pequeno areal ao que se chega por unha camiño bastante costento.[30] Despois da praia séguese por un carreiro estreito que leva ata a punta do Canteiro, desde onde se continúa subindo por unha costa curta pero pina, que leva ata A Parede, no Monte Facha, punto no que comeza unha baixada ata praia de Balarés.[31][32]

Esta praia abandónase bordeándoa polo camiño de táboas colocadas nas dunas e deseguido cóllese a senda que leva ata a punta de Calbaqueiro, desde a que se ve a furna do Encanto e a illa Tiñosa, ademais de toda a costa de Cabana de Bergantiños. Máis adiante aparecen as dunas rampantes do Monte Branco,[33] as máis altas de Europa, e a Barra na desembocadura do río Anllóns, que forma un esteiro antes de desaugar na ria de Corme e Laxe. É esta unha zona extremadamente sensible desde o punto de vista ambiental, así que ao pasar por elas débese ter conta de non saír do carreiro marcado para así preservalas.[34] Desde este punto pode verse a illa dos Cagallóns (un montículo que adoita quedar illado co abalo das mareas vivas) e un pouco máis adiante, unha caseta para a observación de aves, pois este é un lugar privilexiado para esa actividade. Seguindo o camiño e á dereita cóllese o malecón do Couto, que separa o río da xunqueira para evitar inundacións, que conecta cun pequeno tramo ás beiras do río, o cal nos deixará diante da casa de Eduardo Pondal,[35] punto final desta 2ª etapa.[36]

Ponte sobre o río Anllóns, punto de chegada da 2ª etapa e saía da 3ª

3ª etapa: Ponteceso-Laxe

A 3ª etapa comeza na ponte de Ponteceso e acaba no porto de Laxe, despois de percorrer 25,3 km, a maior parte deles no concello de Cabana de Bergantiños, onde se atopa o cumio desta ruta (312 m sobre o nivel do mar), o monte Castelo de Lourido.[37]

Vista da senda marítima do río Anllóns

A etapa comeza ao pé da ponte sobre o río Anllóns, que separa os concellos de Ponteceso e de Cabana de Bergantiños.[38] Camiñaremos pola beiravía esquerda da estrada AC-429 (Ponteceso-Laxe), deixando ao outro lado da estrada unha xunqueira, que debido á marea e á rotura do dique de contención, pode estar cuberta de auga ou baleira. Seguimos ata chegar en fronte da nave de Apligasa, en fronte da cal atoparemos o camiño que nos leva ata o esteiro do Anllóns;[39] unha vez nel colleremos á esquerda a corredoira que avanza ata o monte das Pias, onde pasaremos por un pequeno piñeiral ata chegar ao sitio do Curro, punto en que empeza a senda artificial do Anllóns.[40] Camiñamos ao longo dela para deixar atrás a praia da Urixeira (que conta con outro observatorio ornitolóxico) e chegar á praza do Pendón (onde se sitúa o CPI As Revoltas e un pouco máis arriba a casa do concello), que ten ao lado a praia do mesmo nome. Seguimos o noso andar ata chegar á praza do Lodeiro, xa na Telleira, desde a que nos dirixiremos á esquerda ata cruzar un aparcadoiro e a estrada en que daremos comezo á senda do Rego dos Muíños.[41][42]

A senda do Rego dos Muíños vai ascendendo paseniñamente ao longo de 3,5 km segundo se avanza á beira do río, ao tempo que se pode gozar da vista de 24 muíños de auga, a maioría deles nun estado de conservación moi precario. Unha vez no alto, colleremos unha senda á esquerda que nos leva ata a fonte do Roncadoiro, cruzaremos a estrada AC-430 (As Grelas-Baio) e, logo de subir por un camiño de escaleiras, chegaremos ao Castro de Borneiro[43] ou da Cibdá, na parroquia de Borneiro. Desde aquí seguimos a ruta por unha senda que á dereita segundo o sentido da marcha que nos leva outra vez á estrada AC-430[44] que deberemos cruzar para coller unha pista asfaltada que chega ao lugar de Vilaseco, desde onde se segue por unha senda forestal ata o dolmen de Dombate:[45][46] un dos monumentos máis importantes da arte megalítica de Galicia, que está protexido por unha estrutura acristalada e cuberto cunha cúpula de madeira.[47][48] A ruta segue pola mesma estrada ata un cruzamento no que se colle á dereita camiño do lugar da Fontefría; desde onde tomaremos a estrada da esquerda, en dirección ao monte Castelo,[49] punto que supón o cumio do Camiño dos Faros, e desde onde podemos contemplar unha panorámica total da ría de Corme e Laxe e do esteiro do Anllóns.[50]

Desde este punto volveremos á estrada que nos trouxo aquí e continuarémola ata chegar á estrada asfaltada, cruzarémola para coller a senda da outra beira que nos leva ata o lugar da Arnela (xa na parroquia de Canduas), onde colleremos á dereita para baixar ata o seguinte cruzamento. Nel xiraremos á esquerda para dirixirnos a Taboído onde, despois de cruzar a AC-429, seguiremos pola estrada asfaltada uns 700 m ata atoparnos un cruzamento á esquerda que nos levará ata o sendeiro que bordea o monte da Mundiña, deixando á dereita a punta do Padrón, as furnas dos Corvos e da Valouta para chegar á altura da punta da Escanavada. Desde ela, seguiremos pola beira da costa ata chegar á furna dos Bolos e á furna da Mundiña, ao pé da cal bordearemos un antigo faro (hoxe unha casa privada) e preto da cal teremos a illa do Castelo e un pouco máis adiante a praia de Rebordelo,[51] separada da de San Pedro pola punta da Catuxa.[52] Desde a praia de San Pedro, continuando pola senda, chegamos á cala da Cormellana e máis adiante ao portiño de Filgueiras xunto á punta do Cabalo.[53] Seguimos ata chegar un pouco despois á Rubia, desde a que xa albiscamos Laxe, e a continuación chegamos ao coído dos Muíños de Frexufre,[54][55] nos que desemboca un pequeno regato en forma de fervenza e onde teremos que bordear dous muíños en mal estado de conservación, para poñer rumbo ao cabo da Area,[56] onde acaba o concello de Cabana e empeza o de Laxe.

Aso poucos metros, entramos xa na praia de Laxe,[57] que podemos percorrer pola area da praia ou polo paseo que bordea a praia ata a praza de Laxe, punto onde damos por terminada esta 3ª etapa.[58]

Porto de Laxe, punto de chegada da 3ª etapa e saída da 4ª

4ª etapa: Laxe-Arou

A 4ª etapa, a máis curta do Camiño dos Faros, comeza no porto de Laxe e acaba na praia de Arou, despois de percorrer 18 km polos concellos de Laxe, Vimianzo e Camariñas.[59]

Comezamos saíndo da praia de Laxe ao carón da igrexa de santa María da Atalaia.[60] Deixamos á nosa dereita o porto de Laxe,[61] collemos o camiño da Besugueira ata a rúa Agra de Abaixo, á nosa esquerda, e subimos por ela ata que se acaba. Nese punto, colleremos á dereita polo camiño do Cemiterio, que máis adiante abandonaremos pola dereita para bordear o monte de Insua, pasando polo faro de Laxe,[62] a pedra dos Namorados e a furna da Espuma,[63] ao seu carón. Seguindo a senda, un pouco máis adiante pasamos entre a praia dos Cristais[64] e o cemiterio, que bordearemos para coller o desvío á dereita que nos leva bordeando a enseada Baleeira por un carreiro estreito ata chegar a unha subida que nos deixará no cumio do peñón do Castro,[65] o punto máis alto desta etapa.

Desde el avistaremos a praia de Soesto, á que chegaremos baixando con coidadeo por unha costa empinada, pois as pedras poden estar esvaradías.[66] Xa na praia, deberemos superar un pequeno regato, e dirixirnos cara ao merendeiro que se atopa tras das dunas que separan o camiño da praia; alí colleremos a pasarela de madeira que nos leva bordeando a praia,[67] para seguir pola senda que pasa pola punta Catasol, a cala do Castrillón (a partir de aquí seguimos por unha pista de pedrullo), a illa de Ataín, a illa Teixoeira, a praia de Arnado, para chegar poucos metros máis adiante ao Espazo Natural Protexido da Lagoa e Dunas de Traba. Está formado pola praia de Traba[68] (que comeza na punta de Arnado, preto do lugar de Boaño, e acaba case 3 km despois na punta de Traba), o cordón dunar e a lagoa de Traba, e pertence á Rede Natura 2000, ademais de ser recoñecido como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Lugar de Interese Comunitario (LIC).[69]

Atravesaremos este espazo pola pasarela de madeira que se atopa por tras das dunas e a carón da lagoa.[70] Deixamos á esquerda o lugar de Mórdomo e continuamos a senda, deixando atrás a punta da cruz da Rosa ata chegar ao rego da Albariza, comezo do pequeno tramo (400 m) que pertence a Vimianzo, formado polos coídos da Señora e de Sabadelle,[71] separados os dous pola punta da Sopena.[72] A partir do coído de Sabadelle entramos xa en Camelle, Camariñas; a través da Campo da Area chegaremos ata o paseo marítimo que bordea a praia de Camelle e nos leva cara ao porto, que deixaremos á dereita para dirixírmonos ata a casa do alemán de Camelle (Manfred Gnädinger).[73][74]

Para continuar o camiño debemos retroceder un pouco ata chegar á casa que atoparemos á dereita, ao pé da cal colleremos unha senda que continúa entre valados ata chegar ao coído dos Xurelos. Desde alí seguiremos cara a adiante fixándonos na sinalización, xa que algunhas veces tende a afastarse do mar algúns metros. Deixamos á nosa dereita a punta Percebeira, pasamos ao pé da cetaria de Camelle e chegamos ao pequeno porto da Lagoa (Porto de Arou), seguimos cara a adiante bordeando a costa e deixamos a punta do Curro á nosa dereita para chegar a continuación á praia de Arou,[75] seguiremos un pouco máis e atoparémonos coas rúas de Arou fin desta etapa.[76]

Praia de Arou, punto de chegada da 4ª etapa e saída da 5ª

5ª etapa: Arou-Camariñas

A 5ª etapa comeza na praia de Arou e acaba no porto de Camariñas, despois de percorrer 23,8 km, todos eles no concello de Camariñas.[77]

Comezamos a etapa saíndo da praia de Arou e, un pouco despois de pasar as últimas casas deste lugar, desviámonos á dereita seguindo a senda. Deixaremos atrás a praia Braña de Lazo, o petón da Furaqueira, a Enseada de Xan Ferreiro e, pouco despois, chegaremos ao miradoiro de Punta Lobeiras.[78] Logo de deixalo atrás, baixaremos pola estrada asfaltada ata a praia Lobeiras, a dereita da cal podemos ver a illa Insua e de fronte a illa Negra.[79]

Desde a praia de Lobeiras colleremos a senda que nos leva ata o Porto de Santa Mariña deixando atrás durante o camiño rochas como O Pelouro, Os Boliños, Os Portiños, Pedra do Sal…[80] Xa no porto, collemos a estrada que nos leva polo medio das casetas e, unha vez superadas as da dereita, seguimos pola senda que se dirixe cara ás dunas do monte Branco.[81] Superamos as enseadas do Colludo, a da Posta das Cabras e o cabo Veo (ecuador do Camiño dos Faros),[82] en fronte do cal podemos ver a illa da Cagada Grande. Neste tramo cómpre seguir a senda de area sen saírmos dela pois atravesaremos un pequeno areal de camariñas (Corema album), planta en perigo crítico de extinción segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

Seguindo a senda marcada para iso, bordeamos a duna rampante do monte Branco,[83] baixamos cara ao mar e ao pouco tempo chegaremos á praia do Trece, que conta cun cordón dunar que lle dá un vago aire desértico, e con restingas de rochas que penetran no mar e dividen a praia en pequenas calas. Pasada a praia, camiñamos polo carreiro que nos leva cara ao Cemiterio dos Ingleses,[84] deixando atrás a punta das Paredes e a enseada de Batel. O cemiterio está situado no cabo Trece e recibe este nome por acoller os restos dos 172 cadáveres dos náufragos do buque inglés Serpent, que bateu contra as rochas preto de punta Boi o 10 de novembro de 1890.[85][86]

Logo de bordear punta Boi (desde onde albiscamos por primeira ver o faro de cabo Vilán), á altura da enseada de Lucín, tomaremos unha pista de grava que nos deixa na praia de Reira, na que daremos coas pedras dos Namorados e maila do Oso (famosa polo seu roubo[87]). Desde alí colleremos a senda que nos leva ata a punta Forcados, coa illa Calladas enfronte, segue polas praias de Area Longa, Balea e Pedrosa, e sobe un pouco a aba do monte Pedrosa para conectar outra volta coa pista de grava[88] que nos deixa diante do faro de cabo Vilán (1854 - 1896). Este é o faro eléctrico máis antigo de España e sinaliza un dos tramos máis perigosos da Costa da Morte, pero tamén un dos máis fermosos. Erguido a 125 metros de altitude e unido ao antigo edificio dos fareiros, posúe un potente canón de luz capaz de acadar as 28 millas. O enclave foi declarado de Interese Nacional no ano 1933 por ser un lugar rochoso e escarpado, e hoxe en día é monumento natural e acolle un museo.[89]

Continuamos a ruta camiñando cara ao antigo faro para baixar de seguido polo monte cara á piscifactoría, que deixaremos á nosa esquerda camiño do mar ata a punta Esperillo[90]. Seguiremos bordeando a piscifactoría coas vistas da ría de Camariñas, pasaremos á beira da illa Betanceira e seguiremos bordeando a zona A Coenda ata chegar ao campo de fútbol. Alí tomaremos un desvío á dereita que nos ha levar ata a ermida da Virxe do Monte[91], despois ata a punta Corveiro de Lago e desde aquí ata a praia do Lago,[92] que debemos bordear. Deseguido, en dirección sur, iremos ata ao pé do faro da enfilación da Villueira, que xunto co faro da punta do Castelo forman a enfilación de entrada ao porto de Camariñas.[93]

Desde aquí, e sempre seguindo as marcas verdes da ruta, seguiremos ata chegar á batería do Soberano, máis coñecida como o castelo do Soberano. Arrodearemos este recinto amurallado[94] deixando á dereita, na punta do Castelo, o outro faro da enfilación xa indicada. Así chegaremos ao miradoiro que se atopa tras do peirao de Camariñas, camiñaremos pola rúa Castelo ata chegar á rúa que bordea o porto e pouco máis adiante pisaremos a praza do Curbeiro, punto final desta etapa.[95]

Porto de Camariñas, punto de chegada da 5ª etapa e saída da 6ª

6ª etapa: Camariñas-Muxía

A 6ª etapa comeza no porto de Camariñas e acaba na praia do Coído en Muxía, despois de percorrer 32,6 km, que a converten na etapa máis longa do Camiño dos Faros. Percorre os concellos de Camariñas, Vimianzo e Muxía[96] e ten dúas partes ben diferenciadas, ambas totalmente planas: a primeira desde Camariñas ata A Ponte do Porto e a segunda desde aquí ata Muxía.

Comezamos saíndo do porto de Camariñas polo paseo marítimo de madeira e, tras atravesar a Avenida da Coruña (AC-432 Vimianzo-Camariñas) polo paso de peóns, seguimos por esta rúa deixando atrás á outra beira da estrada un cartel de Camariñas capital do encaixe. Seguimos rumbo cara a arriba pola mesma estrada ata á praza Insuela, onde se atopa a casa do concello e unha estatua en honor ás palilleiras. Aquí aproveitaremos o paso de peóns para cruzar para o outro lado da estrada, xusto ao lado da Asociación Palilleiras de Camariñas.

Continuaremos pola beirarrúa ata chegar á rúa que colle á dereita e que nos leva, bordeando as instalación da conserveira Cerdeira, polo paseo marítimo que nos achega á praia Area da Vila. No seu final colleremos, despois de subir un pequeno terraplén, unha senda estreita que nos leva ata a praia de Lingunde desde onde colleremos o carreiro que bordea a enseada da Basa.[97]

Seguindo por el atravesaremos un piñeiral ata saír á estrada (se a marea esta baixa este tramo pode facerse a carón da area) un pouco antes da ponte que nos permitirá salvar o rego de Valadares. Seguimos de fronte pola beira da estrada, e despois por un pequeno tramo da estrada antiga, bordeamos a punta máis interior da enseada da Basa e continuamos, pasando a ponte do río do Trasteiro.

Entramos entón na parroquia de Xaviña. Nela, despois de andar uns 600 m. e tras pasar un pequeno grupo de casas, colleremos a senda que nos volverá a achegar ás augas da enseada da Basa, agora pola súa beira leste.[98] Camiñamos pola senda ata a pequena praia de Areíña Branca, desde a que deixaremos á nosa dereita a punta Sandria (considerada a desembocadura do río Grande) para chegar á praia do Rego dos Coiros. A continuación atoparemos un merendeiro na beira da praia de Ariño, praia que cruzaremos ata o seu extremo, para tomar alí unha pista á esquerda que nos conectará cunha estrada asfaltada e esta coa estrada AC-432. Cruzarémola e tomaremos a rúa que vai paralela á AC-432, despois xiraremos á esquerda e poucos metros máis tarde tomaremos a estrada da dereita, que nos deixa en Tasaraño, desde onde xiraremos á dereita xa camiño da Ponte do Porto.[99]

Deseguido deixaremos atrás, á nosa esquerda, unha fonte de dous canos e pouco despois chegaremos ao lugar de Dor. A partir de aquí seguiremos a senda, sempre coa AC-432 á nosa dereita, ata entrar nun bosque, logo do cal acadaremos o lugar do Allo e un pouco despois o CEIP Ponte do Porto.[100] Desde aquí, continuamos pola AC-432 ata a ponte medieval que cruza o río Grande; despois das primeiras casas da outra beira do río, xiramos á dereita (á nosa esquerda, a fonte dos Leóns) para seguir a rúa a carón do río e continuar o camiño de Cereixo,[101] deixanado á esquerda a praza de San Roque.

Pouco máis adiante volvemos entrar no concello de Vimianzo. O primeiro que nel atoparemos é o porto de Cereixo e, pouco máis adiante, sempre seguindo a beira do río, un muíño de mareas que hoxe se usa como vivenda. Desde aquí dirixirémonos ata a igrexa de Santiago de Cereixo, cun carballo centenario á súa beira e as Torres de Cereixo en fronte, desde onde seguiremos pola estrada que nos leva ata o cemiterio. Tras pasar o cemiterio seguimos polo camiño da dereita que conecta aos poucos metros coa estrada que leva a praia do Lago.[102][103] Andaremos por ela só uns poucos metros, e tomaremos a senda que atravesa entre piñeiros e fentos a Furna do Sapo,[104] un treito que se cerra no medio dun bosque de ribeira e remata nuns prados onde desemboca o rego de Vilariño. Pouco despois, chegamos á praia de Area Grande.

Iremos bordeando esta praia case ata o seu remate, onde o camiño torce un pouco á esquerda para de seguido volver á dereita e chegar á praia de Leis,[105] que percorreremos tamén ata preto do final. Alí tocará subir un pequeno desnivel entre rochas para entrarmos nun piñeiral que ao pouco nos deixa preto dos acantilados, polos que continuaremos ata chegar aos dous faros que serven de enfilación para os barcos que entran no porto de Muxía co fin de evitaren os baixíos da punta da Barca.[106]

O faro do Lago (o máis próximo á costa) dá paso á praia do Lago. Deberemos bordeala por unha senda de madeira ata chegar á estrada que, despois de pasar unha ponte, nos ha permitir vadear o río Lago. Seguiremos por ela ata deixar á nosa esquerda un cámping, e a esa altura seguiremos por unha senda que nos leva ata o lugar de Merexo, pasando antes pola punta Sartaña e polo castro de Merexo.[107][108]

Atravesamos Merexo e saímos pola estrada camiño do lugar dos Muíños. Neste tramo coinciden durante quilómetro e medio o Camiño dos Faros e o de Fisterra-Muxía[109] (parte do Camiño de Santiago). Na aldea de Muíños, e despois de andar un pequeno traxecto, colleremos á dereita o camiño pola beira do río Negro ata chegar preto do final da estrada asfaltada, punto onde xiraremos á esquerda baixando un tramo de escaleiras, onde está a fonte da Tella (aquí tamén comeza a ruta Os Muíños do río Negro).[110]

Desde aquí o tramo continúa por unha senda de táboas á beira duns muíños en perfecto estado de conservación e que se poden visitar, pois están abertos ao público. A senda remata na praia de Area Maior,[111][112] ao remate da cal teremos que enfrontar un pequeno tramo de subida que nos deixa nunha estrada asfaltada. Cruzámola e collemos á esquerda, e só 5 ou 6 metros máis adiante, seguimos polo camiño da dereita, que pouco despois se converte nunha pronunciada encosta duns 500 metros de longo, que vai morrer a unha estrada. Tomarémola cara á dereita para chegar ao lugar de Chorente.

A partir de aquí a nosa ruta coincidirá durante un bo treito co Camiño de Santiago. Seguiremos ata a praia de Espiñeirido[113] e, despois dela e tras un pequeno relevo, chegamos á praia da Cruz, rodeámola e collemos á dereita pola beirarrúa da AC-440 que nos vai achegando ata o porto de Muxía.

Case no remate do porto, xiraremos á esquerda pola rúa Mariña e despois á dereita pola rúa Virxe da Barca ata chegar fronte á igrexa de Santa María de Muxía. Para subir ata ela, teremos que subir por un tramos de escaleiras que queda á nosa esquerda; desde aquí outro tramo máis lévanos ata o campanario, que é unha construción separada. Se continuamos subindo, chegaremos ata o miradoiro do monte Corpiño, desde onde gozaremos dunha vista panorámica da vila. De seguido baixamos dereitos ata o santuario da Virxe da Barca[114] e desde aquí achegarémonos ata o faro,[115] a pedra de abalar e a dos cadrís.[116]

Os últimos pasos lévannos ata o monólito da Ferida, erixido para agradecer o traballo dos voluntarios que loitaron para limpar o chapapote que deixou o vertido do petroleiro Prestige antes do seu afundimento, seguen polo paseo e chegan ata a praia do Coído, punto final desta etapa.[117]

7ª etapa: Muxía-Nemiña

Véxase tamén: Faro de cabo Touriñán.

Esta 7ª etapa comeza na praia do Coído de Muxía e acaba na praia da parroquia de Nemiña (Muxía) despois de percorrer 25,3 km, que transcorren integramente polo concello de Muxía.[118]

Comezámola deixando atrás a praia do Coído, camiñando pola beirarrúa esquerda da rúa Dr. Toba, que tamén forma parte do Camiño de Santiago. Pasamos ao lado do campo de fútbol da Arliña e da cala da Arliña ata chegar á altura da praia de Lourido[119] á que chegaremos tras cruzar a estrada e baixar por un pequeno carreiro.[120]

Deixamos atrás a praia e seguimos bordeando a costa, co Parador Costa da Morte,[121] construído en 2020,[122] á nosa esquerda, ata chegar ao coído da Agra, desde onde comezaremos o ascenso ao monte Cachelmo,[123] unha das subidas máis duras do Camiño dos Faros. No comezo da ascención deixamos á nosa dereita a furna da Buserana, lugar famoso pola lenda[124] e as coplas que lle compuxo o escritor muxián Gonzalo López Abente.[125][126] Desde o cume do monte comezamos a baixada polo medio do bosque ata chegar a unha estrada, co asfalto moi estragado, preto da praia de Arnela.[127] Alí seguiremos no sentido esquerdo ata chegar á estrada asfaltada de novo (DP-5201).

Camiñaremos por ela uns 7 ou 8 m á dereita para coller outra vez á dereita un pequeno carreiro entre piñeiros, que nos leva ata outra pista na que volveremos a xirar á dereita para dirixirnos ata o cabo de Punta Buitra. Desde alí comezamos o descenso a través dos acantilados de Cuño ata o coído de Cuño.[128] Pasado este temos que coller a esquerda, bordeando o rego de Cuño pola súa marxe dereita, para entrarmos no bosque do Cuño entre unha bóveda de amieiros; un pouco máis adiante xiraremos á dereita entre piñeiros e comezaremos a subida ata a cima do monte Pedrouzo (269 m).[129]

Esta subida ten uns 2 km de longo e un 13% de pendente continua, agás nun pequeno tramo a medio ascenso.[130] Desde arriba baixaremos ata a ribeira de Viseu, onde comeza o descenso máis pronunciado do Camiño dos Faros (25% de inclinación durante 600 m) ata chegar á praia de Moreira.[131] Trátase dunha pequena cala formada por area e coios que lle pon fin a este tramo, sen dúbida ningunha o máis duro do Camiño dos Faros.[132]

Pasada a praia de Moreira, e despois de cruzar o rego de Moreira, collemos un camiño en lixeiro ascenso para continuar esta etapa, deixando atrás á nosa esquerda as aldeas de Touriñán e Campos, ata chegar a unha estrada asfaltada. Collerémola á dereita e deixarémola tras unha pequena recta para continuar por unha senda que nos leva bordeando toda a punta do cabo Touriñán,[133] cos acantilados da punta Gaivoteira á nosa dereita. Pouco máis adiante chegamos ao faro, desde onde seguiremos bordeando a península por un carreiro estreito, ata a altura da illa do Castelo ou Herbosa, accesible algún día contado do ano[134] e punto máis occidental do Camiño dos Faros e da España peninsular.

Desde aquí, seguimos a senda ata chegar ao coído de Touriñán,[135] pasamos polo miradoiro de Touriñán e pouco despois chegaremos a un pequeno tramo de estrada asfaltada que nos leva ata o lugar de Talón, xa na parroquia de Nemiña.[136] Seguimos o camiño polo interior ata a praia de Nemiña, fin desta etapa.[137][138]

Praia de Nemiña, punto de chegada da 7ª etapa e saída da 8ª

8ª etapa: Nemiña-Fisterra

Véxase tamén: Faro de Fisterra.

A 8ª e derradeira etapa comeza na praia de Nemiña (Muxía) e acaba no faro de Fisterra, despois de percorrer 26,9 km polos concellos de Muxía, Cee e Fisterra. [139]

Faro de Fisterra, punto de chegada da 8ª e última etapa

Comezamos camiñando pola area da praia de Nemiña se a marea esta baixa, e se non, bordeándoa por un camiño de cascallo, ata chegar á ría de Lires (desembocadura do río Castro). Teremos que rodeala por unha estrada asfaltada, deixándoa á nosa dereita; preto dun km máis adiante xiraremos á dereita para coller a senda que nos leva polo medio do bosque de Vaosilveiro,[140] en paralelo o río Castro ata chegar á aldea de Vaosilveiro.

Alí atopamos a ponte que cruza o río e nos permite entrar no concello de Cee, coincidindo outra vez coa ruta xacobea que nos leva ata as primeiras casas de Lires.[141] Tras cruzar este lugar xiramos á dereita en paralelo á ría,[142] afastándonos do camiño xacobeo e pasando preto dunha piscifactoría de troitas antes de chegar á pequena praia de Lires.[143]

Despois dela, colleremos a senda que nos leva a carón da costa, deixando atrás a punta da Barra, a Area Pequena e a Area Grande. A partir de aquí empeza unha curta pero dura ascensión ata a altura de Punta Lagoa, onde o camiño xira cara ao interior ata un desvío que debemos tomar á dereita para camiñar ata a punta Mixirica, a partir de onde un carreiro que só permite andar en fila vai bordeando os acantilados da Mexadoira tras dos cales descubrimos a praia do Rostro.[144]

Esta praia ten case 2 km de lonxitude e deberemos atravesala pola area ata chegar as rochas que se atopan ao seu final,[145] Alí colleremos á esquerda durante un pequeno treito ata chegar ao aparcadoiro da praia, onde xiraremos á para ir ata a punta do Rostro, de triste recordo pois aquí encallou o 5 de decembro de 1987 o cargueiro panameño Cason.[146]

Continuamos bordeando a costa ata a punta do Castelo, na que pasaremos á beira dos restos do castro de Castromiñán, deixaremos atrás a punta Gavioteira,[147][148] e seguiremos percorrendo os acantilados da Arnela ata chegar preto da praia da Arnela. Despois xiraremos á esquerda a través do bosque da Arnela[149] ata chegar á estrada, seguirémola cara á dereita durante un pequeno treito para despois coller á dereita rumbo á punta Robaleira, onde comezan os cantís do cabo da Nave.

A partir de aquí comezaremos unha subida progresiva duns 2,5 km que comezamos a 40 m de altura e rematamos a 220 m, ao pé das antenas de cabo da Nave. Desde elas descendemos pola estrada ata atopar un pouco máis adiante un desvío á dereita, que nos levará polos acantilados de Corticeiras e nos permitirá descender unha forte pendente ata a praia do Mar de Fora.[150]

Cruzaremos pola area esta praia de preto de 500 m de longo e no seu remate atoparemos unha pasarela de madeira que nos leva ata un pequeno miradoiro do que sae un camiño empedrado[151] ata o camiño da Insua, onde comeza a subida ao monte do Facho. No seu cumio comezamos o descenso por unha estrada asfaltada que nos acerca ata último faro do camiño, o faro de Fisterra, fin do camiño dos Faros.[152][153]

Notas

  1. Segundo o sentido de marcha que propoñen os autores da ruta.
  2. Laura Matabuena (1 de xullo do 2007). "A Ferida recuerda la huella de la marea negra en Muxía". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 21 de maio do 2021. 
  3. Por estrada esta ruta é de 71,8 km
  4. "O camiño dos faros: 200 km de senderismo al borde del mar" (PDF) (en castelán). Consultado o 21 de maio do 2021. 
  5. Camiño dos Faros. "OS TRASNOS DA COSTA DA MORTE". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  6. "Proceso de homologación: O Camiño dos Faros" (PDF) (en castelán). Consultado o 11 de xuño do 2021. 
  7. Camiño dos Faros. "ETAPA 1: MALPICA-NIÑÓNS (21,3 KM)". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  8. turismo.gal. "Area maior". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  9. turismo.gal. "Canido". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  10. guías masmar. "Playa de Seaia. Malpica de Bergantiños". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  11. concellomalpica.com. "Romería de San Adrián". Consultado o 26 de maio do 2021. 
  12. Camiño dos Faros. "PRAIA DE BEO". Consultado o 26 de maio do 2021. 
  13. Camiño dos Faros. "PRAIA DE SEIRUGA". Consultado o 26 de maio do 2021. 
  14. Camiño dos Faros. "PRAIA DE BARIZO". Consultado o 26 de maio do 2021. 
  15. Camiño dos Faros. "MONTE NARIGA". Consultado o 26 de maio do 2021. 
  16. Camiño dos Faros. "ENSEADA DO LAGO". Consultado o 26 de maio do 2021. 
  17. Camiño dos Faros. "MONTE NARIGA". Consultado o 26 de maio do 2021. 
  18. Ferreiro Fernández, Manuel (2017). Eduardo Pondal, o cantor do eido noso (PDF). Edicións Laiovento. ISBN 978-84-8487-347-1. 
  19. Camiño dos Faros. "ETAPA 2: NIÑÓNS-PONTECESO (27,1 KM)". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  20. Camiño dos Faros. "DE NIÑÓNS AL PORTO DE SANTA MARIÑA". Consultado o 27 de maio do 2021. 
  21. Camiño dos Faros. "PORTO DE SANTA MARIÑA". Consultado o 27 de maio do 2021. 
  22. Camiño dos Faros. "DE SANTA MARIÑA A BARDA". Consultado o 27 de maio do 2021. 
  23. Camiño dos Faros. "PRAIA DA BARDA". Consultado o 27 de maio do 2021. 
  24. Camiño dos Faros. "A COSTA DA TREMOSA". Consultado o 27 de maio do 2021. 
  25. Camiño dos Faros. "ALDEA DO RONCUDO". Consultado o 27 de maio do 2021. 
  26. Camiño dos Faros. "BAJADA A FARO RONCUDO". Consultado o 27 de maio do 2021. 
  27. Camiño dos Faros. "FARO RONCUDO – CORME". Consultado o 31 de maio do 2021. 
  28. Camiño dos Faros. "PRAIA DO OSMO". Consultado o 31 de maio do 2021. 
  29. Camiño dos Faros. "PRAIA DA ERMIDA". Consultado o 31 de maio do 2021. 
  30. Camiño dos Faros. "PRAIA DE RÍO COVO". Consultado o 31 de maio do 2021. 
  31. Camiño dos Faros. "MONTE DA FACHA". Consultado o 31 de maio do 2021. 
  32. Camiño dos Faros. "PRAIA DE VALARÉS". Consultado o 31 de maio do 2021. 
  33. "LAS DUNAS MÁS ALTAS DE EUROPA. GALICIA". Consultado o 31 de maio do 2021. 
  34. Camiño dos Faros. "MONTE BRANCO". Consultado o 31 de maio do 2021. 
  35. Camiño dos Faros. "CASA NATAL EDUARDO PONDAL". Consultado o 31 de maio do 2021. 
  36. Camiño dos Faros. "ESTUARIO DO RÍO ANLLÓNS". Consultado o 31 de maio do 2021. 
  37. Camiño dos Faros. "ETAPA 3: PONTECESO-LAXE (25,3 KM)". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  38. Camiño dos Faros. "PONTE DE PONTECESO". Consultado o 1 xuño do 2021. 
  39. Camiño dos Faros. "SALIENDO DE PONTECESO". Consultado o 1 xuño do 2021. 
  40. Camiño dos Faros. "MONTE DAS PÍAS". Consultado o 1 xuño do 2021. 
  41. Camiño dos Faros. "SENDA DO ANLLÓNS". Consultado o 1 xuño do 2021. 
  42. mas rutas y menos rutinas (4 de abril do 2020). "Ruta Rego dos Muiños y Castro de Borneiro". Consultado o 1 de xuño do 2021. 
  43. Camiño dos Faros. "REGO DOS MUÍÑOS". Consultado o 1 xuño do 2021. 
  44. Camiño dos Faros. "CASTRO DE BORNEIRO". Consultado o 1 xuño do 2021. 
  45. Camiño dos Faros. "VILASECO". Consultado o 1 xuño do 2021. 
  46. Deputación da Coruña (ed.). "El dolmen de Dombate: arqueología, restauración, arquitectura" (PDF). Consultado o 1 de xuño do 2021. 
  47. Camiño dos Faros. "DOLMEN DE DOMBATE". Consultado o 1 xuño do 2021. 
  48. mas rutas y menos rutinas (ed.). "Ruta arqueológica y natural por Cabana de Bergantiños (Dombate y Borneiro)". Consultado o 1 de xuño do 2021. 
  49. Camiño dos Faros. "FONTEFRÍA". Consultado o 1 xuño do 2021. 
  50. Camiño dos Faros. "MONTE CASTELO DE LOURIDO". Consultado o 1 xuño do 2021. 
  51. Camiño dos Faros. "COSTA DA MUNDIÑA". Consultado o 2 xuño do 2021. 
  52. Camiño dos Faros. "PRAIA DE REBORDELO". Consultado o 2 xuño do 2021. 
  53. Camiño dos Faros. "PRAIA DE SAN PEDRO". Consultado o 2 xuño do 2021. 
  54. Camiño dos Faros. "PUNTA DO CABALO". Consultado o 2 xuño do 2021. 
  55. Concello de Cabana de Bergantiños. "Ruta 1.De Ponteceso de Cabana a Frexufre pola Carballa". Consultado o 2 xuño do 2021. 
  56. Camiño dos Faros. "COÍDO DOS MUIÑOS DE FREXUFRE". Consultado o 2 xuño do 2021. 
  57. Camiño dos Faros. "O CABO DA AREA". Consultado o 2 xuño do 2021. 
  58. Camiño dos Faros. "PRAIA DE LAXE". Consultado o 2 xuño do 2021. 
  59. Camiño dos Faros. "ETAPA 4: LAXE-AROU (18 KM)". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  60. Camiño dos Faros. "IGREXA DE SANTA MARÍA DA ATALAIA". Consultado o 3 de xuño do 2021. 
  61. Camiño dos Faros. "PORTO DE LAXE". Consultado o 3 de xuño do 2021. 
  62. Camiño dos Faros. "FARO DE LAXE". Consultado o 3 de xuño do 2021. 
  63. Camiño dos Faros. "FURNA DA ESPUMA". Consultado o 3 de xuño do 2021. 
  64. Camiño dos Faros. "RUTA MONTE DA INSUA". Consultado o 3 de xuño do 2021. 
  65. Camiño dos Faros. "ENSEADA DA BALEEIRA". Consultado o 3 de xuño do 2021. 
  66. Camiño dos Faros. "PEÑÓN DO CASTRO". Consultado o 3 de xuño do 2021. 
  67. Camiño dos Faros. "PRAIA DE SOESTO". Consultado o 6 de xuño do 2021. 
  68. Camiño dos Faros. "DE SOESTO A TRABA". Consultado o 6 de xuño do 2021. 
  69. Turismo Laxe. "Espazo natural de Traba". Consultado o 7 de xuño do 2021. 
  70. Camiño dos Faros. "PRAIA E LAGOA DE TRABA" (en castelán). Consultado o 7 de xuño do 2021. 
  71. Camiño dos Faros. "DE TRABA A CAMELLE" (en castelán). Consultado o 7 de xuño do 2021. 
  72. Vimianzo: do mar a terra. "Sabadelle, unha fiestra ao mar". Consultado o 7 de xuño do 2021. 
  73. Camiño dos Faros. "CAMELLE" (en castelán). Consultado o 7 de xuño do 2021. 
  74. El Periodico. "Camelle, el nostálgico hogar del artista que murió de pena" (en castelán). Consultado o 7 de xuño do 2021. 
  75. Camiño dos Faros. "DE CAMELLE A AROU" (en castelán). Consultado o 8 de xuño do 2021. 
  76. Camiño dos Faros. "AROU" (en castelán). Consultado o 8 de xuño do 2021. 
  77. Camiño dos Faros. "ETAPA 5: AROU-CAMARIÑAS (23.8 KM)". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  78. Camiño dos Faros. "SALIENDO DE AROU". Consultado o 8 de xuño do 2021. 
  79. Camiño dos Faros. "PRAIA DE LOBEIRAS". Consultado o 8 de xuño do 2021. 
  80. Camiño dos Faros. "DE LOBEIRAS A SANTA MARIÑA". Consultado o 8 de xuño do 2021. 
  81. Camiño dos Faros. "PORTO DE SANTA MARIÑA". Consultado o 8 de xuño do 2021. 
  82. galicia360º. "Monte Blanco Camariñas – Ruta 5 do Camiño dos Faros". 
  83. Camiño dos Faros. "DUNA DE MONTE BRANCO". Consultado o 8 de xuño do 2021. 
  84. Camiño dos Faros. "PRAIA DO TRECE". Consultado o 9 de xuño do 2021. 
  85. Camiño dos Faros. "CEMENTERIO DOS INGLESES". Consultado o 9 de xuño do 2021. 
  86. "Aniversario del naufragio del “HMS Serpent”". El Ideal Gallego (en castelán). 8 de febreiro do 2015. Consultado o 9 de xuño do 2021. 
  87. "La Guardia Civil localiza a los autores del robo de la Pedra do Oso". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de xuño do 2003. Consultado o 9 de xuño do 2021. 
  88. Camiño dos Faros. "PRAIAS DE REIRA". Consultado o 9 de xuño do 2021. 
  89. a Costa da Mote. "CABO VILÁN". Consultado o 11 de xuño do 2021. 
  90. Camiño dos Faros. "FARO VILÁN". Consultado o 11 de xuño do 2021. 
  91. Camiño dos Faros. "MAR DO VILÁN". Consultado o 11 de xuño do 2021. 
  92. Camiño dos Faros. "ERMITA DA VIRXE DO MONTE". Consultado o 11 de xuño do 2021. 
  93. Marta (25 de xaneiro do 2012). "Enfilación de Punta Villueira (Camariñas)" (en castelán). Consultado o 11 de xuño do 2021. 
  94. Camiño dos Faros. "CASTELO DO SOBERANO". Consultado o 11 de xuño do 2021. 
  95. Camiño dos Faros. "PORTO DE CAMARIÑAS". Consultado o 11 de xuño do 2021. 
  96. Camiño dos Faros. "ETAPA 6: CAMARIÑAS-MUXÍA (32.6 KM)". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  97. Camiño dos Faros. "Saliendo de Camariñas". Consultado o 14 de xuño do 2021. 
  98. Camiño dos Faros. "ENSEADA DA BASA". Consultado o 14 de xuño do 2021. 
  99. Camiño dos Faros. "RUTA DA INSUA". Consultado o 16 de xuño do 2021. 
  100. Camiño dos Faros. "ADENTRÁNDONOS EN EL RURAL". Consultado o 16 de xuño do 2021. 
  101. Camiño dos Faros. "A PONTE DO PORTO". Consultado o 16 de xuño do 2021. 
  102. Patrimonio Galego. "As Torres de Cereixo". Consultado o 17 de xuño do 2021. 
  103. Camiño dos Faros. "CEREIXO". Consultado o 17 de xuño do 2021. 
  104. Camiño dos Faros. "FURNA DO SAPO". Consultado o 21 de xuño do 2021. 
  105. Camiño dos Faros. "PRAIA DE AREA GRANDE". Consultado o 22 de xuño do 2021. 
  106. Camiño dos Faros. "PRAIA DE LEIS". Consultado o 22 de xuño do 2021. 
  107. Patimonio Galego. "CASTRO / OUTROS XACEMENTOS DA IDADE DO FERRO EN MUXÍA: Castro de Merexo". Consultado o 22 de xuño do 2021. 
  108. Camiño dos Faros. "PRAIA DO LAGO". Consultado o 22 de xuño do 2021. 
  109. Camiño dos Faros. "MEREXO". Consultado o 22 de xuño do 2021. 
  110. Concello de Muxía. "FONTE DE A TELLA". Consultado o 26 de xuño do 2021. 
  111. turismo,gal. "MUÍÑOS - AREA MAIOR". Consultado o 28 de xuño do 2021. 
  112. Camiño dos Faros. "OS MUIÑOS". Consultado o 28 de xuño do 2021. 
  113. Camiño dos Faros. "CHORENTE". Consultado o 28 de xuño do 2021. 
  114. Camiño dos Faros. "RUTA POR MUXÍA". Consultado o 29 de xuño do 2021. 
  115. Camiño dos Faros. "FARO DE MUXÍA". Consultado o 29 de xuño do 2021. 
  116. Camiño dos Faros. "SANTUARIO DA VIRXE DA BARCA". Consultado o 29 de xuño do 2021. 
  117. Camiño dos Faros. "PASEO DE LA MEMORIA: EL DESASTRE DEL PRESTIGE". Consultado o 29 de xuño do 2021. 
  118. Camiño dos Faros. "ETAPA 7: MUXÍA-NEMIÑA (25.3 KM)". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  119. concello de Muxía. "PRAIA DE LOURIDO". Consultado o 29 de xuño do 2021. 
  120. Camiño dos Faros. "Saliendo de Muxía". Consultado o 29 de xuño do 2021. 
  121. Paradores. "Parador Costa da Morte (Muxía)". Consultado o 30 de xuño do 2021. 
  122. Guía Repsol. "INAUGURACIÓN DEL NUEVO PARADOR DE MUXÍA EN LA COSTA DA MORTE (A CORUÑA) El parador del fin del mundo sobre la playa de Lourido". Consultado o 30 de xuño do 2021. 
  123. Camiño dos Faros. "PRAIA DE LOURIDO". Consultado o 30 de xuño do 2021. 
  124. Crónicas de la Emigración, ed. (18 de xuño do 2009). "Leyenda de ‘La Buserana’, por la costa de Muxía" (en castelán). Consultado o 5 de xullo do 2021. 
  125. S. Garrido (26 de maio do 2009). "A furna da Buserana ouvea". La Voz de Galicia. Consultado o 30 de xuño do 2021. 
  126. Camiño dos Faros. "FURNA DA BUSERANA". Consultado o 30 de xuño do 2021. 
  127. Camiño dos Faros. "MONTE CACHELMO". Consultado o 30 de xuño do 2021. 
  128. Camiño dos Faros. "PUNTA BUITRA". Consultado o 1 de xullo do 2021. 
  129. Camiño dos Faros. "CUÑO". Consultado o 5 de xullo do 2021. 
  130. Camiño dos Faros. "MONTE PEDROUZO". Consultado o 5 de xullo do 2021. 
  131. Camiño dos Faros. "RIBEIRA DE VISEO". Consultado o 5 de xullo do 2021. 
  132. Camiño dos Faros. "PRAIA DE MOREIRA". Consultado o 6 de xullo do 2021. 
  133. Camiño dos Faros. "PRADOS DE TOURIÑÁN". Consultado o 6 de xullo do 2021. 
  134. S. G. Rial (26 de marzo do 2020). "Las fuertes mareas permiten el acceso a la isla Herbosa". La Voz de Galicia. Consultado o 12 de xullo do 2021. 
  135. Camiño dos Faros. "FARO DE TOURIÑÁN". Consultado o 6 de xullo do 2021. 
  136. Camiño dos Faros. "DE TOURIÑÁN A NEMIÑA". Consultado o 6 de xullo do 2021. 
  137. Camiño dos Faros. "PRAIA DE NEMIÑA". Consultado o 6 de xullo do 2021. 
  138. Domingo Sampedro (19 de xuño do 2020). "Del ascenso al monte Cachelmo a la última luz de Europa". La Voz de Galicia. Consultado o 6 de xullo do 2021. 
  139. Camiño dos Faros. "ETAPA 8: NEMIÑA-CABO FINISTERRE (26.9 KM)". Consultado o 20 de maio do 2021. 
  140. Camiño dos Faros. "SALIENDO DE NEMIÑA". Consultado o 15 de xullo do 2021. 
  141. Camiño dos Faros. "VAOSILVEIRO". Consultado o 15 de xullo do 2021. 
  142. Camiño dos Faros. "LIRES". Consultado o 15 de xullo do 2021. 
  143. Camiño dos Faros. "RÍA DE LIRES". Consultado o 15 de xullo do 2021. 
  144. Camiño dos Faros. "ACANTILADOS DE CANOSA". Consultado o 28 de xullo do 2021. 
  145. Camiño dos Faros. "PRAIA DO ROSTRO". Consultado o 2 de agosto do 2021. 
  146. Camiño dos Faros. "PUNTA DO ROSTRO". Consultado o 2 de agosto do 2021. 
  147. Camiño dos Faros. "CASTRO DE CASTROMIÑÁN". Consultado o 3 de agosto do 2021. 
  148. Manuel Gago. "CASTROMIÑÁN: UN DESCOÑECIDO TESOURO DO PATRIMONIO NATURAL E HISTÓRICO DE GALICIA". Consultado o 3 de agosto do 2021. 
  149. Camiño dos Faros. "PRAIA DE ARNELA". Consultado o 3 de agosto do 2021. 
  150. Camiño dos Faros. "CABO DA NAVE". Consultado o 28 de agosto do 2021. 
  151. Camiño dos Faros. "PRAIA DE MAR DE FORA". Consultado o 26 de setembro do 2021. 
  152. Camiño dos Faros. "MONTE DO FACHO". Consultado o 26 de setembro do 2021. 
  153. Camiño dos Faros. "FARO FISTERRA". Consultado o 26 de setembro do 2021. 

Véxase tamén

Outros artigos

+ Camiño de Fisterra-Muxía

Ligazóns externas