Cangrexo
- Para a constelación do cangrexo, véxase Cáncer (constelación)
- Para a Supernova do Cangrexo, véxase SN 1054.
Chámanse cangrexos[1] ou caranguexos[2] a diversos crustáceos malacostráceos da orde dos decápodos, especialmente aos da suborde dos braquiúros.
Os membros da orde dos decápodos, caracterizados por teren cinco pares de patas, comprenden, entre outros, os crustáceos máis apreciados gastronomicamente, como lagostas, lumbrigantes, centolas ou nécoras. Ademais existen diversas especies que tamén se denominan cangrexos como, por exemplo, o cangrexo violinista, o cangrexo dos coqueiros ou os cangrexos de río.
Etimoloxía
O nome cangrexo deriva dun diminutivo da voz do baixo latín cangro, que á súa vez procede do latín cancer, cancris.[3]
Características
O que teñen en común todos os chamados cangrexos é o seu carácter bentónico, é dicir, que viven vagando sobre o fondo. Só algunhas especies da familia dos portúnidos (Portunidae) desenvolveron secundariamente un hábito nectónico, isto é, poden nadar en vez de andar só polo fondo (e por iso se lles chama cangrexos nadadores (Natantia).
Outro trazo común, compartido con algúns outros decápodos, é que o primeiro par de patas locomotoras converteuse evolutivamente nun par de quelípodos (pinzas), que empregan para a captura e manipulación do alimento, para o cortexo, ou para a disputa territorial.
Existen máis de 4.000 especies de animais que son ou que poden ser chamados cangrexos. A maioría viven dentro da auga ou preto dela, aínda que algúns son de hábitos fundamentalmente terrícolas e só van á auga para reproducírense.
Os cangrexos, mesmo os nadadores, non adoitan seren grandes nadadores, senón que se desprazan polo fondo sobre as súas patas, e en moitos casos son capaces de transitar fóra da auga e mesmo de gabear polas palmeiras.
Como artrópodos que son, os cangrexos están dotados dun exoesqueleto cuxo compoñente principal é a quitina, que a miúdo adquire gran dureza porque adoita estar mineralizado con carbonato cálcico.
Como para o resto dos artrópodos, o crecemento require duna écdise ou muda do exoesqueleto, ocasión que moitas especies aproveitan para a reprodución.
Algúns cangrexos coñecidos
- Cangrexo común, ou cangrexo. Crustáceo decápodo braquiúro da familia dos portúnidos (Carcinus maenas), de cacho hexagonal, un pouco máis largo que longo (uns 5 cm de lonxitude por 7 de anchura) de superficie granular e cor parda verdosa, provisto de cinco dentes nos bordos anterolaterais, e con quelípodos e patas marchadoras robustos. Distribúese polo Atlántico, o Índico e o Pacífico occidental, habitando na zona intermareal, praias e pozas das rochas en marea baixa.
- Cangrexo de río. É o nome común de varios crustáceos decápodos macruros da familia dos astácidos, pertencentes aos xéneros Australopotamobius e Potamobius (antigos Astacus), que miden de 8 a 20 cm de lonxitude e teñen o corpo cilíndrico, algo deprimido, de cor verde olivácea escura, e viven nas augas doces limpas de zonas calcarias. Destacan:
- Potamobius astacus (= P. fluviatilis), do centro e N de Europa, e
- Austropotamobius pallipes, que vive nas illas Británicas e no S de Europa.
- Cangrexo denticulado. Crustáceo decápodo braquiúro da familia dos pirimélidos (Pirimela denticulata), moi semellante ao cangrexo común, pero de menor tamaño (non pasa dos 2,5 cm) e caracterizado por ter na zona frontal tres lóbulos, o mediano máis longo que os laterais e polos quelípodos (iguais) menos desenvolvidos que en Carcinus maenas. Vive enterrado na area, en augas de entre 30 cm e 1 m de profundidade, no Atlántico oriental, desde Noruega até o Senegal, e no Mediterráneo.
- Cangrexo dos coqueiros. Crustáceo decápodo anomuro da familia dos cenobítidos (Birgus latro), de gran tamaño (até 30 cm de lonxitude), con patas moi robustas e abdome ben desenvolvido. Habita nas illas de coral dos océanos Índico e Pacífico, e é de costumes terrestres: constrúe os seus tobos entre as rochas e gabea aos coqueiros para cortar os cocos, dos que se alimenta, cos seus fortes quelípodos.
- Cangrexo ermitán. É o nome co que se coñecen os crustáceos anomuros da superfamilia dos paguroideos, que teñen en común o uso de cunchas de caracois mariños para cubrir o seu pleon (abdome), que é máis brando que o doutros cangrexos. Só a parte dianteira (o cefalotórax) está cuberta por un exoesqueleto ríxido. O abdome está enroscado para que poida coller dentro da cuncha; ademais, as súas pinzas e patas marchadoras lles permiten bloquear a entrada. A especie máis coñecida en Galicia é Pagurus bernhardus.
- Cangrexo peludo. Crustáceo decápodo braquiúro da familia dos dromíidos (Dromia personata) de até 8 cm, coa casca lixeiramente máis ancha que longa, e empenado, con todo o corpo, incluídas as patas, cuberto de finos pelos de cor parda escura, resaltando os extremos das pinzas, glabros, de cor rosa brillante. Vive sobre a area e as costas rochosas, no Atlántico, até o canal da Mancha, e no Mediterráneo. V. Dromia.
- Cangrexo porcelana. Nome común dos crustáceos decápodos anomuros da familia dos porcelánidos pertencentes ao xénero Porcellana, que semellan pequenos braquiúros, co abdome pequeno, dobrado baixo a casca, pero co último par de patas diminuto, e antenas moi desenvolvidas. Nas nosas augas atópanse dúas especies, o cangrexo porcelana liso e o peludo, ambos de moi pequeno tamaño.
- Cangrexo porcelana liso. Crustáceo decápodo anomuro da familia dos porcelánidos (Pisidia longicornis = Porcellana longicornis), de tan só 0,6 cm de lonxitude, coloración parda avermellada, casca de forma de cadrado arredondado, coas antenas máis longas que este, e os quelípodos moi desenvolvidos e relativamente delgados. Vive baixo as pedras e nos rizoides de algas do xénero Laminaria, na franxa e na zona infralitorais, no Atlántico, até o mar do Norte, e no Mediterráneo.
- Cangrexo porcelana peludo. Crustáceo decápodo anomuro da familia dos porcelánidos (Porcellana platycheles), de 1,2 cm de lonxitude, casca plana e arredondada, cos quelípodos moi desenvolvidos (duns 2 cm) e as patas peludas. Habita baixo as pedras, entre a lama, desde a zona mediolitoral á infralitoral, no Atlántico e no Mediterráneo.
- Cangrexo real. Crustáceo decápodo braquiúro da familia dos xeriónidos (Chaceon affinis = Geryon affinis), de cacho hexagonal, máis largo que longo (de 10 a 19 cm de largo), con cinco dentes pouco desenvolvidos nos bordos anterolaterais, quelípodos algo desiguais, moderadamente grosos, e patas marchadoras longas. Especie profundícola, distribúese polo Atlántico oriental, desde Islandia ata as Canarias e Azores, polo Atlántico occidental e polo Índico. Abunda no banco de Galicia, a 110 millas ao O de Fisterra, a 700 m de profundidade, comercializándose desde hai poucos anos.
- Cangrexo violinista. Nome común dos crustáceos decápodos braquiúros da familia dos occipódidos pertencentes ao xénero Uca, de até 4 cm de anchura e caracterizados polo seu dimorfismo sexual: os machos adoitan presentaren cores rechamantes e o quelípodo dereito moi desenvolvido, cunha pinza enorme, mentres que as femias son de cores discretas e coas dúas pinzas do mesmo tamaño. Habitan nas praias dos mares cálidos, destacando Uca dussumeiri, de coloración gris e pinzas amareladas; U. gaimardi, de cor negra avermellada; U. lactea, con manchas brancas e negras, todos eles da rexión indopacífica, e U. tangeri, de África occidental, que chega na súa distribución ás praias portuguesas do Algarve.
Galería
-
Queimacasas, ou cangrexo de Santo Antón.
-
Liocarcinus, un cangrexo nadador.
-
Nécora, outro cangrexo nadador.
-
Centola nadando.
Notas
- ↑ "Cangrexo". Real Academia Galega. Consultado o 23 de xullo de 2016.
- ↑ "Caranguexo". Real Academia Galega. Consultado o 23 de xullo de 2016.
- ↑ "Cangrexo". Portal das Palabras. Consultado o 23 de xullo de 2016.
Véxase tamén
Bibliografía
- De Grave, Sammy; N. Dean Pentcheff; Shane T. Ahyong et al. (2009): "A classification of living and fossil genera of decapod crustaceans" Arquivado 06 de xuño de 2011 en Wayback Machine.. Raffles Bulletin of Zoology. Suppl. 21: 1–109.
- Martin, J. W. & G. E. Davis (2001): An Updated Classification of the Recent Crustacea Los Angeles: Natural History Museum of Los Angeles County. Science Series 39. ISSN 1-891276-27-1.
- Türkay, M. (2001): "Decapoda", in: Costello, M. J. et al., eds. (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: pp. 284–292. ISBN 2-85653-538-0.
Outros artigos
Ligazóns externas
- Crabe Arquivado 25 de novembro de 2014 en Wayback Machine. en Dinosoria.com (en francés).
- Les crabes de notre littoral (en francés).