Carlos XV de Suecia
Carlos XV de Suecia, nado en Estocolmo o 3 de maio de 1826 (como Karl Ludvig Eugen Bernadotte), e finado en Malmö o 18 de setembro de 1872,[1] foi rei de Suecia e de Noruega desde 1859 até a súa morte (en Noruega adoptou o nome de Carlos IV).
Era o fillo máis vello do rei Óscar I e da raíña Xosefina.[1] Foi o primeiro monarca da dinastía Bernadotte nado en Suecia.[2]
Casou o 19 de xuño de 1851 coa princesa Luísa dos Países Baixos.[1]
Traxectoria
Naceu no Palacio Real de Estocolmo e ao seu nacemento foille outorgado o título de príncipe herdeiro e o de duque de Escania. Foi brevemente vicerrei de Noruega, entre 1856 e 1857. Asumiu a rexencia o 25 de setembro 1857 ante a enfermidade de seu pai. Cando Óscar I faleceu, Carlos foi nomeado monarca dos reinos unidos de Suecia e Noruega. En Suecia foi coroado o 3 de maio de 1860 e, en Noruega, o 5 de agosto do mesmo ano.
Foi un defensor e promotor do escandinavismo e da solidariedade política entre os tres reinos nórdicos (Suecia, Noruega e Dinamarca). Estableceu relacións de amizade co rei Frederico VII de Dinamarca, ao que lle prometeu en xullo de 1863 axuda militar para protexer o ducado de Schleswig da invasión prusiana. O apoio militar, porén, nunca chegou por motivos políticos internos en Suecia.
O rei fortaleceu e cambiou radicalmente a política interna sueca coa reforma do parlamento. En 1860 o monarca lanzou a súa proposta de "estado democrático" e, tras discutilo cos membros do seu goberno, en 1863 o primeiro ministro Louis De Geer presentou unha proposta de reforma que rompía coa conformación do parlamento dos estados.[3] Despois de cerca de tres anos de discusión, a reforma foi aprobada o 22 de xuño de 1866.
Tamén se modificaron as leis municipais e se concedeu ás mulleres o dereito ao voto por primeira vez nas eleccións municipais. Durante o seu reinado a liberdade relixiosa foi estendida ao ámbito xurídico e político.
Houbo novas leis penais e continuou coa política de desenvolvemento económico de Óscar I, que comprendeu unha mellora significativa das infraestruturas e o impulso da industrialización, construíndose ademais unha ampla rede de comunicacións ferroviarias.
A comezos de 1871 decaeu a súa saúde, coincidindo coa morte da súa esposa a raíña Luísa o 30 de marzo de 1871. Despois dunha viaxe de descanso a Aquisgrán, o rei viviu un tempo no Palacio de Ulriksdal, nas aforas de Estocolmo, de onde se mudou a Malmö. Nesta cidade faleceu o 18 de setembro de 1872. O seu corpo foi sepultado na Igrexa de Riddarholmen de Estocolmo.
Ante a falta de fillos varóns (o seu fillo Carlos falecera dezaoito anos antes), foi sucedido polo seu irmán o duque Óscar. O seu neto Carlos de Dinamarca converteríase en rei de Noruega, co nome de Haakon VII.
Familia
Casado con Luísa dos Países Baixos, tivo dous fillos:[1]
- Luísa (1851 - 1926). Casou con Frederico VIII de Dinamarca.
- Carlos Óscar Guillerme Frederico (1852 - 1854). Duque de Södermanland.
Carlos tamén tivo un fillo ilexítimo, Carl Johan Bolander, nado o 4 de febreiro de 1854, e que foi o pai do bispo Nils Bolander,[4] e unha filla, Ellen Svensson Hammar, nada o 28 de outubro de 1865 e finada en 1931.
Así mesmo, hai rumores de que tiña máis fillos extraconxugais.[5]
Vida intelectual

Durante o seu cargo como vicerrei de Noruega, Carlos compuxo contos en prosa. De regreso a Suecia trataría sen éxito de obter un premio na Academia Sueca. Escribiu tamén algúns ensaios políticos e de administración do exército.
A súa obra literaria máis coñecida son dúas coleccións de poemas: Unha colección de poemas de C. e Pequenos poemas de C., que serían traducidas a varios idiomas.
Foi coleccionista de arte e alentou o desenvolvemento da arte nacional sueca e norueguesa.
Tamén desempeñou con talento a pintura, representando principalmente paisaxes típicos de Escandinavia. A súa colección incluía case 500 pinturas, principalmente de artistas suecos.
Gran parte da súa colección de arte e artesanado foi doada ao Estado sueco no seu testamento. As pinturas da súa autoría áchanse nos principais museos de arte suecos e nalgunhas galerías norueguesas.
Algunhas das súas pinturas:
- Vista desde Värmdö (1865)
- Vista de Ulriksdal (1868)
- Paisaxe norueguesa á luz da alba (década de 1860)
- Xunto ao arroio do bosque (1872)
Galería de imaxes
Escudos de armas
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
---|---|---|---|
(1826–1844) |
(1844–1859) |
(1859–1872) |
Antepasados
16. Jean Bernadotte | ||||||||||||||||
8. Jean Henri Bernadotte | ||||||||||||||||
17. Marie du Pucheu dite de La Place | ||||||||||||||||
4. Carlos XIV Xoán de Suecia | ||||||||||||||||
18. Jean de Saint Vincent | ||||||||||||||||
9. Jeanne de Saint-Vincent | ||||||||||||||||
19. Marie d'Abbadie de Sireix | ||||||||||||||||
2. Óscar I de Suecia | ||||||||||||||||
20. Joseph Clary | ||||||||||||||||
10. François Clary | ||||||||||||||||
21. Françoise Agnès Ammoric | ||||||||||||||||
5. Desideria Clary | ||||||||||||||||
22. Joseph Ignace Somis | ||||||||||||||||
11. Françoise Rose Somis | ||||||||||||||||
23. Catherine Rose Soucheiron | ||||||||||||||||
1. Carlos XV de Suecia | ||||||||||||||||
24. Francisco V de Beauharnais | ||||||||||||||||
12. Alexandre de Beauharnais | ||||||||||||||||
25. Henriqueta Pyvart de Chastillé | ||||||||||||||||
6. Eugène de Beauharnais | ||||||||||||||||
26. Xosé Gaspar Tascher de La Pagerie | ||||||||||||||||
13. Xosefina Tascher de la Pagerie | ||||||||||||||||
27. Rosa Clara des Vergers de Sannois | ||||||||||||||||
3. Xosefina de Leuchtenberg | ||||||||||||||||
28. Frederico Miguel de Zweibrücken-Birkenfeld | ||||||||||||||||
14. Maximiliano I de Baviera | ||||||||||||||||
29. María Francisca de Sulzbach | ||||||||||||||||
7. Augusta de Baviera | ||||||||||||||||
30. Xurxo Guillerme de Hesse-Darmstadt | ||||||||||||||||
15. Augusta Guillermina de Hesse-Darmstadt | ||||||||||||||||
31. Luísa de Leiningen-Heidesheim | ||||||||||||||||
Precedido por: Óscar I |
Rei de Suecia 1859 - 1872 |
Sucedido por: Óscar II |
Rei de Noruega 1859 - 1872 |
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Darryl Lundy, Xenealoxía de Carlos XV de Suecia (Carl XV Bernadotte, King of Sweden) en The Peerage (en inglés).
- ↑ Cronholm, Neander N. (1902): A History of Sweden from the Earliest Times to the Present Day. Volume 2. Capítulo 41, pp. 289-299. (Ver dixitalizado).
- ↑ Louis de Geer, Minnen ["Recordos"] del 1 Sthlm 1892 s 157 f.
- ↑ Carl-Erik Sahlberg en Nils Bolander diktare och predikant. ISBN 91-86112-39-2, p. 11. Resumo (en sueco).
- ↑ Lagerqvist & Åberg en King and Rulers of Sweden. ISBN 91-87064-35-9, p. 48.
Véxase tamén
Bibliografía
- Edholm, Erik af (1944): Svunna dagar: ur förste hovmarskalken Erik af Edholms dagböcker. Upplevelser under Karl XIV Johans och Oskar I:s tid. Stockholm: Norstedt & Söner. (en sueco).
- McNaughton, Arnold (1973): The book of kings: A royal genealogy. Volume 1. Londres: Garnstone Press. ISBN 978-0-9003-9119-4 (en inglés).
- Sandberg, Thorsten (1999): "Reformprinsen". Lund: Populär historia. ISSN 1102-0822. Libris 2819517 (en sueco).
Outros artigos
Ligazóns externas
- A. Geffroy "La Suède sous le roi Charles XV" en Wikisources (en francés).
- Cecilia Bååth-Holmberg (1891): Carl XV som enskild man, konung och kostnär (Carlos XV como un home individual, rei e artista pintor) pp. 612 e ss. (en sueco).
- Darryl Lundy, Xenealoxía de Carlos XV de Suecia (Carl XV Bernadotte, King of Sweden) en The Peerage (en inglés).
- Erik Thyselius (1910): Karl XV och hans tid (Carlos XV e o seu tempo), pp. 53 e ss., en Projet Runeberg (en sueco).
- Charles XV en Chisholm, Hugh: Encyclopædia Britannica (11ª ed.) Cambridge University Press.