Casa da Moeda de Hungría

Coordenadas: 47°30′13″N 19°03′05″L / 47.50361, -19.05139

Casa da Moeda de Hungría
Magyar Pénzvero


Editar o valor em Wikidata
TipoSA propiedade do Estado.
Fundación1925
MatrizBanco Nacional de Hungría
Localización Budapest
Hungría Hungría.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas e medallas.
Na rede
https://penzvero.hu/
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Hungría (en húngaro: Magyar Pénzverő) é unha fábrica de moeda encargada en exclusiva da cuñaxe da moeda de curso legal en Hungría, baseada no sistema do forint.[1]

Desde 2006 está constituída como unha sociedade anónima que ten o Estado húngaro como único propietario.[2]

Ademais da moeda circulante, a ceca húngara produce tamén medallas, moedas conmemorativas e artigos de investimento en metais nobres.

Historia

Antecedentes

As primeiras cuñaxes de Hungría datan xa dos inicios da nación húngara; tratábase de moedas de prata emitidas por Estevo I (1000-1038), seguindo os parámetros doutras emisións similares no occidente europeo.[3]

Xa no século XIV, a reforma monetaria de Carlos Roberto I (1308-1342) creou o forint como unidade de ouro e estableceu unha serie de obradoiros monetarios entre os que estaba a ceca de Kremnica (na actual Eslovaquia), fundada en 1328, que se erixiu como a máis importante das operativas no Imperio Austrohúngaro e que, case seis séculos despois, sería o xermolo da Casa da Moeda de Hungría.[1][3]

A Casa da Moeda de Hungría

Durante a I guerra mundial, a ceca de Kremnica viuse moi afectada pola contenda e o Goberno de Mihály Károlyi ordenou en 1918 trasladar a Budapest os equipamentos, parte do persoal e os depósitos de metais nobres, e alí comezaron a producirse as primeiras moedas con carácter de emerxencia, mantendo aínda a marca de ceca KB que se utilizara na planta de Kremnica.[1][3][4][5]

1 pengő de 1941

Neses mesmos anos, co obxecto de reforzar a economía húngara e reforzar a estabilidade da coroa, fundouse o Banco Nacional de Hungría (1924), como primeiro banco central do novo Estado, e un ano despois estableceuse o pengo como nova moeda nacional. Ese mesmo 1925, as instalacións en principio provisionais da ceca convertéronse oficialmente na denominada Real Casa de Moeda do Estado de Hungría (Magyar Királyi Állami Pénzverde), e a súa marca de ceca pasaron a ser as iniciais BP.[1][3]


Durante a segunda guerra mundial, o uso do diñeiro metálico practicamente desapareceu, o que levou ao pechamento da ceca en decembro de 1944. Logo do asedio de Budapest, retomou a súa actividade, aínda que cunha produción limitada, xa que o aumento da inflación fixo que desaparecesen da circulación as moedas cos valores máis pequenos. O 1 de agosto de 1946 iniciouse un novo período na Casa da Moeda de Hungría, marcado pola substitución do pengo por unha nova unidade monetaria, o forint. Só dous anos despois comezaron a producirse as primeiras moedas conmemorativas (5 forint de prata), cuxa emisión se fixo regular a partir de 1968.[3]

O 1 de febreiro de 1949 actualizouse o nome da compañía, que pasou a denominarse Compañía Nacional da Casa da Moeda (Állami Pénzvero Nemzeti Vállalat). Baixo o sistema socialista, fusionáronse con ela diversas pequenas empresas relacionadas coa manufactura con metais preciosos, polo que a casa de moeda pasou a responsabilizarse tamén da produción de insignias, obxectos ornamentais e mesmo xoias. Nesta época a compañía abriu establecementos en Tápiószelen (1968)[6] e en Borsodnádasd (1971)[7].[3]

En 1968, o Banco Nacional de Hungría (Magyar Nemzeti Bank), recibiu a exclusividade da emisión de moeda metálica, xa que ata ese momento só se encargaba da emisión do papel moeda e da posta en circulación das moedas metálicas.[3]


Tras a fin da era socialista, a serie de moedas do sistema do forint renovouse na súa totalidade e no verán de 1992 houbo unha fonda reorganización da compañía, da que se separaron as súas diferentes actividades, o que deu lugar á constitución dunha empresa independente para se encargar da produción de moeda, que se chamou inicialmente Pecunia Rt. e, a partir de 1993, Magyar Pénzvero Rt. ("Casa da Moeda de Hungría"). O Banco Nacional de Hungría, que era propietario maioritario, pasou a selo en exclusiva a partir de 1998.[1][3][8]

En 2006, a compañía pasou a constitúese como unha sociedade anónima que ten o Estado húngaro como único propietario. Desde marzo de 2008 ten a súa sede no centro loxístico do Banco Nacional de Hungría.[1][3]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Magyar Pénzvero Zrt. Arquivado 18 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". En Hunhíradó. 2 de novembro de 2011.
  2. "Magyar Pénzvero Zrt". Magyar Nemzeti Bank.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 "The history of the Hungarian Mint". MaMagyar Pénzvero.
  4. "History". Mincovna Kremnica.
  5. Rádóczy Gyula. (1984). Páxinas 73-75.
  6. Tápiószele nagyközség. 2009. Páxina 9.
  7. "A Vörös Malom lovagjai - IV. rész[Ligazón morta]". Xuño de 2002. Gondola.hu
  8. "Országgyulési Napló. 55. ülésnap" ("Diario Parlamentario. 55ª sesión"). Parlamento de Hungría. 14 de febreiro de 1995

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas