Cemiterio de Pereiró
O cemiterio de Pereiró, de titularidade municipal, é un camposanto do lugar de Pereiró, na parroquia viguesa de Castrelos, deseñado por Jenaro de la Fuente Domínguez, inaugurado en marzo de 1898, sendo alcalde Antonio López de Neira e bispo Valeriano Menéndez Conde y Álvarez, que recibiron as chaves do recinto.
Historia
A historia do cemiterio vai parella á prosperidade de finais do século XIX da cidade de Vigo. A poboación aumentou, e os defuntos tamén. Ó quedar insuficientes os dous cemiterios que había daquela (Picacho e Santiago), a Corporación Municipal deu inicio a un cemiterio novo e máis hixiénico no ano 1889. Optouse polo lugar de Pereiró. Gastando 38.604 pesetas nas expropiacións de 121 terreos e 100.000 na construción, fíxose un camposanto de 62.500 m², rodeado dun muro de pedra de tres metros e medio de altura, con dous grandes paseos centrais e oito corredores, dividido en 16 cadrados para panteóns, sepulturas ordinarias, foxa común e cemiterio civil, con arboredo separándoos.[1] José Elduayen foi o seu principal impulsor e quen financiou a capela, adicada á Virxe das Dores, onde están inhumados o propio Elduayen, que finou no mesmo ano da inauguración, e a súa familia.
Fusilamentos de 1936
Tralo Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, o 27 de agosto, foron fusilados no cemiterio o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido, o alcalde do Concello de Lavadores, José Antela, Ramón González Brunet, Ubaldo Gil Santóstegui, Manuel Rey Gómez, Apolinar Torres e os deputados socialistas Ignacio Seoane, Enrique Heraclio Botana e Antonio Bilbatúa Zubeldía.[2][3]
Persoeiros inhumados [1]
- Concepción Arenal (1820–1893), escritora e penalista.[4]
- Xela Arias (1962–2003), poeta e tradutora.
- Eduardo Cabello (1865-1957), enxeñeiro, deseñou o Porto de Vigo.
- José Cao Moure (1880-1960), coñecido como P.P.K.O, impresor e escritor galego.
- Placeres Castellanos (1896-1971), mestra, enfermeira, xornalista e guerrilleira.
- Irene de Ceballos (1849-1935), viúva de Policarpo Sanz, o IES Santa Irene leva o seu nome.
- Cesáreo Corbal (1885-1952), médico.
- José R. Curbera Puig (?–1919), empresario conserveiro
- José R. Curbera Fernández (1870–1937), empresario conserveiro, fillo do anterior.
- Estanislao Durán Gómez (1906–?), empresario e alcalde.
- José Elduayen (1823–1898), ministro.
- Isaac Fraga (1888–1982), produtor e empresario cinematográfico.
- Jenaro de la Fuente Domínguez (1851–1922), arquitecto.
- Jenaro de la Fuente Álvarez (1891–1963), arquitecto, fillo do anterior.
- Xosé García Barbón (1831–1909), empresario e filántropo.
- Xosé Gil y Gil (1870–1937), fotógrafo e cineasta.
- Manuel Gómez Román (1875–1964), arquitecto.
- Cesáreo González (1903–1968), distribuidor e produtor cinematográfico.
- Bernardo González del Valle "Cachamuíña" (1771–1848), heroe da Reconquista.[5]
- Eduardo Iglesias Añino (1850-1916), alcalde de Vigo.
- Eladio de Lema Martín (1853-1928), político, herdeiro do xornal Faro de Vigo.
- Manuel Lustres Rivas (1888–1936), xornalista e escritor.
- Familia Massó, empresarios conserveiros.
- Ricardo Mella (1861–1925), anarquista.
- Mercedes Núñez (1911-1986), militante antifascista, loitadora polas liberdades civís.
- Carlos Oroza (1923-2015), poeta.
- Ramiro Paredes Ramos (?–1958), xogador do Celta.
- Quinocho (1932–1988), xogador e xerente do Celta.
- Wenceslao Requejo (1866-1947), director da Escola de Artes e Oficios e membro da RAG.
- Antonio Sanjurjo Badía (1837-1922), industrial e inventor.
- Policarpo Sanz (1841-1889), industrial e mecenas galego.
- Irmáns Sarabia González (s. XX), fotógrafos.
- Nicolás Taboada Leal (1798–1883), médico, cronista oficial da cidade.[6]
- Norberto Velázquez Moreno (1768–1852), empresario e comerciante.[6]
Arte funeraria
No cemiterio hai varias obras do escultor Francisco Asorey González.
Galería de imaxes
Notas
- ↑ 1,0 1,1 Otero Rodríguez, Isaac Ángel (11/11/2013). "Historia y arte funerario del Cementerio de Pereiró de Vigo".
- ↑ «"Lo más selecto" de Vigo en 1936», El País, 28 de agosto de 2008.
- ↑ Sentenza, páx. 99-100 en Claridade. Revista da Fundación Luís Tilve. Setembro de 2007 Arquivado 01 de marzo de 2014 en Wayback Machine.
- ↑ Foi inhumada no Cemiterio de Picacho. Os seus restos foron trasladados en 1912 a Pereiró: Vida Gallega, Ano IV Número 38 - 1912 abril Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine.
- ↑ Os restos foron trasladados do Pereiro de Aguiar a Pereiró o 9 de agosto de 1932.
- ↑ 6,0 6,1 Galicia, Traslado de restos, ABC, 7 de novembro de 1924 (en castelán).
Véxase tamén
Bibliografía
- Blanco, Lino (18/3/2018). "Pereiró, un cementerio com mucha historia". Faro de Vigo (en castelán). p. 12.
Ligazóns externas
- PXOM. Catálogo de parques e xardíns pp. 17–18.
- Guía editada polo concello de Vigo (2013).
- Persoas inhumadas no Cemiterio de Pereiró segundo Wikidata.
- A. Baena (26/10/2016). "Una Santa Compaña de vivos, de paseo por la ciudad de los muertos". Atlántico Diario (en castelán).