Competencia dixital
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/de/WikiSeeker_demo_02.jpg/220px-WikiSeeker_demo_02.jpg)
A competencia dixital é a capacidade de poñer en práctica -en diversos contextos e situacións- coñecementos, habilidades e actitudes á hora de acceder á información, construír con ela coñecementos propios, expresala e difundila producindo documentos persoais e empregala eticamente, utilizando para iso medios dixitais.
Adquirir e posuír esta competencia implica ser unha persoa que sabe acceder e traballar coa información que achegan os medios dixitais de xeito autónomo, eficaz e responsable, reflexionando criticamente sobre a mesma, traballando de igual modo no que se refire ó tratamento das propias ferramentas tecnolóxicas.[1][2]
Antecedentes
OCDE e o Proxecto de Definición e Selección de Competencias
En 1997, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) iniciou o denominado Proxecto de Definición e Selección de Competencias (DeSeCo)[3], co obxectivo de analizar as competencias que se consideraban necesarias para os cidadáns do mundo moderno, é dicir, os pre-requisitos psicosociais para un bo funcionamento da sociedade. A ampla participación de expertos académicos e institucións permitiu a identificación dun grupo pequeno de competencias clave clasificadas en tres amplas categorías: usar ferramentas de xeito interactivo, interactuar en grupos heteroxéneos e actuar de forma autónoma. Co informe final deste proxecto, publicado en 2003, creouse un marco relevante para as políticas e a articulación das necesidades e prioridades da educación nacional.[4]
No ano 2005 a Comisión Europea, presenta unha serie de recomendacións sobre a aprendizaxe permanente, propoñendo oito competencias clave entre as que inclúe a competencia dixital, definida como o "uso seguro e crítico das Tecnoloxías da Sociedade da Información (TSI) para o traballo, o ocio e a comunicación. Susténtase nas competencias básicas en materia de TIC: o uso de ordenadores para obter, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, e comunicarse e participar en redes de colaboración a través de Internet".[5]
Anteriormente, en decembro de 2003, o Parlamento Europeo e o Consello adoptaron, definitivamente, un programa plurianual (2004–2006) para a integración efectiva das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nos sistemas de educación e formación en Europa. A esta iniciativa chamóuselle Programa eLearning e o seu orzamento andou polos 44 millóns de euros.[6] Os obxectivos deste programa, recollidos no Programa de acción no ámbito da aprendizaxe permanente (2007-2013), son, entre outros, os seguintes:
-Facilitar os intercambios, a cooperación e a mobilidade entre os sistemas educativos e de formación europeos para que se convertan nunha referencia de calidade mundial.
- A creación de contidos, servizos, métodos pedagóxicos e prácticas innovadoras baseadas nas TIC.
A necesidade de delimitar, definir e explicitar as competencias necesarias para os cidadáns, entre elas a competencia dixital, pode enmarcarse nun contexto europeo. Dito contexto busca garantir o desenvolvemento e o crecemento futuro destas competencias. Para iso, contempla a inclusión das TIC en tódolos ámbitos.
Previamente, nun contexto máis internacional, coincidiron en sinalar a Sociedade da Información como un dos piares básicos do desenvolvemento dos países do mundo e insistíase en declarar a educación como a ferramenta fundamental para desenvolver esta tarefa. A declaración de principios "Construír a Sociedade da Información: un desafío global para o novo milenio" do Cumio Mundial sobre a Sociedade da Información celebrado en Xenebra en 2003, sinalaba:
" A educación, o coñecemento, a información e a comunicación son esenciais para o progreso, a iniciativa e o benestar dos seres humanos. É máis, as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) teñen inmensas repercusións en practicamente todos os aspectos das nosas vidas. O rápido progreso destas tecnoloxías brinda oportunidades sen precedentes para acadar niveis máis elevados de desenvolvemento. A capacidade das TIC para reducir moitos obstáculos tradicionais, especialmente en tempo e distancia posibilitan, por primeira vez na historia, o uso do potencial destas tecnoloxías en beneficio de millóns de persoas en todo o mundo" (CMSI, 2003, apartado 8)[7].
Competencia dixital en España
En España, o Tratamento da Información e Competencia Dixital pasa a formar parte do currículo prescritivo no ano 2006, coa Lei Orgánica de Educación (LOE), definida como "Dispoñer de habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar información e para transformala en coñecemento. Incorpora diferentes habilidades, que van desde o acceso á información até a súa transmisión en distintos soportes unha vez tratada, incluíndo a utilización de tecnoloxías da información e a comunicación como elemento esencial para informarse, aprender e comunicarse. O tratamento da información e a competencia dixital implican ser unha persoa autónoma, eficaz, responsable, crítica e reflexiva ao seleccionar, tratar e utilizar a información dispoñible, contrastándoa cando é necesario, e respectar as normas de conduta acordadas socialmente para regular o uso da información e as súas fontes nos distintos soportes"[8]. Esta Lei indica, así mesmo, a necesidade de crear en cada centro un plan de introdución ás tecnoloxías da información e comunicación, influíndo no desenvolvemento da competencia dixital.
A incorporación das competencias ós currículos galegos pódense atopar no Decreto 130/2007, de 28 de xuño, polo que se establece o currículo da Educación Primaria na Comunidade Autónoma de Galicia[9] e o Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia[10][11].
Educación e competencia dixital
O desenvolvemento de prácticas estratéxicas, de competencias transversais, é hoxe máis que nunca necesario para o avance das políticas educativas e para unha vida activa como cidadán (Bolívar, 2008), xa que posibilita o dominio de ferramentas para a aprendizaxe e a formación, o dominio de capacidades que permitan unha boa relación social, así como a xestión da totalidade da actuación (liderado, creatividade, xestión de proxectos). A Unión Europea formulou oito competencias clave (EurydiceArquivado 16 de abril de 2016 en Wayback Machine.[12], 2002), baseadas na idea de aprender, e sinalou o dominio da capacidade de lectura, escritura, cálculo e dominio das TIC como elementos esenciais para a aprendizaxe.
O proxecto DeSeCo (Definition and Selection of Competencies) categoriza as competencias clave dende unha tripla vertente: competencias que permiten dominar os instrumentos socioculturais necesarios para interactuar co coñecemento, tales como; linguaxe, símbolos e números, información e coñecemento previo, así como instrumentos físicos como os ordenadores; competencias que permiten actuar en grupos heteroxéneos e autonomamente (comprender o contexto, relacionarse con outros, cooperar, traballar en equipo).[13][14]
Escola 2.0
A escola 2.0 ten como obxectivo introducir as TIC no sistema educativo e que todos os alumnos conten cunha computadora para realizar un uso personalizado. Trataríase de crear así aulas dixitais do século XXI, baseadas nos servizos da Web 2.0. A posta en funcionamento deste tipo de aulas levouse a cabo en dúas fases: a primeira nos cursos de 5º e 6º de primaria (curso 2009-2010) e a segunda nos cursos 1º e 2º da E.S.O (curso 2010-2011). "Distintos gobernos das comunidades autónomas (Asturias, Andalucía, Castela -León, Aragón, Canarias, Castela-A Mancha, Cataluña,...) asinaron convenios de participación no programa Escuela 2.0 de tal maneira que o Ministerio proporcionaría o 50% e o goberno rexional e o outro 50% dos custos." (Muñoz, 2011)[15]
Axentes da escola 2.0:
- Financeiros: Ministerio de Educación e as CC.AA.
- Executores: Empresas tecnolóxicas.
- Receptores: Comunidade educativa.
A escola 2.0 pretende dotar as aulas cunhas boas infraestruturas, fomentar o uso de Internet nas aulas, traballar cos recursos didácticos dixitais, formar o profesorado e introducirse no mundo das redes sociais. Os familiares directos dos alumnos posúen un importante papel xa que deben estar vinculados a esta nova forma de aula e familiarizados coas TIC.[16]
Na actualidade xa se acuñou o termo escola 3.0, partindo do concepto da Web 3.0, que é aquela que posibilita a interacción entre persoas e cuxo espazo máis destacado son as redes sociais [17]. Neste novo contexto os estudantes deben desenvolver a competencia investigadora autónoma e a participación conxunta na elaboración de contidos, actuando os docentes coma facilitadores das estratexias de aprendizaxe que aplicarán os estudantes[18].
Competencia dixital no sistema educativo
Neste contexto, apareceron as novas formas de alfabetización na sociedade chamadas tamén “alfabetización múltiple” ou “multialfabetizacións”. Falamos así de alfabetizacións musicais, dixitais, informacionais, etc; xa que as canles e formas de comunicación que nos atopamos hoxe en día son diversas, o que implica formar os individuos e as comunidades na interpretación destas formas de comunicación, así como a utilización de tecnoloxías e linguaxes específicas.
A alfabetización na cultura dixital implica aprender a manexar os aparatos, o software, e o desenvolvemento de competencias ou habilidades cognitivas relacionadas coa obtención, comprensión e elaboración de información e coa comunicación e interacción sociais a través das tecnoloxías[19].
Erstad[20] expón a existencia de catro ámbitos clave dunha nova alfabetización:
- Unha cultura da participación: novas formas de participar e compartir, con gran relevancia nisto as redes e medios sociais.
- O acceso á información: achegando infinidade de posibilidades e marcando dun xeito significativo dúas épocas diferentes.
- As posibilidades de comunicación: novas condicións para comunicarse e desenvolver habilidades comunicativas, a través de novos formatos e procesos de mensaxería instantánea.
- A produción de contidos: aspecto fundamental da alfabetización, tendo a posibilidade de que un usuario poida ser produtor de contidos por medio da utilización de novas ferramentas dixitais.
Gilster[21] foi un dos primeiros autores en definir o concepto de alfabetización dixital xunto con Bawden[22], quen lle relaciona unha serie de habilidades, competencias e actitudes:
- A construción do coñecemento por medio de diversas fontes.
- Análise crítica e válida da información extraída.
- Lectura e entendemento de material dinámico.
- Valorar as ferramentas tradicionais.
- Coñecer a importancia das redes de persoas para o asesoramento e a axuda.
- Xestionar a información por medio da utilización de filtros.
- Publicación e comunicación de información sinxela e habitual.
Unha persoa alfabetizada nos medios tecnolóxicos e multimedia ten as habilidades de descodificar, avaliar, analizar e producir medios impresos e tecnolóxicos debido á súa capacidade de entender, producir e negociar a significación da información.
Lara Trilla[23] destacou diferentes criterios nos que debe estar baseada a alfabetización dixital:
- Reutilizar a información: localizar, filtrar e sintetizar coñecemento xa producido e distribuído na rede.
- Reinterpretar a información: reconstruír, renovar, reciclar, recuperar, discursos propios a partir do coñecemento distribuído pola rede.
- Devolver e compartir a información: publicar e divulgar os pensamentos e obras propias.
Competencia dixital segundo a LOMCE
Dentro das sete competencias básicas[24] que recolle a Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a Mellora da Calidade Educativa, LOMCE[25], atopámonos coa competencia dixitalArquivado 19 de abril de 2016 en Wayback Machine.[26]. Defínea como a utilización segura e crítica das tecnoloxías da sociedade da información para o traballo, o lecer e a comunicación valéndose das TIC (tecnoloxías da información e da comunicación) para obter, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, comunicarse e participar en redes de colaboración a través de Internet.[27] Para isto a competencia dixital precisa de coñecementos, capacidades e actitudes esenciais relacionados coa mesma: coñecer as principais aplicacións informáticas[28]; coñecer as posibilidades que as tecnoloxías da sociedade da información ofrecen como ferramenta favorecedora da innovación e creatividade; o coñecemento das cuestións relacionadas coa validez e fiabilidade da información dispoñible e dos principios legais e éticos polos que se debe rexer a utilización interactiva das TIC. A competencia dixital forma parte pois da alfabetización na cultura dixital, a cal supón aprender a manexar os aparatos, o software vinculado cos mesmos, o desenvolvemento de competencias ou habilidades cognitivas relacionadas coa obtención, comprensión e elaboración da información e coa comunicación e interacción social a través das tecnoloxías.[29]
Despois da aprobación da LOMCE, o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia[30] e mais o Proxecto de decreto polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia[31] pasaron a recoller a Competencia Dixital entre as competencias clave, aínda que sen especificar as habilidades e coñecementos a acadar para o seu desenvolvemento.
Notas
- ↑ Monereo. C. (2013). Competencia digital: Para qué, quién, dónde y cómo debe enseñarse. Revista aula de innovación educativa. 181. Recuperado desde: http://www.researchgate.net/publication/257944704_Competencia_digital_para_qu_quin_dnde_y_cmo_debe_ensearse
- ↑ Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=V_HOIsP-Ix8
- ↑ http://www.deseco.admin.ch/bfs/deseco/en/index/03/02.parsys.78532.downloadList.94248.DownloadFile.tmp/2005.dscexecutivesummary.sp.pdf
- ↑ Instituto de Tecnologías Educativas- Departamento de Proyectos Europeos (211) Competencia digital. Secretaría de Estado de Educación y Formación Profesional, Ministerio de Educación.
- ↑ Comisión Europea (2007). Competencias clave para el aprendizaje permanente. Un Marco de Referencia Europeo. http://www.mecd.gob.es/dctm/ministerio/educacion/mecu/movilidad-europa/competenciasclave.pdf?documentId=0901e72b80685fb1
- ↑ Touriñán lópez, J.M. y Soto Carballo, J. (2007). La educación electrónica como objetivo de la educación en la sociedad del conocimiento. Aula abierta, (35) 1,2, 9-34.
- ↑ Íbiden
- ↑ Instituto de Tecnologías Educativas- Departamento de Proyectos Europeos (2011). Competencia digital. Madrid: Secretaría de Estado de Educación y Formación Profesional, Ministerio de Educación.
- ↑ Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (09 de xullo de 2007). "Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia". Diario Oficial de Galicia (132): 11666.
- ↑ Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. "Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15/11/2011. Consultado o 28/05/2015.
- ↑ Alonso Ferreiro, Almudena (2011). "El desarrollo del concepto de competencia digital en el currículum de las enseñanzas obligatorias de Galicia". Innovación Educativa 21: 151–159. ISSN 1130-8656. Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2019. Consultado o 25 de marzo de 2019.
- ↑ "Eurydice". Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2016. Consultado o 12 de abril de 2016.
- ↑ Adell, J. (2009). Políticas TIC en educación. ¿Un viaje a ninguna parte? Aula de Innovación Educativa, nº 185. Barcelona: Graó.
- ↑ Soto , J. (2010). Análisis de las competencias digitales y los nuevos retos educativos en la escuela. Innovación Educativa, 20, 117-129.
- ↑ "La escuela 2.0 en las distintas comunidades autónomas". educacontic.es. Arquivado dende o orixinal o 21/06/2020. Consultado o 10/05/2016.
- ↑ Revuelta. F.I. (2011). Competencia digital: desarrollo de aprendizajes con mundos virtuales en la escuela 2.0. Revista electrónica de Tecnología Educativa. 37. Recuperado desde: http://edutec.rediris.es/Revelec2/Revelec37/pdf/Edutec-e_n37_Revuelta.pdf Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
- ↑ Ramírez León, Y. e Peña Arcila, J. B. (2011). La Web 3.0 como herramienta de apoyo para la educación a distancia. Etic@ Net (10). Recuperado o 28/04/2015 de: http://www.ugr.es/~sevimeco/revistaeticanet/numero10/Articulos/Formato/articulo3.pdf
- ↑ López García, C. (2011). Redes sociales y educación artística. En: Peña, R. (Coord.), Nuevas tecnologías en el aula, pp. 315-345. Tarragona: Altaria.
- ↑ Area Moreira, M. (2008). La innovación pedagógica con TIC y el desarrollo de las competencias informacionales y digitales. Investigación en la escuela, 64. Recuperado desde: http://www.investigacionenlaescuela.es/articulos/64/R64_1.pdf Arquivado 06 de novembro de 2015 en Wayback Machine.
- ↑ Erstad, O. (2010). Educating the digital generation. Exploring media literacy for the 21st century. Nordic Journal of Digital Literacy (1), 56-72.
- ↑ Gilster, P. (1997). Digital literacy. New York: Wiley Computer.
- ↑ Bawden, D. (2008). Origins and concepts of digital literacy. En Digital literacies: Concepts, policies and practices. (pp. 17-32). New York: Peter Lang.
- ↑ Lara T.(2009) Alfabetizar en la cultura digital. En: La competencia digital en el área de lengua. Barcelona: Octaedro.
- ↑ "Competencias clave - Ministerio de Educación, Cultura y Deporte". www.mecd.gob.es. Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2016. Consultado o 2016-04-12.
- ↑ "LOMCE". Wikipedia, la enciclopedia libre (en castelán).
- ↑ "Competencia digital-Ministerio de Educación, Cultura y Deporte". www.mecd.gob.es. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2016. Consultado o 2016-04-12.
- ↑ Ley Orgánica 8/2013, de 9 de diciembre, para la Mejora de la Calida Educativa, LOMCE. Recuperado en: http://www.boe.es/boe/dias/2013/12/10/pdfs/BOE-A-2013-12886.pdf
- ↑ "Aplicacións informáticas". Wikipedia, la enciclopedia libre (en castelán).
- ↑ RA, M. (2008). “La innovación pedagógica con TIC y el desarrollo de las competencias informacionales y digitales”. Universidad de La Laguna. Recuperado en: http://www.investigacionenlaescuela.es/articulos/64/R64_1.pdf Arquivado 06 de novembro de 2015 en Wayback Machine.
- ↑ Consellería de Cultura, Educación e Ordeación Universitaria. "Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 25/08/2015. Consultado o 21/04/2015.
- ↑ Consellería de Cultura, Educación e Ordeación Universitaria. "Proxecto de decreto polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 01/09/2015. Consultado o 21/04/2015.