Copa do Mundo de Baloncesto
Tipo | competição de basquetebol (pt) |
---|---|
Deporte | baloncesto |
Organizador | Federación Internacional de Baloncesto |
Número de participantes | 32 (2019) |
Localización e Datas | |
Area de operación | mundial |
Vixencia | 1950 – |
Período de ocorrencia | 4 |
Outro | |
Páxina web oficial | fiba.basketball |
A Copa do Mundo de Baloncesto da FIBA, tamén coñecido como Mundial de Baloncesto da FIBA ou simplemente Mundial de Baloncesto, coñecida entre os anos 1950 e 2010 coma Campionato do Mundo da FIBA, é un torneo internacional de baloncesto organizado pola Fédération Internationale de Basket-ball — FIBA. O torneo tivo lugar cada catro anos dende 1950, agás en dúas ocasións.
Historia
A Copa do Mundo de Baloncesto da FIBA foi creada nun Congreso Mundial da FIBA nos Xogos Olímpicos de 1948 en Londres.[1] O secretario xeral da FIBA Renato William Jones instou á FIBA a formar un Campionato do Mundo similar á Copa do Mundo de Fútbol, que tivera lugar cada catro anos entre Olimpíadas. O Congreso da FIBA, vindo o éxito que tivo o torneo olímpico con 23 equipos daquel ano, aceptou a proposta. O torneo comezou en 1950 na Arxentina, e foi precisamente a selección anfitrioa a que se proclamou gañadora.
Os primeiros cinco torneos tiveron lugar en América do Sur, e os equipos americanos dominaron o torneo, gañando oito de nove medallas nos tres primeiros campionatos. Polo ano 1963, equipos do Leste (a Unión Soviética) e o Sueste de Europa (Iugoslavia) comezaron a alcanzar ás seleccións americanas. Entre 1963 e 1990, o torneo foi dominado polas seleccións de Estados Unidos, a Unión Soviética, Iugoslavia e Brasil, quen entre todas conseguiron todas as medallas neses anos.
O Campionato do Mundo da FIBA de 1994 marcou o comezo dunha nova era, xa que participaron por primeira vez xogadores da National Basketball Association (NBA), e a Unión Soviética e Iugoslavia dividíronse en novos estados. Ese ano foi dominado polos Estados Unidos, mentres que Rusia e Croacia, antigos estados da URSS e Iugoslavia anteriormente, gañaron a prata e o bronce respectivamente. O Campionato de 1998 perdeu brillo xa que debido ó lockout da NBA da tempada 1998-99, os xogadores da NBA non puideron participar no torneo. Iugoslavia gañou a medalla de ouro por diante de Rusia, e uns Estados Unidos que xogaron con xogadores afeccionados.
En 2002, outras seleccións alcanzaron ós países que dominaban ata o momento. Iugoslavia, liderada por Peja Stojakovic dos Sacramento Kings e Dejan Bodiroga do FC Barcelona, gañou a final ante Arxentina, mentres que Alemaña, liderada polo xogador máis valorado do torneo, Dirk Nowitzki, conseguiu o bronce. Mentres tanto, a selección estadounidense, chea de xogadores da NBA, fracasou ó conseguir tan só o sexto posto. Esta nova era convenceu á FIBA para expandir o número de equipos a 24 para as edicións de 2006, 2010 e 2014.
En 2006, a emerxente España gañou a Grecia, na que foi a primeira participación nunha final para ambas seleccións. España converteuse na sétima selección en conseguir a medalla de ouro. Os Estados Unidos conseguiron a medalla de bronce tras derrotar a Arxentina no partido polo terceiro posto. En 2010, os Estados Unidos derrotaron na final a Turquía, conseguindo o seu primeiro ouro en 16 anos, mentres que Lituania conseguiu o bronce ó derrotar a Serbia.
Tras a edición de 2014, a FIBA ampliará o número de equipos de 24 a 32. Ademais, por primeira vez dende 1967, o torneo non se disputará no mesmo ano que a Copa do Mundo de Fútbol. Para facer posible este cambio, a Copa do Mundo de 2014 será seguida pola edición de 2019.
Símbolos
Trofeo Naismith
- Artigo principal: Copa Naismith.
Dende 1967, o campión de cada torneo é galardoado co Trofeo Naismith, chamado así polo inventor do baloncesto James Naismith. O trofeo estivo planeado dende o primeiro Campionato do Mundo en 1950, pero non se levou a cabo ata 1965. O trofeo orixinal usouse dende 1967 ata 1994, e foi substituído na edición 1998 por un novo trofeo.[2] O trofeo orixinal atópase na Fundación Pedro Ferrándiz, en España.[3]
Formato
Dende o ano 2006 participan 24 equipos no torneo, divididos en catro grupos con seis equipos cada un.[4] En caso de empate entre varios equipos, o desempate faise da seguinte forma:
- Resultados dos partidos entre os equipos empatados
- Diferenza de puntos nos partidos entre os equipos empatados
- Diferenza de puntos total dos equipos empatados
- Sorteo
Os catro primeiros clasificados de cada grupo (16 equipos en total) acceden á rolda final, unha fase de eliminación rápida. Esta fase comeza cos oitavos de final, seguidos por cuartos de final, semifinais de final. Os perdedores das semifinais disputan o partido pola medalla de bronce, mentres que os gañadores disputan a final para loitar pola medalla de ouro.
Mundiais
Ano | Sede (Fase/partido final) |
Final | Disputa da medalla de bronce | ||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Vencedor | Marcador | Subcampión | 3º lugar | Marcador | 4º lugar | ||||
1950 Detalles |
Arxentina (Buenos Aires) | Arxentina | 64 – 50 | Estados Unidos | Chile | 51 – 40 | Brasil | ||
1954 Detalles |
Brasil (Río de Xaneiro) |
Estados Unidos | 62 – 41 | Brasil | Filipinas | 66 – 60 | Francia | ||
1959 Detalles |
Chile (Santiago) | Brasil | 81 – 67 | Estados Unidos | Chile | 86 – 85 Prórroga |
Taiwán | ||
1963 Detalles |
Brasil (Río de Xaneiro) |
Brasil | 90 – 71 | Iugoslavia | Unión Soviética | 69 – 67 | Estados Unidos | ||
1967 Detalles |
Uruguai (Montevideo) | Unión Soviética | 71 – 59 | Iugoslavia | Brasil | 80 – 71 | Estados Unidos | ||
1970 Detalles |
Iugoslavia (Ljubljana) | Iugoslavia | 80 – 55 | Brasil | Unión Soviética | 62 – 58 | Italia | ||
1974 Detalles |
Porto Rico (San Xoán) | Unión Soviética | 82 – 79 | Iugoslavia | Estados Unidos | 83 – 70 | Cuba | ||
1978 Detalles |
Filipinas (Manila) | Iugoslavia | 82 – 81 Prórroga |
Unión Soviética | Brasil | 86 – 85 | Italia | ||
1982 Detalles |
Colombia (Cali) | Unión Soviética | 95 – 94 | Estados Unidos | Iugoslavia | 119 – 117 | España | ||
1986 Detalles |
España (Madrid) | Estados Unidos | 87 – 85 | Unión Soviética | Iugoslavia | 117 – 91 | Brasil | ||
1990 Detalles |
Arxentina (Buenos Aires) | Iugoslavia | 92 – 75 | Unión Soviética | Estados Unidos | 107 – 105 Prórroga |
Porto Rico | ||
1994 Detalles |
Canadá (Toronto) | Estados Unidos | 137 – 91 | Rusia | Croacia | 78 – 60 | Grecia | ||
1998 Detalles |
Grecia (Atenas) | Iugoslavia | 64 – 62 | Rusia | Estados Unidos | 84 – 61 | Grecia | ||
2002 Detalles |
Estados Unidos (Indianapolis) | Iugoslavia | 84 – 77 Prórroga |
Arxentina | Alemaña | 117 – 94 | Nova Zelandia | ||
2006 Detalles |
Xapón (Saitama) | España | 70 – 47 | Grecia | Estados Unidos | 96 – 81 | Arxentina | ||
2010 Detalles |
Turquía (Istambul) | Estados Unidos | 81 – 64 | Turquía | Lituania | 99 – 88 | Serbia | ||
2014 Detalles |
España (Madrid) | Estados Unidos | 129 – 92 | Serbia | Francia | 95 – 93 | Lituania | ||
2019 Detalles |
China (Pequín) | España | 95 - 75 | Arxentina | Francia | 67 – 59 | Australia | ||
2023 Detalles |
Notas
- ↑ "FIBA World Championship History (pdf)" (PDF). FIBA. 1 de xaneiro de 2007. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de xullo de 2011. Consultado o 7 de setembro de 2010.
- ↑ "Naismith Trophy Unites Five Continents". FIBA.com. Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2010. Consultado o 7 de setembro de 2010.
- ↑ "Ancient Egypt in basketball". egyptology.blogspot.com. 17 de xaneiro de 2006. Consultado o 8 de setembro de 2010.
- ↑ "System of Competition". FIBA.com. FIBA. Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2014. Consultado o 2010-09-07.
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Sitio oficial da FIBA Arquivado 04 de novembro de 1996 en Wayback Machine. (en inglés)