Dólar de prata Jackie Robinson
Dólar de prata Jackie Robinson | |
---|---|
![]() | |
A/: Jachie Robinson nun lance dun partido. Data e marca de ceca (S).
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST | R/: Logotipo do aniversario. Marca de gravador (TJF).
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / ROOKIE OF THE YEAR · HALL OF FAME 1962 / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR |
O dólar de prata Jackie Robinson é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1997 e cuñada pola Ceca de San Francisco.
Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 104-329, do 20 de outubro de 1996,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda na honra de Jackie Robinson en conmemoración do 50 aniversario da súa primeira aparición nun partido de béisbol das grandes ligas como xogador de raza negra.[2][3]
Esta moeda está integrada nun programa de emisións para 1997 que conta tamén cunha moeda de 5 dólares de ouro conmemorativa da mesma efeméride.[4]
Deseño
No anverso da moeda, obra de Alfred Maletsky, reprodúcese unha escena de Robinson roubando o home plate, do mesmo xeito que o fixo durante unha serie do Mundial de 1955 entre os New York Yankees e os Brooklyn Dodgers. Completan o anverso os habituais lemas da moeda estadounidense LIBERTY ("Liberdade") e IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos").[2][3]
Pola súa banda, o reverso, creado por T. James Farrell, está caracterizado polo logotipo que a Fundación Jackie Robinson creou para a efeméride conmemorada, rodeado pola lenda alusiva ROOKIE OF THE YEAR · HALL OF FAME 1962 ("Novato do ano; Salón da Fama 1962"). Completan o reverso o nome do país, UNITED STATES OF AMERICA, o valor facial, ONE DOLLAR, e o lema E PLURUBUS UNUM.[2][3]
Produción e comercialización
A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de San Francisco, tanto na súa versión estándar como na versión con acabamento especial de fondo espello (proof),[3] e estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o 16 de agosto de 1997 ata o 16 de agosto de 1998.[2]
A súa produción foi de 30.180 moedas na súa condición estándar e 110.002 en versión proof, o que fai un total de 140.182 exemplares.[5]
A moeda comercializouse aos prezos de 32 dólares en condición estándar e 37 en versión proof,[3] e unha parte do beneficio conseguido coa súa venda destinouse á Fundación Jackie Robinson, para apoiar os seus programas e as súas bolsas educativas. [2]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 "Public Law 104-329 - OCT. 20, 1996". Uscode.house.gov
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Jackie Robinson Commemorative Silver Dollar Coin". United States Mint.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "1 Dollar Jackie Robinson". Numista.com
- ↑ "The Jackie Robinson Commemorative Coin Set". United States Mint.
- ↑ "Historical Commemorative Coin Sales Figures: 1997 Jackie Robinson". United States Mint.
Véxase tamén
Outros artigos
- Instituto Smithsoniano
- Moeda dun dólar estadounidense
- Moedas do dólar estadounidense
- Casa da Moeda dos Estados Unidos
Ligazóns externas
- "1997 Jackie Robinson Silver Dollar" (ModernCommemoratives.com)