Dushanbe
Dushanbe[1] ou Dushambe[2][3][4] (en taxico Душанбе) é a capital e máis o principal centro cultural e económico de Taxiquistán. No ano 2002 a súa poboación estimábase en 575 900 habitantes. Na época da Unión Soviética recibiu o nome de Stalinabad.
Étimo do nome
O nome deriva da palabra taxica para "luns" (du "dous" + xamba o xanbé "día") e refírese ao feito de que a cidade celebraba un mercado moi frecuentado os luns, para eles o segundo día da semana.
Xeografía
Situada no extremo centro-occidental do país, a uns 800 m de altitude., aséntase no val de Gissar, moi densamente poboado, localizado ao suroeste dunha cadena montañosa do mesmo nome (Montes Guissar).
A cidade está atravesada polo río Varzob (tamén chamado río Dušanbinka),que forma parte da conca do Amu Daria.
Distritos
Duxanbé divídese nos seguintes distritos:
- Abuali Ibn Sina
- Firdavsi
- Ismail Somoni
- Shokhmansur
Clima
Dado o afastamento do mar, o clima ten un forte carácter continental, con veráns cálidos e secos, e con invernos fríos e relativamente húmidos.
A temperatura media é duns 14,7 °C e as precipitacións medias anuais son duns 568 mm. O mes máis caloroso é xullo, cunha temperatura media de 27,1°, mentres que o máis frío é xaneiro con 2,1 °C. O mes máis seco é agosto, en tanto que as chuvias máis abundantes caen en marzo e abril con cerca de 100 mm.
Economía
Desde que foi conectada á rede ferroviaria (1929), durante a época soviética, a cidade converteuse nun centro económico e industrial do país. As industrias principais son a téxtil, alimentarias e manufactureira.
A 80 km ao sur de Dushanbé, atópase a Base Aérea de Farkhor, a única base militar india fóra da Unión India.
Nas proximidades de Dushanbé están despregadas tamén tropas francesas, estadounidenses e rusas.
Transportes
A rede ferroviaria taxica non está moi desenvolvida, en parte a causa do relevo do territorio. Con todo o ferrocarril transcaucásico liga diariamente Dushanbe con Tashkent en Uzbekistán e con Moscova. Os trens, porén, son lentísimos por mor do trazado tortuoso da liña.
Dushanbe ten un aeroporto internacional, sito a menos de 15 minutos en automóbil da cidade. Lígase con voos diarios para Moscova, Bakú e Taxquent e voos cada dúas semanas para Estanbul).
Lugares a visitar
- Museo Etnográfico, cunha colección de artefactos da arte taxica (cerámicas, alfombras, xoiaría e instrumentos musicais, entre outros).
- Museo Unificado de Taxiquistán.
- Teatro da Ópera e Ballet Ayni, con fermosa arquitectura interna.
- Mesquita de Haji Iakub.
Ensino e cultura
A cidade é a sede da Universidade de Taxiquistán e da Academia das Ciencias.
Irmandamentos
Entre outros:
- Teherán, Irán
- Moscova, Rusia
- San Petersburgo, Rusia
- Boulder, Colorado, USA
- Klagenfurt, Austria
- Ancara, Turquía
Notas
- ↑ Atlas Mundial Galego Online
- ↑ Criterios para o uso da lingua
- ↑ Lingua galega. Dúbidas lingüísticas
- ↑ Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1304. ISBN 9788482887524.