Escudo de Mónaco
O escudo de armas de Mónaco é o brasón dos seus príncipes. Consiste nun campo fuselado de prata e goles; rodeado polo colar da Orde de San Carlos e sostido por dúas figuras (tenantes ou soportes en terminoloxía heráldica) de monxes brandindo cadansúas espadas. Debaixo da punta do escudo aparece unha cinta de prata cargada con dúas cruces gregas e o lema dos príncipes de Mónaco, Deo Juvante (do latín: Coa axuda de Deus), en letras de goles.
Os elementos anteriores están situados sobre un manto de púrpura, gornecido de ouro e forrado de armiño, alzado con cordas de ouro que terminan en borlas do mesmo metal. Sobre o manto descansa unha coroa real de ouro, forrada de goles.
A Casa de Grimaldi usou as cores que figuran no campo do escudo desde o ano 1339. As figuras dos monxes aluden á conquista de Mónaco por Francisco Grimaldi en 1297, cando penetrou acompañado de soldados disfrazados de monxes que ocultaban as súas armas baixo os hábitos. A versión actual do escudo foi adoptada o 15 de marzo de 1858.