Espelta
| Espelta | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Espiga | |||||||||||||||||||
| Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Nome binomial | |||||||||||||||||||
| 'Triticum spelta' L. | |||||||||||||||||||
A espelta ou trigo vermello (Triticum spelta), é unha especie común de cereal do xénero Triticum. Pertence aos trigos hexaploides pola presenza na súa conformación de 21 cromosomas. É un cereal adaptado a climas duros, húmidos e fríos.
A espelta provén da escanda brava (Triticum dicoccoides Kór.): cruzamento natural (hibridación) entre Triticum boeticum Boiss e, posibelmente, Aegilops speltoides Tausch, presentes no próximo Oriente e documentado dende hai 7 milenios - en xacementos arqueolóxicos do Iraq, Israel e Turquía (Harlan, 1976)-. Espallouse axiña polo Mediterráneo e na Península Ibérica foi explotada dende os mesmos inicios da agricultura, hai uns 5 milenios (Hopf, 1987).
Dende a Idade Media cultívase en Galicia, Asturias, Suíza, o Tirol e no sur de Alemaña. A famosa abadesa Santa Hildegarda de Bingen escribe sobre a espelta no seu libro Liber Simplicis Medicinae: "A espelta é o mellor gran. É nutritivo e mellor tolerado que calquera outro gran. A espelta fornece a quen a come de todos os nutrientes para ter unha óptima saúde e aporta unha mente feliz. Non importa como se tome, xa sexa como pan ou doutro xeito, porque é boa e doada de dixerir".
A colleita por hectárea é inferior á do trigo e o procesamento é máis difícil, mais atura un clima máis rudo e é máis resistente contra enfermidades. Con todo, no século XX diminuíu o seu cultivo, por ter un mao rendemento. No sur de Alemaña coléctase parte da produción de espelta crúa para despois torrala. Úsase para a preparación de pans, cervexas, vodkas,[1] potaxes e albóndegas vexetarianas.
Nos últimos anos a espelta aos poucos vai retomando o sona, en particular na sección biolóxica. Unha das razóns é que os alérxicos aprecian que conteña menos glute e tamén a presenza de ácidos graxos omega-3, omega-6 e omega-9, ademais de minerais.[2] Hai moitos cruzamentos da espelta co trigo común[3], mais para utilizar a espelta como substituto do trigo esta ten que ser pura. O seu consumo orixina menos alerxias ca o trigo, porén ao conter tamén glute, de ningunha maneira é apta para celíacos.
Contido nutritivo
Valor enerxético: 1415 KJ/338 Kcal por 100 g
| Substancia | Cantidade |
|---|---|
| Auga | 11,02 g |
| Proteína | 14,57 g |
| Graxa | 2,43 g |
| Glícido | 70,19 g |
| Fibra | 10,7 g |
| Sodio | 3,0 mg |
| Potasio | 447 mg |
| Calcio | 22 mg |
| Fósforo | 401 mg |
| Magnesio | 136 mg |
| Ferro | 4,44 mg |
| Cinc | 3,28 mg |
| Flúor | 0,06 mg |
| Vitamina E | 0,79 mg |
| Vitamina B1 | 0,36 mg |
| Vitamina B2 | 0,11 mg |
| Vitamina B3 | 6,84 mg |
| Vitamina B6 | 0,23 mg |
| Vitamina B9 | 45 μg |
Notas
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2017. Consultado o 06 de febreiro de 2013.
- ↑ NUTRITIONAL VALUE AND BAKING APPLICATIONSOF SPELT WHEAT
- ↑ P. Bertin, D. Grégoire, S. Massart, D. de Froidmont: „High level of genetic diversity among spelt germplasm revealed by microsatellite markers“. En: Genome. 47, 2004, S. 1043–1054