Extinción

En bioloxía, extinción é a desaparición de todos os individuos dunha especie ou xénero. Considérase unha especie como extinta a partir do intre en que morre o seu último individuo, inda que de facto pode estalo desde que a comunidade perdeu a capacidade de reprodución ou recuperación.

Debido a que o seu rango de distribución potencial pode ser moi grande, determinar ese momento pode non ser doado, polo que decote faise en retrospectiva. Estas dificultades poden conducir a fenómenos como o taxon Lazarus, no que unha especie que se presumía extinta reaparece tras un período de aparente ausencia. No caso de especies que se reproducen sexualmente, a extinción é xeralmente inevitábel cando só queda un individuo da especie ou unicamente individuos do mesmo sexo.

Segundo datos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (IUCN) no planeta hai 17 mil especies de animais e plantas ameazadas de extinción incluíndo un terzo dos anfibios, máis dunha de cada oito especies de aves e preto dun cuarto dos mamíferos.[1]

Notas

  1. Nos últimos cinco séculos desapareceron 869 especies Vieiros.com, 04/07/09, Consultada o 04/07/09

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.