Feudalismo

Campesiño arando as terras no modo de vida do Feudalismo.

O termo feudalismo é o sistema político, económico e social creado durante a Idade Media na Europa onde o señor proporcionaba protección aos seus vasalos a cambio de tributos e traballos nas súas terras. Os señores feudais eran nobres ou membros da Igrexa e tiñan unha relación de dependencia máis ou menos forte co rei de cada rexión. O termo foi acuñado por primeira vez polos revolucionarios franceses do século XVIII, como sinónimo das desigualdades xurídico-sociais contra as que loitaban. Así, pasou á Historia relacionado con dereito de pernada, barbarie, séculos escuros... Pero o concepto histórico (non é un sistema político, máis ben un modo de organización social), abrangue moitos máis aspectos dos que nun primeiro momento se pensan.

Sociedade

A estrutura social feudal na súa meirande parte estaba constituída por unha lexión de campesiños que alimentaba todo o conxunto da sociedade por medio dunha economía pechada de carácter agrario. O poder, fundamentado na propiedade da terra, estaba en mans dunha aristocracia militar que exercía o control político e outra relixiosa que se reservaba o control ideolóxico. Estaba rexido por un complexo sistema piramidal de vasalaxe, no que o rei estaba no cumio e os campesiños eran practicamente propiedade do seu señor feudal. Había cidadáns libres que só debían obediencia e vasalaxe ao rei nas cidades.

Había nobres de varios niveis, todos eles dentro da estrutura de vasalaxe. Así, o cabaleiro podía ser señor dunha aldea pertencente a un condado, sendo polo tanto vasalo do conde, que o sería á súa vez dun duque ou directamente do rei. Estes xuramentos estaban baseados na honra e na fe, até o punto de que se un nobre era excomungado polo papa, o seu señor podía despoxalo das súas pertenzas e os seus vasalos negarlle a obediencia e maila lealdade.

Alegoría da sociedade feudal: un monxe, un cabaleiro e un campesiño, os tres estamentos.

Este sistema daba lugar a moitas guerras internas, dende rebelións até reclamacións de nobres sobre outros títulos, e creaba situacións como que o rei de Inglaterra fose vasalo do rei de Francia por posuír territorios franceses como o ducado de Normandía.

Entre o século IX e o século XII a sociedade europea vive a plenitude do feudalismo. Arraigou con máis forza nos dominios do Imperio Carolinxio, noutras rexións a súa implantación foi máis superficial: na España cristiá polo enfrontamento contra o islam e na Italia medieval polo contacto co Imperio bizantino.

  • clero tiña como función oficial rezar. Na práctica, exercía grande poder político sobre unha sociedade bastante relixiosa, onde o concepto de separación entre a relixión e a política era descoñecido. Mantiñan a orde da sociedade evitando, por medio de persuasión e criación de xustificativas relixiosas, revoltas e contratacións campesiñas.
  • nobreza (tamén chamados señores feudais) tiña como principal función de loitar, alén de exercer un considerábel poder político sobre os demais estamentos. O rei cedíalles terras e estes xurábanlle axuda militar (relacións de suzeranía e vasalaxe).
  • Os servos da gleba constituían a maior parte da poboación campesiña: estaban presos á terra, sufriron unha forte explotación, eran obrigados a prestaren servizos á nobreza e a pagarlles diversos tributos en troco do permiso de uso da terra e de protección militar. Para recibiren dereito a morar nas terras dos seus señores, xurábanlle fidelidade e traballo. Mentres, os nobres, para obteren a posesión do feudo facían o mesmo xuramento aos reis.
  • Os vasalos ofrecen ao señor ou suzerano, fidelidade e traballo en troco de protección e un lugar no sistema de produción. As redes de vasalaxe estendíanse por varias rexións, sendo o rei o soberano máis poderoso. 
Un vasalo axeonllado realiza a inmixtio manum durante a homenaxe ao seu señor sentado, e un escribente toma nota.

Véxase tamén

Outros artigos