Friaça
Friaça | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Albino Friaça Cardoso | ||
Nacemento | 20 de outubro de 1924 | ||
Lugar de nacemento | Porciúncula | ||
Falecemento | 12 de xaneiro de 2009 | ||
Lugar de falecemento | Itaperuna | ||
Altura | 178 centímetros | ||
Posición | dianteiro, dianteira | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
–1943 | Ipiranga | ||
1944–1949 | Vasco da Gama | 191[2] | (113[1]) |
1949–1951 | São Paulo | 66 | (48) |
1951–1952 | Vasco da Gama | ||
1953 | Ponte Preta | ||
1953–1954 | Vasco da Gama | ||
1955–1956 | Ponte Preta | ||
1957–1958 | Guaraní | ||
Selección nacional | |||
1947–1952 | Brasil | 13 | (1) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Albino Friaça Cardoso, coñecido simplemente como Friaça, nado en Porciúncula o 20 de outubro de 1924 e finado en Itaperuna o 12 de xaneiro de 2009, foi un futbolista brasileiro que xogaba como extremo dereito.
Desenvolveu a maior parte da súa carreira no Vasco da Gama, aínda que tamén vestiu outras camisetas como a do São Paulo.[3] Internacional coa selección brasileira, foi autor do único gol do Brasil no partido decisivo do Mundial de 1950, o coñecido como Maracanazo.
Traxectoria
Foi descuberto polos dirixentes do Vasco da Gama cando xogaba nun pequeno club de Carangola, o Ipiranga, despois de derrotar aos titulares do Vasco con dous goles seus.[4] O técnico Ondino Viera decidiu a súa contratación, e en 1945 formou parte do núcleo do que se deu en chamar o Expresso da Vitória, o equipo do Vasco que conseguiu varios títulos a nivel estatal e o Campionato Suramericano de Campións de 1948, considerado o precursor da Copa Libertadores. Con catro goles, foi o máximo artilleiro do seu equipo durante esa competición.[5]
Durante a súa etapa no club, estivo especialmente unido a Jair Rosa Pinto, quen, segundo o propio Friaça, o axudou a mellorar o seu tiro.[5] Unha vez rematado o ciclo de vitorias no Vasco, foi traspasado ao São Paulo, no que xogou dende o 1 de abril de 1949 ata o 27 de marzo de 1951, marcando 48 goles e conseguindo o título de campión paulista.[3] Precisamente polo seu bo rendemento, o Vasco mercouno de novo, manténdoo nas súas filas ata 1952. Máis tarde xogou no Ponte Preta, de novo no Vasco, e no Guaraní, retirándose aos 34 anos. Disputou un total de 191 partidos co Vasco, marcando 113 goles.[6]
Selección brasileira
Foi 13 veces internacional coa selección brasileira, sendo convocado para o Mundial de 1950. Marcou o seu único gol internacional no partido decisivo do torneo contra o Uruguai, batendo ao gardameta Roque Máspoli para poñer o 1-0 no marcador. Con todo, os uruguaios acabaron remontando inesperadamente o partido, que pasou á historia co alcume de Maracanazo.
Estilo de xogo
Futbolista ofensivo, xogaba na posición de extremo dereito.[7] Era coñecido pola súa velocidade e a potencia do seu tiro, pola súa habilidade para golpear a balón parado e pola precisión dos seus centros.[3][7]
Vida persoal
Casou con Maria Helena, coa que tivo catro fillos: Ronaldo, Ricardo, Rogério e Maria Inês.[8] En 1992 sufriu o duro golpe da morte dun dos fillos, Ricardo, que con 33 anos faleceu nun accidente de voo sen motor. Tras o suceso aumentou o seu consumo de alcol e fumou máis do que xa facía, empeorando así as súas condicións de saúde.[4] En 2005 foi internado no hospital de Itaperuna, onde morreu o 12 de xaneiro de 2009 a causa das complicacións dunha pneumonía.[9][3]
Palmarés
- Vasco da Gama
- Campionato Carioca (2): 1945, 1947.
- Campionato Suramericano de Campións (1): 1948.
- São Paulo
- Campionato Paulista (1): 1949.
- Selección brasileira
- Copa Oswaldo Cruz (1): 1950.
- Copa Rio Branco (1): 1950.
- Campionato Panamericano (1): 1952.
- Individual
- Máximo goleador do Campionato Paulista (1): 1949 (24 goles).
Notas
- ↑ Total co club
- ↑ Total co club
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Ex-atacante Friaça falece" (en portugués). 12 de xaneiro de 2009. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 "Friaça é o único titular campeão ainda vivo" (en portugués). 14 de marzo de 2008. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ 5,0 5,1 "Friaça: quase herói em paz no interior do Rio" (en portugués). 17 de outubro de 2007. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ "A história de Friaça no Vasco" (en portugués). 20 de outubro de 2021. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ 7,0 7,1 "Friaça - Que fim levou?". terceirotempo.uol.com (en portugués). Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ "Friaça morre no interior do Rio" (en portugués). 12 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de abril de 2022.
- ↑ "Friaca, Who Scored Brazil’s Lone Goal in 1950 World Cup Loss, Is Dead at 84". The New York Times (en inglés). 14 de xaneiro de 2009. Consultado o 28 de abril de 2022.