Gran Chaco
- Para a provincia boliviana, véxase Provincia del Gran Chaco.
Tipo | chaira ecorrexión da WWF ecorrexión | ||||
---|---|---|---|---|---|
Parte de | planície chaco-pampeana (pt) | ||||
Localización | Neotrópico | ||||
| |||||
Características | |||||
Altitude | 310 m | ||||
Atravesa | Bolivia, Paraguai, Arxentina e Brasil | ||||
O Gran Chaco (termo xeralmente aceptado como proveniente do quechua chaku, "territorio de cacería") é unha rexión xeográfica, así como unha área cultural de Suramérica, situada no norte do Cono Sur, que se estende por parte dos actuais territorios da rexión norte da Arxentina, Bolivia a parte occidental de Paraguai e o centro-sur do Brasil, especificamente en parte dos estados de Mato Grosso e Mato Grosso do Sul, entre os ríos Paraguai e Paraná e o Altiplano andino.
Xeografía
Situación e extensión
O Gran Chaco, caracterizado por ter amplas extensións boscosas, sitúase no centro-sur de América do Sur. Esténdese desde os 16° 55' latitude Sur, na rexión tropical, até os 33° 52' de latitude Sur, na rexión temperada, e desde os 67° 50' de lonxitud Oeste ao pé dos Andes, até os 57° 50' de lonxitud Oeste, na provincia de Corrientes.
O Gran chaco suramericano ten unha superficie aproximada de 1.144.500 km2.
Subrexións
O Gran Chaco subdivídese de norte a sur en:
- Chaco Boreal, que se estende desde o río Pilcomayo até o paralelo 16° S. (Bolivia e Paraguai).
- Chaco Central, que se estende entre o río Pilcomayo até o antigo leito do río Bermejo, é dicir, o chamado polos guaranís Ypitá (Auga Vermella). (Arxentina e Bolivia).
- Chaco Austral, que se estende desde o río Bermejo cara ao sur até os contornos da lagoa de Mar Chiquita e a confluencia do río Salado co río Paraná, ou aproximadamente o paralelo 30° S. (Arxentina, Bolivia, Brasil e Paraguai).
As subregións central e austral conforman en Bolivia e a Arxentina a Rexión Chaqueña.
Ríos e serras da rexión
Dentro dos ríos e serras que se encontran dentro da rexión do Chaco, están os seguintes:
- Ríos: Timane, Parapiti, Paraguai, Pilcomayo, Teuco, Bermejo, Paraná, Salado e Dulce.
- Serras: Serras Pampeanas e Serranías Subandinas.
- Lagoas: Lagoa de Mar Chiquita.
Clima, flora, fauna e uso do territorio
Rexións naturais e clima
Aopografía e o clima do Chaco varían ao longo do territorio, polo cal se fixo a seguinte clasificación:
- Chaco húmido e subhúmido: caracterizado por ter un clima subtropical cálido. As chuvias achegan unha maior diversidade biolóxica. A maioría dos ríos do Gran Chaco encóntranse nesta rexión.
- Chaco semiárido: é unha planicie que ocasionalmente presenta, na zona norte, a presenza de ríos ou lagoas.
- Chaco árido: é a zona máis seca de toda a rexión. A súa vexetación está constituída por plantas xerófilas e matogueiras.
- Chaco serrano: dentro da súa vexetación altérnanse bosques con especies subtropicais (como os quebrachos) con pasteiros.
Flora e fauna
De acordo coas condicións da rexión, a flora e a fauna son diversas. Porén, pódense destacar as seguintes:
- Flora: o palo borracho, o quebrancho branco, o algarrobo, a palma negra, o jenipapo e a guaraniná.
- Fauna: mataco bola, conejo de los palos, carpincho, surubi, pecarí chaqueño, corzuela parda.
Uso do territorio
Aínda que cultivado desde os primeiros asentamentos europeos desde o século XVI, o Chaco Suramericano albergou só áreas agrícolas illadas e moi pequenas até a década de 1970. Desde entón, os mercados cada vez máis globalizados e os prezos crecentes dos grans contribuíron a disparar a taxa de expansión agrícola, co 16 % do solo baixo cultivo no ano 2000.
Etnografía
A poboación autóctona está conformada por dez troncos lingüísticos dos cales se desprenden aproximadamente corenta etnias diferentes que ocuparon zonas dos catro diferentes países que abarca o Chaco: Arxentina, Bolivia, Brasil e Paraguai. A continuación, preséntanse as diferentes familias lingüísticas coas etnias correspondentes e a situación de acordo co país.[1]
Mbaya-Guaycurú
- Arxentina: qom (durante o século XIX e até inicios do presente século XXI, máis coñecidos polo alcume pexorativo de orixe guaraní "toba"), pilagá, mocovíes, abipones, mbayáes.
- Paraguai: mbayáes.
- Brasil: caduveos.
Mataco-Mataguayo
- Arxentina: wichíes, mataguayos, chorotes, chulupíes, nivaclés.
- Bolivia: weenhayek (ou wichí).
- Paraguai: makáes, nivaclé.
Zamuco
- Bolivia e Paraguai: ayoreos.
- Paraguai e o Brasil: yshir ou chamacocos.
Enelhet-Enelhet(Maskoy)
- Paraguai: angaités, guanáes, snapanáes, toba maskoy.
Chiquitano ou Besiro
- Bolivia: chiquitanos.
- Brasil: chiquito.
Tupí-Guaraní
- Arxentina: chiriguanos, mbya, tapietés.
- Bolivia: ava guaraníes, gwarayúes, juki, simba, sirionós, tapietés.
- Paraguai: ava guaraníes, ñanderetáes, pai taviterã, mbya.
- Brasil: ñandevas, kaiowáes, mbya.
Arauacos
- Arxentina: chanés.
- Brasil: kinikinawas, terenas.
Toconoté
- Arxentina: tonocotés.
Historia
Características xerais das culturas precolombianas
O etnólogo alemán Walter Krickeberg, na súa obra titulada Etnología de América,[2] fai unha descrición xeral das culturas del Gran Chaco, enfatizando as seguintes características xerais:
- Debido ás características do terreo, non existiu gran desenvolvemento da agricultura. A maioría das etnias estaban conformadas por cazadores-recolectores-pescadores.
- O mel era un produto que se recolectaba en toda a rexión.
- A arma principal dos cazadores era o arco.
- O can era o único animal doméstico coñecido antes do contacto cos europeos.
- As chouzas eran cupuliformes, feitas con ramas encurvadas e paraventos.
- Tiñan rituais de nacemento, inicio da puberdade e morte. Permitíase o aborto e, nalgúns casos, o infanticidio.
- A pesca era de grande importancia. Usábanse buitróns (redes somerxíbeis).
- Os seus utensilios para preparar alimentos eran queixadas de piraña, valvas de cunchas e puntas de óso.
Caduveos
Os caduveos denominábanse así mesmos como cadiguegodí.[3] A súa poboación principal situábase no Brasil, especialmente en Mato Grosso do Sur. Actualmente divídense en catro aldeas principais: Bodoquena, Campina, Tomázia e São João. Pertencen á familia lingüística mbayá-guaycurú. Son recoñecidos como os últimos sobreviventes desta familia lingüística. Coñecéronse tamén como "indios cabaleiros" polo grande uso e domesticación que lle deron aos cabalos e, por esta razón, utilizaban máis as lanzas que os arcos para a cacería. Vivían da recolección de froitos silvestres, e permitían a práctica do infanticidio e o aborto. Claude Lévi-Strauss dedícallers un capítulo enteiro no seu libro Tristes Trópicos,[4] onde fai unha análise detallada sobre unha das porincipais características culturais dos caduveos: a pintura corporal. Dentro deste estudo, Lévi-Strauss fai as seguintes observacións:
- Mostrábase a xerarquía dos nobres por medio de pinturas corporais feitas con patrtóns ou tatuaxes.
- A cara e ás veces o corpo cubríanse por unha serie de arabescos asimétricos.
- Podían facerse en pintura ou en tatuaxes.
- Divídese a cara en catro partes para ser decorada.
- De acordo co misioneiro xesuíta Sánchez Labrador (1760), as castas nobres só pintaban a fronte e só aos prisioneiros lles pintaban a cara completa.
- De igual forma, soamente as mulleres novas eran as que seguían esa tradición.
- Actualmente, as pinturas soamente se realizan por pracer, e poden ser temporais ou permanentes.
- A tinta estaba feitaa do froito da árbore chamada jenipapo, Genipa americana, e usaban espiñas de peixe para realizar as tatuaxes.
Conquista do Gran Chaco e reducións xesuítas e franciscanas
O illamento do Chaco viuse favorecido pola impenetrabilidade do seu territorio, e a férrea resistencia dos seus habitantes mantería as culturas orixinarias durante tres séculos despois do descubrimento de América. En 1524, Alejo García foi o primeiro europeo en internarse no Gran Chaco. Penetrou no Chaco chegando até os contrafortes andinos. Juan de Ayolas, alguacil maior, internouse no Chaco chegando até Bolivia; foi morto polos nativos na viaxe de regreso (1540). O 11 de marzo de 1542 chega a Asunción Alvar Núñez Cabeza de Vaca, que intenta chegar á Serra da Prata. O capitán Hernando Ribera foi enviado ao norte e remontou o río Paraguai.
A continuación, preséntase un cadro coas principais misións realizadas por xesuítas e franciscanos na área do Chaco.[5]
ANO | MISIÓN | ORDE | ETNIA | PAÍS | DESCRICIÓN |
---|---|---|---|---|---|
1580 | San Lorenzo de los Altos | Franciscana | Guaraní | Paraguai | Luis de Bolaños e Alonso de Buenaventura. Conseguiron reunir a máis de 1300 indíxenas. |
1610 | Nuestra Señora María de los Reyes | Xesuíta | Guaykurú | Paraguai | Roque González de Santa Cruz. En Yasocá, a unha legua do río Paraguai, fronte a Asunción. |
1708 | Concepción | Xesuíta | Chiquitana | Bolivia | Fundada polo xesuíta Lucas Caballero. En 1767 pasou a ser administrada por civís. |
1717 | Concepción, no el Valle de Salinas | Xesuíta | Chiriguana e Mataguaya | Bolivia | Fundada o ano 1717 polo padre Francisco Guevara. Os franciscanos fixéronse cargo dela en 1769 por mandato do corrixidor de Tarija. |
1760 | Nuestra Señora de Belén | Xesuíta | Mbayá | Paraguai | Os xesuítas buscaban conectar as misións de Chiquitos (Bolivia) coas de Paraguai. |
1851 | San Roque de Aguairenda | Franciscana | Chiriguana | Bolivia | Giuseppe Giannelli. Aquí as epidemias provocaron a diminución da poboación orixinaria; en 1896 había 290 persoas. |
1900 | Nueva Pompeya | Franciscana | Wichi | Arxentina | No ano 1900 as autoridades chaqueñas concederon 20.000 hectáreas. |
1901 | San Francisco de Laishí | Franciscana | Toba | Arxentina | Durante a segunda presidencia de Julio Roca autorizouse fundar reducións indíxenas en Formosa. |
A ditadura de Gaspar Rodríguez de Francia
José Gaspar Rodríguez de Francia foi un avogado e político paraguaio considerado o ideólogo e principal dirixente da Independencia de Paraguai, das Provincias Unidas do Río da Prata e do Imperio do Brasil da Coroa española. Gobernou desde 1814 a 1840 sen permitir ningunha influencia do exterior, e o seu goberno caracterizouse por ter tres obxectivos principais: eliminar calquera elemento do estranxeiro, eliminar a influencia colonial e obter a lealdade dos cidadáns e persoas que se encontraran ao servizo do Estado.[6]
Guerra do Chaco
- Artigo principal: Guerra do Chaco.
Foi un enfrontamento entre Paraguai e Bolivia que durou de 1932 a 1935. Unha das razóns principais do conflito foi que desde a conformación dos respectivos Estados-Nación non se encontraba ben delimitado o territorio, sendo a subrexión do Chaco Boreal a que se disputaban. Entre as consecuencias encóntrase o impacto ás comunidades indíxenas. O 27 de abril de 2009, 74 anos despois de finalizado o enfrontamento bélico, os presidentes Evo Morales de Bolivia e Fernando Lugo de Paraguai asinaron en Buenos Aires o acordo definitivo de límites territoriais do Chaco Boreal.
Actualidade
En censos realizados nos últimos anos, as porcentaxes das poboacións das comunidades indíenas quedaron da seguinte maneira:[7]
- No Chaco Boliviano viven aproximadamente 136.505 indíxenas, o 2,7 % do total do país.
- No Chaco Paraguaio viven aproximadamente 39.240 indíxgenas, o 50 % do total do país.
- No Chaco Arxentino viven aproximadamente 149.000 indíxenas, o 6 % do total do país.
Reformas legais
Dentro das reformas legais para o recoñecemento dos pobos indíxenas que cada país que integra a área do Gran Chaco realizadas de maneira interna, destacan as seguintes:[8]
- ARXENTINA. En 1994 refórmase a Constitución Nacional. Orixinalmente se sinalaba "manter aos indios en reservas e convertelos á relixión católica”. Actualmente, despois da reforma: "recoñecer a preexistencia étnica dos pobos indíxenas arxentinos. Garantir o respecto á súa identidade e o dereito a unha educación bilingüe e intercultural".
- BRASIL. Constitucionalmente faise referencia aos pobos e linguas indíxenas até o ano 1988. Recoñecense as comunidades no capítulo VIII, que ten por nome "Dos Indios".
- BOLIVIA. Co goberno de Evo Morales, recoñécense as 36 linguas faladas no país, de acordo co Art. 5, inciso I, da Carta Magna Bolivariana. Destaca a obrigatoriedade da formación nunha educación trilingüe: lingua española, lingua ordinaria e lingua estranxeira.
- PARAGUAI. Na Constitución de 1992 recoñécese ao país como un estado pluricultural e bilingüe, recoñecendo como linguas oficiais o español e o guaraní.
Datos complementarios
Principais cidades
- San Miguel de Tucumán, Arxentina, 800.000 habitantes.
- Salta, Arxentina, 554.000 habitantes.
- Resistencia, Arxentina, 385.000 habitantes.
- Santiago del Estero, Arxentina, 327.000 habitantes.
- Formosa, Arxentina, 234.146 habitantes.
- Yacuiba, Bolivia, 91.000 habitantes
Porcentaxee de superficie por país
A rexión chaqueña ocupa diferentes extensións en cada un dos seguintes países.[9]
- Chaco paraguaio: aproximadamente 153.000 km², 18,4 %.
- Chaco brasileiro: aproximadamente 56.000 km², 4,9 %.
- Chaco arxentino: aproximadamente 250.000 km², 27,1 %.
- Chaco boliviano: aproximadamente 675.000 km², 49,6 %.
Notas
- ↑ Culturas del Gran Chaco Sudamericano.
- ↑ Krickeberg, Walter, Etnología de América. México, Fondo de Cultura Económica, 1946.
- ↑ Introducción > Kadiwéu
- ↑ Lévi-Strauss, Claude, Tristes Trópicos: http://www.lasonora.org/pdfs/album5/Tristes-Tropicos.pdf Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine..
- ↑ Reducciones Jesuitas y Franciscanas. Gran Chaco y regiones fronterizas.
- ↑ Blog de Historia de Paraguay. http://paraguay-historia.blogspot.mx/2009/12/la-dictadura-del-doctor-francia.html
- ↑ Atlas del Gran Chaco. Gobierno de Bolívia [en línea] disponible en: http://redaf.orxg.ar/wp-content/uploads/2008/02/ATLAS_GRAN_CHACO_ES.pdf[Ligazón morta], pp. 52.
- ↑ Durante, Santiago, Las lenguas del Gran Chaco: situación sociolingüística y políticas. Agencia Nacional de Promoción Científica y Tecnológica de la República de Argentina: http://elies.rediris.es/Language_Design/LD13/DURANTE_LD13.pdf
- ↑ Atlas del Gran Chaco.Gobierno de Bolívia,http://redaf.org.ar/wp-content/uploads/2008/02/ATLAS_GRAN_CHACO_ES.pdf
Véxase tamén
Outros artigos
- O Cerrado
- Chaco Austral
- Chaco Boreal
- Chaco Central
- Chiquitania
- Guerra do Chaco
- Conquista do Chaco