Guinness
Guinness é unha marca de cervexa negra de tipo stout elaborada inicialmente por Arthur Guinness (1725-1803) e na fábrica St. James's Gate Brewery, situada na cidade de Dublín (Irlanda). Esta cervexa é coñecida polo seu singular gusto a malte. Elabórase dende 1759 e baséase no estilo porter orixinado en Londres a principios de 1700. Trátase dunha das cervexas máis coñecidas do mundo e expórtase á meirande parte dos países. É a cervexa máis popular entre os irlandeses, sendo a bebida alcohólica máis vendida de tódolos tempos en Irlanda, onde Guinness & Co. ten uns ingresos de 2000 millóns de euros anuais.
A cervexa Guinness é toda unha icona en Irlanda, sendo un caso especial no que unha marca de bebida alcohólica elaborada por unha empresa privada chegou a identificarse coa alma dunha nación; de feito a imaxe de Guinness é asociada directamente con Irlanda e co pobo irlandés. Dende 1997 pertence á multinacional cervexeira Diageo, con sede en Londres, logo da fusión de Guinness UDV e Grand Metropolitan plc.
Historia
O fundador da empresa cervexeira foi Arthur Guinness, que comezou coa elaboración das ales inicialmente en Leixlip, na empresa denominada St. James's Gate Brewery, en Dublín (Irlanda) o 31 de decembro de 1759. Asinou un contrato de arrendamento dunha cervexaría abandonada durante 9000 anos pola cantidade inicial de 100 libras cunha renda anual de 45 libras por ano que incluía o dereito á auga. No museo da Fábrica de Guinness pódese ver o contrato de alugamento.[1][2][3] A fábrica de cervexa tiña unha extensión de 4 acres (1,6 hectáreas) e só un tanque para ferver, un kieve, un muíño, dous depósitos de malte, cortes para 12 cabalos e un graneiro para almacenar 200 toneladas de feo. Arthur comezou a fabricar porter, un tipo de cervexa negra, e ale. Dez anos despois da apertura da fábrica, o 19 de maio de 1769, Guinness exportou por primeira vez cando enviou seis barrís de cervexa a Inglaterra.
Chegouse a crer que esta cervexa foi a primeira en orixinar o tipo stout. Porén, a primeira referencia documental ao stout en relación a unha cervexa Guinness foi nunha carta no manuscrito Egerton datado en 1677,[4] case cerca de 50 anos antes de que Arthur Guinness nacese. O primeiro uso da palabra stout no contexto da cervexa Guinness foi o seu stout-porter de 1820. Guinness elaborou a súa primeira cervexa porter no ano 1778.[5]
O 16 de maio de 1775, encargouse a un comité e a un alguacil do concello de Dublín que cortasen e pechasen a canle (o Grand Canal en James's Street de Dublín comezara a construírse en 1757 e permitía o acceso por auga ao porto de Shannon e a Limerick e que era fundamental para a fábrica de cervexa ao permitir o transporte de barrís e materias primas ata ben avanzado o século XX) da cal a fábrica de cervexa extrae a auga, Arthur Guinness viuse forzado a brandir unha piqueta para protexer a súa fonte de subministración. A disputa resolveuse finalmente en 1784, cando se lle concederon dereitos sobre a auga durante un período de 8975 anos.
Arthur Guinness comezou a comercializar a cervexa negra porter en 1778.[6] As primeiras cervexas Guinness que empregaron o termo foron as Single Stout e Double Stout nos anos 1840.[7] Guinness producía soamente tres variacións dun só tipo de cervexa: porter ou single stout, dobre ou extra e foreign stout para a exportación.[8]
Nos década de 1790 produciuse a primeira grande expansión da empresa cervexeira. As cubas 1 e 2, que seguen existindo hoxe en día, foron construídas durante esta expansión. Aparecen no mapa por primeira vez en 1820.
En 1799 Arthur Guinness fabrica o último ale de Dublín cando tomou a decisión de concentrarse unicamente na produción da cervexa porter cada vez máis popular, e en 1801 fabricou por primeira vez a porter das Indias Occidentais (precursora da Guinness Foreign Extra Stout da actualidade).
A principios do século XIX a cervexa Guinness aumenta as súas exportacións, exportando por primeira vez a Lisboa en 1811 e a Barbados, Guernsey, Trinidad e Tobago e Serra Leoa na década de 1820, isto fixo que a Guinness fose cada vez máis coñecida no mundo, aparecendo nun xornal de Dublín un anuncio de Guinness’s East & West India Porter en 1824. Parte desta popularidade, especialmente en Europa, débese a que segundo se di, contribuíu á recuperación dun oficial de cabalería ferido na batalla de Waterloo (este feito recórdase nun anuncio de 1930).
Guinness converteuse nun dos tres cervexeiros británicos e irlandeses máis importantes, elevando as vendas de 350 000 barrís en 1868 a 779 000 en 1876.[8] En outubro de 1886 Guinness converteuse nunha compañía pública, cunha media de vendas de 1 138 000 barrís ao ano. Guinness rexeitou ofrecer a súa cervexa con desconto e sen anunciala.[8]
Composición
A cervexa de malte de Guinness (Guinness stout) componse de auga, cebada, malte, lúpulo e lévedo de cervexeiro. Menciónase que na súa elaboración se emprega a auga procedente das montañas de Wicklow e non do río Liffey como ás veces se pensa. Unha porción da cebada é feita escamas e asada para darlle á Guinness a súa cor escura rubí e o seu sabor característico. É pasteurizada e filtrada.
A cervexa comercializada en barrís (Draught beer) contén certas cantidades de nitróxeno (N2) así como dióxido de carbono. O nitróxeno é moito menos soluble que o dióxido de carbono (CO2), o que permite á cervexa almacenarse nestes recipientes sen que se converta nunha bebida carbonatada. A alta presión do gas disolto permite que se formen pequenas burbullas e ao servirse se xere a súa escuma característica. A cremosidade da Guinness de barril débese en parte á súa pequena cantidade de dióxido de carbono e deste xeito xéranse pequenas burbullas debido ao uso de gas de nitróxeno a alta presión. A versión da cervexa denominada Original Extra Stout ten un sabor bastante diferente e contén só dióxido de carbono, dándolle un sabor máis ácido.
A pesar da súa reputación de «comida nun vaso» ou «pan líquido», Guinness só contén 198 calorías por pinta (1460kJ/L), menos que a mesma cantidade que un vaso equivalente de leite desnatado ou dun zume de laranxa. Guinness non é axeitada para veganos e vexetarianos debido ao uso de ictiocola para refinala, que provén do peixe.
Elaboración
A cebada é preparada de tres xeitos: malteada, en folerpas e tostada (para darlle a súa cor característica). Esta cebada móese nun muíño e posteriormente, a masa de cebada mestúrase con auga quente e esmágase para levala despois a un barril de malte. Déixase macerar durante unha hora para que os amidóns se convertan en azucres, producindo un mosto de cervexa doce. A continuación engádese o lúpulo ao mosto de cervexa nunha marmita de 20 toneladas, férvense os ingredientes a altas temperaturas durante uns 90 minutos e cóase. O mosto co lúpulo arrefríase e engádeselle o fermento, para despois pasalo a unha vasilla na que os azucres se converten en alcohol. Déixase fermentar durante 48 horas e extráese o lévedo por centrifugación. O líquido resultante xa é stout, é a Guinness madura, e acondiciónase durante 10 días en grandes tanques antes de pasala aos barrís ou embotellala para o seu consumo.
Guinness e a saúde
Realizáronse estudos que indican que a Guinness pode ser beneficiosa para o corazón. Os investigadores demostraron que os compostos antioxidantes presentes na Guinness, similares aos presentes en certas verduras e froitas, son os responsables destes efectos saudables porque moderan o depósito de colesterol malo nas paredes arteriais.[9][10]
Guinness dirixiu unha campaña publicitaria nos anos 20 do século XX que se derivaba dunha investigación de mercado na que a xente dicía á compañía que parecían sentirse mellor despois da súa pinta. Naceu así o slogan "Guinness is Good fou You" (en galego Guinnes é boa para vostede). Este tipo de anuncios de bebidas alcohólicas que implica a mellora das calidades individuais está agora prohibido en Irlanda.[11] Diageo, a compañía que agora fabrica Guinness cambiouno por "Nunca facemos reclamacións médicas polas nosas bebidas."[12]
Bibliografía
- Patrick Lynch e John Vaizey - Guinness's Brewery in the Irish Economy: 1759-1876 (1960) Cambridge University Press
- Frederic Mullally - The Silver Salver: The Story of the Guinness Family (1981) Granada, ISBN 0-246-11271-9
- Brian Sibley - The Book Of Guinness Advertising (1985) Guinness Books, ISBN 0-85112-400-3
- Peter Pugh - Is Guinness Good for You: The Bid for Distillers – The Inside Story (1987) Financial Training Publications, ISBN 1-85185-074-0
- Edward Guinness - The Guinness Book of Guinness (1988) Guinness Books
- Michele Guinness - The Guinness Legend: The Changing Fortunes of a Great Family (1988) Hodder and Stoughton General Division, ISBN 0-340-43045-1
- Jonathan Guinness - Requiem for a Family Business (1997) Macmillan Publishing, ISBN 0-333-66191-5
- Derek Wilson - Dark and Light: The Story of the Guinness Family (1998) George Weidenfeld & Nicolson, Ltd., ISBN 0-297-81718-3
- S.R. Dennison e Oliver MacDonagh - Guinness 1886-1939: From Incorporation to the Second World War (1998) Cork University Press, ISBN 1-85918-175-9
- Jim Davies - The Book of Guinness Advertising (1998) Guinness Media Inc., ISBN 0-85112-067-9
- Al Byrne - Guinness Times: My Days in the World’s Most Famous Brewery (1999) Town House, ISBN 1-86059-105-1
- Michele Guinness - The Guinness Spirit: Brewers, Bankers, Ministers and Missionaries (1999) Hodder and Stoughton, ISBN 0-340-72165-0
- Mark Griffiths - Guinness is Guinness: The Colourful Story of a Black and White Brand (2004) Cyan Communications, ISBN 0-9542829-4-9
- Tony Corcoran - The Goodness of Guinness: The Brewery, Its People and the City of Dublin (2005) Liberties Press, ISBN 0-9545335-7-7
Notas
- ↑ "Diageo Guinness Profile". Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2010. Consultado o 15 de xuño de 2011.
- ↑ "Guinness Storehouse". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2020. Consultado o 15 de xuño de 2011.
- ↑ Guinness celebrates 250 years
- ↑ Amazon Online Reader: Stout (Classic Beer Style Series, 10)
- ↑ Guinness, Patrick (2008). Arthur's Round: the Life and Times of Brewing Legend Arthur Guinness. Londres: Peter Owen. ISBN 0-7206-1296-9.
- ↑ Guinness, Patrick (2008). Arthur's Round: the Life and Times of Brewing Legend Arthur Guinness. Londres: Peter Owen. ISBN 0-7206-1296-9.
- ↑ "Guinness's Brewery in the Irish Economy 1759–1876", Patrick Lynch and John Vaizey, publicado en 1960, páxinas 150–151
- ↑ 8,0 8,1 8,2 http://www.oxforddnb.com.ezproxy.lib.le.ac.uk/view/article/33601/33601?back=,61601,11726,33600[Ligazón morta]
- ↑ BBC News, ed. (13 de novembro de 2003). "Guinness could really be good for you". BBC Online. Consultado o 22 de agosto de 2010.
- ↑ Mann LB, Folts JD (2004). "Effects of ethanol and other constituents of alcoholic beverages on coronary heart disease: a review". Pathophysiology 10 (2): 105–12. PMID 15006416. doi:10.1016/j.pathophys.2003.10.011.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2015. Consultado o 15 de xuño de 2011.
- ↑ Guinness could really be good for you
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Sitio web oficial de Guinness
- Selección dalgúns anuncios de Guinness Arquivado 23 de xullo de 2011 en Wayback Machine.