Hidrostática

A hidrostática é a rama da mecánica de fluídos que estuda os fluídos en estado de repouso, tales como gases e líquidos. As bases principais da hidrostática son o principio de Pascal e o principio de Arquimedes

Principio de Pascal

Artigo principal: Principio de Pascal.

O principio de Pascal é unha lei enunciada polo físico e matemático francés Blaise Pascal (1623-1662) que se resume na frase: "o incremento da presión aplicada a unha superficie dun fluído incompresíbel contido nun recipiente indeformábel, transmítese co mesmo valor a cada unha das partes do mesmo". É dicir, que se aplicamos presión a un líquido non comprimíbel nun recipiente pechado, esta transmítese con igual intensidade en todas as direccións e en todos os sentidos.

Este tipo de fenómeno pósese apreciar, por exemplo, na prensa hidráulica ou no gato hidráulico; ambos dispositivos baséanse no principio de Pascal. A condición de que o recipiente sexa indeformábel é necesaria para que os cambios na presión non actúen deformando as paredes do mesmo en lugar de transmitirse a todos os puntos do líquido.

Principio de Arquimedes

Artigo principal: Principio de Arquimedes.

O principio de Arquimedes establece que calquera corpo sólido que se encontre somerxido total ou parcialmente nun fluído será empuxado en dirección ascendente por unha forza igual ao peso do volume do líquido desprazado polo corpo sólido.

O obxecto non ha estar necesariamente somerxido completamente no fluído, xa que se o impulso que recibe é maior que o peso aparente do obxecto, este flotará e estará somerxido só parcialmente.