Independencia de Portugal
- Este artigo trata do nacemento do reino de Portugal na Idade Media. Para a independencia de Portugal do reino de Filipe IV de España (Filipe III de Portugal), véxase Historia de Portugal#Casa de Braganza#Independencia.
Aínda que a teoría clásica da historia española sostén, sen fundamento, unha moi rápida ocupación musulmá da Península Ibérica e unha suposta Reconquista polos descendentes dos visigodos, na relidade a súa presenza no noroeste peninsular foi, de existiren, efémera. Neste espazo cristian axiña se desenvolveu un novo estado, o reino da Galiza, do que nacerían andando os anos outros como Castela ou Portugal.
O rei Afonso III de Galicia (848-910) conquista, en 868, a cidade do Porto e, en 878, a de Coímbra. Ordena a redacción das súas crónicas, coas que pretendía establecer un vinculo xenealóxico entre el e os derradeiros reis visigodos.
Á súa morte dividuiu o seu reino entre os seus fillos: a Ordoño deixoulle a franxa occidental —a actual Galicia e norte de Portugal—, como rei de Galicia); a Froila, a franxa cantábrica —actuais Asturias e Cantabria— como rei de Asturias), e a García I, a cidade de León co seu territorio, o chamado territorio legionense ou terra de foris. Unha zona de expansión onde remataría por establecerse a capital do reino.
Algúns anos máis tarde, o rei Afonso VI de León recibe a axuda, para a reconquista do reino de Galicia das incursións dos almorábides, de dous cruzados franceses, os primos Raimundo e Henrique de Borgoña e, como premio, dálles as mans das súas fillas Urraca e Tareixa, respectivamente, coas dotes dos condados de Galicia e Portugal (este último feudatario do de Galicia), nos que diviudiu o reino de Galicia. En 1096 Afonso, descontento coa política de Raimundo, desvincula o condado Portucalense do de Galicia, dándolle plena autonomía a este último, que pasa a ser feudo directo do rei de León.
Deste condado nacería o reino de Portugal. Henrique gobernou no sentido de conseguir unha máis ampla autonomía para o seu condado, deixándolle ao seu fillo Afonso Henriques unha terra portucalense máis libre, e máis ampla territorialmente, da que recibira. Á morte de Henrique (1112) sucedeulle no goberno do condado a súa viúva Tareixa durante a minoridade do fillo de ambos, Afonso Henriques.
Inicialmente, o pensamento de Tareixa foi igual que o do seu espopso, fortalecer a vida portucalense en conseguir a independencia para o condado. E así, en 1121, comezou a titularse como raíña. Pero os moitos conflitos coa nobreza, coa xerarquía eclesíástica, e a influencia que concedeu a algúns nobres galegos do norte, especialmente a Fernando Pérez de Traba na xestión dos negocios públicos, prexudicou o seu esforzo, sendo obrigada a abandonar as súas pretensións e a cambiar de política e, finalmente, a abdicar no seu fillo, que se rebelara contra ela.
En efecto, Afonso Henriques, aos 14 anos de idade, en 1125, apoiado pola nobreza portuguesa e o alto clero, armouse por si mesmo cabaleiro no desterro, en Tui. A loita entre Afonso Henriques e a súa nai culmina o 24 de xullo de 1128 na batalla de San Mamede (Guimarães), tras a que Tareixa, derrotada, é explusada da terra que dirixira durante 15 anos; Afonso tomou a plena posesión do condado, e declarouno, despois da batalla de Ourique, reino idependente.
Antecedentes
- Artigo principal: Condado Portucalense.
O primeiro Condado Portucalense
No actual territorio de Portugal, ao longo do proceso da Reconquista, houbo dúas entidades políticas coñecidas como Condados Portucalenses ou Condados de Portucale.
O primeiro condado foi fundado polo nobre galego Vimara Pérez (ou Vímara Peres, ou Guímara Peres), conde da Coruña, despois da toma (ou repoboación) de Portucale (Porto), en 868. Ocupaba un territorio aproximado ao do actual Entre-Douro-e-Minho. O condado foi gobernado por varios descendentes de Vimara, até que foi incorporado plenamente ao Reino de Galicia en 1071, cando o rei García tivo que sufocar a rebelión do seu titular, o conde Nuno II Mendes, que sería derrotado na batalla de Pedroso, pasando o título a mans reais. Porén, durante toda a súa existencia, aínda que gozando de ampla autonomía, o condado constituíu sempre unha dependencia dos Reinos de Asturias, León e Galicia)
O segundo Condado Portucalense
Vermudo III, fillo do rei Afonso V o Nobre e da aristócrata galega Elvira Meendiz, herdou o goberno de toda Galicia con apenas 17 anos de idade, sendo recoñecido como Imperator in Gallecia, é dicir, "emperador en Galicia", desde a cidade de León —daquela capital do reino— tivo que facer fronte ás reclamancións territoriais que o reino de Navarra mantiña sobre o condado de Castela. Para iso propiciou o matrimonio entre a súa irmá, Sancha, co conde castelán García Sánchez. Pero ao ser asasinado o conde castelán nas vésperas da voda pola familia rival (a familia Vela), herda o condado de Castela o rei navarro Sancho III O Maior, que o cede ao seu fillo Fernando quen remata por casar con Dona Sancha. O feito de que o mozo Vermudo III encabezase a primeira liña da carga de cabalería e morrera dunha lanzada, permitiu a navarros e casteláns vencer na batalla de Tamarón. Coa morte de Vermudo III, o trono galego recae na súa irmá, Sancha (Sancha), que sería coroada como raíña (Sancha I). Finalmente, o casamento de Fernando propiciará que este sexa considerado "rei consorte" de toda Galicia (domus Fernandus princeps super omnem Galletiam)[1], gobernando desde a cidade de León. Ambos conseguiron non só manter o territorio herdado senón tamén amplialo, recuperando algunhas cidades perdidas como a importante Coímbra, que volvía render vasalaxe aos reis galegos, pese a que o seu gobernador fose musulmán.
Pero a morte do rei Fernando I en 1065 supuxo un novo conflito interno, pois no canto de recaer a coroa nun único herdeiro, o goberno foi disputado polos seus tres fillos maiores, que pasaron a gobernar autonomamente os territorios nos que conseguiran establecer relacións familiares. Se ben é verdade que parte da historiografía considera tal feito como unha repartición xa predisposta por Fernando I antes da súa morte, a titulación de Sancha como raíña aínda, e a ausencia de calquera documento de repartimento feito por Fernando I ou Sancha induce a pensar que non existiu tal repartición. Anos máis tarde, cada un dos tres fillos aparecía gobernando diferentes territorios en calidade de reis, así o maior, Sancho II dominou as terras orientais, o condado de Castela grosso modo, Afonso VI a capital, León, e as súas terras próximas así como Asturias, o terceiro García I herdou as terras galegas entre Coímbra e o Cabo Ortegal. Aínda que esta situación tivo por consecuencia a fragmentación política do reino de Galicia. "Galicia" (ou "Galiza") seguiu sendo o termo que se empregaba para denominar o conxunto destas terras.
García I restaurou as sedes de Tui e Braga (a antiga metrópole sueva), e venceu varios conatos de anexión, pero finalmente foi derrotado polos exércitos dos seus irmáns Sancho II de Castela e Afonso VI en 1071[2], que o encarceraron no Castelo de Luna (León)[3] sendo prisioneiro até a súa morte no ano 1090. Os irmáns de García asinarían xa no ano 1071 co título de reis de Galicia na documentación galega do momento. García morreu en marzo de 1090 na prisión do castelo, e sempre se lle recoñeceu a dignidade real.
Esta nova situación non se acadou sen resistencias, pois García contaba con nobres leais que se opuxeron á usurpación de Afonso VI, tales como o conde Rodrigo Ovéquiz que encabezou unha rebelión no ano 1080 abertamente respaldada polo bispo de Santiago Diego Páez. Este foi finalmente deposto no Concilio de Husillos (1088), e entre os motivos de tal deposición cítase un presunto intento de concertar un acordo con Guillerme o Conquistador[4].
Cara á independencia
Henrique de Borgoña
En 1065, o Condado de Portucale e Galicia formaban parte do territorio atribuído por Fernando I ao seu fillo máis novo García, que foi o primeiro monarca que usou o título de "Rei de Portugal e Galicia". Mentres, el loitaba para controlar os seus nobres irascíbeis. Coa súa vitoria en 1071, na batalla de Pedroso, onde derrota a Nuno II Mendes, o Condado de Portucale extínguese, pasando ao rei García.
Máis tarde, en 1071, os seus irmáns Afonso VI e Sancho II tomaran o reino de Portugal e Galicia, expulsando a García. Na primavera seguinte, Sancho, á súa vez, expulsou a Afonso, volvendo a xuntar os tres reinos, o de León, o de Portugal e Galicia e o de Castela. Sancho aparece identificado como rei nun documento portugués de 1072. Co asasinato de Sancho, máis tarde, no mesmo ano, Afonso VI sucedeuno na coroa de León (que abranguía os tres reinos).
Tras a morte de García en prisión, en 1096 Afonso VI dividiu o territorio galego en dous condados. En 1091 a súa filla, a princesa Urraca casara co nobre borgoñón Raimundo de Borgoña, que asistira a Afonso na loita cos almorábides. As vitorias militares de Raimundo e a altura das súas relacións familiares en Europa propiciaran a conveniencia do enlace matrimonial, matrimonio ao que Afonso VI outorgou un importante dote: o goberno das terras galegas, desde o Ortegal até Coímbra, co título de condes.
Nesta altura, o pulo das expedicións almorábides recomendaba a distribución dos poderes militares, para reforzar mellor o territorio: un mando na zona central, a cargo do propio rei Afonso VI; outro, non oficial, exercido por El Cid en Valencia, e o terceiro en occidente, entregado a Raimundo. Pero este último non conseguiu defender eficazmente a liña do Texo —tendo xa perdido Lisboa, que fora cedida aos leoneses polo rei da taifa de Badaxoz, xuntamente con Santarém, que estaba tamén a piques a caer nas mans dos almorábides— e esta sería unha das razóns que atribúen algúns historiadores modernos da decisión tomada por Afonso VI [5] de reforzar aínda máis a defensa militar occidental, dividindo en dúas a zona atribuída inicialmente a Raimundo, e entregando a máis exposta a Henrique de Borgoña.
Dous anos máis tarde, en 1093, outro cruzado francés, Henrique de Borgoña, parente de Raimundo, neto do duque Roberto I, tomaba a man da filla máis nova de Afonso VI, Tareixa de León recibindo o goberno do Condado de Portugal, así como o de Coímbra, fundado o ano 868 polo nobre galego Vimara Pérez, e que comprendía as terras situadas entre os ríos Limia e Douro.
Artellábase deste xeito, unha complexa rede de relacións feudais; por unha parte, o rei Afonso VI, que gobernaba toda a Galicia e Toledo, recibía vasalaxe feudal de Raimundo e Urraca, que gobernaban s terras galegas desde Ortegal até Coímbra, e estes, á súa vez recibíana, de Tareixa e Henrique de Borgoña.
As constantes derrotas sufridas ante os almorábides e o crecente descontento do rei coa política administrativa do seu xenro Raimundo, levaron a Afonso VI a retirar os dereitos feudais que este e Urraca tiñan sobre o Condado Portucalense, equiparando o dominio destes ao de Henrique e Tareixa.
Así pois, aínda que o Condado Portucalense seguía a formar parte de Galicia, na práctica os seus condes deixaban de prestárenlle vasalaxe a Raimundo de Borgoña e Urraca, pasando a prestallo directamente ao rei de toda Galicia, Afonso VI, o que provocou certo descontento entre a nobreza galega ao norte do río Miño.
Á morte de Afonso VI (1109) deixou todos os seus territorios á súa filla lexítima Urraca, o que provocou a invasión de León por Henrique, para engadir este reino aos seus dominoios como vasalo.
O conde Henrique, apoiado polos intereses políticos cluniacienses, introduciuse ambiciosamente na política do reino, adquirindo gran poder na corte. Véndose na condición de subordinados ao rei, os condes ou gobernadores, a pesar de que tiñan amplos poderes administrativos, xudiciais e militares, o seu pensamento orientábase, naturalmente, cara a adquirir unha completa autonomía cando as condicións foran propicias (no caso portugués, eran).
Co fin de aumentar a poboación e revalorizar o seu territorio, Henrique deu foro e fundou vilas en varias terras, entre elas Guimarães, á cal fixo vila de burgueses, atraendo alí, con diversas regalías, moitos francos, seus compatriotas. En Guimarães fixou Henrique a súa residencia, en pazos propios, dentro do castelo que alí fora edificado no século anterior.
Tras tres anos de guerras contra Urraca e outros rivais polo trono de León, o conde Henrique morreu en 1112.
Afonso Henriques
Á morte de Henrique sucedeulle a súa viúva Tareixa no goberno do condado durante a minoridade do seu fillo Afonso Henriques. Tareixa continuo a loita contra a súa hermanastra e soberana Urraca entre 1116 e 1117, así como en 1120, temerosa, entre outras cosus, de que perigara a herdanza do seu fillo por unha posíbel descendencia do novo matrimonio de Urraca contraera con Afonso O Batallador, rei de Aragón e Pamplona. En 1121 Tareixa refuxiuose no castelo de Lanhoso, onde foi sitiada e capturada por Urraca. Establecida a paz entre ambas as irmás, negociada polos arcebispos de Santiago de Compostela (Diego Xelmírez) e de Braga, eclesiásticos rivais cuxa riqueza e podrer militar lles permitían ditar ordes aos soberanos. A rivalidade entre os arcebispos debíase a que ambos os dous loitaban por seren recoñecidos como o primado "de todas as Españas", e o seu antagonismo contribuíu a aumentar as aspiracións separatistas dos portugueses. Porén, a loita foiu suspendida temporalmente porque ambos os dous, virtuais príncipes dos seus respectivos territorios, tiñan razóns para someterse á autoridade de Urraca. Pactouse que Tareixa fora liberada e continuara gobernando no seu condado como feudo de León, enmarcado no reino de Galicia.
Durante os seguintes cinco anos compartiu riquezas e títulos co seu amante, o conde de Traba, ante a desaprobación do seu fillo, do arcebispo de Braga e de moitos nobres. Comezou a titularse "Raíña", pero os conflitos co alto clero e, sobre todo, a intimidade con Fernando Pérez de Traba, a quen entregara o goberno dos distritos do Porto e Coímbra, provocaron a revolta dos portucalenses e do seu propio fillo, que se sentían sistematicamente afastados, por estraños, da xestión dos negocios públicos.
Formáronse dúas tendencias, a de achegamento á política común galega, co novo rei, o ambicioso Afonso Raimúndez, ou o mantemento dun forte poder condal con aspiracións á proclamación real do herdeiro condal, do non menos ambicioso, seu primo Afonso Henriques.
Aos catorce anos de idade (1125), Afonso Henriques ármase a si mesmo cabaleiro –segundo o costume dos reis– transformándose así en guerreiro independente. A cerimonia levouse a cabo en Tui, en presenza do arcebispo de Braga, que fora forzado a emigrar.
O ascenso de Compostela á condición de metropolitana en detrimento da histórica Braga e a tendencia de achegamento de Tareixa á política ao norte do Miño, materializado na súa estreita relación con Fernando Pérez de Traba precipitaron os acontecementos no condado de Portugal. O arcebispo de Braga —arrebatado das reliquias de San Froitoso polo mesmo Xelmírez en 1102,[6]— e os grandes aristócratas portugueses —interesados nun maior poder territorial— foron os principais valedores das pretensión reais de Afonso Henriques. Ante tal situación o rei galego Afonso VII viaxou a Portugal sitiando a Afonso Henriques en Guimarães, até conseguir a súa promesa de fidelidade, que finalmente lle comunicou seu aio Egas Muñiz.
Pouco despois das promesas de fidelidade, apenas uns meses, en 1128, ante o incumprimento de Afonso Henriques, o pérfido galego, señor de Coímbra[7] —como o denomina o cronista Ibn Sahib al-Salah—, as tropas de Tareixa e Fernando Pérez de Traba libran en 1128 a batalla de San Mamede (Guimarães), onde as tropas dos partidarios do infante Afonso saen vitoriosas, asumindo este o pleno goberno do condado e concentrando entón todos os seus esforzos en obter o recoñecemento deste como reino.
Afonso converteuse nun dos heroes dos romanceiros medievais; os seus expolios foron relatados por trobadores de toa a Eurpoa suoccidental, e mesmo de África, onde era coñecido (e temido) como Ibn-Arrik ("fillo de Henrique") ou El-Bortukali ("O Portugués"). Os anais do seu reinado difumionados por unha gran cantidade de lendas.
Ocupouse en loitar en todas as fronteiras contra os seus veciños cristiáns e musulmáns. Afonso Henriques lograra varias vitorias sobre pos musulmáns. A principios do seu reinado, o fervor relixioso que mantivera a dinastía dos imperio Almorábide estaba en decadencia. En Portugal, xefes musulmáns independentes gobernaban sobre cidades e pequenas taifas, mentres en África os almohades estaban destruindo os restos do poder almorábide. Afonso cobrou vantaxe e conseguiu invadir o Alentejo axudado polos templarios e os hospitalarios, cuxos cuarteis xerais se encontraban en Tomar e Soure, respectivamente.
O 24 de xullo de 1139 logrou unha importante vitoria contra os mouros na batalla de Ourique, declarándose rei e independente, por tanto, do reino de León. Nacía así, en 1139, o reino de Portugal e a súa primeira dinastía, co rei Afonso I de Borgoña.
- Véxase tamén: Batalla de Ourique, Batalla de Sacavém e Asedio de Lisboa.
Recoñecemento do novo reino
Doce anos de campañas na fronteira con Galicia, incluíndo a invasión de Tui por Afonso Henriques en 1137, finalizada tras a sinatura do Tratado de Tui, remataron finalmente en 1143, cando, no tratado de Zamora, o seu curmán Afonso VII de León e Castela recoñeceuno como soberano independente.
A independencia de Portugal foi recoñecida por Castela no tratado de Zamora en 1143, no tratado de Zamora, debido ao desexo de Afonso VII de tomar o título de emperador de toda a Hispania e, como tal, necesitar ter reis como vasalos.
En 1167 volveu a guerra, vencendo Afonso Henriques na conquista de parte de Galicia, pero no intento de toma Badaxoz foi derrotado polas tropas de Fernando II de León, seu cuñado (1119), que estaba disposoto a negociar debido a que unha invasión moura era inminente e Portugal podería prestar valiosa axuda. Afonso foi liberado coa promesa de que abandonaría as zonas tomadas en Galicia.
Finalmente, o recoñecemento formal do Reino de Portugal foi en 1179, cando o papa Alexandre III, a través da bula Manifestis Probatum, recoñece a Afonso como rex (rei).[8].
Nacía entón un reino que, formando o seu territorio parte da Gallaecia dende o Imperio Romano, e tendo albergado incluso a capital do reino (Braga) durante moito tempo, adquiría a partir de agora a súa propia personalidade precisamente na medida en que se diferenciaba da monarquía galego-leonesa, cuxos líderes radicaban en León e Compostela[9].
Notas
- ↑ Documento n. 534 do Tombo de Celanova, ano 1060.
- ↑ Esta historia chegou a inspirar a Victor Hugo a creación da epopea Le Petit Roi de Galice (traducida como O reiciño de Galicia Arquivado 14 de marzo de 2012 en Wayback Machine.), incluída na primeira serie da obra La Légende des siècles.
- ↑ Alonso-Cortés, C.-D. Sota de copas, reina de espadas. ISBN 84-505-3492-5.(en castelán)
- ↑ Rivero González, I. Compendio de historia medieval española. ISTMO. ISBN 978-84-7090-125-6.(en castelán)
- ↑ Moito se ten especulado a cerca das razóns que levaron a Afonso VI a incluír a Henrique de Borgoña nos seus plans: quizais por ser sobriño da falecida raíña Constanza de Borgoña (e máis poderoso, por tanto, que Raimundo de Borgoña, por pertencer á liñaxe dos duques e non dos condes de Borgoña); ademais, era tamén sobriño-neto de Santo Hugo de Cluny, o que introduce a hipótese de facer de Henrique un caudillo militar para favorecer os intereses da Orde de Cluny no territorio.
- ↑ Lieber Gerson, Paula; Stones, Alison e Krochalis, Jeanne (1998). The pilgrim's guide to Santiago de Compostela: the pilgrim's guide : a critical edition. Harvey Miller Publishers,. ISBN 0905203526.(en inglés)
- ↑ De Almeida, Fortunato. (1922). História de Portugal, Volume 1. Oxford University.(en portugués)
- ↑ Associaçom Galega da Língua (1984). Actas I Congresso Internacional da Língua Galego-Portuguesa na Galiza. Ourense. (en portugués)
- ↑ López Carreira, A. (2005). O reino medieval de Galicia. Edicións A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, S.A. ISBN 84-96403-54-8. [1].
Véxase tamén
Bibliografía
- Carballeira Debasa, Ana María (2007): Galicia y los gallegos en las fuentes árabes medievales. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Cientifícas. ISBN 978-84-00-08576-6.
- De la Gándara, Felipe (1677): Nobiliario, armas y triunfos de Galicia". Madrid: Julian de Paredes.
- Fletcher, Richard A. (1984): Saint James's catapult: the life and times of Diego Gelmírez of Santiago de Compostela. ISBN 978-0-19-822581-2. (en inglés)
- García Oro, José (1987): Galicia en los siglos XIV y XV. A Coruña: Fundación "Pedro Barrie de la Maza, Conde de Fenosa". ISBN 84-85728-59-9.
- González López, Emilio (1978): Grandeza e Decadencia do Reino de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-303-6.
- López Carreira, Anselmo (2005): O Reino medieval de Galicia. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-8341-293-0.
- Pallares Méndez, M. C. e Portela Silva, E. (2007): A gran historia de Galicia. Tomo IV. Volume 2. Poder e mentalidade. A Coruña: ISBN 978-84-96931-08-4.
- Portela Silva, Ermelindo (2001): "García II de Galicia, el rey y el reino (1065-1090)". Burgos: Editorial La Olmeda. ISBN 84-89915-16-4.
- Rodríguez Fernández, Justianiano (1997): García I, Ordoño II, Fruela II, Alfonso IV. Burgos: Editorial La Olmeda. ISBN 84-920046-8-1.
- Runciman, Steven (1952): A History of the Crusades. Volume II: The Kingdom of Jerusalem and he Frankish East, 1100–1187. Cambridge University Press. Baldwin, M. W. (ed.) (1969: The first hundred years. XV: The Second Crusade, pp. 463-512.
- Thompson, E. A. (2002): Romans and barbarians: the decline of the Western Empire. Madison, Wisconsin: University of Wisconsin Press. ISBN 978-0-299-08704-3. (en inglés)
- Torres Rodríguez, Casimiro (1977): El Reino de los Suevos. Fundación Barrié de la Maza, A Coruña. ISBN 84-85319-11-7.
- Villacañas Berlanga, José Luis (2006): La formación de los reinos hispánicos. Pozuelo de Alarcón: Espasa Calpe. ISBN 84-670-2257-4.
Lecturas complementarias
- Saramago, José (2008): Historias del cerco de Lisboa. Punto de Lectura. ISBN 978-84-6632-168-6. (Novela histórica).
- Ventura, Maria Helena (2007): Afonso o Conquistador. Parede, Portugal: Edições Saída de Emergência. 2ª ed. ISBN 978-972-8839-85-7. (Biografía-novela histórica, ben documentada).