J. P. Morgan
John Pierpont Morgan nado en Hartford (Connecticut) o 17 de abril de 1837 e finado en Roma (Italia) o 31 de marzo de 1913, foi un empresario, banqueiro e coleccionista de arte estadounidense que dominou as finanzas corporativas e a consolidación industrial da súa época.
Entre as súas actividades destacaron a fusión de Edison General Electric e Thompson-Houston Electric Company para formar a General Electric Company en 1891, o financiamento para a creación da Federal Steel Company (Compañía Federal de Aceiro) e a fusión da Carnegie Steel Company e varias compañías máis do sector do ferro e do aceiro para formar en 1901 a Corporación dos Aceiro dos Estados Unidos. Asociouse co empresario irlandés William Pirrie, dos estaleiros Harland and Wolff, para a fundación do trust navieiro International Mercantile Marine Company.
Legou a maioría da súa colección de arte ao Museo Metropolitano de Arte da cidade de Nova York. A finais da súa carreira, a principios da primeira década de 1900, el e os seus socios tiñan cuantiosos investimentos financeiros en moitas grandes corporacións. En 1901 era un dos homes máis ricos do mundo. Morreu en Roma, Italia, en 1913, deixando a súa fortuna e negocios ao seu fillo, Jack Pierpont Morgan.
Traxectoria
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/5b/J.P._Morgan_cph.3a02120.jpg/240px-J.P._Morgan_cph.3a02120.jpg)
Morgan comezou a traballar en 1857 na empresa do seu pai, Junius S. Morgan, na sucursal de Londres, e emigrou á cidade de Nova York un ano despois. Alí traballou na firma Duncan, Sherman & Company, os representantes nos Estados Unidos de George Peabody & Company. De 1860 a 1864 traballou como axente en Nova York para a firma do seu pai como J. Pierpont Morgan & Company. Entre 1864 e 1871 foi membro da Dabney, Morgan & Company, que en 1871 se aliou coa Drexels of Philadelphia para formar a firma neoiorquina Drexel, Morgan & Company.
Durante a guerra civil estadounidense, Morgan entrou en contacto co goberno para adquirir rifles anticuados do exército por só 3,50 dólares cada un. O socio de Morgan arranxounos para revendelos posteriormente por 22 dólares. O exército decatouse de que estaba recomprando as súas propias armas, pero o que se chegou a denominar escándalo resultou ser máis un caso de ineficiencia gobernamental que un acto fraudulento de Morgan (o cal, entre outras cousas, non chegara a ver os rifles en ningún momento, e só actuaba como financeiro). Morgan, pola súa banda, do mesmo xeito que moitos cidadáns da clase alta (por exemplo o que foi máis tarde presidente, Grover Cleveland), evitou o servizo militar mediante o pago de 300 dólares en substitución.[1]
En 1985, trala morte de Tony Drexel, a compañía pasou a chamarse J. P. Morgan & Company. Seguía a conservar os seus lazos coa Drexel & Company en Filadelfia, a Morgan, Harjes & Company en París e a J. S. Morgan & Company (a partir de 1910 chamada Morgan, Grenfell & Company) en Londres. Para o ano 1900, era unha das entidades bancarias máis importantes do mundo, levando a cabo grandes negocios, especialmente fusións e adquisicións. Morgan tivo moitos socios ao longo dos anos, pero mantívose sempre ao mando.[2]
O ascenso ao poder de Morgan estivo acompañado por dramáticas batallas financeiras; quitoulle o control dos ferrocarrís Albany and Susquehanna a Jay Gould e Jim Fisk en 1869; dirixiu o lobby que rompeu os privilexios para as finanzas gobernamentais de Jay Cooke, e axiña viuse involucrado en desenvolver e financiar un imperio ferroviario a través de operacións mercantís en todas as partes dos Estados Unidos.
Acumulou grandes sumas de diñeiro en Europa, mais, en lugar de limitarse a reinvestir os fondos, axudou os ferrocarrís a reorganizarse e lograr un maior rendemento. Loitou contra os especuladores, interesados en simples ganancias a curto prazo, e creou unha nova visión dun sistema integrado do transporte. En 1885, reorganizou o ferrocarril de Nova York, a Costa Occidental e Buffalo, arrendándollo despois á New York Central. En 1886, reorganizou a compañía Philadelphia and Reading, e, en 1888, o Chesapeake and Ohio.
Despois de que o Congreso aprobase a "Interstate Commerce Act" de 1887, Morgan organizou conferencias en 1889 e 1890 que reuniron presidentes ferroviarios para axudar á industria a seguir as novas leis e acordos establecidos para o mantemento dunhas "taxas públicas, razoables, uniformes e estables". As conferencias foron as primeiras da súa clase, e crearon unha comunidade cun interese común entre as compañías do sector, preparando o terreo para as grandes fusións de principios do século XX.
Morgan especializouse en comprar empresas con problemas e reorganizar as súas estruturas de negocio e a súa xestión para volver facelas rendibles. A súa reputación como banqueiro e financeiro era xa tan alta que o axudaba a atraer o interese dos investidores nos negocios que compraba.
No ano 1900 financiou con 150 000 dólares e cedeu un predio en Long Island a Nikola Tesla para facer a Torre Wanderclyffe, o que prometía ser un transmisor de radio de alta potencia para comunicacións transatlánticas. En 1903, Tesla gastara todo o investimento inicial sen completar o proxecto; ademais Marconi realizara unha transmisión transatlántica cun equipo moito máis barato. Entón Morgan declinou refinanciar máis este proxecto. Tesla tentou xerar maior interese na Torre Wanderclyffe revelando a capacidade de transmitir electricidade de forma inalámbrica, pero coa perda dos fondos de Morgan, e a situación de Wall Street en 1903, o seu proxecto nunca foi completado.
En 1895, no momento económico máis baixo trala depresión económica de 1893, o Tesouro Federal estaba case sen ouro nos seus reservas. O presidente Grover Cleveland chegou a un acordo con Morgan para crear un sindicato privado en Wall Street para prover o Tesouro dos Estados Unidos con 65 millóns de dólares en ouro, a metade procedente de Europa, para emitir débeda do tesouro que permitise recuperar as arcas do tesouro ata un superávit de 100 millóns. O episodio salvou o tesouro, pero danou politicamente a Cleveland a través da á agraria do seu partido, o Partido Demócrata, e converteuse nun tema clave das eleccións de 1896, cando os bancos se converteron no obxecto dos ataques de William Jennings Bryan. Morgan e o resto de banqueiros de Wall Street fixeron fortes doazóns ao candidato republicano, William McKinley, que resultou elixido en 1896 e reelixido en 1900.[3]
En calquera caso, os inimigos da banca atacaron a Morgan polos termos do seu préstamo de ouro ao goberno federal, incluíndo entre os seus ataques provocar a crise financeira de Nova York. En 1912, Morgan apareceu e defendeuse publicamente ante un comité do congreso presidido por Arsène Pujo, que investigaba o trust bancario de Wall Street e que foi dirixido especialmente contra el.
Faleceu en Roma en 1913, mentres durmía. A súa morte causou gran conmoción nos Estados Unidos, Wall Street pechou un día por duelo, algo pouco común xa que ese suceso só pasaba polo falecemento dun presidente.
Notas
- ↑ Zinn, Howard. A People's History of the United States. New York: Perennial, 2003. páx. 255 ISBN 0-06-052837-0
- ↑ Garraty, (1960)
- ↑ Chernow (2001) ch 4
Véxase tamén
Bibliografía
- Auchincloss, Louis. J.P. Morgan : The Financier as Collector Harry N. Abrams, Inc. (1990) ISBN 0-8109-3610-0
- Baker, Ray Stannard (outubro de 1901). "J. Pierpont Morgan". McClure's Magazine 17 (6): 507–518. Consultado o 10 de xullo de 2009.
- Brands, H.W. Masters of Enterprise: Giants of American Business from John Jacob Astor and J. P. Morgan to Bill Gates and Oprah Winfrey (1999), pp. 64–79
- Bryman, Jeremy. J. P. Morgan: Banker to a Growing Nation : Morgan Reynolds Publishing (2001) ISBN 1-883846-60-9, for middle schools
- Carosso, Vincent P. The Morgans: Private International Bankers, 1854–1913. Harvard U. Press, 1987. 888 pp. ISBN 978-0-674-58729-8
- Chernow, Ron. The House of Morgan: An American Banking Dynasty and the Rise of Modern Finance, (2001) ISBN 0-8021-3829-2
- Garraty, John A. Right-Hand Man: The Life of George W. Perkins. (1960) ISBN 978-0-313-20186-8
- Garraty, John A. "The United States Steel Corporation Versus Labor: The Early Years," Labor History 1960 1(1): 3–38
- Morris, Charles R. The Tycoons: How Andrew Carnegie, John D. Rockefeller, Jay Gould, and J. P. Morgan Invented the American Supereconomy (2005) ISBN 978-0-8050-8134-3
- Strouse, Jean. Morgan: American Financier. (1999). 796 páx. resumo e pescuda de textos
- Wheeler, George, Pierpont Morgan and Friends: the Anatomy of a Myth, Englewood Cliffs, N.J., Prentice-Hall, 1973. ISBN 0136761488
Outros artigos
Ligazóns externas
- The Morgan Library and Museum, 225 Madison Ave, Nova York, NY 10016
- The American Experience—J.P. Morgan