Jacinto Quincoces
Quincoces | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome |
Jacinto Francisco Fernández de Quincoces López de Arbina | ||
Nacemento | 17 de xullo de 1905 | ||
Lugar de nacemento | Barakaldo | ||
Falecemento | 10 de maio de 1997 | ||
Lugar de falecemento | Valencia | ||
Altura | 1,81 m. | ||
Posición | Defensa | ||
Carreira xuvenil | |||
Desierto FC | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1925–1931 | Alavés | 104 | (0) |
1931–1936 | Real Madrid | 90 | (0) |
1938–1939 | Alavés | 10 | (0) |
1939–1942 | Real Madrid | 47 | (0) |
Selección nacional | |||
1928–1936 | España | 25 | (0) |
Adestrador | |||
1942–1943 | Zaragoza | ||
1945 | España | ||
1945–1946 | Real Madrid | ||
1947–1948 | Real Madrid | ||
1948–1954 | Valencia | ||
1954–1955 | Atlético de Madrid | ||
1956–1958 | Zaragoza | ||
1958–1959 | Valencia | ||
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Jacinto Francisco Fernández de Quincoces López de Arbina, coñecido simplemente como Quincoces, nado en Barakaldo o 17 de xullo de 1905 e finado en Valencia o 10 de maio de 1997, foi un futbolista e adestrador español. Xogaba como defensa central e desenvolveu a totalidade da súa carreira entre o Alavés e o Real Madrid. Foi internacional coa selección española en 25 ocasións.
Traxectoria
Como futbolista
Naceu en Barakaldo, sendo fillo de arabeses, e deu os seus primeiros pasos como futbolista en varios equipos de Vitoria e no Desierto de Baracaldo.[1]
En 1923, cando cumpriu os dezaoito anos, fichou polo Deportivo Alavés, club no que coincidiu con Ciriaco Errasti, co que formaría unha das liñas defensivas máis características do fútbol español da súa época. Xogou oito anos no equipo vitoriano, logrando na tempada 1929/30 o ascenso á Primeira División. Debutou na máxima categoría nun partido contra a Real Sociedad no estadio de Atotxa.
Un ano despois, fichou xunto con Ciriaco polo Real Madrid, club no que xogou outras oito tempadas (interrompidas durante a Guerra Civil, período no que volveu vestir a camiseta do Alavés) ata a súa retirada como xogador en 1942.[1] Co Real Madrid gañou dúas ligas e dúas Copas.
Xogou un total de 151 partidos en Primeira División e foi considerado un dos mellores defensas da época.[2][3]
Selección nacional
Foi internacional coa selección española en 25 ocasións, coa que debutou nos Xogos Olímpicos de 1928 en Ámsterdam, nunha goleada por 7-1 fronte a México. Xogou os cuartos de final contra Italia, onde a vitoria acabou sendo para o equipo azul despois dun partido de desempate. Disputou tamén o Mundial de Italia de 1934, onde España caeu de novo en cuartos de final fronte a Italia.
Xogou un total de 25 partidos coa selección, logrando 13 vitorias, 6 empates e 6 derrotas. O seu último partido internacional foi un amigable disputado en xaneiro de 1936 en Madrid ante a selección austríaca.
Adestrador
Trala súa retirada, aos 37 anos, comezou a súa etapa como adestrador, asumindo a dirección do Real Zaragoza nas derradeiras xornadas da tempada 1941/42. Co equipo aragonés logrou o ascenso a Primeira División, ao derrotar no último partido ao Alavés, acadando a segunda praza da táboa. Adestrou ao Zaragoza durante unha tempada na máxima categoría, sen conseguir a permanencia.
En 1944 a Federación Española nomeouno seleccionador nacional, cargo que ocupou durante un breve período no que só dirixiu dous partidos, ambos amigables, ante Portugal.
Na tempada 1945/46 foi contratado po Santiago Bernabéu como adestrador do Real Madrid. Na súa primeira tempada proclamouse campión da Copa do Xeneralísimo, ao vencer na final ao Valencia, a pesar do cal non foi renovado. Porén, un ano despois volveu dirixir o equipo branco para a tempada 1947/48, aínda que foi destituído tras só 15 partidos disputados, co equipo ocupando as prazas baixas da táboa.
En 1948 comezou unha longa etapa como adestrador do Valencia CF, club que dirixiu durante seis tempadas consecutivas. En 1949 proclamouse campión de Copa (a segunda na historia do club), ao vencer na final ao Athletic, e repetiu título na edición de 1954, derrotando na final ao FC Barcelona de Ferdinand Daučík. Ademais gañou a Copa Eva Duarte de 1949.
Tras rematar a súa primeira etapa en Valencia, pasou a ocupar o banco do Atlético de Madrid durante a tempada 1954/55. Un ano máis tarde regresou ao Zaragoza, volvendo dirixir o equipo aragonés durante dúas tempadas, as mesmas que despois volveu dirixir ao Valencia CF, equipo no que puxo fin á súa carreira como adestrador en 1959.
Ao longo das súas dúas etapas no banco valenciano, dirixiu o equipo durante oito tempadas nun total de 230 partidos, o que o converte no segundo adestrador con máis partidos na historia do club, só superado polos 313 de Alfredo Di Stéfano.[4]
Presidencia da FPV
Ademais de futbolista foi xogador de pelota vasca, e trala súa retirada dos terreos de xogo as autoridades franquistas nomeárono presidente da Federación de Pelota Valenciana, a pesar de ser un deporte diferente.[1]
Cine
A fama de Quincoces estendeuse máis aló do fútbol, o que o levou a aparecer no ámbito cinematográfico ata nun total de seis longametraxes (a última delas documental).[5] Fixo o seu debut no cine no filme ¡¡Campeones!!, do director galego Ramón Torrado, e traballou entre outros co director Rafael Gil.
Ano | Título | Director |
---|---|---|
1943 | ¡¡Campeones!! | Ramón Torrado |
1943 | El camino del amor | José María Castellví |
1945 | Tierra sedienta | Rafael Gil |
1954 | Once pares de botas | Francisco Rovira Beleta |
1956 | La saeta rubia | Javier Setó |
1971 | Ciento catorce goles | Félix Martialay |
Familia
Seu irmán Juan foi tamén futbolista e xogou ao igual que el no Alavés. Foron tamén futbolistas os seus sobriños Juan Fernández de Quincoces Ortiz del Río e Juan Carlos Díaz Quincoces, sendo este último o que tivo unha carreira máis destacada, militando durante máis dunha década no Valencia.
Palmarés
Como xogador
- Alavés
- Segunda División (1): 1929/30.
- Real Madrid
- Primeira División (2): 1931/32, 1932/33.
- Copa do Xeneralísimo (2): 1934, 1936.
Como adestrador
- Real Madrid
- Copa do Xeneralísimo (1): 1946.
- Valencia
- Copa do Xeneralísimo (2): 1949, 1954.
- Copa Eva Duarte (1): 1949.
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 Del Olmo, José (1 de decembro de 2010). "Jacinto Fernández de Quincoces: una entrevista muy especial". Cuadernos de Fútbol (en castelán) (16). ISSN 1989-6379.
- ↑ Ramos, Jesús (18 de outubro de 2014). "Jacinto Quincoces, el mejor defensa del mundo". Marca (en castelán). Consultado o 14 de febreiro de 2022.
- ↑ Martín, Agustín (8 de xullo de 2016). "Quincoces: mejor defensa del mundo, seleccionador y actor". As (en castelán). Consultado o 14 de febreiro de 2022.
- ↑ "Adestradores do Valencia". BDFutbol (en castelán). Consultado o 14 de febreiro de 2022.
- ↑ "Filmografía". IMDb (en inglés). Consultado o 14 de febreiro de 2022.
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Datos como xogador en BDFutbol (en castelán).
- Datos como adestrador en BDFutbol (en castelán).
- Datos do xogador Arquivado 14 de febreiro de 2022 en Wayback Machine. no sitio web da selección española (en castelán).