Jarrai
Jarrai | |
---|---|
Tipo | juventude partidária |
Ideoloxía | Nacionalismo vasco, Marxismo, socialismo revolucionário e Independencia |
Data de fundación | 6 de maio de 1979 |
Data de disolución | 2000 |
País | España |
[ editar datos en Wikidata ] |
Jarrai (Continuar, en éuscaro) foi unha organización xuvenil de carácter político. Estabelecida en Euskadi e Navarra, foi fundada o 6 de maio de 1979. Definíase como unha organización xuvenil, abertzale, socialista e autónoma. Creada en orixe como a organización xuvenil da Koordinadora Abertzale Sozialista (KAS), inicialmente denominouse Mocidades KAS. Dentro das organizacións xuvenís abertzales foi precedida por Euskadiko Gaztedi Abertzaleen Mugimendua (EGAM) en 1976 e Gazteria Abertzale Iraultzailea (GAI) en 1977. En 2000 fusionouse con Gazteriak (organización activa en Iparralde) e pasou a chamarse Haika. En 2007 foi declarada ilegal en España pola súa vinculación a ETA.
Ideoloxía
Trala súa constitución en 1979, Jarrai converteuse nunha das principais referencias no movemento xuvenil vasco. A súa traxectoria inscribíase no proceso de «construción nacional» para Euskal Herria. Os seus obxectivos abranguían a independencia e o socialismo, e reivindicacións colectivas como o dereito de autodeterminación, a integridade territorial e a promoción e protección da lingua éuscara. Canto á mocidade, Jarrai reivindicaba o dereito a vivenda e traballo dignos, a estudar en éuscaro e a que a opinión da mocidade tivese transcendencia social, entre outras cuestións.
Ilegalización
O Tribunal Supremo de España declarouna «organización terrorista» vinculada a ETA o 19 de xaneiro de 2007.[1][2] A sentenza do alto tribunal corrixía a da Audiencia Nacional de xuño de 2005, que considerara a organización como «asociación ilícita».[3] A cualificación de "terrorista" a esta organización daba continuidade á ilegalización de todas as organizacións da esquerda abertzale que non rexeitasen a violencia de ETA, ao seren declaradas pola xustiza como parte da contorna da banda.
A decisión do Tribunal Supremo foi duramente criticada por amplos sectores da esquerda abertzale. Consideraban que:
- Non se demostrara a relación directa entre ETA e Jarrai, como tampouco se demostrara que Jarrai controlase a denominada kale borroka (loita na rúa). Con todo, o Tribunal Supremo considerou que as probas eran suficientes para ditar a súa resolución.
- Jarrai non podía ser unha "banda armada" sen armas. Porén, o Tribunal Supremo argumentou que utilizaban artefactos caseiros, como cócteles molotov ou foguetes con punta metálica.[1][2]
O 4 de febreiro de 2007 entregáronse á Ertzaintza 18 dos 19 membros de Jarrai, Haika e Segi prófugos da xustiza desde a declaración do Tribunal Supremo. Sucedeu despois dun acto celebrado no Frontón da Esperanza de Bilbao.[4]
Ver tamén
- Segi
- Haika
- Koordinadora Abertzale Sozialista
- Euskadi Ta Askatasuna
- Baltasar Garzón
Notas
- ↑ 1,0 1,1 El Supremo establece que Jarrai es una organización terrorista, El Mundo, 20 de enero de 2007.
- ↑ 2,0 2,1 El Supremo enmienda a la Audiencia Nacional y considera terroristas a Jarrai-Haika-Segi, Noticias de Navarra, 20 de enero de 2007.
- ↑ «aun cuando tuvieran por sí mismas una finalidad ideológicamente próxima a la que, con su actividad armada, persigue la organización terrorista ETA, desplegaban actuaciones -además de las legítimas- que nunca se enmarcaban en la utilización de las armas» (Sentencia Audiencia Nacional de 2005)
- ↑ Ingresan en la cárcel de Basauri los 18 prófugos de Jarrai detenidos hoy por la Ertzaintza, 20 minutos, 4 de febrero de 2007.