José Sanjurjo Sacanell
José Sanjurjo Sacanell, nado en Pamplona o 28 de marzo de 1872 e finado en Estoril, Portugal, 20 de xullo de 1936, foi un militar español.
Destacou na guerra de Marrocos e, xa durante a II República, como líder militar da oposición monárquica e conservadora que pretendía derrubar a República pola forza. Tras varios desacordos co goberno republicano, capitaneou en agosto de 1932 o primeiro golpe de Estado executado contra a República (a "Sanjurjada"). Foi detido, encarcerado, condenado a morte e indultado polo goberno do Bienio radical-cedista a condición do exilio e marchou a Portugal dende onde comezou a organizar unha trama para organizar o posterior golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, do que era o principal dirixente, que deu inicio á Guerra civil.
Morreu o 20 de xullo cando se estrelou o avíón que o traía dende Portugal para se pór á fronte dos sublevados.
Traxectoria
Familia e primeiros anos
Pertencía a unha familia carlista de orixe navarra. Seu pai era o capitán de cabalaría Justo Sanjurjo Romostro, que morrera na Terceira guerra carlista loitando a prol de Carlos de Borbón pouco despois de nacer el.[1] José Sanjurjo foi alumno da Academia de Infantería de Toledo (clase 1893-94).[2] Comezou a súa carreira como tenente en Cuba, onde foi ascendido a capitán.
Iniciou a súa carreira militar como tenente en Cuba, onde ascendeu a capitán. Tras o final da guerra de Cuba volveu a España e participou en varias campañas en Marrocos (1909). Co emprego de comandante de regulares foi condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando pola súa acción no combate de Beni Zaiem (Tetuán) o 1 de febreiro de 1914.[3] Destacou despois na reconquista do territorio perdido en Melilla despois do desastre de Annual (1921), alcanzando o grao de xeneral. En 1922, á fronte da comandancia militar de Larache, investigou os casos de corrupción na Intendencia e Intervención militar.
Apoio ó golpe de Estado de Primo de Rivera
Cando en setembro de 1923 se produciu o golpe militar de Primo de Rivera, Sanjurjo era gobernador militar de Zaragoza e apoiou sen reservas a sublevación e a posterior ditadura que aquel instaurou. En 1925 participou no desembarco de Alhucemas, e en 1927, ao finalizar a guerra do Rif, o rei Afonso XIII concedeulle o título de marqués do Rif.
En 1928 foi nomeado Director Xeral da Garda Civil, posto que compartiu co de Alto Comisario de España en Marrocos. En 1931 o rei Afonso XIII conccedeulle a Gran Cruz de Carlos III.
Apoio á II República
A pesar das anteriores mostras de confianza por parte do rei, despois das eleccións do 12 de abril de 1931, que propiciaron a chegada da II República, Sanjurjo púxose incondicionalmente ás ordes do Comité Revolucionario republicano. Comprometeuse diante das novas autoridades a non mobilizar a Garda Civil en defensa da monarquía, resultando desta maneira decisivo para a chegada do novo réxime e sendo confirmado no cargo de Director Xeral da Garda Civil. Este cambio nas fidelidades de Sanjurjo parece estar motivado polo rancor que lle causou o abandono de Primo de Rivera por parte do rei tras a caída da ditadura en 1929.
As reformas militares de Manuel Azaña non lle gustaron a Sanjurjo, especialmente a redución de efectivos do exército e o nomeamento de López Ferrer, un civil, como Alto Comisario en Marrocos, polo que mostra o seu desagrado.
Segundo golpe de Estado
- Artigo principal: Sanjurjada.
A finais de 1931 producíronse os sucesos de Castilblanco (provincia de Badaxoz), onde morreron catro gardas civís a mans de manifestantes. Pouco despois, en Arnedo (A Rioxa), morreron cinco civís ao disparar a Garda Civil contra unha concentración de traballadores (os sucesos de Arnedo). Ao iniciarse as investigacións de ambos os sucesos, Sanjurjo mostrou a súa desconformidade. Crítico tamén coas reformas militares de Azaña, foi substituído o 5 de febreiro de 1932 á fronte da Garda Civil polo xeneral Miguel Cabanellas. Sanjurjo foi nomeado para a Dirección xeral do Corpo de Carabineros.
Esta confrontación co goberno polas reformas militares de Azaña xunto co proxecto de estatuto de autonomía para Cataluña levárono a preparar con algúns carlistas de Manuel Fal Conde, así como outros oficiais militares, unha rebelión en Sevilla o 10 de agosto de 1932. A rebelión, coñecida como a Sanjurjada, tivo éxito inicialmente en Sevilla, pero fracasou de forma absoluta en Madrid e posteriormente tamén na capital andaluza tras unha folga xeral. Na madrugada do día seguinte, Sanjurjo desistiu da operación e tentou fuxir a Portugal. Sobre as seis da mañá do 11 de agosto foi recoñecido e detido en Huelva por unha patrulla da Garda Civil, xunto do seu fillo Justo.[4]
O 24 de agosto, xunto do seu fillo e outros dous colaboradores, foi sometido a un consello de guerra sumarísimo, no cal foi sentenciado a morte, con accesoria de separación do exército. A pesar de que o xeneral se negou a dirixir ao goberno unha petición de clemencia, a pena foille conmutada pola de reclusión perpetua.[5] A decisión estivo motivada polo desexo do goberno republicano de non repetir a actuación da ditadura cos sublevados de Jaca. Sanjurjo foi ingresado no Penal do Dueso. Posteriormente, foi trasladado á Prisión Militar do Castelo de Santa Catalina de Cádiz, onde recibiu informacións dunha posible amnistía que finalmente obtivo
Tras as eleccións de novembro de 1933, que deron o triunfo á coalición radical-cedista, formouse o novo goberno, presidido por Lerroux. Este propuxo a concesión dunha amnistía tanto a Sanjurjo como ao resto de militares implicados na sublevación. O presidente da República, Alcalá-Zamora, resistiuse á firma do decreto e aínda que finalmente o aceptou o último día do prazo legal, forzou unha modificación do mesmo que impedía o retorno de Sanjurjo ao exército. Estas dilacións e a modificación do decreto provocaron unha crise de goberno que fixeron dimitir a Lerroux, quen foi substituído por Ricardo Samper, marchando seguidamente Sanjurjo ao exilio en Estoril (Portugal).
Terceiro golpe de Estado
Cando en maio de 1936 Niceto Alcalá-Zamora foi substituído como presidente da República por Azaña, Sanjurjo, xunto cos xenerais Emilio Mola, Francisco Franco e Gonzalo Queipo de Llano, comezou a trazar plans para derrocar o goberno da Fronte Popular. Estes plans concretáronse na sublevación que se iniciou no norte de Marrocos a tarde do 17 de xullo de 1936 e que ao non conseguir triunfar de forma inmediata en toda España deu orixe á guerra civil. No organigrama dos sublevados estaba previsto que Sanjurjo asumise a Xefatura do Estado.
O 20 de xullo, o aviador Juan Antonio Ansaldo foi a Estoril a recollelo coa súa avioneta para trasladalo a Burgos para se converter no líder do golpe de Estado.[6] O aparello, un utilitario lixeiro de Havilland Puss Moth, estrelouse na engalaxe e Sanjurjo, quedando retido no seu asento, morreu no accidente. Segundo o piloto, que resultou gravemente ferido pero sobreviviu,[7] o accidente produciuse polo exceso de equipaxe do que el, persoalmente, xa advertira ao xeneral.[6]
Emilio Mola, o director do golpe de Estado no organigrama golpista, nomeou a Francisco Franco como o líder da sublevación. Isto xerou diversas teorías conspiratorias implicando a Franco na morte do líder da rebelión, aínda que nunca apareceu ningunha proba que apoiase esta alegación.[8]
Notas
- ↑ Muñoz Bolaños, Roberto (2018). "José Sanjurjo y Sacanell". dbe.rah.es (en castelán). Consultado o 16 de decembro de 2024.
- ↑ "Academia de Infantería. Tercer año de 1893 a 1894" (PDF). toledo.es (en castelán). p. 7. Consultado o 16 de decembro de 2024.
- ↑ Redacción (27 de xullo de 2014). "TENIENTE GENERAL D. JOSÉ SANJURJO Y SACANELL, DIRECTOR GENERAL DE LA GUARDIA CIVIL (03-11-1928 a 03-02-1932)". benemeritaaldia.org (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 1 de xuño de 2020. Consultado o 3 de outubro de 2016.
- ↑ González Calleja 2011, p. 102.
- ↑ González Calleja 2011, p. 105.
- ↑ 6,0 6,1 Peña González 2006, p. 368.
- ↑ Payne (1968), p. 308
- ↑ Villatoro, Manuel P. (2019-11-18). "Sanjurjo y Mola: ¿estuvo involucrado Franco en las raras muertes de sus superiores para lograr el poder?". abc.es (en castelán). Consultado o 2020-05-10.
Véxase tamén
Bibliografía
- Beevor, Antony (2006). The Battle for Spain: The Spanish Civil War 1936–1939 (en inglés). Londres: Weidenfield and Nicolson. ISBN 0-297-84832-1.
- Casanova, Julián; Gil Andrés, Carlos (2009). Historia de España en el Siglo XX (en castelán). Madrid: Editorial Ariel. ISBN 978-84-344-3491-2.
- González Calleja, Eduardo (2011). Contrarrevolucionarios: Radicalización violenta de las derechas durante la Segunda República, 1931-1936 (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 9788420664552.
- Payne, Stanley G. (1968). Los militares y la política en la España contemporánea (en castelán). París: Ruedo Ibérico.
- Peña González, José (2006). Historia política del constitucionalismo español (en castelán). Madrid: Dykinson. ISBN 84-9772-906-4.