Lingua albanesa
Albanés Shqip | ||
---|---|---|
Pronuncia: | /ʃcip/ | |
Falado en: | Albania, Kosovo, Montenegro, Macedonia do Norte, Grecia, Turquía, Italia. | |
Rexións: | Balcáns | |
Total de falantes: | 6 millóns aproximadamente | |
Familia: | Indoeuropea Ilírica (controverso) Albanés | |
Estatuto oficial | ||
Lingua oficial de: | Albania Kosovo Macedonia do Norte[a] Montenegro[1] | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | sq
| |
ISO 639-2: | alb (B) | sqi (T) |
Mapa | ||
Status | ||
O albanés[3] (shqip) é unha lingua que falan entre 6 e 8 millóns de persoas en Albania, Kosovo, Montenegro, Macedonia do Norte, Serbia, Grecia, Italia, Turquía e grupos de emigrantes en Escandinavia, Alemaña, Reino Unido, Estados Unidos, Ucraína, Exipto.
O lingüista Franz Bopp probou en 1854 que o albanés era unha lingua indoeuropea. Non hai consenso sobre a súa orixe, para uns deriva do ilirio e para outros do tracio ou do dacio.
O albanés goza de status de oficialidade en Albania, e é unha das linguas oficiais de Kósovo e Macedonia. O Instituti i Gjuhësisë dhe i Letërsisë (Instituto de Lingüística e Literatura) da Academia de Ciencias de Albania é o principal centro de estudo da lingua albanesa e desenvolve a forma estándar coa publicación de gramáticas, dicionarios e ortografías prescriptivas, tamén edita dúas publicacións trimestrais, Studime Filologjike (1964) (Estudos Filolóxicos) e Gjuha Jone (1981) (A nosa lingua).
Dialectos
O albanés comprende dous dialectos principais, o tosco (Toskërishte) e o guego (Gegërishte), que diverxeron cando menos hai un milenio, e que nas súas formas menos extremas son mutuamente comprensibles. A fronteira tradicional dos dous dialectos está no río Shkumbin en Albania, co guego ao norte do río e o tosco ao sur.
O tosco divídese en moitos subdialectos, divididos en dous bloques, o do norte e o do sur, no do sur inclúense os subgrupos Labërishte e Çamërishte, que inclúen as falas do noroeste de Grecia, que non forman parte dos arvanitas ou grecoalbaneses.
O guego divídese en múltiples subdialectos que se agrupan no subgrupo norte e o sur que teñen como fronteira tradicional o río Mati no norte de Albania. O guego fálase no norte de Albania, Serbia e Montenegro e Macedonia.
Escrita
O albanés escribiuse con diferentes alfabetos dende o século XV. Orixinalmente o dialecto tosco escribiuse co alfabeto grego e o guego co alfabeto latino e os dous dialectos escribíronse coa versión turco otomá do alfabeto árabe.
O alfabeto moderno albanés estandarizouse en 1908 no Congreso de Manastir, baseado no alfabeto latino, co engadido das letras ë, ç e nove dígrafos. Localmente o albanés tamén se escribiu con outros alfabetos:
- Escrita de Elbasan, inventada a mediados do século XVIII, tiña 53 letras e usouse en Elbasan e Berat
- Escrita Beitha Kukju ou Büthakukye, inventouna Beitha Kukju arredor de 1840, tiña 32 letras.
Norma
Durante os séculos XIX e parte do XX o albanés careceu dunha norma que unificase o tosco e o guego. En 1917 intentouse crear un estándar baseada na fala guega de Elbasan, mais non prosperou. Despois da segunda guerra mundial fixéronse esforzos para crear un estándar baseado no dialecto tosco. O Congreso sobre a ortografía do albanés que se efectou en 1972 coa participación de delegados de Albania, Kósovo, Macedonia, Montenegro e Calabria estableceu unha lingua literaria unificada baseada no tosco, que se codificou en Drejtshkrimi i gjuhës shqipe (1973) (A ortografía da lingua albanesa) e Fjalori drejtshkrimor i gjuhës shqipe (1976) (Dicionario ortográfico da lingua albanesa).
Dende a desaparición do réxime comunista albanés aumentou o número de publicacións en guego[Cómpre referencia].
Literatura
Cuneus Prophetarum (1685) de Pjetër Bogdani é a primeira obra literaria albanesa, pero o primeiro autor popular, xa no século XVIII, foi o poeta italo-albanés Giulio Varibobba autor de poesía de inspiración relixiosa. Mentres no sur de Albania entre o século XVII e XVIII o movemento poético Bejtexhínj promovía a poesía secular islámica.
Diante a hostilidade do Imperio Otomán no século XIX, a literatura albanesa desenvolveuse fóra de Albania co nacemento do Rilindja Kombëtare, o rexurdimento literario albanés que tivo como centros principais a Exipto, Romanía, Grecia, Bulgaria e Italia, pero que tivo dificultades para chegar a Albania, onde en 1897 o goberno da Sublime Porta prohibiu os libros en albanés.
Historia
Non se coñece o lugar dos Balcáns onde viviron os antecesores dos actuais albaneses, aínda que xeral identifícanse cos antigos ilirios ou tracios. O vocabulario común co romanés suxire que os antepasados dos albaneses e os romaneses viviron próximos en tempos antigos. Algúns investigadores apoian a teoría da continuidade, que afirma que os albaneses viviron no territorio da actual Albania. Non obstante o baixo número de palabras do grego dórico e o alto número de préstamos latinos suxiren que os albaneses viviron ao norte da liña que trazou Konstantin Jireček, que dividía as esferas de influencia das linguas latina e grega.
A primeira mención coñecida á lingua albanesa data do 14 de xullo de 1285 en Dubrovnik onde unha testemuña dun crime afirma "Audivi uriam voce, clamantem in monte in lingua albanesca"[4][5] O documento escrito máis antigo que se conserva en albanés é Formula e Pagëzimit (fórmula bautismal) escrito en 1462 no dialecto gego e que se recolleu nun manuscrito latino, tamén algúns versículos do Novo Testamento e un fragmento dun canto da Pascua Ortodoxa datan dese período. En 1483 Thomas Medius incluíu na súa comedia Epirota unha frase en albanés e en 1496 Arnold von Harff recolleu unha lista de palabras.
O libro impreso máis antigo en albanés é o Meshari (misal), escrito polo sacerdote católico Gjon Buzuku en 1555. O primeiro libro en tosco data de 1592 e é un catecismo, Dottrina Christiana, de Lekë Matrënga. Crese que a primeira escola albanesa abríronna os franciscanos en 1638 en Pdhanë. En 1635 Frang Bardhi escribiu o primeiro dicionario latín-albanés.
Falantes
- Albania
En Albania o albanés é a lingua oficial na súa variedade tosca, fálanna os 3 129 000 de albaneses étnicos (95% da poboación albanesa) e unha parte dos membros das minorías étnicas.
- Kósovo
En Kósovo fálano 1 672 000 persoas, o que representa o 92% da poboación. É oficial xunto co serbio.
O albanés oficializouse en 1945, cunha norma baseada no guego meridional ata que en 1972 o albanés estándar converteuse na forma oficial. Durante o réxime de Tito, Kósovo tiña total autonomía en materias culturais e educativas, con escolas en albanés e serbio. A partir de 1981 a situación comeza a deteriorarse, agravándose en 1990 co peche das escolas, institutos, facultades e medios de expresión e asociacións de lingua albanesa, co que de feito, que non de dereito, o albanés viu reducida a súa condición de lingua oficial. A presión internacional obrigou a reabrir unha parte das escolas de primaria e profesores despedidos montaron escolas paralelas para dar cobertura aos estudantes de lingua albanesa. Tras o establecemento en 1999 da administración civil da ONU o albanés recupera de feito a súa situación de lingua oficial.
- Macedonia
En Macedonia hai 500.000 falantes, o que representa o 25% da poboación, concentrados no oeste e no norte. Dende o 2001 o albanés é oficial naqueles concellos onde os albaneses superaran o 20% da poboación. O albanés pódese empregar no Parlamento de Macedonia. Hai ensino primario e secundario en albanés. Na universidade o estudo do albanés comezou en 1951 como un lectorado na Universidade dos Santos Cirilio e Metodio de Skopje, en 1960 introduciuse como materia semestral e en 1971 converteuse no departamento de lingua e literatura albanesa. En 1994 fundouse unha universidade albanesa en Tetovo, aínda que as autoridades macedonias non a recoñeceron como universidade estatal ata 2004.
- Grecia
En Grecia os albaneses divídense en dúas comunidades ben diferenciadas, a dos albaneses de Çameria, que constitúe o punto máis o sur do territorio tradicionalmente albanofalante, podería haber 30.000 falantes, concentrados principalmente no departamento de Thesprotia (sobre todo na zona fronteiriza con Albania), Preveza (na parte que limita co departamento de Thesprotia e nunhas poucas vilas de Ioannina) e nos departamentos de Florina e Kastoria. A outra comunidade albanesa é a dos arvanitika, albaneses ortodoxos que emigraron a Grecia entre os séculos XII e XV, as cifras de falantes varían entre os 90.000 e os 200.000. Dende 1990 produciuse unha nova vaga de emigración de albaneses, que se asentan sobre todo nas cidades máis grandes.
O albanés en Grecia carece de calquera tipo de recoñecemento oficial e non hai datos fiables de cantos falantes de albanés hai. Segundo unha enquisa realizada en 2001 por VCR o 3.3% da poboación de Grecia é albanofalante, o que representaría 340.000 persoas.
- Italia
En Italia hai 100.000 falantes de arbëreshë distribuídos en 55 comunas do sur de Italia. O 60% dos falantes están en Calabria. O arbëreshë é unha das 12 linguas recoñecidas pola lei 482/1999 de minorías étnicas.
- Estados Unidos
Segundo o censo hai 79.500 falantes sobre un total de 114.000 albanonorteamericanos. As principais concentracións están en Nova York e Detroit. Dielli é a única publicación en albanés. A primeira universidade en ofrecer cursos de albanés foi a Universidade Estatal de Wayne (Detroit) no ano 2003.
- Serbia
En Serbia hai 70.000 falantes (0.85%), distribuídos nas rexións fronteirizas con Kósovo, en Presheve o 95% da poboación é albanesa, en Medvegje o 65% e en Bujanovc o 35%. É unha zona que pasou a Serbia tras o Congreso de Berlín de 1878, parte da poboación albanesa deportouse a Turquía en varias vagas(1912, 1918-1941 e 1953-1966), tradicionalmente a lingua albanesa estivo marxinada, ata 1961 non se abriu o primeiro centro de secundaria albanés. Entre 1999 e 2001 unha parte dos albaneses da rexión refuxiáronse en Kósovo, e unha parte quedou definitivamente alí.
- Montenegro
En Montenegro hai arredor de 30.000 falantes, o que representa o 5% da poboación. Fálase nas rexións de Plav-Guci, Tuz e Ulqin, fronteirizas con Albania.
- Croacia
Segundo o censo de 2001 hai 14.000 falantes de albanés, o que representa o 0.33% da poboación. Arredor de 1.400 son arbanasi, que viven na vila de Ploçe, preto de Rijeka, asentados en 1726 cando 21 familias albanesas do sur de Montenegro foxen da ocupación turca, en 1733 chega un segundo grupo de 28 familias.
- Australia
En Australia hai 7527 falantes (2001), deles 5.682 en Vitoria . A primeira familia albanesa asentouse en 1885.
- Eslovenia
Segundo o censo de 2002 hai en Eslovenia 7177 falantes, a maior concentración, 1239 falantes, está en Liubliana.
- Romanía
En Romanía hai aproximadamente 10.000 albaneses (aínda que no censo de 2002 só se rexistraron 477 persoas como albaneses). A Unión Cultural dos Albaneses de Romanía edita Albanezul, publicación mensual bilingüe, dende 1995.
- Bulgaria
En Bulgaria hai 1000 falantes en Mandritsa, preto de Edirne, que foi a única vila albanesa que sobreviviu á segunda guerra mundial.
- Ucraína
En Ucraína o albanés fálase en tres aldeas, preto de Melitopol, chegados dende Bulgaria no século XIX.
Notas
- ↑ Lingua cooficial
Referencias
- ↑ "Lingua e alfabeto Artigo 13". Constitución de Montenegro. WIPO. 19 de outubro de 2007.
O serbio, bosníaco, albanés e croata tamén serán de uso oficial
- ↑ Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para albanés.
- ↑ Nicholas Geoffrey Lemprière Hammond (1976). Migrations and invasions in Greece and adjacent areas. Noyes Press. p. 57. ISBN 978-0-8155-5047-1. Consultado o 23 de xaneiro de 2013.
- ↑ Zeitschrift für Balkanologie. R. Trofenik. 1990. p. 102. Consultado o 23 de xaneiro 2013.
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
- Leccións de albanés (en inglés)
- Dicionario online albanés-inglés
- Dicionario online albanés-españolArquivado 06 de decembro de 2005 en Wayback Machine.