Marolo
Marolo | |||||
---|---|---|---|---|---|
Unha da valvas de Acanthocardia tuberculata de Sicilia no Museo Civico di Storia Naturale di Milano. | |||||
Clasificación científica | |||||
| |||||
Sinonimia | |||||
|
O marolo ou berberecho marolo (Acanthocardia tuberculata, Linnaeus 1758; antes Cardium tuberculatum) é un molusco bivalvo da familia dos Cárdidos (Cardiidae), da orde Veneroida.
Morfoloxía
Semella un berberecho de gran tamaño. Ten unha cuncha forte, sólida, equivalva, cun perfil ovalado ou redondeado, lixeiramente inequilateral. Chega a medir 9–10 cm de diámetro e uns 4 cm de grosor.
Presenta 21-22 costelas radiais fortes e dotadas de espiñas romas -tamén descritas como nódulos- na zona próxima ás marxes, atenuadas na zona central. As liñas de crecemento son claramente visibles. No interior, a marxe está percorrida por sucos que corresponden coas costelas.
A cor é castaña que ás veces tira a avermellada, con bandas irregulares concéntricas máis escuras que a cor do fondo.
Hábitat e bioloxía
Distribúese pola costa europea do Atlántico, desde Escandinavia ata o estreito de Xibraltar, penetrando en boa parte do Mediterráneo.
Vive nas costas abertas, en áreas de fondos de limo ou cascallo, na franxa infralitoral e ata os 10 metros de profundidade.
É un molusco comestible pero moi escaso. As capturas que se poidan producir destínanse á elaboración de conservas co nome castelán de langostillo.
Co nome de marolo Ríos Panisse recolleu tamén outros moluscos cárdidos (coma o berberecho bravo (Acanthocardia echinata), o carneiro (Venus verrucosa) e outros). Todos eles, incluído a que nos ocupa, reciben tamén outros nomes comúns como carneiro, cascarneiro ou carneirolo.
Véxase tamén
Outros artigos
Bibliografía
- RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
- RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.
Ligazóns externas
- Ficha en World Register of Marine Species
- Ficha en Encyclopedia of life Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.