Max Aitken
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/9c/Max_Aitken_Low.jpg/220px-Max_Aitken_Low.jpg)
William Maxwell "Max" Aitken, nado o 25 de maio de 1879 e finado o 9 de xuño de 1964, foi o primeiro barón de Beaverbrook, amais dun político e home de negocios canadense - británico.
Traxectoria
Comezo da súa carreira no Canadá
Naceu en Maple, Ontario, fillo dun ministro presbiteriano nado en Escocia. Ó ano a súa familia trasladouse a Miramichi, Nova Brunswick, onde á idade de 13 anos fundou o seu primeiro xornal. Por un curto período de tempo estudou na Universidade de Nova Brunswick e logo traballou como oficinista no bufete de Richard Bedford Bennett en Chatham (Nova Brunswick). Pasou logo a traballar para John F Stairs en Halifax, converténdose no seu mentor e amigo. Designado director xeral da empresa financeira Royal Securites Corporation, demostrou a súa valía no mundo empresarial. A morte de Stairs en 1904 fixo que Aitken pasase a controlar a compañía.
Inglaterra
Aitken trasladou a súa residencia a Londres en 1910, converténdose en membro do parlamento británico polo Partido Liberal Unionista, aliado dos conservadores. Adquiriu a empresa automobilística Rolls-Royce, que revendeu deseguido para se concentrar no establecemento dunha rede de xornais en Londres. Durante a primeira guerra mundial, o goberno canadense confioulle o labor de crear o Canadian War Records Office en Londres. Aitken visitou a Fronte Occidental orixe do seu libro Canada in Flanders 1916, unha crónica en tres volumes das accións dos soldados canadenses nos campos de batalla. Tras a guerra seguiu a escribir libros, Politicians and the Press en 1925 e Politicians and the War en 1928.
Ás numerosas cabeceiras de prensa que posuía (como o London Evening Standard), engádese en 1916 unha participación no Daily Express. En 1918 o primeiro ministro Lloyd George nomeouno ministro de información e no mesmo ano fundou o Sunday Express. Aitken convértese nun dos homes máis poderosos do país, alcumado o primeiro "barón de Fleet Street" (a rúa da prensa)
Segunda guerra mundial
Durante a segunda guerra mundial foi membro do goberno británico como ministro da produción de aeronaves (1940-1941) e ministro de aprovisionamento (1941-1942).
O benfeitor
Despois da guerra, Lord Beaverbrook foi reitor da Universidade de Nova Brunswick, así como tamén o principal benfeitor da universidade da vila de Fredericton e da provincia enteira. Financiou a ampliación da universidade, bolsas de estudos, a Beaverbrook Art Gallery e numerosos outros proxectos.
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Un filme sobre a vida de Beaverbrook
- Texto do libro Success
- Enciclopedia canadense Arquivado 09 de febreiro de 2010 en Wayback Machine.