Meme

Richard Dawkins creou o termo meme no su libro The Selfish Gene (1976).

Un meme[1] é, nas teorías sobre a difusión cultural, a unidade mínima teórica de información cultural transmisíbel dun individuo a outro, ou dunha mente a outra, ou dunha xeración á seguinte. O termo e o seu significado é na socioloxía análogo ao de xene para a bioloxía.

É un neoloxismo cuñado por Richard Dawkins na súa obra The Selfish Gene (1976) para sinalar a similitude con memoria e mímese.[2]

Aínda que na súa exposición Dawkins non impón restricións, presenta incluso unha posibilidade de conformación neuronal, o que viría a ser unha posta en funcionamento física do propio meme. Así, no cerebro humano, as unidades de información agrúpanse en mallas de neuronas (que poderían conter unidades de información básicas) e axóns (que relacionarían esas unidades de información, proporcionando así información). A información almacénase en función desas mallas da mesma maneira nos distintos cerebros. Non obstante, a información sofre distorsións ao ser transmitida. Estas distorsións implican leves diferenciacións no patrón neuronal que se forma. Incluso as propias persoas poden recibir a información de distinta maneira, o que tamén faría que se creasen patróns distintos.

Con ou sen representación física o meme, o feito é que presenta moitas características propias do xene biolóxico: toda información pode reducirse a unha serie de elementos mínimos relacionados. Existen unha serie de elementos básicos:

  • A súa combinación é a que determina a información concreta;
  • A información flúe entre as distintas persoas (reprodúcese cada vez que hai un receptor para unha información);
  • Un cambio en calquera dos elementos básicos que conforman unha información leva a un cambio na información transmitida.

Deste xeito, ao igual que o xene, o meme reúne todos os requisitos para se converter en axente da evolución (neste caso, da evolución cultural): lonxevidade, fecundidade e fidelidade de copia.

A tese de Dawkins

Segundo Dawkins, posuímos dous tipos de procesadores informativos distintos:

  • O xenoma, o sistema xenético situado nos cromosomas de cada individuo e determinante do xenotipo. As moléculas de ADN constitúen a natureza biolóxica vital en xeral e humana en particular. Mediante a replicación, os xenes transmítense sexualmente durante xeracións.
  • O cerebro e o sistema nervioso permiten procesar a información cultural recibida por ensinanza, imitación (mímese) ou asimilación, divisíbel en idea, concepto, técnica, habilidade, costume etc., e denominados "memes" con certa ambigüidade.

A tese máis importante de Dawkins é que os trazos culturais, ou memes, tamén se replican. Por analoxía coa agrupación xenética nos cromosomas, considérase que os memes tamén se agrupan en dimensións culturais, incrementábeis con novas adquisicións culturais. A gran diferenza é que, mentres os cromosomas son unidades naturais independentes das nosas accións, as dimensións culturais son construcións nosas. Así, a cultura non é tanto un conxunto de formas condutuais, senón máis ben información que as especifica.

Transmisión dos memes

Para o conxunto dos memes danse as características propias de todo proceso evolutivo: fecundidade (algunhas ideas son especialmente efectivas), lonxevidade (persisten durante moito tempo) e fidelidade na replicación (conservadorismo tradicional, especialmente o ensinado como parte da educación infantil).

Á súa vez, os memes danse nun amplo campo de variación, replícanse a si mesmos por mecanismos de imitación e transmisión de cerebro a cerebro e enxendran un amplo abano de copias que subsisten en diversos medios. Con iso temos o marco xeral dun proceso evolutivo que Dawkins compara coa evolución biolóxica, e incluso chega a aceptar que os memes deben ser considerados como estruturas viventes non só metaforicamente, senón tecnicamente.

Os memes alternativos, que poden servir para efectuar a mesma función, chámanse alelomemes ou memes homólogos. Á súa vez, os memes poden agruparse formando macromemes, que constitúen un sistema de moitos memes estruturados e interrelacionados que forman un obxecto cultural complexo, tal como unha lingua, unha teoría, unha mitoloxía etc. En xeral, a maior parte das construcións teóricas que sustentan a teoría da evolución das especies, aplícanse polos defensores das teses de Dawkins á teoría dos memes.

Da mesma maneira que os xenes se autorreplican porque si (ergo, inconscientemente), os memes tenden a replicarse igualmente; as boas ideas non o son propiamente se son incapaces, á vez, de replicarse ben. Así, os memes son indiferentes á verdade, como os xenes son alleos a calquera clasificación. Este mecanismo de autorreplicación non é exclusivo de sistemas vivos, como o ADN e o ARN: certos polímeros e cristais, e os virus informáticos amosan este comportamento, polo cal non debería resultar ilóxico en algo inerte como un meme xa que, como vemos, se trata dun patrón presente en moitos elementos naturais.

Os xenes dun ser vivo, conforme pasan as xeracións, alcanzan proporcións insignificantes nos seus descendentes. Deste xeito o equipo ou colección de xenes dun individuo tende a desaparecer. Porén unha boa idea ou un invento poden perdurar case intactos durante séculos e séculos.

Os memes e os xenes a miúdo refórzanse os uns aos outros, pero isto non sempre é así; por exemplo un xene para o celibato sería erradicado rapidamente do acervo xénico pois estaría condenado ao fracaso, en cambio un meme para o celibato pode ter moito éxito no acervo de memes. O medio de transmisión á a influencia humana de diversa índole, palabra escrita, falada, o exemplo persoal etc.

Desenvolvemento da teoría

A teoría dos memes está sendo desenvolvida por varios investigadores, que a unen ás teses de Lumsden e Wilson o que as vinculan cos estudos de Luigi Luca Cavalli-Sforza. Ademais do mesmo Dawkins, F. T. Cloak, J. M. Cullen, E. Moritz, A. Lynch e algúns outros autores, son os representantes desta concepción da transmisión e evolución cultural.

Como explicación da evolución da cultura, aínda aparece como unha pre-teoría en fase de acumulación de datos e de elaboración dun aparato matemático suficiente. Os estudos de Cavalli-Sforza e Marc Feldman proporcionan unha boa base de partida para o estudo cuantitativo da transmisión e evolución cultural, aínda que estes autores non defenden exactamente a teoría principal dos memes de Dawkins. En calquera caso estes estudos iniciados desde a perspectiva da xenética, a sociobioloxía e a etoloxía son a primeira aproximación non soamente cualitativa ao proceso da transmisión e evolución cultural, e pretenden ampararse na tradición científica do evolucionismo.

Pero mentres os procesos evolutivos biolóxicos réxense sempre polo modelo darwiniano, a evolución da cultura, con intervención humana directa, parece seguir ás veces un modelo de tipo lamarckiano de transmisión de caracteres adquiridos, o que permite unha evolución rapidísima —potenciada pola velocidade case instantánea dos medios de comunicación— comparada cos procesos darwinianos. En calquera caso, a constitución xenética humana está determinada por uns 3.000 millóns de nucleótidos procedentes do ADN materno e outros tantos procedentes do ADN paterno. Pero as neuronas do sistema nervioso son 100 veces máis numerosas e as conexións entre elas aínda moitísimo máis. De aí que intentar a creación dun modelo matemático que permita entender a evolución cultural sexa unha empresa moi difícil nestes momentos, pero que, non obstante, empeza a ser acometida polos autores mencionados e polos teóricos da intelixencia artificial.

Filósofos como Daniel Dennett, Donald Davidson e Jesús Mosterín contribuíron a desenvolver unha teoría da cultura que saca partido á noción de meme. En particular, e segundo Mosterín, a cultura actual dun individuo nun momento determinado sería o conxunto dos memes presentes no cerebro dese individuo nese momento. Á súa vez, a noción vaga de cultura dun grupo social é analizada polo mesmo autor en varias nocións precisas distintas, definidas todas elas en función dos memes presentes nos cerebros dos membros do grupo.[3]

Outras teorías similares

Outros autores sinalaron unha idea semellante e propuxeron outros termos para designar estas unidades mínimas de información cultural. Así, por exemplo, Edward O. Wilson e C.J. Lumsden propuxeron o termo culturgen ("culturxene"), e aínda que nas obras de ditos autores hai un máis amplo tratamento cuantitativo da transmisión dos culturxenes, acabou impoñéndose a terminoloxía de Dawkins, se ben non todos os defensores da teoría memética compartan todas as teses de dito autor.

Críticas á teoría dos memes

A utilización da teoría dos memes estendeuse por varias ramas da ciencia e o pensamento, pero non é aceptada universalmente, nin sequera no contexto dos estudos evolucionistas. Para algúns é unha simple ocorrencia de Dawkins, un paralelismo innecesario que intentaría extrapolar ao mundo da cultura a súa teoría dos xenes egoístas, o que incluso podería levar a conclusións indesexábeis de aplicarse ao mundo da política.[4] De todos modos, e con independencia das ideas de Dawkins, nun contexto dado de análise cultural parece difícil prescindir dalgunha noción de unidade elemental, ao que uns chaman trazo cultural, outros variedade cultural, e moitos outros meme. Desde un punto de vista científico, o relevante parecen ser as análises e resultados aos que se chegue, máis ben que a cuestión nominalista da terminoloxía empregada.

Notas

  1. "meme". TERGAL. Consultado o 21/11/2019. 
  2. Portal das palabras (ed.). "meme". Consultado o 1 de xuño de 2018. 
  3. Jesús Mosterín (2009), La cultura humana, Madrid: Espasa Calpe, ISBN 978-84-670-3085-3. (en castelán) Véxase especialmente o capítulo 6.
  4. Elena Hernández Subirá Los memes: la teoría de los memos (GEB de la Universidade Autónoma de Madrid)[1] Arquivado 28 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine. (en castelán)

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Blackmore, Susan (2000). La máquina de los memes. Barcelona: Paidós.  (en castelán)
  • Dawkins, Richard (2000). El gen egoísta. Barcelona: Salvat Editores.  (en castelán)
  • Dennet, Daniel (2002). La peligrosa idea de Darwin. Barcelona: Galaxia Gutemberg.  (en castelán)
  • Mosterín, Jesús (2009). La Cultura Humana. Madrid: Espasa Calpe.  (en castelán)
  • Chocano Núñez, Percy; Memes en la Administración de Justicia. Revista "Derecho" da Facultade de Dereito da Universidade Nacional de San Agustín, ano 9, Nº 9, Arequipa, 2007 páx. 65 a 70. (en castelán)

Ligazóns externas