Monarquía constitucional
A monarquía constitucional é unha forma de goberno onde o monarca ostenta a xefatura do estado. É un poder de mediano carácter simbólico, posto que se atopa regulado por unha lei, con frecuencia unha constitución. Tamén, caracterízase porque o rei ou a raíña teñen un papel de moderador ou árbitro nos conflitos políticos do Goberno, habitualmente, elixido democraticamente.
Por oposición á monarquía absoluta, a ciencia política distingue entre monarquía constitucional e monarquía parlamentaria. Nas monarquías constitucionais, o rei conserva o poder soberano ou ben o comparte co pobo ao que concede unha serie de dereitos mediante unha carta outorgada ou constitución. En cambio, nas monarquías parlamentarias a soberanía reside, na súa práctica totalidade, na vontade popular, sendo o monarca unha figura esencialmente simbólica. O exemplo clásico de monarquía constitucional é o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, que non posúe unha constitución codificada, senón un grupo de leis que forman a súa constitución.
Aínda que as actuais monarquías constitucionais son a maioría representativas de sistemas democráticos (monarquías constitucionais democráticas), historicamente non sempre foi así. Moitas das monarquías coexistiron con constitucións fascistas como en Italia (entre 1922 e 1945 a monarquía italiana coexistiu co goberno ditatorial de Benito Mussolini) ou Xapón, ou con ditaduras de Goberno militar como en Tailandia, no ano 2007.
A monarquía constitucional foi un paso intermedio ou evolucionado ante a aparición das primeiras repúblicas modernas como Estados Unidos de América e Francia especialmente no século XIX. Pretendíase pasar de monarquías absolutas máximas representantes do Antigo Réxime a monarquías parlamentarias cun poder limitado.