Néstor (mitoloxía)
Nome orixinal | (el) Νέστωρ |
---|---|
Biografía | |
Rei de Pilos | |
Actividade | |
Carreira militar | |
Conflito | Guerra de Troia |
Celebración | Mitoloxía grega |
Familia | |
Cónxuxe | Eurydice of Pylos Anaxibia |
Fillos | Antíloco () Eurydice of Pylos Pisidice () Eurydice of Pylos Echephron () Stratius () Anaxibia Perseus () Pisístrato () Eurydice of Pylos Policasta () Eurydice of Pylos Trasimedes () Anaxibia Aretus () Eurydice of Pylos |
Pais | Neleo e Clóris |
Irmáns | Periclímeno (fillo de Neleo) |
Descrito pola fonte | Novo Dicionario Enciclopédico, 1911-1916 Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru |
Néstor (en grego antigo Νέστωρ Néstôr) era o fillo de Neleo e Cloris, e rei de Pilos. Converteuse en rei logo de que Heracles matara ó seu pai e a tódolos seus irmáns. Casou con Eurídice ou Anaxibia, e entre os seus fillos cóntanse Perseo, Pisístrato, Trasimedes, Pisídice, Policaste, Estrático, Áreto, Equefrón e Antíloco.
Mito
Néstor foi un argonauta, loitou contra os centauros e participou na caza do xabaril de Calidón. El e os seus fillos Antíloco e Trasimedes loitaron xunto cos aqueos na Guerra de Troia. Aínda que Néstor xa era ancián cando a guerra comezou, contando presuntamente con 110 anos, destacou pola súa bravura e as súas habilidades dialécticas. Na Ilíada aconsella acotío ós guerreiros máis novos, e recomenda a Agamenón e Aquiles que se reconcilien. Sendo demasiado vello para participar nas batallas, dirixiu ás tropas de Pilos, conducindo o seu carro, sendo un dos seus cabalos morto alcanzado por unha frecha de Paris. Tamén era dono dun sólido escudo de ouro. Homero refírese a el frecuentemente co epíteto «cabaleiro xerenio». Nos xogos funerarios de Patroclo, Néstor aconsellou a Antíloco sobre como gañar na carreira de carros.
Aínda que Homero intenta claramente que os seus lectores vexan a Néstor como unha figura de ancián estadista digno de respecto, hai ocasionais momentos de humor á súa costa na Ilíada, pois calquera consello que dá ós demais combatentes adoita servir de escusa para soltar ós seus oíntes un locuaz e prolixo relato dos seus antigos momentos de gloria en circunstancias parecidas. Homero nunca chega a calificalo de pesado, pero o lector queda coa impresión de que así o considera malia todo.
Na Odisea Néstor regresa san e salvo a Pilos, e Telémaco, o fillo de Odiseo, viaxa ata alí para preguntar polo destino do seu pai. Néstor recíbeo amablemente e o agasalla profusamente como hóspede, pero é incapaz de darlle información algunha sobre o asunto. Eurídice, a súa esposa, e os seus fillos superviventes tamén aparecen na Odisea: Equefrón, Estrático, Perseo, Áreto, Trasimedes e Pisístrato. De novo, a admiración de Homero cara a el vese suavizada por un pouco de humor á súa costa, cando Telémaco, ó regresar a casa de Néstor tras visitar a Helena e Menelao, urxe a Pisístrato para que lle permita embarcar inmediatamente para regresar ó seu fogar no canto de sufrir unha nova dose do sentido da hospitalidade de Néstor.
A finais do século XX, nunhas escavacións en Pilos, descubriuse unha bodega presuntamente pertencente ó rei Néstor. Estímase que tiña unha capacidade duns 4.750 litros. Tamén se atoparon varios restos de pithoi, grandes vasillas gregas.
O Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas exhibe unha copa de viño con dúas asas completamente feita de ouro, coñecida como copa de Néstor.
Fontes
- Homero: A Ilíada i.248, ii.370, iv.293; A Odisea iii.157, 343
- William Shakespeare: O mercador de Venecia, i.1.55