Nalan Xingde

Nalan Xingde (納蘭性德)
Nacemento19 de xaneiro do 1655
 Beijing
Falecemento1 de xullo do 1685
 Beijing
NacionalidadeChinesa
EtniaManchú
OcupaciónFuncionario, poeta
PaiMingzhu
CónxuxeLu (盧氏; c. 1674~1677)
Yan (顏氏; concubina)
Guan (官氏)
Shen Wan (沈宛, concubina)
IrmánsNalan Kuixu
PeríodoDinastía Qing
XénerosPoesía ci
editar datos en Wikidata ]

Nalan Xingde (chinés tradicional: 納蘭性德; chinés simplificado: 纳兰性德; pinyin: Nàlán Xìngdé; Wade-Giles: Na4-lan2 Hsing4-te2) ou Nara Singde (manchú: ᠩᠠᡵᠠ ᡧᡳᠩᡩᡝ), nome de cortesía Rongruo 容若, nado o 19 de xaneiro do 1655 e finado o 1 de xullo do 1685, foi un poeta chinés da dinastía Qing que destacou no xénero ci (詞).[1]

Traxectoria

Nalan Xingde naceu en Beijing no 1655, nunha poderosa familia manchú pertencente á Bandeira Amarela Plana das Oito Bandeiras de Qing, e vencellada á realeza.[1] O pai, Mingju, que fora Gran Secretario no 1677, era primo segundo do emperador Shunzhi, e a súa nai foi a quinta filla de Ajige, príncipe Ying do primeiro rango, e polo tanto prima do emperador.[1] Porén, as orixes da familia son mongolas, xa que o seu clan venceu á tribo manchú de Nara e adoptou o seu nome.

O nome de nacemento do poeta foi Nalan Chengde 納蘭成德, pero tivo que cambialo cando o emperador Kangxi nomeou ao seu fillo Yunreng herdeiro, xa que o carácter de cheng 成 se converteu en tabú, ao formar parte do nome de nacemento do príncipe.

Nalan Xingde destacou xa dende a infancia polo seu talento como poeta e ensaísta.[1] Como a maioría dos rapaces manchús, recibiu formación en equitación e tiro con arco, nos que tamén sobresaíu.[1] Aos dezanove, xa tiña unha gran reputación literaria.[1] Non obstante, non aprobou os exames imperiais até o 1676, obtendo o grao de jinshi 進士.[2] Con todo, no canto de nomealo oficial ou burócrata, como era habitual, o emperador concedeulle un posto militar na Garda Imperial.[2]

Xingde fíxose íntimo do gobernante, quizais por ter a súa mesma idade, e adoitaba acompañalo nas súas visitas oficiais.[2] Posteriormente, foi elevado a un posto superior, e enviado á fronteira norte para avaliar os danos causados polas incursións e saqueos rusos.

Faleceu aos trinta anos, a causa dunha doenza descoñecida.[1]

Vida persoal

Nalan Xingde casou aos dezanove anos coa filla de Lu Xingzu, vicerrei de Guandong.[1] Tres anos despois do matrimonio, a esposa morreu durante o parto.[1] Despois, tomou unha concubina de apelido Yan, pero acabaría por casar de novo cunha muller da familia Guan. Aos trinta, estivo con outra concubina, Shen Wan, unha recoñecida poeta.

Tivo polo menos tres fillos e varias fillas. Unha delas casou co militar de etnia han Nian Gengyao.[3]

Personalidade

Nalan Xingde posuía un gran talento para a literatura, que se viu limitado pola súa posición política.[2] Esta situación cansou ao poeta, que buscaba decotío a liberdade persoal.[2] O pasamento da súa esposa sumíuno no pesimismo e a dor, o que aumentou os seus desexos de retirarse á natureza.[2]

Obra

Nalan Xingde é recoñecido, sobre todo, polas súas pezas no xénero ci.[2] Os seus poemas e textos en prosa foron reunidos na colección Tongzhitang ji 通志堂集, e están marcados por un ton melancólico e triste.[2]

Quixo compilar unha escolma de ci da dinastía Song, pero o proxecto nunca chegou a materializarse pola súa pronta morte.[2]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 "纳兰性德". 百度百科. Consultado o 2024-02-01. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "Nalan Xingde". cuhk.edu.hk. Consultado o 2024-02-01. 
  3. "清代第一战神是谁? 年羹尧和岳钟琪谁的成就更高?_历史网 lishi.com". web.archive.org. 2016-08-28. Consultado o 2024-02-01. 

Véxase tamén

Ligazóns externas