Nawrūz
O Nawrūz (en persa: نوروز, pero tamén, debido ás diferenzas de pronuncia entre as variedades lingüísticas, Novruz, Nowruz ou Norouz), é unha festa tradicional persa que celebra o Aninovo. É seguida en Irán, Kurdistán,[1] Acerbaixán, Afganistán, Albania, Bosnia, países de Asia Central como Turkmenistán, Taxiquistán, Uzbekistán, Kirguizistán e Casaquistán, así como nas comunidades iranianas en Iraq, Paquistán, Turquía e noutros moitos países. Ocorre o 21 de marzo, aínda que nalgúns lugares celébrase o 20 ou 22, coincidindo co equinoccio de primavera.
Nada no ámbito persa preislámico, e inicialmente unha festa sagrada zoroastriana, o Nowruz é celebrado por moitas outras relixións, incluída a relixión bahá'í. Nos países iranianos que calculan o tempo baseado nun calendario lunar-solar (chamada Hijrī-Shamsī, isto é "calendario Héxira") considérase unha festa ('Īd) popular mais non relixiosa, similar ao Aninovo nos países cristiáns occidentais. Nowrūz, ademais de representar a data de inicio do calendario persa, tamén se celebra como a data de inicio da primavera. Tamén os sufís celebran esta festa, que chaman "Sultán Nevruz", xa que cren que nesta data o profeta Mahoma recibiu a orde de Alá de difundir a súa mensaxe a todos, ademais para os sufís é o día no que o mundo comezou a xirar por vontade divina.
O 21 de marzo foi proclamado Día Internacional do Nawrūz pola Asemblea Xeral das Nacións Unidos en 2010 e foi incluída como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO en 2009 ao recoñecer que era unha tradición cultural compartida por moitos pobos que promove valores de paz, achegamento, reconciliación e amizade.[2][3]
Etimoloxía
O termo Nowruz deriva da unión de dúas palabras do persa antigo: nava (novo) e rəzaŋh (día), e polo tanto significa "novo día". Tamén no persa moderno mantén o mesmo significado, xa que no significa "novo" e rouz é "día".[4]
O termo xa era empregado na época do Imperio Parto e Sasánida, segundo fontes que se remontan ao século II d.C., pero a festa xa se celebraba durante o período aqueménida (século VII - IV a.C.), sendo o día no que os pobos das nacións sometidas levaban agasallos ao emperador. De feito, nos textos en persa medio recóllese a expresión nōg rōz para indicar o "novo día".[5][6]
Historia e tradición
Segundo a tradición mitolóxica iraniana, o Nowruz remóntase a hai uns 15.000 anos, na época do lendario rei persa Jamshid quen, segundo o Shahnameh, fundou esta festa para celebrar a chegada da primavera.[7] Máis tarde Zoroastro, o profeta da relixión homónima, reorganizou o festival na honra de Ahura Mazdā, a suprema divindade preislámica iraniana.[8]
Investigacións recentes testemuñan que, doce séculos despois, no 487 a.C., o emperador persa Darío fixo celebrar o Nowruz, con grandes preparativos, no seu palacio real de Persépole. Sinálase que nese ano o Sol caeu exactamente no centro do observatorio astronómico construído no palacio. Este excepcional acontecemento, previsto polos astrónomos persas, foi visto como un bo presaxio para o reino.[7]
Posteriormente, Nowruz converteuse nunha festa imperial baixo a dinastía parta (248 a. C.)- 224 d.C. ). A documentación máis extensa das celebracións do Nowruz nos tempos antigos, provén da época de Ardashir I, fundador da dinastía sasánida (224 - 651). De feito, durante esta dinastía, o Nowruz converteuse na festa máis importante do ano e, nesta época, introducíronse tradicións como a audiencia pública do soberano, a amnistía para os prisioneiros e o intercambio de agasallos. Nowruz foi unha das poucas festividades na antiga Persia.
O Nowruz en diferentes culturas
O Nowruz leva máis de 3000 anos celebrándose e foi asimilado por todos os pobos e culturas que antes formaban parte do Imperio Persa. Hoxe en día, celébrase en moitos países do Oriente Próximo, Asia Central, Turquía, Albania e algunhas repúblicas exsoviéticas como Taxiquistán, Uzbekistán, Acerbaixán, Turkmenistán, Casaquistán e Kirguizistán. Tamén é unha importante festa do pobo kurdo, que a considera un momento importante de unidade nacional, e é considerada unha festa relixiosa para a fe bahaí. Non obstante, en cada cultura desenvolvéronse algunhas particularidades na festa e o seu nome tamén tivo variacións segundo os idiomas locais. Ademais de por Nowruz, algunhas das denominacións polas que se coñece son: Newroz (especialmente entre os kurdos), Nauruz, Nauryz, Noe-Rooz, Nawroz, Norooz, Noruz, Novruz, Noh Ruz, Nauroz, Nav-roze, Navroz, Naw Rúz (entre o bahaí), Nevruz, Sultan Nevruz (destacadamente en Albania), Наврӯз, Navruz (particularmente en Turquía) ou Nowrouz.
O Nowrūz en Irán
Irán (a antiga Persia) é o país onde naceu Nowrūz e onde a tradición probablemente é máis sentida. O período de preparación para o festival comeza xa no mes de Esfand, o último do ano no calendario persa e o último mes de inverno. As celebracións inclúen varios rituais; destas as máis importantes son: o Khane Tekani (limpeza da casa), o Chaharshanbe Suri (a festa do lume) e especialmente a preparación do Haft Sîn.
Khane Tekani
Khane Tekani é o rito tradicional que abre as celebracións de Nowrūz e consiste na limpeza completa da casa. Probablemente é unha referencia á renovación da natureza que se produce na primavera: a tradición inclúe tamén a compra de roupa nova e a decoración das casas con flores, especialmente xacinto e tulipán. O Khane Tekani comeza normalmente doce días antes de Nawrūz, durante o cal cada familia dedícase a limpar a casa e visitar a familiares e amigos. Estas visitas recíprocas a familiares e amigos íntimos son un compoñente fundamental do Nawrūz iraniano e alcanzan o seu cénit o día no que se reúnen as persoas para un xantar tradicional, o Haft Sîn, e intercambian agasallos.
Chahârshanbe Sûrî
Chahârshanbe Sûrî é un ritual celebrado o último mércores do ano: a festa do lume. Constitúe unha representación alegórica da luz (lume) que derrota a escuridade, unha tradición que se vencella ao dualismo zoroastriano.[9] Durante a noite de Chahârshanbe Sûrî é tradicional saír ás rúas e poñer pequenas e grandes fogueiras sobre as que saltan os mozos cantando os versos tradicionais Zardî-ye man az to, sorkhî-ye to az man, literalmente "a miña cor amarela para ti, a túa cor vermella para min", que significa simbolicamente "a miña debilidade (amarelo) para ti, a túa forza (vermella) para min".[10] Hai moitas outras tradicións relacionadas co Chahârshanbe Sûrî; unha delas cre que esa noite os espíritos dos mortos poden volver visitar os seus descendentes vivos, outras fanse para atraer a boa sorte: escachar ánforas de terracota para atraer boa sorte (Kûzeh Shekastân), e atar un nó no canto dun pano e logo pedir a alguén que o desate (Gereh-goshâ 'î).
Haft Sîn
O Haft Sîn (en persa: هفت سین "os sete "S") consiste na preparación dunha mesa para xantar con sete elementos cuxos nomes comezan coa letra sīn ("s" no persa). O sete é un número sagrado e simboliza os sete arcanxos cos que, hai case tres mil anos, Zoroastro fundou a súa relixión. O Haft Sin trae sorte, saúde, prosperidade, pureza espiritual e longa vida aos habitantes da casa. Para a celebración organízase a mesa de xeito particular: debe estar decorada da forma máis bonita posible. Para isto colócanse flores, o libro sagrado, a bandeira tricolor iraniana, candeas acesas, unha cunca de auga para simbolizar a transparencia da vida e unha folla na auga para a fugacidade da vida, así como o espello sexa visible como somos.
- Sabzeh: grans de lentellas, cebada ou trigo que agromaron (sabzeh) para simbolizar o renacemento.
- Samanu: unha mestura de cebada brotada e tostada, que simboliza a abundancia.
- Senjed - froito de oliva silvestre seco, é un aglutinante que simboliza o amor.
- Sîr - allo, que simboliza a saúde.
- Sîb - mazás, escrupulosamente vermellas, para simbolizar a beleza.
- Somaq - bagas de sumagre, para simbolizar a dureza da vida.
- Serkeh - vinagre, que simboliza a paciencia e a sabedoría.
Outros elementos simbólicos poden ser:
- Sekkeh - "Moedas" - que representa a riqueza
- Candeas prendidas: iluminación e amencer.
- Un espello: simboliza a limpeza e a honestidade.
- Ovos decorados, ás veces un por cada membro da familia: fertilidade.
- Unha peixeira de auga cunha carpa vermella, que simboliza a vida dentro da vida. O símbolo dos peixes é un obxecto esencial sobre a mesa con motivo de Nowruz, símbolo que tamén se remonta á relixión do zoroastrismo.
- Auga de rosas ( Āb-e ghōl ): pureza e limpeza.
- As cores nacionais verde, branco e vermello: para un toque patriótico.
- Un libro sagrado (por exemplo, o Avestā, o Corán ou Kitāb-i Aqdas) e/ou un libro de poesía (case sempre o Shahnameh de Ferdowsi ou o Dīvān de Ḥāfeẓ).
O segundo grupo de elementos da mesa son para ofrecer aos hóspedes a comer e poden incluír:
- Samanu: un doce pudín de trigo xermolado.
A mesa do Haft Sin fica preparada durante trece días. O día trece de Farvardin, o primeiro mes do ano persa, recóllese a mesa.
O Nowrūz en Afganistán
Nowrūz é tamén festexado en Afganistán, onde é coñecido "día do labrego". As celebracións alónganse dúas semanas rematando co primeiro día do ano novo, o 21 de marzo.[11] Con todo, durante o primeiro goberno talibán (1996–2001) foi prohibido por consideralo como unha festa pagá.[12]
O Nowrūz kurdo
Os kurdos celebran Nowrūz, chamado newroz, no período do 18 ao 21 de marzo.
As festas inclúen a saída das vilas, para celebrar a chegada da primavera e danzas e cancións populares; durante a noite acéndense cacharelas no campo e as festas continúan ata tarde. As mulleres adoitan vestir de cores brillantes, mentres que os homes adoitan levar bandeiras pintadas de vermello, verde e amarelo, as cores do pobo kurdo.[13] As frases típicas pronunciadas nesta ocasión son: "Newroz píroz be! " (Feliz Newroz!) e "Bijí Newroz! " (Que o Newroz dure moito!).
É considerado polos kurdos como unha afirmación cultural e un momento de unidade nacional, razón pola que estivo prohibida en Turquía ata o 2000.[14][15] Antes dese ano, o Nawrūz foi obxecto de represión e moitos kurdos foron arrestados polas forzas policiais turcas porque foron sorprendidos celebrándoo:[16] en 1992 tamén houbo a morte dunhas 70 persoas nos enfrontamentos coa policía tras os festexos.[17] Actualmente, o estado turco celebra Nawrūz como unha festa propia conmemorando o nacemento do "pobo turco".[18] Por outra banda, case todas as organizacións políticas e culturais kurdas presentes en Turquía seguen organizando as festas de Nawrūz cada ano, insistindo constantemente na importancia que estas teñen como vehículo para a identidade nacional dos kurdos de Turquía. Algunhas estimacións falan de celebracións que alcanzaron máis dun millón de participantes na cidade de Diyarbakır, no Kurdistán turco. Dado que as celebracións están en calquera caso impregnadas de mensaxes políticas, o goberno de Ancara criticou a miúdo o feito de que estas sexan realmente celebracións políticas e non culturais.
Nowrūz na fe bahá'i
Na fe bahá'i, de orixe iraniana, o Nowrūz (pronunciado nowrùz) é considerado como a festa relixiosa do ano novo do calendario bahá'i. Celébrase o día 21 de marzo, comezando cun banquete o serán anterior que pon fin a 19 días de xaxún.[19] É festexado por todas as comunidades desta relixión presentes polo mundo considerando que é o limiar de boas accións que axuden a todos.
O Nowrūz noutros países
En xeral, o Nowrūz é celebrado polas comunidades iranianas en todos os países nos que están. Tamén se celebra como festa en moitos países do Cáucaso e Asia Central, incluíndo Acerbaixán,[20][21] Turkmenistán,[22] Taxiquistán, Uzbekistán, Casaquistán,[23] Kirguizistán[24][25] e Paquistán.[26]
En Paquistán, na rexión norte, Gilgit-Baltistan celébrase fervorosamente do 1 ao 21 de marzo.[27]
En Albania a variante local, chamada Sultán Nevruz, celébrase entre a poboación musulmá, en particular entre os Bektashi.
Outras celebracións teñen lugar en países occidentais onde hai unha importante minoría iraniana: inclúen cidades dos Estados Unidos como Os Ánxeles ou cidades canadenses como Toronto e do Reino Unido, principalmente Londres.[28]
Notas
- ↑ "20 March 2012 United Nations Marking the Day of Nawroz". Ministry of Foreign Affairs (Iraq). Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2013. Consultado o 18 de abril de 2012.
- ↑ Nations, United. "International Nowruz Day". United Nations (en inglés). Consultado o 2021-08-29.
- ↑ "UNESCO - 21 March: the International Day of Nowruz". ich.unesco.org (en castelán). Consultado o 2021-08-29.
- ↑ iranchamber.com
- ↑ Random House dictionary (unabridged), 2006 (according to Dictionary.reference.com).
- ↑ Elien, Shadi, "Is the Persian New Year spelled Norouz, Nowruz, or Nauruz?", The Georgia Straight, 17 de marzo de 2010.
- ↑ 7,0 7,1 Al. A. Jafari, NOROOZ (New Day); The New Year of Iranian Peoples; consultado o 6 de marzo de 2007.
- ↑ M., Price, NOROOZ; The Most Important Event In Iranian Culture); consultado o 6 de marzo de 2007.
- ↑ "BBC - Religions - Zoroastrian: Dualism". www.bbc.co.uk (en inglés). Consultado o 2021-08-29.
- ↑ Foundation, Encyclopaedia Iranica. "Welcome to Encyclopaedia Iranica". iranicaonline.org (en inglés). Consultado o 2021-08-29.
- ↑ "Key Afghan, US leadership plant trees for Farmer’s Day". 7 marzo 2011.
- ↑ "Copia arquivada". 20 marzo 2002. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2010. Consultado o 29 de agosto de 2021.
- ↑ library.cornell.edu
- ↑ Yanik, Lerna K. (2006). "'Nevruz' or 'Newroz'? Deconstructing the 'Invention' of a Contested Tradition in Contemporary Turkey". Middle Eastern Studies 42 (2): 285–302. ISSN 0026-3206.
- ↑ ":: SchNEWS 496 - plight of the Kurdish people, EDO demo, Eurovision, US "non-lethal weaponry", deforestation for beefburgers, UK general election". web.archive.org. 2008-02-03. Archived from the original on 03 de febreiro de 2008. Consultado o 2021-08-29.
- ↑ Richter, Fabian (2016). Identität, Ethnizität und Nationalismus in Kurdistan (en alemán). LIT Verlag Münster. p. 55. ISBN 978-3-643-13234-5.
- ↑ "The kurds of Turkey: Killings, disappearances and torture." (PDF). hrw.org.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2019. Consultado o 29 de agosto de 2021.
- ↑ "BBC - Religions - Bahai: Naw-Rúz". www.bbc.co.uk (en inglés). Consultado o 2021-08-29.
- ↑ "BBCPersian.com". BBC. Arquivado dende o orixinal o 1 de febreiro de 2013. Consultado o 6 de abril de 2010.
- ↑ "Azerbaijan 2010 Bank Holidays". Bank-holidays.com. Consultado o 6 de abril de 2010.
- ↑ "Turkmenistan 2010 Bank Holidays". Bank-holidays.com. Consultado o 6 de abril de 2010.
- ↑ "Celebrating Nowruz in Central Asia". fravahr.org. Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2007. Consultado o 23 de marzo de 2007.
- ↑ "Norouz in Kyrgyzstan". Payvand.com. March 26, 2006. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2010. Consultado o 6 de abril de 2010.
- ↑ "Kyrgyzstan 2010 Bank Holidays". Bank-holidays.com. Consultado o 6 de abril de 2010.
- ↑ Digest, Persia (1 de abril de 2018). "Nowruz in Pakistan – The kite festival". en (en inglés). Consultado o 8 de xullo de 2020.[Ligazón morta]
- ↑ Navroz Festival: Celebrating the new year with the advent of spring
- ↑ "BBCPersian.com". BBC. Consultado o 6 de abril de 2010.