Neorrenacemento
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e7/HH_Rathaus_pano1.jpg/220px-HH_Rathaus_pano1.jpg)
O Neorrenacemento ou Neorrenacentismo é unha das correntes principais da arquitectura historicista xurdida no século XIX. Aínda que o estilo se manifestou principalmente na arquitectura, tamén influíu nas artes decorativas. Como indica o seu nome, o estilo retomaba as formas arquitectónicas e decorativas do Renacemento europeo dos séculos XV, XVI e principios do XVII.
A arquitectura renacentista orixinal caracterizouse por unha gran variedade de formas dependendo da época e do país. De xeito similar, a arquitectura neorrenacentista tivo diversas vertentes con diferentes características nacionais e rexionais, dependendo de que as fontes de inspiración foran o renacemento italiano, francés, xermánico, inglés, ou outro. Debido a iso é difícil definir características comúns do estilo, podéndose considerar que existen varios estilos neorrenacentistas.
Outro factor importante é que, frecuentemente, os proxectos mesturaban elementos da arquitectura neorrenacentista como o neogótico, o neoclasicismo e o neobarroco, dando uns edificios eclécticos. Deste xeito, obras importantes como a Ópera Garnier (1861-74) de París e a Semperoper (1871-78) de Dresden son unha mestura de renacemento, barroco e neoclasicismo.
Algúns dos modelos máis comúns para a arquitectura neorrenascentista foron os palazzi renacentistas italianos, como o Palazzo Pitti de Florencia e o Palazzo Farnese de Roma. Na vertente francesa os modelos foron os châteaux, como o Château de Chambord e o Château de Blois, localizados no val do río Loira. En Alemaña e o norte de Europa varias prefecturas (Rathäuser) e pazos dos séculos XVI e XVII serviron de modelo, mentres que en Inglaterra os modelos comunmente usados foron as casas de campo e pazos do período isabelino.
Os dous estilos principais son o estilo italianizante e o estilo Segundo Imperio, este último principalmente en Francia cando están presentes características barrocas. Desenvolveuse sobre todo en Alemaña e Dinamarca, saltando a finais do século aos Estados Unidos.
Galería
-
Château de Ferrières (1855-59), en estilo neorrenacentista inglés con aire italianizante ao gusto francés da época.
-
Mentmore Towers (1852-54), Inglaterra.
-
Pazo Vladimir (1867-72), San Petersburgo, Rusia.
-
Ópera Estatal de Viena (1861-69), Austria.
-
Museo Nacional de Estocolmo (c. 1866).
-
Concello de Harburg (c. 1889), Hamburgo.
-
Teatro Municipal de São Paulo (1903-11), Brasil.
-
Biblioteca Pública de Boston (1887-1895).
-
Edifício Ely (1922) en Porto Alegre, Brasil.