O gran Lebowski
O gran Lebowski | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | The Big Lebowski |
Director | Irmáns Coen |
Produtor | Irmáns Coen Tim Bevan Eric Fellner |
Guión | Irmáns Coen |
Intérpretes | Jeff Bridges John Goodman Steve Buscemi Julianne Moore John Turturro |
Música | Carter Burwell |
Fotografía | Roger Deakins |
Montaxe | Tricia Cooke Roderick Jaynes |
Estudio | Working Title Films Bitter Creek Productions Inc Polygram Filmed Entertainment |
Distribuidora | PolyGram Filmed Entertainment Gramercy Pictures |
Estrea | 1998 |
Duración | 119 minutos |
Orixe | Reino Unido Estados Unidos |
Xénero | Comedia |
Orzamento | $15 000 000[1] |
Recadación | $46 189 568 |
Na rede | |
O gran Lebowski (en inglés: The Big Lebowski) é un filme estadounidense escrito e dirixido polos Irmáns Coen que se estreou en 1998. A historia do filme está ambientada a comezos dos anos 1990. Jeff Bridges interpreta a Jeff Lebowski, un desempregado preguiceiro dos Ánxeles alcumado "the Dude". Despois dunha confusión de identidade, the Dude é presentado a un millonario tamén chamado Jeffrey Lebowski. Cando a muller trofeo do Lebowski millonario é secuestrada, encárgalle a entrega do recate para asegurar a súa liberación. O plan vólvese en contra cando o seu amigo Walter Sobchak (John Goodman) fai por quedar co rescate completo. Julianne Moore, Steve Buscemi e John Turturro tamén son protagonistas no filme, xunto con Philip Seymour Hoffman, David Huddleston e Tara Reid en papeis secundarios. O filme ten unha narración no comezo e cara ao final realizada por un vaqueiro coñecido soamente como "The Stranger", interpretado por Sam Elliott.
Está vagamente inspirado na obra de Raymond Chandler. Joel Coen declarou: "Queriamos facer unha especie de historia de Chandler - segundo como se move de forma episódica, e como trata sobre os personaxes que intentan desvelar un misterio, así como ter unha trama irremediablemente complexa que é, en definitiva pouco importante."[2] A banda sonora orixinal foi composta por Carter Burwell, un colaborador habitual dos Irmáns Coen.
A recadación de O gran Lebowski foi decepcionante nos Estados Unidos, e recibiu críticas diversas na súa estrea. Co tempo, os comentarios do filme tenderon a ser positivos, e ó cabo converteuse nun filme de culto,[3] caracterizado polos seus idiosincráticos personaxes, as secuencias de soños, o diálogo pouco convencional e a banda sonora ecléctica.[4]
Estreouse en galego o 8 de novembro de 2003 a través da TVG.[5] A directora de dobraxe foi Charo Pena.
Sinopse
The Dude (Jeff Bridges), un vago que vive na cidade dos Ánxeles, un día é confundido por un par de matóns co millonario Jeff Lebowski, con quen só comparte apelido. Tras recibir unha malleira, inicia a busca do Gran Lebowski. Do seu encontro xurdirá un trato: The Dude recibirá unha recompensa se consegue atopar á muller do magnate.
Personaxes
- Jeff Bridges como Jeff "The Dude" Lebowski ("O pixa" na versión en galego)[6]
- John Goodman como Walter Sobchak
- Steve Buscemi como Theodore Donald "Donny" Kerabatsos
- David Huddleston como Jeffrey Lebowski, o "gran" Lebowski
- Julianne Moore como Maude Lebowski
- Tara Reid como Bunny Lebowski
- Philip Seymour Hoffman como Brandt
- Sam Elliott como O estraño, o narrador
- Ben Gazzara como Jackie Treehorn
- Peter Stormare, Torsten Voges, e Michael "Flea" Balzary como o grupo de nihilistas
- John Turturro como Jesus Quintana
- Jon Polito como Da Fino
- David Thewlis como Knox Harrington
- Mark Pellegrino como Matón loiro de Treehorn
- Jimmie Dale Gilmore como Smokey
- Jack Kehler como Marty
- Leon Russom como Kohl
- Asia Carrera (sen creditar) como a actriz que coprotagoniza con Bunny o filme pornográfico "Logjammin"
Música
Entre as cancións que soan na película, están unha versión feita por Gipsy Kings do tema de The Eagles "Hotel California".
Notas
- ↑ BoxOfficeMojo.com
- ↑ Stone, Doug (9 de marzo de 1998). "The Coens Speak (Reluctantly)" (en inglés). Indie Wire. Consultado o 19 de xuño de 2011.
- ↑ Tobias, Scott. "The New Cult Canon – The Big Lebowski" (en inglés). AV Club. Consultado o 20 de Abril de 2011.
- ↑ Russell, Will (15 de agosto de 2007). "The Big Lebowski: Hey Dude". The Independent (en inglés). Consultado o 22 de xaneiro de 2014.
- ↑ La Voz de Galicia, 8 de novembro de 2003. Páx. 70
- ↑ "O gran Lebowski na TVG". TVG. 23 de marzo de 2021. Consultado o 10 de maio de 2021.