Pelecanus philippensis
Pelecanus philippensis | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Case ameazada[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Pelecanus philippensis Gmelin, 1789 |
Pelecanus philippensis é unha especie de aves do xénero dos pelicanos. Reprodúcese no sur de Asia desde o sur de Paquistán a través da India cara ao leste ata Indonesia. Vive en zonas de augas continentais extensas e na costa, especialmente en lagos grandes. Visto a certa distancia é difícil de diferenciar doutros pelicanos da rexión, aínda que é máis pequeno, pero visto máis de cerca son distintivas as manchas na súa mandíbula superior, a ausencia de cores brillantes e a súa plumaxe máis cincenta. Nalgunhas áreas estas aves aniñan en grandes colonias preto de lugares habitados polos humanos.
Descrición
Esta especie é unha ave grande, pero relativamente pequena entre os pelicanos. Mide de longo entre 125 e 152 cm e pesa entre 4,1 u 6 kg. É principalmente branca, ten unha crista cincenta na caluga e por detrás do pescozo de plumas rizadas, e unha cola parda. A bolsa é de rosa a púrpura e ten grandes manchas claras, e ten tamén un punteado de manchas na parte lateral da mandíbula superior. O extremo do peteiro é amarelo ou laranxa. Na plumaxe reprodutora, a pel da base do peteiro é escura e a mancha orbital é rosa. En voo non parece moi diferente do pelicano crespo, pero as pluma rémixes terciarias e as secundarias internas son máis escuras e presenta bandas claras que corren ao longo das cobertoiras máis grandes. A cola é redonda.[2]
As crías acabadas de eclosionar están cubertas de penuxe branca, que mudan substituíndoa por plumas de cor cincenta con pintas. As manchas do peteiro non aparecen ata que teñen un ano. A plumaxe reprodutora adulta aparece ao terceiro ano.[3]
Hábitat, distribución e status
Esta especie só se reproduce na India, Sri Lanka e Camboxa. Sábese que algúns individuos procedentes da India pasan o inverno nas chairas do Ganxes, pero os informes da súa presenza noutras partes da rexión como Maldivas, Paquistán e Bangladesh foron cuestionados.[2] O seu principal hábitat son as zonas con augas doces pouco profundas de terras baixas. Non é unha especie migratoria, pero fan desprazamentos locais e están máis amplamente distribuídos na tempada non reprodutora.
Reprodúcese en colonias, e con frecuencia en compañía doutras aves acuáticas. Fan os niños en árbores baixas preto das zonas húmidas e ás veces preto de casas humanas. Rexistráronse historicamente moitas grandes colonias reprodutoras, pero varias desapareceron co tempo. En xuño de 1906, C E Rhenius visitou unha colonia en Kundakulam no distrito de Tirunelveli, onde nas vilas se consideraba a estas aves como sagradas.[4] Amesma colonia foi revisitada en 1944, e só había 10 niños de pelicanos e uns 200 niños do cicónido Mycteria leucocephala.[5]
O río Sittang de Birmania segundo E W Oates albergaba "millóns" de pelicanos en 1877, e en 1929 E C Stuart Baker informou de que aínda aniñaban alí miles deles, xunto con Mycteria leucocephala: [6] Porén, B E Smythies informou que esta colonia desaparecera entre as décadas de 1930 e 1940.[7]
Outra colonia descubriuse en 1902 nunha vila chamada Buchupalle no distrito de Cudappah, onde estes pelicanos aniñaban tamén xunto con M. leucocephala durante o mes de marzo.[8] Esta colonia desapareceu de vez.[7] A colonia do lago Kolleru descubriuna K K Neelakantan en 1946 e nela aniñaban case 3000 pelicanos daquela.[7][9] Esta colonia tamén desapareceu arredor de 1975.[10][11][12]
Debido á perda doseu hábitat e as molestias causadas polos humanos, o número dos P. philippensis diminuíu significativamente e moitas poboacións do sueste de Asia están agora extintas.[13] O nome científico da especie fai referencia ás Filipinas, onde a especie era abundante ata aproximadamente o ano 1900,[3] pero declinou e extinguise localmente na década de 1960.[14] Porén, crese que as poboacións do sur da India están aumentando.[15] As estimacións suxiren que o incremento da protección de que gozan nos últimos tempos permitiu a recuperación das poboacións e o status da especie cambiouse de vulnerable a case ameazada en Lista vermella da IUCN en 2007.[1]
Comportamento e ecoloxía
Son aves moi silenciosas cando están nos seus niños, aínda que no niño poden chifrar, gruñir ou facer ruído pechando de golpe os seus peteiros.[2] Algunhas das primeiras descricións das colonias de nidación afirmaban que as colonias en conxunto distinguíanse por ser silenciosas, pero a maioría considera hoxe que as colonias son ruidosas.[7][16]
Como a maioría dos demais pelicanos, captura peixes coa súa enorme bolsa do peteiro mentres nada pola superficie. A diferenza do pelicano crespo non forma grandes bandadas para alimentarse e xeralmente pesca en solitario ou en pequenas bandadas. Porén, os grupos poden por veces colocarse aliñadas e dirixir xuntos os peixes cara a zonas pouco fondas. Cando voan desde as zonas onde descansan ás zonas de alimentación, voan en formación en pequenos grupos cun aleteo constante. Durante o período cálido do día, a miúdo planan aproveitando as correntes térmicas.[17] Poden alimentarse en parte de noite.[18]
Aniñan en colonias e o niño é unha plataforma grosa de ramiñas situada nunha árbore baixa. A estación reprodutora varía de outubro a maio.[2] En Tamil Nadu, a tempada de apareamento empeza co comezo do monzón do noroeste. A exhibición de cortexo do macho consiste na distensión da bolsa con movementos balanceantes da cabeza arriba e abaixo seguidos de balanceos laterais, e despois botan a cabeza para atrás colocándoa sobre as costas. Poden producir repenicos co peteiro durante estes movementos coa cabeza.[19][20] Os niños constrúense normalmente xunto cos doutras aves coloniais, especialmente de M. leucocephala. A súa posta normal é de tres a catro ovos brancos. Os ovos líxanse co tempo.[17] Os ovos eclosionan en de 30 a 33 días. As crías permanecen nos niños ou preto deles de tres a cinco meses.[19][21] En catividade as crías poden reproducirse aos dous anos.[22] Igual que outros pelicanos, refréscanse por medio da vibración da súa bolsa e arfando.[23]
Na cultura
Os pescadores de certas partes de Bengala oriental usaban antes esta especie para atraer a certos peixes, xa que crían que unha secreción aceitosa da ave atraía a peixes como os Colisa e Anabas.[24]
A tendencia destas aves a aniñar preto de poboacións humanas xa foi indicada no século XIX por T C Jerdon:
Visitei unha colonia de pelicanos no Carnático, onde os pelicanos construían (desde tempo inmemorial segundo me dixeron) os seus rudos niños, en árbores bastante baixas no medio da vila, e parecía importarlles pouco a estreita e constante proximidade dos seres humanos.Jerdon, 1864[24]
Desde entón descubríronse outras colonias en vilas e, aínda que algunhas delas desapareceron, outras foron protexidas e unhas poucas vilas que conservan colonias de nidación convertéronse en atraccións turísticas populares. Entre estas vilas están Kokrebellur, Koothankulam e Uppalapadu.[11][25]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Pelecanus philippensis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Rasmussen, PC & JC Anderton (2005). Birds of South Asia: The Ripley Guide. Volume 2. Smithsonian Institution & Lynx Edicions. p. 49.
- ↑ 3,0 3,1 McGregor, R C (1909). A manual of Philippine birds. Part 1. Bureau of Printing, Manila. pp. 208–210.
- ↑ Rhenius, CE (1907). "Pelicans breeding in India". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 17 (3): 806–807.
- ↑ Webb-Peploe, CG (1945). "Notes on a few birds from the South of the Tinnevelly District". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 45 (3): 425–426.
- ↑ Hume, AO (1890). The nests and eggs of Indian birds. Volume 3. R H Porter. p. 297. [1]
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Gee,EP (1960). "The breeding of the Grey or Spottedbilled Pelican Pelecanus philippensis (Gmelin)". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 57 (2): 245–251.
- ↑ Campbell,WH (1902). "Nesting of the Grey Pelican Pelecanus philippensis in the Cuddapah District, Madras Presidency". J. Bombay Nat. Hist. Soc. (2): 401.
- ↑ Neelakantan, KK (1949). "A South Indian pelicanry". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 48 (4): 656–666.
- ↑ Guttikar, S. N. (1978). "Lost pelicanry". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 75: 482–484.
- ↑ 11,0 11,1 Kannan V & R Manakadan (2005). "The status and distribution of Spot-billed Pelican Pelecanus philippensis in southern India" (PDF). Forktail 21: 9–14. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de febreiro de 2012. Consultado o 08 de abril de 2016.
- ↑ Nagulu, V & Ramana Rao, JV (1983). "Survey of south Indian pelicanries". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 80 (1): 141–143.
- ↑ Crivelli, A; Schreiber, R (1984). "Status of the Pelecanidae". Biological Conservation 30 (2): 147. doi:10.1016/0006-3207(84)90063-6.
- ↑ Van Weerd, Merlijn & J van der Ploeg (2004). "Surveys of wetlands and waterbirds in Cagayan valley, Luzon, Philippines" (PDF). Forktail 20: 33–39. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de abril de 2012. Consultado o 08 de abril de 2016.
- ↑ Gokula, V (2011). "Status and distribution of population and potential and potential breeding and foraging sites of spot-billed pelican in Tamil Nadu, India". J. Sci. Trans. Environ. Technov 5 (2): 59–69.[Ligazón morta]
- ↑ Whistler, Hugh (1949). Popular handbook of Indian birds. Edition 4. Gurney and Jackson. pp. 489–491.
- ↑ 17,0 17,1 Ali, Salim (1996). The Book of Indian Birds. Edition 12. BNHS & Oxford University Press. p. 66.
- ↑ Gokula, V. (2011). "Nocturnal foraging by Spot-billed Pelican in Tamil Nadu, India" (PDF). Marine Ornithology 39: 267–268.
- ↑ 19,0 19,1 Gokula, V (2011). "Breeding biology of the Spot-billed Pelican (Pelecanus philippensis) in Karaivetti Bird Sanctuary, Tamil Nadu, India". Chinese Birds 2 (2): 101–108. doi:10.5122/cbirds.2011.0013.
- ↑ Gokula V (2011). "An ethogram of Spot-billed Pelican (Pelecanus philippensis)". Chinese Birds 2 (4): 183–192. doi:10.5122/cbirds.2011.0030.
- ↑ Ali, S and Ripley, S D (1978). Handbook of the birds of India and Pakistan 2 (2 ed.). Oxford University Press. pp. 29–30.
- ↑ Das, RK (1991). "Assam: the main breeding ground of Spotbilled Pelican". Newsletter for Birdwatchers 31 (11&12): 12–13.
- ↑ Bartholomew, GA; Robert C. Lasiewski and Eugene C. Crawford, Jr. (1968). "Patterns of Panting and Gular Flutter in Cormorants, Pelicans, Owls, and Doves". The Condor 70 (1): 31–34. JSTOR 1366506. doi:10.2307/1366506.
- ↑ 24,0 24,1 Jerdon, TC (1864). The Birds of India. Volume 3. George Wyman & Co. pp. 858–860.
- ↑ Neginhal, S. G. (1977). "Discovery of a pelicanry in Karnataka". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 74: 169–170.
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Fotos e vídeos Arquivado 08 de outubro de 2014 en Wayback Machine.
- Pelicano regurxitando