Portugués (moeda)

O portugués foi unha antiga moeda portuguesa de ouro,[1] introducida por Manuel I no século XVI. Era a moeda de maior valor da Europa do seu tempo e foi moi imitada en diferentes estados do continente.[2][3][4]
Historia
A súa creación débese ao rei de Portugal Manuel I (1495-1521),[5] que a concibiu como un medio para conmemorar as descubertas portuguesas e a constitución do Imperio Portugués. A primeira vez que se cuñou foi pouco antes da viaxe de Vasco da Gama, que xa levou algunhas destas moedas na súa expedición á India en 1497.[4][6]
Tratábase dunha emisión de prestixio para se utilizar en grandes transaccións comerciais, non na circulación cotiá, sinaladamente na adquisición de especias en Asia.[6]
O fillo de Manuel I, Xoán III (1521-1557), fixo as dúas derradeiras emisións do portugués, unha delas en 1525 na ceca de Lisboa e a outra ca. 1537-1538 na ceca do Porto.[7][8] Estímase que se cuñaron arredor de 400.000 portugueses de ouro entre 1500 e 1538, equivalentes a 14,2 toneladas de ouro.[6]
En novembro de 2011, a Imprensa Nacional-Casa da Moeda cuñou en cuproníquel unha tiraxe de 150.000 exemplares dunha réplica conmemorativa do portugués, co valor facial de 7,50 euros.[9][10]
Caracterización

Estes son os trazos definitorios do portugués de ouro de Manuel I e de Xoán III:[5][6][11]
- Valor: 1 portugués = 10 cruzados = 4.000 reis.
- Peso: 35,5 g.
- Diámetro: 35 mm.
- Aliaxe: ouro de 989 milésimas.
- Anverso: armas de Portugal e lenda en dúas liñas: I:EMANVEL:R:PORTVGALIE:AL:C:VL:IN:A:D:GVINI / C.N:C.ETIIIOPIE'ARABIE'PERSIE INDE ("Manuel I, rei de Portugal e o Algarve, deste lado e alén do mar, señor da Guinea en África, señor da conquista, a navegación e o comercio de Etiopía, Arabia, Persia e a India").
- Reverso: cruz da Orde de Cristo e lenda: +IN:HOC:SIGNO:VINCES ("con este sinal vencerás").
O portugalöser

O portugués de ouro acadou tal prestixio internacional, sinaladamente nas ricas cidades comerciais da Liga Hanseática, que moitos reinos e cidades do norte de Europa comezaron a cuñar as súas propias versións da moeda, coa denominación de portugalöser ou portugaleser, dotadas de diferentes valores, desde os 2,5 aos 10 ducados.[12] Con frecuencia, estas imitacións do portugués mantiñan como trazo característico a cruz de Cristo dos reversos.
Moito despois do cesamento da cuñaxe do portugués en Portugal, a emisión dos portugalöser continuou en Alemaña, nos Países Baixos, en Polonia, en Suecia e en Dinamarca durante o século XVII.[12][13] Nos Países Baixos, as cidades de Deventer e de Zwolle producíronos entre 1640 e 1641 para o comercio do azucre que se cultivaba no Brasil holandés.[3][6]
A cidade de Hamburgo en particular emitiu un amplo número destas moedas entre 1553 e 1560, e a partir de 1667 cuñounas a modo de medallas conmemorativas, unha tradición que aínda se mantén, como recoñecemento aos seus cidadáns polos méritos e os seus servizos destacados á cidade.[12]
Notas
- ↑ "Português". En Dicionário Estraviz.
- ↑ "Portuguez". En Frey, A. R. (1916). Páxina 189.
- ↑ 3,0 3,1 "Portogallese, Portugalöser, Portugais, Portuguez, Portoghese Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (1915).
- ↑ 4,0 4,1 "Moeda rara: Português". Numisma Leiloões.
- ↑ 5,0 5,1 "Português - Manuel I". Numista.com
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Trigueiros, A. M. (2016). Páxina 48.
- ↑ Portugueses a nome de Xoán III: Lisboa (1525) e Porto (1537-1538). Numista.com
- ↑ "Monetary emissions of the reign of D. João III". En Lobo Vieira, R. M. (2000). Páxina 162.
- ↑ "Português de D. Manuel (normal)". Imprensa Nacional-Casa da Moeda.
- ↑ "7½ Euro Numismatic Treasures - D. Manuel I of Portugal". Numista.com
- ↑ "Monetary emissions of the reign of D. Manuel I". En Lobo Vieira, R. M. (2000). Páxina 130.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 "Portuguez". En Frey, A. R. (1916). Páxinas 188-189.
- ↑ "Portugalöser" e "Portuguez". En Hazlitt, W. C. (1893). The Coinage of the European Continent: With an Introduction and Catalogues of Mints Denominations and Rulers. Vol. 1. Swan Sonnenschein. Páxina 225.
Véxase tamén
Bibliografía
- Frey, A. R. (1916). A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50.
- Lobo Vieira, R. M. (2000). Moedas Portuguesas da Época dos Descobrimentos na Colecção do Museu Histórico Nacional 1383-1583. Museu Histórico Nacional, Lisboa.
- Martinori, E. (1915). La moneta. Vocabolario generale Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Roma. Istituto italiano di numismatica. Páxina 400.
- Trigueiros, A. M. (2016). "The Portugalöser in the Netherlands and Dutch Brazil". En The Numismatist. Vol. 129. Nº 4. American Numismatic Society.