Punta lítica

Punta Levallois

Unha punta lítica é un instrumento tallado en pedra (case sempre sobre lasca ou folla lítica) con forma alongada, cun ápice terminal moi afiado máis ou menos paralelo ao seu eixo de simetría. A forma de obter unha punta lítica é moi variada. A súa función é case sempre servir como extremidade dunha lanza, frecha, xavelina ou outra arma de caza ou combate, aínda que hai casos nos que se puido determinar que se utilizaron a xeito de coitelo.

Os principais xeitos de obter unha punta lítica son:

  • Punta obtida directamente do soporte coa forma triangular xa definida, sen necesidade de retoques; para o que se require unha preparación previa do núcleo que permita predeterminar a morfoloxía do produto grazas a un nervio central que conduce a fractura, por exemplo, a Punta Levallois.
Punta Gravette
  • Punta constituída pola converxencia en ángulo agudo dun bordo con retoque esgrevio con outro bordo natural da lasca ou da folla soporte. O bordo abatido pode ser rectilíneo, como ocorre coas Puntas Gravette, ou curvo, como é o caso da Punta de Chatelperrón. Esta forma de obtencvión de puntas tamén é habitual nos microlitos, como a australiana Punta de Adelaida.
  • Punta constituída pola converxencia aguda de dous bordos retocados mono ou bifacialmente. Dependendo das cualidades do retoque hai infindade de variantes. Por exemplo, as Puntas musterianas teñen un retoque escamoso, mentres que as Puntas solutreanas teñen un retoque plano e cubrinte.

Pola súa forma as puntas líticas clasifícanse en:

  • Puntas triangulares, son as máis simples e as máis comúns, quizais pola lóxica da súa morfoloxía. As primeiras son as chamadas Puntas musterianas que, malia o seu nome, aparecen xa no Paleolítico Inferior, aínda que son máis típicas do Paleolítico Medio. Parecida cronoloxía teñen as Puntas Levallois, aínda que a súa fabricación é conceptualmente moi diferente. As puntas triangulares persisten ao longo da Prehistoria, atopando exemplares de morfoloxía triangular, máis longa (Puntas da Gravette) ou máis curta (Puntas de El-Emireh e Puntas Azilienses, estas xa epipaleolíticas).
  • Puntas de amosega lateral, como as do solutreano mediterráneo, as Puntas Kostienki do Paleolítico Superior centroeuropeo ou as Puntas de sandía do Paleoamericano. No Epipaleolítico europeo hai unha punta microlítica de amosega lateral chamada Punta Hamburguense.
Punta de amosega europea
  • Puntas foliáceas bifaciales, como as follas de loureiro solutreanas, as puntas szeletenses do Paleolítico Medio serodio de Europa central, tamén no paleoindio de América do Norte, a punta de Ágata Basin.
  • Puntas de base cóncava, destacando moitos dos modelos de puntas de proxectil do paleoamericano: Punta de Cumberland, Punta de Midland, Punta de Plainview... e entre todas elas as puntas de Clovis e Folsom. En Europa están as Puntas de Markina-Gora, con forma triangular obtida con retoque cubrinte e base cóncava. No Epipaleolítico do Próximo Oriente salienta a Punta de Bou Saada, e no norte de África a de Aïoun Berriche e, en Europa a Punta de Tardenois.
Punta de Folsom
  • Puntas pedunculadas, hai ducias de variantes dependendo do tipo de retoque, a presenza ou non de aletas laterais, o tamaño e mesmo da morfoloxía do pedúnculo. Entre as máis antigas están as puntas Levallois pedunculadas do aterense africano. No Paleolítico Superior aparecen pezas pedunculadas como a Punta de La Font-Robert do Gravetense, ou as Puntas pedunculadas bifaciais do Solutreano español ou a Punta de Teyjat do Magdaleniense e, xa na transición co Epipaleolítico, a Punta de Ahrensburg. Coa aparición do arco e as frechas durante o Mesolítico, aparecen numerosas puntas con algún tipo de lingüeta que podería entrar na consideración de pedúnculo para frechas (a Punta de Biblos no Próximo Oriente, a Punta de Ounan no norte de África, a Punta de Corgnac ou a de Lingby en Europa...).
Punta de Ahrensburg