Qurratulain Hyder

Qurratulain Hyder
AlcumeAinee Apa
Nacemento20 de xaneiro de 1927
Lugar de nacementoAligarh
Falecemento21 de agosto de 2007
Lugar de falecementoNoida
NacionalidadeIndia, Raj Británico e Dominio da India
RelixiónIslam
Alma máterUniversity of Lucknow e Indraprastha College for Women
Ocupaciónlingüista, escritora e tradutora
PaiSyed Sajjad Haider Yaldram
Coñecida porAag Ka Dariya
PremiosPadma Bhushan, Jnanpith Award, Padma Shri in literature and education e Premio Sahitya Akademi
editar datos en Wikidata ]
Autógrafo de Qurratulain Hyder

Qurratulain Hyder, nada en Aligarth o 20 de xaneiro de 1927 e finada en Noida o 21 de agosto de 2007, foi unha xornalista e escritora indo-paquistaní en lingua urdú.

Traxectoria

Aínda que naceu en Aligarh a súa familia procedía doutro lugar do estado de Uttar Pradesh, Nehtaur. Seu pai Sajjad Haidar Yildarim (1880–1943) foi un pioneiro da narrativa urdú e súa nai, Nazar Zahra, foi tamén escritora. Estudou na Universidade de Delhi[1] e na Universidade de Lucknow. Tras rematar o estudos e coa partición da India en 1947 emigrou con súa nai a Paquistán, malia non concordar coas posicións da Liga Musulmá que levaran a súa creación[2] e a publicación en 1959 da novela Aag Ka Darya recibiu moita crítica, en especial nos medios nacionalistas paquistanís, por describir á xente paquistaní do mesmo xeito que á india, sen diferenza ningunha[2] e supuxo, sen dar explicación ningunha, a súa volta á India. Estableceuse en Mumbai e exerceu como xornalista ao tempo que publicaba regularmente relatos, traducións literarias e novelas. Foi editora xefe da revista Imprint (1964–68) e formou parte do consello de redacción de Illustrated Weekly of India (1968–75). Na década de 1980 aveciñouse en Noida, cidade satélite de Nova Delhi.

Obra

Qurratulain Hyder foi unha escritora prolífica, escribiu 12 novels e catro coleccións de relatos, e tamén realizou diversas traducións dos clásicos. Publicou o seu primeiro relato, "Bi-Chuhiya", na revista infantil Phool en 1939. Publicou a súa primeira colección de historias en 1947 co título de Sitaron sai aagai e con 19 anos escribiu a súa primeira novela, Mere bhi sanamkhane que publicou en 1949 á que seguiu a novela Safina-e-Ghamidil e os relatos contidos en Shishai kai ghar, ámbolos dous en 1952. Nestas primeiras obras tende a experimentar coa influencia occidental nun manierismo adolescente[3].

A novela Aag ka darya que se publicou en urdú en 1959 e que traduciu a propia Qurratulain ao inglés en 1998 como River of Fire[4], está considerada como a súa obra mestra, constitúe unha emblemática novela histórica que pon en contexto a partición do subcontinente indio en dúas nacións estado ao longo dun amplo espazo temporal, que se centra en catro períodos históricos, o clásico, o medieval, o colonial e o moderno, que abranguen dende o século IV a.C. ata o período posterior á independencia da India e Paquistán.

Outras obras súas son os relatos de Patjhar ki awaaz (1967), a novela curta de 1965 Chaye ke bagh na que explora a inxustiza; a saga familiar Kar e Jahan daraz hai (1977-1979) no que mestura ficción e autobiografía, a novela documental Gardish e Rang e Chaman (1987) ou o libro de relatos Roshni ki raftar (1982). Akhir-i shab ke hamsafar (1994) é unha novela sobre o movemento naxalita e a axitación en Bengala; Chandni Begum, novela sobre a condición social dos musulmáns corenta anos despois da partición do subcontinente indio.

Qurratulain Hyder está considerada unha das escritoras fundamentais do século XX na literatura urdú, que coa súa obra axudou a consolidar a novela como un xénero serio nunha literatura ata entón orientada cara a poesía[5] e que se converteu nunha figura respectada imitada na India por outros autores que empregaron as súas técnicas nas súas novelas[6]

Notas

  1. "Vital statistics of colleges that figure among India's top rankers". India Today. 21 de maio de 2001. 
  2. 2,0 2,1 Ahsan, Kamil (22 de xullo de 2019). "The Alternate India". The Nation. Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2019. Consultado o 11 de setembro de 2020. 
  3. BK (1988). "Qurratulain Hyder". En Amaresh Datta. Encyclopaedia of Indian Literature: Devraj to Jyoti, Volume 2. Sahitya Akademi. p. 1622. 
  4. Sukrita Paul Kumar (2002). "Beyond Partition: turns of centuries in Aag Ka Darya". India International Centre Quarterly. 29 (2): 87–94.
  5. "Qurratulain Hyder". Encyclopaedia Britannica. 
  6. Aamer Hussein "Chaos and upheaval" Times literary supplement, nº 4988, 1998, p. 25