René Robert Cavelier de La Salle

René Robert Cavelier de La Salle
Nacemento21 de novembro de 1643
Lugar de nacementoRuán
Falecemento19 de marzo de 1687
Lugar de falecementoTexas
NacionalidadeFrancia
Relixióncatolicismo
Alma máterLycée Pierre-Corneille
Ocupaciónexplorador, traveler e investigador
Na rede
WikiTree: Cavelier-11 Find a Grave: 8676075 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

René Robert Cavelier de La Salle, nado en Ruán o 22 de novembro de 1643 e finado o 19 de marzo de 1687 ao sur da entón colonia francesa de Luisiana, preto de onde actualmente se atopa a cidade de Navasota, no estado americano de Texas, foi un explorador francés de sona, dadas as súas incursións en América do Norte onde percorreu a rexión dos Grandes Lagos dos Estados Unidos e do Canadá, despois o río Mississippi, explorando os territorios situados entre a rexión do Quebec e o delta do Mississippi.

Traxectoria

Xesuíta

Foi novizo na Compañía de Xesús, na que formula os seus votos en 1660. Dentro da Compañía exerceu a docencia pero posteriormente renunciou aos seus votos, o que lle foi concedido o 27 de marzo de 1667.

Primeira viaxe

Inicia entón a súa primeira viaxe a América, desembarcando en 1667 en Nova Francia, concretamente en Montreal, onde o seu irmán Jean, párroco na Igrexa de Saint-Sulpice, chegara un ano antes. Ocupa unha leira no extremo occidental da Illa de Montreal e bautízaa como "A China", en referencia ao seu desexo de atopar unha ruta para ir a China.

En 1669, financia unha pequena expedición que explora os lagos Ontario e Erie. Chega ao río Ohio, pero non alcanza o Mississippi, que sería descuberto por Louis Jolliet en 1672. A expedición compúñase de cinco canoas e quince homes. O Pai Dollier de Casson e outros sete homes viaxaban con el en tres canoas suplementarias.

En 1674, establece o Forte Frontenac (actualmente Kingston) no lago Ontario, como primeiro elemento dunha empresa de comercio de peles de visón. O forte foi bautizado co nome do gobernador de Nova Francia, Louis de Baude de Frontenac. A continuación parte cara a Francia (1674-1675). Co apoio de Frontenac recibe non só a concesión para o comercio de peles xunto co permiso para instalar fortes fronteirizos, senón tamén un título nobiliario.

Segunda viaxe

Na viaxe de volta a Nova Francia acompáñalle Henri de Tonti, quen se unirá ás súas exploracións. O 7 de agosto de 1678, La Salle chega ao Forte Conti, preto das cataratas do Niágara a bordo do Le Griffo, o barco que construíran el e Tonti. foron os primeiros europeos en asucar os Grandes Lagos. A remo alcanzan o lago Erie e o lago Huron e volven río abaixo ata o lago Michigan.

O 1 de novembro de 1678, La Salle edifica o Forte Miami na desembocadura do río Miami, hoxe río Saint-Joseph (lago Michigan), e espera o regreso dun grupo dirixido por Tonti, que atravesa a península a pé. Tonti chega o 20 de novembro, e o 3 de decembro todo o grupo remonta o Saint-Joseph, ata alcanzar un porto no río Kankakee. Seguen o seu curso ata o río Illinois, onde emprazan o Forte Crèvecœur, preto da actual Peoria (Illinois).

La Salle parte entón cara ao Forte Frontenac para fornecerse. Mentres tanto, Louis Hennepin segue o río Illinois ata a súa unión co Mississippi, pero durante unha guerra entre síux é feito prisioneiro e trasladado a Minnesota. Durante a ausencia de La Salle, os soldados de Forte Crèvecœur amotínanse e expulsan a Tonti, a quen La Salle deixara a cargo do forte. La Salle captura aos amotinados no lago Ontario e atopa a Tonti en Mackinaw.

Exploración do Mississippi

La Salle prepara entón todo o necesario para unha nova expedición. Deixando en Forte Crèvecœur unha dotación de 23 franceses e 18 amerindios, chegan ao extremo sur do lago Michigan en 1680 e en 1682 descenden o Mississippi ata chegar ao Golfo de México. O 9 de abril toma posesión deste vasto territorio en nome de Francia e dálle o nome de Luisiana na honra do rei Lois XIV. Na desembocadura do Mississippi, preto da actual Venice en Luisiana, La Salle enterra un prato gravado e unha cruz reivindicando o territorio para Francia.

En 1683, durante a súa viaxe de volta, para substituír o Forte Crèvecœur establece un novo forte en Starved Rock xunto ao río Illinois. Tonti queda a cargo do forte mentres que La Salle volve de novo a Francia a fin de reunir medios para unha nova expedición, co fin de instalar un posto comercial na desembocadura do río Mississippi e desenvolver un comercio de peles competidor ao dos xesuítas do Quebec.

Terceira viaxe

É o rei de Francia Luis XIV, ao que España acaba de declararlle a guerra en outubro de 1683, o que achega os fondos necesarios para montar unha expedición co fin de asegurarse un mellor control de Francia sobre América do Norte, e tamén para vixiar as minas de prata de México que alimentan as caixas de Carlos II de España. Ao seu regreso en 1684, La Salle ostenta o título de Gobernador de Luisiana e encabeza unha gran expedición co fin de establecer unha colonia francesa no Golfo de México, na desembocadura do río Mississippi, composta de catro barcos e 300 colonos incluíndo militares. O Rei Sol concédelle o buque de guerra Joly e unha ampla barcaza —unha especie de pequena fragata— o Belle. Para transportar a estes colonos, soldados e a tripulación, sen contar a carga, La Salle debe alugar outros dous buques: a fragata Aimable e o ketch Saint-François.

A expedición padecerá ataques dos piratas, indios hostís e erros de navegación. O Saint-François pérdese fronte a corsarios españois nas Indias Occidentais, á altura de A Española. A expedición excede a desembocadura do Mississippi e continúa durante dúas semanas ao longo da costa cara ao oeste, chegando preto da baía de Matagorda, Texas. La Salle dáse conta do seu erro e decide facer escala na baía. O momento da manobra para entrar na baía o Aimable encalla sobre un banco de area. Finalmente, os colonos establecen o Forte San Luís preto de Vitoria, en Texas. O Joly regresa a Francia, en marzo de 1685, unha vez desembarca a súa carga. A expedición conta entón só cun buque, a Belle.

La Salle continúa coa súa exploración, esta vez cara ao leste para intentar atopar o Mississippi. Desgraciadamente para el, está a máis de 600 km. do río. Nunha expedición, o seu último barco, o Belle, é atrapado nunha tempestade e encalla na baía de Matagorda en febreiro de 1686. Durante a terceira expedición a pé, os 36 homes que lle acompañaban amotínanse e el é asasinado o 19 de marzo de 1687 preto de Navasota.

A colonia perdurará só ata 1688, cando os indios karankawa masacran aos 20 adultos que seguían habitando o forte e toman a cinco nenos como cativos. Ao decatarse da noticia, en 1689 Tonti envía varias misións de procura, pero non se atopou a ningún sobrevivente. Henri Joutel que recollera a todos os colonos que quixeron seguirlle e levounos con el a Quebec, onde a maior parte deles quedaron.

La Salle hoxe

O primeiro barco de La Salle, o Belle foi descuberto na Baía de Matagorda en 1995 e actualmente os seus restos son obxecto de estudo por parte dos arqueólogos (ver ligazóns externas).

O modelo de automóbil LaSalle, e moitos lugares foron nomeados na súa honra, como o distrito de LaSalle da cidade de Montreal, ou o Forte La Salle da Royal Military College of Canada en Kingston, Ontario, nomeado en 1913.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Henri Joutel, Journal historique du dernier voyage que feu M. de La Sale fit dans le golfe de Mexique, pour trouver l'embouchure, & le cours de la riviere de Mississipi, nommée à present la riviere de Saint Loüis, qui traverse la Louisiane. Où l'on voit l'histoire tragique de sa mort, & plusieurs choses curieuses du Nouveau monde, París, E. Robinot, 1713 (en francés)

Ligazóns externas