Semiótica

A semioloxía ou semiótica é o estudo do signo. Inclúe o estudo de como se constrúe e comprende o significado. Este campo de estudo foi proposto polo lingüista suízo Ferdinand de Saussure (1857-1913) no seu Curso de Lingüística Xeral ditado na Universidade de Xenebra a comezos do século XX, cando creou as bases do que é hoxe a lingüística moderna. Saussure propuxo o estudo da vida dos signos no seo da vida social, que englobaría a lingüística e se integraría na psicoloxía, como ramo da psicoloxía social.

A súa suxestión foi adoptada, seguida e desenvolvida principalmente a través dun grupo de intelectuais europeos centrados especialmente na Francia, que recibiu o nome de estruturalismo, pois os seus membros adoptaran, para a práctica das ciencias humanas en xeral, o método estruturalista practicado por Saussure na súa creación da lingüística moderna.

Un dos grandes nomes na Semioloxía é Umberto Eco, recoñecido polos seus traballos no campo das comunicacións, da estética e da semiótica. Como semioticista, nas obras A Estrutura Ausente e As Formas do Contido, a súa produción é particularmente importante polos desenvolvementos que proporciona e pola estruturación que ten procurado. O seu Tratado Xeral de Semiótica, alén de constituírse nunha verdadeira suma das principais abordaxes do tema, consegue deliñar unha teoría global da lingüística, a lóxica, as linguas naturais, a retórica, a estética, a filosofía da linguaxe e a teoría da percepción, reunidas nunha reorganización articulada e sistemática.

Historia

As orixes da semiótica contemporánea pódense identificar nas obras e reflexións de dúas figuras fundamentais, o filósofo norteamericano Charles Sanders Peirce (1839-1914) e o lingüista xenebrino Ferdinand de Saussure. Porén, a disciplina como tal atopa unha primeira definición institucional a partir dos anos sesenta do século XX coa obra de Roland Barthes (1915-1980) Elementos de semioloxía.

Na semiótica conviven, polo tanto, dúas perspectivas diferentes, polo menos: unha filosófica ligada ás teorías de Peirce e unha lingüística derivada de Saussure. Inicialmente, co termo semiótica entendíase a perspectiva filosófica (o filósofo inglés John Locke utilizara por primeira vez o termo con esta acepción en 1690), mentres que semioloxía se utilizaba do punto de vista lingüístico. Co uso, o termo semiótica veu a identificar as reflexións xerais teóricas e de método (o que Umberto Eco definiu como "semiótica xeral"), mentres que o termo semioloxía tense utilizado para identificar as diversas aplicacións do método semiótico en contextos particulares e obxectos de investigación, como "semioloxía da música", "semioloxía da arte" ou "semioloxía do cinema" (a "semiótica aplicada" de Eco).

A liña semiolóxico-lingüística da disciplina pódese identificar coas figuras do xa mencionado Saussure, do lingüista dinamarqués Hjelmslev e de Barthes. Desta liña teórica derivan dúas das perspectivas máis interesantes da semiótica contemporánea, a semiótica estrutural e xerativa de Algirdas Julien Greimas e a sociosemiótica, relacionada cos nomes de Jean Marie Floch (1947-2001) e Eric Landowski.

A liña semiótico-filosófica derivada de Peirce e das teorías do outro filósofo pragmatista norteamericano Chales William Morris (1901-1979) foi referencia fundamental para a semiótica interpretativa de Umberto Eco e para o traballo do semiólogo norteamericano Thomas Albert Sebeok (1920-2001), mais tamén polos contactos máis recentes entre a semiótica, a semántica e as ciencias cognitivas, no traballo de Eco e de Patrizia Violi.

Mesmo se o concepto teórico fundamental da semiótica é o do signo e da relación significante relativa ou semiose, dado que a semiótica estuda todos os fenómenos de significación e de comunicación, ten continuado por enfrontarse a un obxecto de análise en realidade máis complexo que o simple obxecto teórico "signo", o texto. O concepto de texto (do latín textus, metaforicamente "trama do discurso"), pode limitarse a identificar unha serie de enunciados escritos autonomamente e autosuficientemente (esta segunda é a acepción da pragmática lingüística). No ámbito semiótico, a noción de texto vese ampliada para identificar calquera obxecto semiótico dotado dunha estrutura particular e visando obter un obxectivo comunicativo. Nesta acepción semiótica, o texto xa non é só o escrito, mais pode estar constituído de diversas substancias da expresión (un texto visual pode ser unha representación como produto audiovisual, dunha película ou un videoclip).

Sassure parece ter pensado na posibilidade dunha "ciencia que estude a vida dos signos no cadro da vida social". A lingüística sería unha parte desta ciencia e, pola súa volta, a semioloxía sería parte da área máis ampla da psicoloxía socia. A definición mesma de signo en Saussure está ligada dunha banda a unha perspectiva psicolóxica (signo = imaxe acústica+concepto) e doutra a outra social (convencionalidade do signo e concepto de lingua como un sistema lingüístico compartido socialmente).

Roland Barthes, nos seus Elementos de semioloxía de 1964, partiu da idea de Saussure da posibilidade de constituír unha "ciencia xerais dos signos", ou semioloxía. Mais reinvertiu a relación entre lingüística e semioloxía: é a segunda que fai parte da lingüística e non ao contrario. Isto debíase a que só na lingua resulta posíbel concibir e identificar o significado das diversas formas de significación que atopamos no contexto social e cultural: cinema, publicidade, moda, televisión. A semioloxía, polo tanto, estuda as "grandes unidades significantes" do discurso social. Desta arte, Barthes atopaba puntos de contacto entre as investigacións de disciplinas como a antropoloxía (en particular a antropoloxía estrutural de Claude Lévi-Strauss, a psicanálise de Jacques Lacan, a socioloxía, e a análise literaria ou teoría da literatura (narratoloxía). Barthes toma en consideración algúns conceptos chaves do pensamento de Saussure e procura unha extensión ao aplicalos aos sectores culturais e sociais (lingua/fala, significante/significado, sistema/proceso (sintagma), denotación/connotación).