Sociedade Numismática da India

Sociedade Numismática da India
Tiposociedade científica
Área de operaciónIndia
Data de fundación1910
Fundador(es)John Stanley
SedeVaranasi
PaísIndia
Na rede
http://www.bhu.ac.in/aihc/ins.htm
editar datos en Wikidata ]

A Sociedade Numismática da India (en inglés: The Numismatic Society of India -NSI-) é unha sociedade erudita sen ánimo de lucro da India, con sede en Benarés, Estado de Uttar Pradesh, dedicada ao estudo e a difusión da numismática.[1]

Fundouse en 1910 na cidade de Allahabad por un grupo de seis persoas, maioritariamente ingleses expatriados vinculados ao dominio británico da India naquela época, entre as que cómpre salientar os numismáticos expertos na moeda da India R. B. Whitehead e H. Nelson Wright, e o tamén numismático e historiador Richard Burn. O seu primeiro presidente foi John Stanley, daquela presidente do Tribunal Supremo de Allahabad.[1][2]

Hoxe é a principal asociación numismática e tamén unha das comunidades académicas máis grandes da India, con máis de 2.000 afiliados individuais, á parte das máis de 150 institucións e centros de educación superior que forman parte da sociedade.[2][3]

R. B. Whitehead, un dos seus fundadores, foi nomeado en 1966 como primeiro membro de honra da institución. Anteriormente xa fora recoñecido coa súa medalla de prata en 1922 e coa de bronce en 1934.[4] Outros dos fundadores, H. Nelson Wright, foi á súa vez galardoado coa medalla de ouro da Sociedade Numismática da India.[5]

Historia

A partir dos achados numismáticos de moedas romanas sucedidos en 1790 na India, a Sociedade Asiática de Bengala abordou o estudo daquelas moedas. En 1824, o coronel Todd publicou en Transactions of the Royal Asiatic Society os seus estudos sobre moedas gregas e, a partir daquel momento e ao longo de todo o século XIX, foise formando no país un grupo de historiadores e numismáticos que abordaban o estudo da numismática antiga cunha perspectiva científica e profesional, e que publicaban os seus artigos en revistas científicas como o Journal of the Asiatic Society of Bengal ou o Journal of the Royal Asiatic Society.[2][3]

En 1904, o secretario da Sociedade Asiática de Bengala, H. Nelson, levou a cabo a edición dunha separata da súa revista que contiña os estudos numismáticos publicados ata o momento, nun intento de organizar aqueles traballos. Na entrada do século XX, os estudosos comezaron a amosar a necesidade de se dotaren dunha organización que centralizase os seus esforzos, que ata entón estiveran dispersos.[2][3]

Nese contexto, o 28 de decembro de 1910, seis deses eruditos xuntáronse na cidade setentrional de Allahabad para falaren da actualidade dos estudos numismáticos na India; deles, cinco eran británicos establecidos en diversas cidades da India (Richard Burnad, H. Nelson Wright, H. R. Nevill, R. B. Whitehead e G. P. Taylor) e o sexto era o coleccionista indio Framji Jamasji Thanawala, de Bombai. A reunión tivo lugar ben na casa de Wright ou ben na de Burn, os únicos que residían naquela cidade. O seu froito foi a creación da Sociedade de Numismática da India e, naquela primeira sesión de constitución, Whitehead foi elixido como secretario e tesoureiro da entidade, e como presidente nomeouse o xuíz John Stanley, presidente do Tribunal Supremo de Allahabad. O éxito da nova institución entre os afeccionados e os estudosos foi patente desde os primeiros momentos, xa que para a súa primeira xuntanza anual ordinaria, que tivo lugar en decembro de 1911, houbo xa 46 inscritos.[2][3]

A estrutura organizativa da sociedade foi sufrindo adaptacións aos novos tempos. Así, en 1947 o cargo de presidente pasou a ser a título honorífico e creouse a figura dun director, que coordinaba os postos administrativos da xunta directiva. Tamén a sede social tivo cambios; logo da itinerancia dos primeiros tempos, cando se utilizaba como sede a oficina persoal do seu secretario, acadou a súa primeira sede estable nas instalacións do Museo Estatal en Lucknow, a capital do estado de Uttar Pradesh, e en 1933 trasladouse a Bombai, ás oficinas do Prince of Wales Museum. En 1957, a sociedade abandonou Bombai e instalouse no campus da Universidade Hindú de Benarés (Banaras Hindu University), inicialmente no edificio do Departamento de Historia Antiga da India e Arqueoloxía, aínda que en 1966 construíu o seu propio edificio no propio campus, coas axudas do Goberno estatal de Uttar Pradesh e do Goberno central da India.[2][3]

Funcionamento

A sociedade mantén unha nutrida biblioteca centrada na temática numismática, cunhas 2.000 publicacións entre monografías e publicacións periódicas. Na súa sede do campus de Benarés tamén dispón dun museo onde se conservan as moedas antigas achadas en territorio indio e nalgúns países próximos. Entre os seus fondos están as moedas de ouro doadas por un dos seus membros en 1953.[2][3]

A sociedade encárgase da supervisión e a custodia dos achados monetarios no país. Ademais, organiza diversas actividades académicas e conferencias anuais ás que acoden especialistas de toda a India e doutros países, para compartiren as súas visións sobre achados e novas tecnoloxías en materia numismática.[3]

As publicacións numismáticas son outra das actividades nucleares da sociedade, tanto de monografías como da súa revista Journal of the Numismatic Society of India, que se edita regularmente desde 1939.[3]

O Journal of the Numismatic Society of India

Edicións dixitais

Índice de artigos

Medallas e premios

A Sociedade Numismática da India recoñece os logros académicos coa concesión dos seguintes premios:[6]

  • Medalla de bronce Nelson Wright.
  • Medalla de prata Akbar.
  • Medallas e ouro e de prata Chakra Vikram.
  • Medalla de bronce C.H. Bidulph.
  • Medalla Prof. M. Rama Rao.
  • Medalla de prata Shree T. Desikachari.
  • Medalla de prata da Sociedade Prof. M.H. Krishna-Mythic.

Notas

  1. 1,0 1,1 "About NSI". Sitio web da NSI.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "History". Sitio web da NSI.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 "The Numismatic Society of India Arquivado 04 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". History and Curiosities About Coins.
  4. Bivar, A. D. H. (1967). "Richard Bertram Whitehead 1879-1967". En The Numismatic Chronicle. Royal Numismatic Society. Vol. 7. Páxinas 279-286.
  5. "H Nelson Wright (Biographical details)". The British Museum.
  6. "Awards & Medals". Sitio web da NSI.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas