Sou (moeda)

O sou é unha antiga moeda francesa, procedente do solidus romano. Designaba a moeda de 5 céntimos até principios do século XX e o seu nome sobreviviu na lingua á decimalización de 1795. Debe a súa lonxevidade a que aínda está presente en moitas expresións en francés e catalán que se refiren ao diñeiro.
Historia
Todo comeza co aureus romano. Con Xulio César valía 25 denarios de prata, é dicir, 100 sestercios de latón ou 400 ases de bronce, e pesaba máis de 8 gramos de ouro. Cada emperador íalle quitando valor, até que Diocleciano e máis tarde Constantino I o Grande tiveron que estabelecer o seu valor, respectivamente, en 1/60 e 1/72 da libra romana, é dicir, finalmente 4,5 gramos de ouro, baixo o nome de solidus. Naceu así o «sou».
En honra ao seu nome, a moeda gañaría a súa reputación de ser indestrutíbel e permaneceu case sen cambios durante a decadencia e caída do Imperio Romano e a creación dos reinos xermánicos en Europa. Non só foi cuñada en Bizancio até o século XI co nome de nomisma, senón que foi imitada polos reis bárbaros, especialmente pola dinastía merovinxia, en forma de «terzo de sou».

Debido á escaseza de ouro, produciuse unha nova «estabilización» (como se lle chama a miúdo ás desvalorizacións) a cargo de Carlomagno. O solidus xa non era a 1/72 parte da libra romana de ouro, senón o 1/20 da libra carolinxia de prata. O sou dividírase, á súa vez, en 12 denarios (deniers) que, con poucas excepcións (como o gros tournoi de San Lois), serían os únicos que circulasen na práctica. O sistema «£sd» (1 libra = 20 sous de 12 deniers) manteríase inalterado até a Revolución Francesa, e en Inglaterra até 1971.

«Solidus» converterase en «soldus», en «solt» (no século XI), en «sol» (do século XII ao XVIII) e finalmente en «sou». Mil anos despois da reforma monetaria carolinxia, cando a libra tournois deu paso ao franco en 1795, os sols e os deniers desapareceron. Con todo, o termo «sou» ficou tan arraigado que se lle continuaría a chamar así á vinteava parte do franco francés. Tamén se atopa en Suíza, no Canadá e, en xeral, nos países francófonos en expresións referidas ao diñeiro.
Supervivencia do termo noutras moedas
No franco francés

Trala Revolución, en Francia seguíuselle a chamar «sou» á vinteava parte do franco. Por tanto, a moeda de 100 sous valía 5 francos, ata que a última moeda de 5 céntimos antigos foi retirada na década de 1940.
Coa desvalorización, o antigo sou de ouro convertéuse nunha moeda de prata, de billón, de cobre e de bronce antes de ser cuñada por última vez, de 1914 a 1939, como peza furada de 5 céntimos de cuproníquel e máis tarde de alpaca.[1]
En dólares canadenses
No Canadá a palabra «sou» é de uso frecuente na linguaxe común para referirse á división do dólar canadense, de nome oficial cent. As moedas de 1 cent reciben o nome vernáculo de sou noir, e as de 25 cents, o de «30 sous».
En francos suízos
En Suíza «100 sous» designa a moeda de 5 francos suízos, e «4 sous» equivale á moeda de 20 céntimos.
O sou catalán
- O «sou barcelonés», «sou de prata» ou, simplemente, «sou» era unha moeda de prata que Pedro III de Aragón cuñou en 1285, equivalente a 12 diners. Por ter un alto valor, o nome quedou fixado en expresións catalás como «tenir molts sous» ou «custar molts sous», no sentido de «unha diñeirada». Na época medieval tamén se cuñou en Barcelona o croat, unha moeda de prata que tiña o valor legal dun sou.
- O «sou de Perpiñán», tamén de prata, era unha moeda do Rosellón na época de Carlos I de España.
- O «sou de Eivissa» era unha moeda de billón, cuñada tamén na época de Carlos I nesa illa balear.
- O «5 sous» era unha moeda de prata utilizada en varias poboacións do principado de Cataluña durante a Guerra dels Segadors. Valía a metade da moeda de cinco reais.
Notas
- ↑ A permanencia do sou permite medir a erosión monetaria durante un longo período. Unha adiñeirada familia galo-romana que transmitise un millón de aureus dende a conquista da Galia até a actualidade (sen aumentalos, mais modernizando a aparencia en cada unha desas 65 xeracións) atoparíase con 50.000 francos franceses antigos, logo con 500 francos novos e despois con 76,22 euros. Xa non posuiría oito toneladas de ouro como na época de César, senón que apenas podería mercar oito gramos. É dicir, ese millón converteríase nun sou. Porén, a erosión que se observa é só do 0,68 % por ano de media. Abondaría con engadir esa taxa para non perder nada.
Ligazóns externas
- As moedas dos reis merovinxios (en francés)