The Hives
The Hives | |
---|---|
![]() Howlin' Pelle Almqvist no Southside Festival 2004 | |
Orixe | Fagersta, Suecia ![]() |
Período | 1993 - presente |
Xénero(s) | punk rock, garage rock revival |
Selo(s) discográfico(s) | Universal Music, Polydor, Interscope |
Membros | Howlin' Pelle Almqvist Nicholaus Arson Vigilante Carlstroem Dr. Matt Destruction Chris Dangerous |
Na rede | |
https://www.thehives.com | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
The Hives é unha banda sueca de rock formada na cidade de Fagersta. Chegaron ao grande público coa edición do seu recompilatorio de grandes éxitos Your New Favourite Band, que contén o seu tema máis coñecido, "Hate to Say I Told You So". Un trazo característico da banda son os traxes brancos e negros que usan os seus membros nos directos.
Historia
Comezos
A banda foi fundada en 1993 polor irmäans Per "Pelle" Almqvist (Howlin' Pelle Almqvist) e Niklas Almqvist (Nicholaus Arson) en Fagersta.[1] Os amigos dos irmáns Mikael Karlsson (Vigilante Carlstroem), Mattias Bernvall (Dr. Matt Destruction) e Christian Grahn (Chris Dangerous), pronto uníronse á banda e tomaron nomes artísticos inspirados no punk rock como os irmáns.[1] O batería Dangerous suxeriu o nome "Hives" para a banda xa que lera a palabra para a enfermidade da pel nun dicionario (hives significa urticaria).[1] Os outros membros entenderon mal a condición baseándose na súa descrición da mesma, como explicou máis tarde Howlin' Pelle, "pensamos que era unha enfermidade moito máis letal, por exemplo, e pensamos que era moito máis contaxiosa. Entón, pensamos que nos estenderiamos como unha enfermidade mortal por toda a terra". A banda chamouse Hives durante algún tempo antes de que se decataran de que "todos os bos nomes de bandas son plurais", e engadiron un 'the' (os) ao seu nome.[1]
A banda gravou unha demo titulada Sounds Like Sushi en 1994 e o ano seguinte ficharon por Burning Heart Records, un selo independente sueco. Un ano despois editaron o seu EP de estrea, Oh Lord! When? How?, e o seu primeiro álbum, Barely Legal, chegou en 1997, embarcándose nunha xira para promocionalo. O tema de Barely Legal "The Stomp" apareceu máis tarde na banda sonora da película RocknRolla.[2] Os primeiros lanzamentos da banda estarían marcados pola influencia de bandas como Rancid, New Bomb Turks, Turbonegro e Dead Kennedys.[3][4]
O ano seguinte editaría on seu segundo EP A.K.A. I-D-I-O-T, e Burning Heart asinou un acordo con Epitaph Records para distribuír o material da banda nos Estados Unidos durante ese mesmo ano.[5]
Veni Vidi Vicious e Your New Favourite Band
No mes de abril do ano 2000 aparecería o seu segundo álbum, titulado Veni Vidi Vicious, editado a través de Burning Heart Records. A propia banda describiu o disco como "unha luva de veludo con puños americanos, brutal e sofisticado ao mesmo tempo".[6] Do álbum sacáronse os sinxelos "Hate to Say I Told You So", "Main Offender", "Die, All Right!" e "Supply & Demand". O tema do álbum "The Hives - Introduce the Metric System in Time" foi incluído no recompilatorio de punk rock Punk-O-Rama Volume 5 de Epitaph ese mesmo ano.[7] "Hate To Say I Told You So" foi posteriormente incluída na banda sonora de Spider-Man, e tamén aparece no videoxogo Forza Horizon. O tema "Main Offender" apareceu no videoxogo Rock Band e "Die, All Right!" publicouse como contido descargable na tenda de música dixital do xogo.
Despois de ver o vídeo de "Hate to Say I Told You So" na televisión alemá, Alan McGee (Oasis, Creation Records) decidiu levar a banda ao seu recentemente creado selo Poptones. Poptones editou o recompilatorio de grandes éxitos Your New Favourite Band no ano 2001, sendo este o traballo que os faría coñecidos, ao acadar o número 7 da lista británica de álbums. Despois do seu éxito, a banda re-editou os sinxelos "Hate to Say I Told You So" e "Main Offender" que conseguiron chegar aos portos 23 e 24 respectivamente na lista británica de sinxelos. O grupo tamén reeditou Veni Vidi Vicious nos Estados Unidos.
Durante a promoción de Veni Vidi Vicious e Your New Favourite Band The Hives conseguiu un contrato con Universal Music. Este feito levou a unha disputa entre a banda e Burning Heart, que afirmaba que The Hives asinara por un álbum máis no seu acordo.
Tyrannosaurus Hives
Despois dunha extensa xira, a banda regresou a Fagersta para gravar o seu terceiro álbum. O resultado foi Tyrannosaurus Hives, o seu primeiro material novo en catro anos. Este álbum incluía os exitosos sinxelos "Walk Idiot Walk" (que se estreou no número 13 das listas británicas), "Two-Timing Touch and Broken Bones" (que entrou no top 50) e "A Little More for Little You". Os temas "B is for Brutus" e "No Pun Intended" apareceron no videoxogo Gran Turismo 4 e SSX On Tour respectivamente. No ano 2006 a súa canción "Diabolic Scheme" usouse na película de vampiros Frostbiten.
The Black and White Album
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e8/Nicholaus_Arson_no_Noroeste_pop-rock.jpg/250px-Nicholaus_Arson_no_Noroeste_pop-rock.jpg)
O sitio web de The Hives foi reformado na segunda semana de agosto do 2007, aparecendo cun novo deseño. A páxina revelaba a portada e o título do primeiro sinxelo, "Tick Tick Boom", do seu novo álbum, que sería lanzado o 14 de agosto nos Estados Unidos e o 8 de outubro no Reino Unido. A datas de edición do novo traballo, The Black and White Album, serían o 15 de outubro no Reino Unido polo selo Polydor e o 13 de novembro nos Estados Unidos polo A&M/Octone.
The Hives apareceron con ese primeiro sinxelo nun anuncio da marca deportiva Finish Line, e nun anuncio de Nike coa canción "Return The Favour". O seu tema "Try It Again" apareceu nun trailer da película estadounidense Get Him To The Greek. "Tick Tick Boom" sería usado en máis anuncios, incluídos o da tempada 2007 da canle NFL Network, o da serie da CBS Jericho, a serie Burn Notice, e tamén as películas Jumper, MacGruber e Get Smart, e ademais foi a sintonía oficial das Survivor Series 2007.
En xaneiro de 2008 a banda recibiu o premio a "Mellor artista en directo" nos Grammis suecos,[8][9] e actuou no NHL All-Star Game de 2008 en Atlanta, interpretando "Tick Tick Boom" durante a presentación dos xogadores.[10]
O 2 de outubro do 2008 Nicholaus Arson puxo unha entrada no diario da páxina da banda dicindo que os membros íanse tomar un descanso despois de que rematase a xira de presentación de The Black and White Album.
O 2 de xullo do 2010, a banda editou un EP titulado Tarred and Feathered, onde versionan os temas "Civilization's Dying" de Zero Boys, "Nasty Secretary" de Joy Rider & Avis Davis e "Early Morning Wake Up Call" de Flash and the Pan.[11] "Nasty Secretary" foi incluída posteriormente na banda sonora do videoxogo Gran Turismo 5. En xaneiro de 2011, o guitarrista Arson escribiu unha pequena entrada no diario do sitio web da banda indicando que gravaran algunhas cancións novas antes do Nadal e que planeaban continuar gravando durante todo o mes.[12]
Lex Hives e marcha de Destruction
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/66/Hives%2C_Brixton_Academy_%2814995833841%29.jpg/250px-Hives%2C_Brixton_Academy_%2814995833841%29.jpg)
En marzo de 2012 a banda anunciou o seu quinto álbum de estudio, Lex Hives, e publicou o seu primeiro sinxelo, "Go Right Ahead".[13] A canción foi interpretada en directo durante unha aparición no programa de entrevistas noruegués-sueco Skavlan o 30 de marzo.[14] Despois dunha serie de concertos en directo en California e dous concertos en Coachella, a banda tocou no programa Jimmy Kimmel Live! o 23 de abril.[15]
Lex Hives foi publicado a través do propio selo da banda, Disque Hives, no mes de xuño de 2012 e encluía 12 temas autoproducidos, cunha versión de luxo con dúas cancións extra producidas por Josh Homme, líder de Queens of the Stone Age.[16][17] O tema "Come On!" usouse como tema para os anuncios "Invitation" de Xbox One, e apareceu nun episodio de Workaholics e no documental The Crash Reel, mentres que a canción "1000 Answers", incluíuse na banda sonora do videoxogo FIFA 12.
Debido a razóns de saúde Dr. Matt Destruction deixou a banda a finais de 2013 e foi substituído polo baixista de Randy Johan Gustafsson, que adoptou o nome artístico The Johan and Only.[18] O 13 de febreiro de 2015 o grupo lanzou o sinxelo "Blood Red Moon", e a súa actividade foi limitada entre 2015 e 2019, principalmente con aparicións ocasionais en festivais. Estes incluíron os festivais Riot Fest, Rock am Ring, Lollapalooza Paris e Download Festival.
En maio de 2019 a banda editou o seinxelo "I'm Alive", seguido por "Good Samaritan" un mes máis tarde.[19][20] A banda tocou polos Estados Unidos en 2019 xunto cos tamén suecos Refused nunha xira bautizada Scream Team Tour.[21] O batería Dangerous tomouse un descanso durante esta etapa para recuperarse dunha operación e foi substituído polo antigo batería de Queens of the Stone Age Joey Castillo.[22] Mentres estaban de xira, The Hives gravaron o seu primeiro álbum ao vivo, Live at Third Man Records, que sería publicado o 25 de setembro de 2020.[23]
Ao non poder saír de xira en 2020 debido á pandemia de COVID-19, a banda creou unha xira mundial virtual en xaneiro de 2021 titulada World's First World Wide Web World Tour, que os viu realizar sets en directo en horarios específicos do país, con "shows" en Berlín, Londres, Nova York, Sidney, São Paulo e Estocolmo.[24][25] A banda volveu ás xiras da vida real máis tarde en 2021, servindo como abreconcertos nas datas da xira de The Offspring no Reino Unido e Europa.[26]
The Death of Randy Fitzsimmons
En xaneiro de 2023 a banda compartiu unha serie de fotos nas cales Howlin' Pelle levantaba carteles de protesta en Hollywood Boulevard que dicían "The Hives Must Album Now!" (The Hives ten que sacar un álbum xa!) e "Honk If You Want a New The Hives Album" (Pita se queres un novo álbum de The Hives). Tamén se compartiu unha nova serie de mercadotecnia, que presentaba o lema anterior e outro que dicía "The Hives! Make Records or Go Home!" (The Hives! Facede discos ou marchádevos a casa!). A principios de febreiro compartiuse un segundo conxunto de fotos, con Almqvist agora sostendo un letreiro que dicía "Where Is the New The Hives Album" (Onde está o novo álbum de The Hives). A campaña continuou con fotos de Arson, Carlstroem e Dangerous "uníndose á protesta" e vestindo as novas camisetas.[27]
En maio de 2023 a banda confirmou que o seu seguinte álbum, The Death of Randy Fitzsimmons, sería publicado o 11 de agosto dese ano. A banda tamén compartiu o seus sinxelo principal, "Bogus Operandi", sendo o seu primeiro lanzamento en catro anos.[28] Ese mesmo mes The Hives comezou unha xira polo Reino Unido e Irlanda como abreconcertos de Arctic Monkeys.[29] Un segundo sinxelo do álbum, "Countdown to Shutdown", apareceu no mes de xuño. No seu video musical hai un cameo do anterior baixista do grupo, Dr. Matt Destruction, que interpreta a un traballador de oficina.[30] Antes do lanzamento do disco, The Hives lanzarían tres sinxelos máis: "Rigor Mortis Radio", "Trapdoor Solution", e "The Bomb".[31][32] Posteriormente, The Hives emprenderon unha xira de promoción álbum por Europa e América que rematou en 2024.[33]
Membros
Actuais
- Howlin' Pelle Almqvist (nome real Pelle Almqvist): voz (1993-presente).
- Nicholaus Arson (nome real Niklas Almqvist): guitarra (1993-presente).
- Vigilante Carlstroem (nome real Mikael Karlsson Åström): guitarra (1993-presente).
- Chris Dangerous (nome real Christian Grahn): batería (1993-presente).
- The Johan and Only (nome real Johan Gustafsson): baixo (2013-presente).
Pasados
- Dr. Matt Destruction (nome real Mattias Bernvall): baixo (1993-2013).
Discografía
Álbums
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Barely Legal | 1997 | Burning Heart Records |
Veni Vidi Vicious | 2000 | Burning Heart Records |
Tyrannosaurus Hives | 2004 | No Fun, Interscope, Polydor |
The Black and White Album | 2007 | A&M Octone, Polydor |
Lex Hives | 2012 | Disques Hives |
The Death of Randy Fitzsimmons | 2023 | Disques Hives |
EPs
- Oh Lord! When? How? - 1996 (Sidekicks Records)
- A.K.A. I-D-I-O-T - 1998 (Burning Heart)
- A Killer Among Us - 1998 (Hard-On Records)
- Tarred and Feathered - 2010 (No Fun AB)
Recompilatorios
- Your New Favourite Band - 2001 (Poptones/Burning Heart/Epitaph/Sire/Reprise)
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "The Hives: The Boys Who Kicked The Hornets’ Nest". Magnet Magazine (en inglés). 2014-09-23. Consultado o 2024-12-24.
- ↑ "RocknRolla (2008) - Soundtracks - IMDb" (en inglés). Consultado o 2024-12-24.
- ↑ "S.C.A.B.Interview: The Hives". scabzine.tripod.com. Consultado o 2024-12-24.
- ↑ "The Hives are Abuzz Again". Interview Magazine (en inglés). 2012-06-06. Consultado o 2024-12-24.
- ↑ Hochman, Steve (2002-08-04). "Hives' Signing Creates a Hornet's Nest". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 2024-12-24.
- ↑ "Veni Vidi Vicious". Rhino (en inglés). 2019-08-22. Consultado o 2024-12-24.
- ↑ "Punk-O-Rama, Vol. 5 - Various Artists". AllMusic (en inglés). Consultado o 2024-12-24.
- ↑ ""The Hives" tog hem en Grammis". Sveriges Radio (en sueco). 2008-01-10. Consultado o 2024-12-25.
- ↑ "News - The Hives Broadcasting Service". web.archive.org. 2016-03-04. Archived from the original on 04 de marzo de 2016. Consultado o 2024-12-25.
- ↑ "2008 NHL All-Star Game". SI (en inglés). 2008-01-28. Consultado o 2024-12-25.
- ↑ "The Hives Broadcasting Service". web.archive.org. 2011-07-17. Archived from the original on 17 de xullo de 2011. Consultado o 2024-12-24.
- ↑ "The Hives Broadcasting Service". web.archive.org. 2011-07-17. Archived from the original on 17 de xullo de 2011. Consultado o 2024-12-24.
- ↑ "Exclusive Stream: The Hives Return With 'Go Right Ahead'". Rolling Stone. 2012-04-06. Archived from the original on 06 de abril de 2012. Consultado o 2024-12-24.
- ↑ "The Hives @ Skavlan - Go Right Ahead". 2012-03-31. Consultado o 2024-12-24.
- ↑ "The Hives Return with New Album Lex Hives in June 2012 -". mxdwn Music (en inglés). 2012-03-16. Consultado o 2024-12-24.
- ↑ "News - The Hives Broadcasting Service". web.archive.org. 2012-05-13. Archived from the original on 13 de maio de 2012. Consultado o 2024-12-24.
- ↑ "The Hives Are Back". Fuse TV (en inglés). Consultado o 2024-12-24.
- ↑ Stone, Rolling (2013-12-24). "The Hives: Behind the Scenes at the Fillmore". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Reilly, Nick (2019-05-17). "The Hives return with 'I'm Alive', their first single in four years". NME (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Kreps, Daniel (2019-06-28). "Hear the Hives' Raucous New Punk Salvo 'Good Samaritan'". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Blais-Billie, Braudie (2018-11-27). "The Hives and Refused Announce 2019 Tour". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Staff, BrooklynVegan. "The Hives & Refused began "Scream Team Tour" in Philly (pics, video, setlist)". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Blistein, Jon (2020-09-03). "The Hives Tear Through 'Hate to Say I Told You So' From 'Live at Third Man' Album". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Grow, Kory (2020-12-14). "The Hives Will Wake Up Super Early for Virtual 'World Tour'". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Brannigan, Paul (2020-12-15). "The Hives announce 2021 virtual world tour". louder (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Moore, Sam (2021-04-06). "The Offspring announce 2021 UK and Ireland arena tour with The Hives supporting". NME (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Pearis, Bill. "The Hives hint at new LP, announce intimate shows in L.A. & NYC (1st in 10 years)". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Geraghty, Hollie (2023-05-02). "The Hives announce first new album in over a decade and share single ‘Bogus Operandi’". NME (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Bourne, Dianne (2023-06-03). "The Hives frontman suffers bloody injury at Arctic Monkeys gig - but sings on". Manchester Evening News (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ "The Hives Share New Single "Countdown To Shutdown": Listen". Stereogum (en inglés). 2023-06-13. Consultado o 2024-12-25.
- ↑ "THE HIVES Stiffen Up With New Track 'Rigor Mortis Radio'". HEAVY Magazine (en inglés). 2023-07-12. Consultado o 2024-12-25.
- ↑ Skinner, Tom (2023-08-01). "The Hives release two punky new singles, 'Trapdoor Solution' and 'The Bomb'". NME (en inglés). Consultado o 2024-12-25.
- ↑ "The Hives announce Fall 2023 North American tour". Consequence (en inglés). 2023-05-15. Consultado o 2024-12-25.