Wyatt Earp
Wyatt Earp | |
---|---|
Nacemento | 19 de marzo de 1848 |
Lugar de nacemento | Monmouth |
Falecemento | 13 de xaneiro de 1929 |
Lugar de falecemento | Os Ánxeles |
Soterrado | Hills of Eternity Memorial Park |
Nacionalidade | Estados Unidos de América |
Ocupación | político e cazador |
Pai | Nicholas Porter Earp |
Nai | Virginia Earp |
Cónxuxe | Mattie Blaylock e Josephine Earp |
Irmáns | Warren Earp, Morgan Earp, Virgil Earp, Newton Earp e James Earp |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Wyatt Berry Stapp Earp, nado en Monmouth o 19 de marzo de 1848 e finado nos Ánxeles o 13 de xaneiro de 1929, foi un axente estadounidense coñecido pola súa participación no tiroteo do O.K. Corral.
Traxectoria
Primeiros anos
Wyatt foi o cuarto fillo de Nicholas Porter Earp e da súa segunda dona Virginia Ann Cooksey. O seu nome vénlle do oficial superior de seu pai na guerra de México cos Estados Unidos, o capitán Wyatt Berry Stapp na segunda compañía dos Voluntarios Montados de Illinois. Wyatt tivo sete irmáns: James, Virgil, Martha, Morgan, Baxter Warren, Virginia e Adelia; así como un medio irmán máis vello do primeiro matrimonio de seu pai, Newton.
En marzo de 1849[1] Nicholas Earp xuntouse cun grupo de cen persoas que planeaban establecerse no condado de San Bernardino, en California e unha vez alí tiña intención de mercar unha granxa. Pero a uns 250 km ao oeste de Monmouth, súa filla Martha enfermou e a familia desistiu da marcha, mercando Nicholas unha granxa de 65 ha. a 7 km. de Pella en Iowa[1][2].
Durante a guerra civil, os seus irmáns máis vellos entraron no exército da Unión, e seu pai recrutou e adestrou unidades pola zona, e así Wyatt cos seus dous irmáns máis novos, Morgan e Warren, encargábanse dos labores na granxa. Wyatt, entón con trece anos, era novo de máis para se alistar, aínda que escapou para tentar unirse ao exército en varias ocasións; e seu pai tiña que saír na súa procura para traelo de novo á casa[3].
California
O 12 de maio de 1864 Nicholas Earp organizou unha caravana con outras familias de Pella para establecerse en San Bernardino, e alí chegaron o 17 de decembro[4][5]. A finais do verán de 1865 Virgil atopou traballo como condutor da dilixencia da Phineas Banning na zona de Imperial Valley, e levou a Wyatt, entón de 16 anos, como axudante. Na primavera de 1866, Wyatt converteuse en carreteiro (teamster) dedicado ao transporte de mercadorías e dende 1866 ata 1868 levou a ruta entre Wilmington e Prescott alternando coa de San Bernardino a Salt Lake City[6][7].
Na primavera de 1868 realizou o mesmo labor para unha compañía que transportaba materiais para a construción do ferrocarril da Union Pacific, foi nesa época que se iniciou no xogo de azar e mais no boxeo[8].
Missouri
En 1869 asentouse en Lamar, onde seu pai exercía de axente (constable) e o renunciar para se converter en xuíz de paz, Wyatt asumiu o posto[9].
En 1870 casou con Urilla Sutherland, filla de William e Permelia Sutherland, propietarios dun hotel en Lamar. A parella fixo unha casa nos arredores da cidade, mais Urilla morreu nese mesmo ano de febre tifoide cando estaba en avanzado estado de xestación[10] e Earp vendeu a casa. Competiu contra seu medio irmán, Newton, polo posto de constable e gañou con 137 votos por 108 de Newton[11]
Despois da morte da súa muller entrou nun período de abatemento e cunha serie de problemas legais. En marzo de 1871 o condado de Barton demandouno por apropiarse de fondos con destino a escolas de Lamar; tamén un particular demandouno por falsificación de documentos legais[12] e finalmente o 6 de abril o axente dos marshal (deputy marshal) J. G. Owens arrestouno, canda Edward Kennedy e John Shown, por un roubo de dous cabalos. Meses despois, antes do xuízo, Earp escapou da prisión e instalouse en Peoria, en Illinois[10].
Peoria
En febreiro de 1872 a policía de Peoria arrestouno por estar nunha casa de mala fama propiedade de Jane Haspel, canda catro mulleres, Morgan Earp e George Randall e tras pagar unha multa quedaron en liberdade. En maio volvérono arrestar polo mesmo e de novo tivo que pagar unha multa para quedar en liberdade porén en setembro a policía detívoo por estar nun bordel flotante da súa propiedade, o Beardstown Gunboat.
Wichita
En 1874 unha volta máis Earp mudou de cidade, establecéndose no próspero centro gandeiro de Wichita en Kansas, onde seu irmán James mantiña un bordel[10], no que Earp traballou como vixilante. O 21 de abril de 1875 ingresou na oficina do marshal local[13], logo da elección de Mike Meagher como marshal.
En abril de 1876 o antigo marshal acusouno de usar o seu posto para intentar contratar os seus irmáns como axentes, Earp bateu en Smith nunha agarrada e tivo que pagar unha multa, así que Earp decidiu mudar de cidade [14], seu irmán James abrira un bordel en Dodge City e para alí marchou tamén el.
Dodge City
Dodge City estábase a converter nun importante centro de chegada de gando dos ranchos de Texas que viñan pola vía Chisholm. Dende maio foi axente so o marshal Lawrence Deger pero pasou o inverno na procura de ouro en Deadwood no Territorio de Dacota[15]:39 aínda que acabou facendo negocios carretando madeira ao campamento de mineiros e volveu á cidade na primavera[16].
Reingresou na policía a pedimento do alcalde James H. Kelley e cando en outubro de 1877 o foraxido Dave Rudabaugh roubou nun posto de construción da liña férrea da Atchison, Topeka and Santa Fe Railway fuxindo logo cara ao sur, Earp cunha comisión temporal como axente dos U.S. marshal foi na súa procura, seguíndoo ata Fort Clark e Fort Griffin en Texas.[17] porén non o logrou atrapar[18] e en maio de 1878 estaba de novo en Dodge City.
Tombstone
Seu irmán Virgil Earp era o xefe de policía en Prescott e escribiulle a Wyatt Wyatt sobre as oportunidades que ofrecía a recentemente fundada localidade mineira de Tombstone e o 9 de setembro de 1879 renunciou ao seu posto en Dodge City e foi a Prescott. O 27 de novembro o U.S. Marshal do territorio de Arizona Crawley P. Dake[19] nomeou a Virgil axente especial dos U.S. marshal do distrito mineiro de Tombstone para resolver os problemas cos vaqueiros da zona. Wyatt, Virgil e James Earp chegaron a Tombstone o 1 de decembro[20].
Tombstone medrara moi rapidamente dende a súa fundación nove meses antes, pasando dun cento de persoas vivindo en tendas e unhas poucas casoupas a un milleiro de residentes[21]. Wyatt estableceuse como un xogador profesional, logrando facer cartos[22]. Na primavera de 1880 o axente da Wells Fargo Fred J. Dodge contratouno como vixilante encargado da custodia das caixas fortes nas dilixencias da compañía[21]:54[23] e mais tamén colaborou co seu irmán Virgil no mantemento da lei na zona.
O 28 de xullo de 1880 Charles A. Shibell, shériff do condado de Pima County, nomeouno axudante con responsabilidades no leste do condado, onde se atopaba Tombstone[21]. Entre as súas funcións estaba a de taxador e recadador de tributos, o que lle permitía gañar máis de 40.000 dólares ao ano, xa que podía quedar legalmente co 10% da contía pagada[24]. Nas eleccións de novembro para a eleccións de shériff Wyatt apoiou ao republicano Robert H. Paul, o favorito fronte o demócrata Shibell mais foi este último o gañador e o 9 de novembro Wyatt renunciou ao posto e Shibell nomeou ao tamén demócrata Johnny Behan como o novo axudante para o leste do condado, unha zona que estaba medrando moi rapidamente polo que se formou con este territorio o 1 de febreiro de 1881 un novo condado, Cochise e tanto Wyatt como Behan concorreron para o posto de shériff pero logo de chegar a un acordo Wyatt retirouse coa promesa de quedar como shériff adxunto[25] pero despois das eleccións Behan elixiu como número dous da súa oficina a outro demócrata, Harry Woods.
Xa sen posición oficial, el e mais os seus irmáns comezaron a facer cartos con reclamacións de minas na área. En xaneiro de 1881 o propietario do Oriental Saloon deulle a Earp un 25% do beneficio da concesión do xogo do faraón no seu local a troco dos seus servizos como xerente e vixilante.
Nun contexto de enfrontamento dos Earp cos Clanton e os McLaurys, rancheiros e vaqueiros da zona e sospeitos de roubo de gando. Virgil nomeou a Wyatt axente especial a fins de outubro, a disputa culminou o 26 de outubro de 1881 nun tiroteo que se convertería moito despois nunha lenda do vello oeste americano[26], coñecido como Tiroteo no OK Corral malia que en realidade aconteceu na rúa Freemont. Morreron tres membros do grupo de Clanton; Virgil, Wyatt e Morgan sobreviviron, aínda que Virgil deixou de ser o shériff por mor da súa participación na refrega.
A mediados de xaneiro de 1882 ao cambiar o propietario do Oriental Saloon, Earp vendeu a súa concesión de xogo e en febreiro remitiulle a Dake a súa renuncia como axente pero este non a aceptou[27]. O 18 de marzo un pistoleiro matou a Morgan Earp e no día seguinte Wyatt organizou un grupo de homes armados e baixo a súa autoridade de axente dos US marshal investiunos de autoridade federal e que incluía os seus irmáns James e Warren, Doc Holliday, Sherman McMaster, Jack "Turkey Creek" Johnson, Charles "Hairlip Charlie" Smith, Dan Tipton e Texas Jack Vermillion para protexer a familia e perseguir os sospeitosos[28]. O grupo escoltou a Virgil e Allia a Tucson, onde estaba un dos sospeitosos, Frank Stilwell. Cando ao día seguinte atoparon o seu corpo morto por ferida de bala, Charles Meyer, xuíz de paz de Tucson emitiu unha orde de arresto contra Wyatt e outros cinco axentes federais[29][30]:126
Earp e o seu grupo volveron a Tombstone e alí o shériff Behan intentounos parar sen éxito, dirixíndose cara o campamento de Pete Spence nos montes Dragoon matando a Florentino "Indian Charlie" Cruz; dous días despois foron ao campamento onde estaban William Brocius, Pony Diehl e outros vaqueiros foraxidos en Iron Springs nos montes Whetstone. Os dous grupos intercambiaron disparos e á fin os de Earp acabaraon retirándose.
Após Tombstone
A mediados de abril Earp e o seu grupo deixou Arizona para entrar en Novo México e despois dirixirse a Colorado[27]:263 e xa en xullo Wyatt estaba en Santa Rosa en California dirixindo un establecemento dedicado á cría, doma e mantemento de cabalos. Na primavera de 1883 foi a Dodge City en apoio do seu amigo Luke Short, enfrontado ao alcalde da localidade no que se coñeceu como guerra de Dodge City, de carácter incruento, e formou parte da comisión que chegou a un acordo para resolver as diferenzas entre os dous personaxes.
En 1884 estableceuse na localidade mineira de Eagle City en Idaho e foi axudante do shériff da zona. En 1887 moraba en San Diego, e alí entre 1887 e 1896 mercou catro locais de xogo[31], chegando a obter 1000 dólares de beneficio por noite na cima do seu éxito[32], ademais tamén tiña en propiedade o Oyster Bar e o edificio do Louis Bank.[15]. O seu interese polo boxeo e as carreiras de cabalos víñanlle de tempo atrás pero durante estes anos arbitrou combates de boxeo en San Diego, Tijuana e San Bernardino e nunha partida de cartas gañou un cabalo de carreiras, de nome Otto Rex, e dende entón comezou a investir noutros cabalos de carreiras[33], participando tamén como xuíz nalgunhas carreiras de cabalos[34]. En 1891 mudouse a San Francisco pero pola caída de valor nas súas propiedades en San Diego, e ao non poder pagar os impostos, tivo que vendelas por lotes.
O 2 de decembro de 1896 foi o árbitro do combate entre Bob Fitzsimmons e Tom Sharkey, un acontecemento de sona internacional, non obstante o seu labor como árbitro foi polémico, con acusacións nos medios de participar en amaños [35]. Durante a denominada febre do ouro do Yukón decidiu procurar fortuna nese territorio e a finais de setembro de 1897 estaba en Dawson, pero só permaneceu un mes ao lograr traballo como xefe de policía en Wrangell en Alasca. Así e todo, alí só permaneceu dez días xa que a súa parella, Sadie Marcus, estaba preñe e decidiron volver a San Francisco para regresar ao Yukón logo de perder o neno. Pasaron o inverno nunha cabana en Rampart, en Alasca, e na primavera seguinte rexentaban unha tenda en St. Michael para pasar logo a Nome, onde Wyatt levou, con outro socio, o Dexter Saloon ata que en novembro de 1899 marchou a Seattle e alí estableceu un local principalmente dedicado ao xogo. No verán de 1900 volveu a Nome, e en novembro do ano seguinte vendeu a súa participación no Dexter Saloon, deixando Alasca para tornar a San Francisco. En febreiro de 1902 abriu o Northern Saloon en Tonopah, en Nevada e serviu tamén como axudante do marshal federal J.F. Emmitt. En 1905 estaba en Goldfield, e máis tarde descubriu varios depósitos de ouro en Vidal, xa en California, que explotaba nos meses menos calorosos mentres o resto do ano residía nos Ánxeles. En 1910 a policía dos Ánxeles contratouno durante un tempo para realizar traballos especiais e mais tamén asesorou de balde na realización de varias películas mudas.
Notas
- ↑ 1,0 1,1 Urban, William. "Where was Nicholas Earp in 1849–50?". Western Illinois University Archives. Monmouth, Illinois: Monmouth College. Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 6 de novembro de 2015.
- ↑ Urban, William. "Nicholas Earp". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2009. Consultado o 11 de abril de 2011.
- ↑ "Timeline: The Life of Wyatt Earp". PBS.ORG. American Experience. Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2010. Consultado o 17 de novembro de 2015.
- ↑ Scism, Jeffery. "Nicholas Porter Earp". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2009. Consultado o 6 de novmebro de 2015.
- ↑ Cataldo, Nicholas R. "Wyatt Earp in San Bernardino". City of San Bernardino, California. Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2013. Consultado o 27 de abril de 2013.
- ↑ Simkin, John (setembro de 1997). "Wyatt Earp". Spartacus International. Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2015. Consultado o 19 de novembro de 2015.
- ↑ Morritt, Robert D. (2011). The Lure of Olde Arizona. Newcastle Upon Tyne: Cambridge Scholars. p. 227. ISBN 978-1-4438-2788-1. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2016. Consultado o 19 de novembro de 2015.
- ↑ Barra, Alan (26 de novembro de 1995). "Backtalk: When Referee Wyatt Earp Laid Down the Law". The New York Times. Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2013. Consultado o 21 de xuño de 2019.
- ↑ Gatto, Steve. "Wyatt Earp History Page". www.wyattearp.net.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 WGBH American Experience: Wyatt Earp, Complete Program Transcript. 22 2. 25 de xaneiro de 2010. Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2017. Consultado o 04 de xullo de 2019.
- ↑ Gatto, Steve. "Marriage to Urilla Sutherland". Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2013. Consultado o 14 de abril de 2013.
- ↑ Gatto, Steve. "Civil Complaints Against Wyatt Earp". Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 27 de xaneiro de 2014.
- ↑ Nos Estados Unidos os marshals poden ser federais, coñecidos como U.S. Marshals, estatais ou locais. No século XIX no oeste norteamericano o xefe de policía local elixido polo alcalde ou concello tiña con frecuencia o título de town marshal ou city marshal mentres os policías que exercían as súas funcións so o seu mando tiñan o rango de deputy marshal. Nas localidades onde o xefe de policía era de elección popular adoitaba levar o título de constable. Os shériffs son oficiais gobernamentais elixidos por votación popular e con xurisdición sobre un condado. Véxase: John Dempsey e Linda Forst (2009) An Introduction to Policing Cengage Learning, p. 17
- ↑ Adam Woog (2010) Wyatt Earp Nova York: Chelsea House, p. 28
- ↑ 15,0 15,1 Woog, Adam (28 de febreiro de 2010). Wyatt Earp. Chelsea House Publications. ISBN 978-1-60413-597-8. Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2017. Consultado o 04 de xullo de 2019.
- ↑ Guern, Jeannine Wyatt Earp spent a winter in Deadwood Arquivado 26 de outubro de 2016 en Wayback Machine.
- ↑ Cozzone, Chris; Boggio, Jim (2013). Boxing in New Mexico, 1868–1940. Jefferson, North Carolina: McFarland & Company, Inc., Publishers. ISBN 978-0-7864-6828-7. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2016. Consultado o 23 de xuño de 2019.
- ↑ Weieser, Kathy (abril de 2015). "Dirty Dave Rudabaugh – Feared by Billy the Kid". LegendsofAmerica.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2015. Consultado o 19 de novembro de 2015.
- ↑ "An Interview With Virgil W. Earp". Arizona Affairs. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2009. Consultado o 24 de maio de 2011.
Publicado orixinalmente en Real West en xaneiro de 1982
- ↑ Eppinga, Jane (2009). Around Tombstone: Ghost Towns and Gunfights. Charleston, SC: Arcadia Publishing. p. 65. ISBN 978-0-7385-7127-0. Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2016. Consultado o 14 de abril de 2011.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 Marks, Paula Mitchell (1989). And Die in the West: The Story of the O.K. Corral Gunfight. New York: Morrow. ISBN 978-0-671-70614-2.
- ↑ Ryan, Pat M. (1965). "Trail-Blazer of Civilization: John P. Clum's Tucson and Tombstone Years". The Journal of Arizona History 6 (2): 53–70. JSTOR 41695312.
- ↑ "Arizona Affairs, an Interview With Virgil Earp". Real West. xaneiro de 1982. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2015. Consultado o 11 de abril de 2011.
- ↑ Breakenridge, William M. (1992). Brown, Richard Maxwell, ed. Helldorado: Bringing the Law to the Mesquite. Lincoln: University of Nebraska Press. p. 448. ISBN 978-0-8032-6100-6.
- ↑ Linder, Douglas, ed. (2005). "Testimony of John Behan in the Preliminary Hearing in the Earp-Holliday Case". Famous Trials: The O. K. Corral Trial. Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2010. Consultado o 7 de febreiro de 2011. From Turner, Alford (Ed.), The O. K. Corral Inquest (1992)
- ↑ Converteuse nunha historia mítica logo da publicación en 1931 de Wyatt Earp: Frontier Marshal de Stuart N. Lake, unha biografía sen base histórica pero pola que se guiaron varios filmes que asentaron a lenda de Wyatt Earp. Véxase Jeremy Agnew (2012) The Old West in Fact and Film: History Versus Hollywood Jefferson:McFarland,p. 112
- ↑ 27,0 27,1 Roberts, Gary L. (2007). Doc Holliday: The Life and Legend. New York, NY: Wiley, J. p. 544. ISBN 978-0-470-12822-0.
- ↑ "Wyatt Earp's Revenge". The Telegraph. 19 de marzo de 1960. Consultado o 26 de setembro de 2014.
- ↑ "Grand Jury Indictment for the Killing of Frank Stilwell". tombstonehistoryarchives.com. Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2015. Consultado o 19 de novembro de 2015.
- ↑ Newton, Michael (2014). Famous Assassinations in World History: An Encyclopedia. p. 864. ISBN 978-1-61069-286-1. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2016. Consultado o 19 de novembro de 2015.
- ↑ "Shady Ladies in the "Stingaree District" When The Red Lights Went Out in San Diego". San Diego History Center. Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2011. Consultado o 8 de marzo de 2011.
- ↑ "Wyatt Earp". San Diego: Gaslamp Quarter Historical Foundation. 2005. Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2004. Consultado o 28 de febreiro de 2011.
- ↑ "Wyatt Earp". San Diego: Gaslamp Quarter Historical Association. Arquivado dende o orixinal o 20 de maio de 2011. Consultado o 28 de xaneiro 2011.
- ↑ Whetstone, Margie B. "The Escondido Story". San Diego History Center. Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2011. Consultado o 8 de marzo de 2011.
- ↑ Jeffrey T. Sammons (1990) Beyond the Ring: The Role of Boxing in American Society Chicago:University of Illinois Press, p. 23