Xibolete
Un xibolete, tamén xibbólet ou shibboleth (שִׁבֹּלֶת) refírese a calquera uso da linguaxe indicativo da orixe social ou rexional dunha persoa. De forma máis ampla, pode apuntar a calquera práctica que identifique aos membros dun grupo, unha especie de contrasinal.
Etimoloxía
A súa orixe é a palabra hebrea «šibbóleth» (שִׁבֹּלֶת (en hebreo: עברית)), que significa literalmente ‘espiga’ ou, segundo outras fontes, ‘torrente’. Deriva dunha historia do Antigo testamento na cal a pronuncia desta palabra foi utilizada para distinguir a membros dun grupo, a tribo de Efraím, cuxo dialecto carecía do son / ʃ /, a diferenza doutros, por exemplo os galaaditas, cuxo dialecto si o incluía. No capítulo 12 (versículo 6) do Libro dos Xuíces, nárrase o acontecido despois de que os habitantes de Galaad derrotasen a tribo de Efraím arredor do 1070 a. C. Cando os efraimitas superviventes tentaban cruzar o río Xordán, os seus enimigos vixiaban na beira para identificalos e matalos; os galaaditas puñan a cada viaxeiro unha proba sinxela:
4 Ocupou Galaad os baixíos do Xordán de diante de Efraím e aconteceu que, cando dicía un dos fuxitivos de Efraím "déixame pasar", preguntábanlle os homes de Galaad: ‑"Ti es efraimita". E respondía: ‑"Non". Daquela dicíanlle: ‑"Fai favor de repetir Xibbólet
5. E dicía: Sibbólet (pois non conseguía pronuncialo ben)"
6. Entón eles apreixábano e degolábano xunto ós areais do Xordán. E caeron naquel entón corenta e dous mil de Efraím.Libro dos Xuíces, capítulo 12, versículos 4 a 6
Usos actuais
En conflitos étnicos
Masacre das vésperas sicilianas
Durante o masacre das vésperas sicilianas, no século XIII, os franceses eran recoñecidos pola forma en que pronunciaban cìciri (garavanzos en siciliano).[1][2]
Revolucións no Brasil
Durante as revolucións de 1893 e 1923, no sur do Brasil, os uruguaios foron identificados facéndolles pronunciar a letra J .[3][4]
Masacre de haitianos de 1937
En diversos conflitos entre grupos con diferentes linguas ou dialectos, un deles utilizou xiboletes para descubrir membros ocultos do grupo contrario. O masacre de haitianos acontecido na República Dominicana en 1937 recibiu o nome dun suposto xibolete empregado polas forzas do ditador Trujillo. Os haitianos distinguíanse pola pronuncia da palabra perejil (é moi difícil para un haitiano esconder o r uvular en francés ou crioulo haitiano) (véxase Masacre do pirixel).
Uso cultural ou dialectal
Os membros dunha comunidade lingüística, ou os falantes dunha variante dialectal da mesma lingua, poden descoñecer o feito de que pronuncian un termo de forma distintiva. Ao falar pode descoñecerse ou non o efecto creado no interlocutor; e serve para autoidentificarse ou identificar aos forasteiros.
En galego
En Galiza hai palabras distintivas de lugares concretos, por exemplo "caropa" ou "caripa" para referirse á cortiza do piñeiro resaltarían a orixe da Illa de Arousa ou de Tirán respectivamente.[5]
No Grove a palabra "meu" actúa como xibolete[6]; por exemplo Yayo Daporta, nado en Cambados, para resaltar o seu vínculo cos grovenses (e a pesar de que do Grove a Cambados hai menos de 20km de distancia) empregouna no seu pregón da Festa do Marisco.[7]
En portugués
Na lingua portuguesa xibolete asumiu un significado máis amplo, e tamén pode indicar o recoñecemento dun hábito ou dunha característica específica, que permite recoñecer que o individuo pertence a un grupo distinto. Aparece en varios dicionarios e manuais de gramática e ortografía, e tamén se pode escribir xibolet, xibolé ou xibolê.
En castelán
Na lingua castelá, alén da presenza na Biblia, foi introducido por Miguel de Unamuno en 1900, coa forma chibolete no seu ensaio La fe, adaptando a forma do Libro dos Xuíces.[8] A RAE, porén, non incluíu no dicionario o termo, tampouco coa forma shibboleth.[9]
En catalán
Segundo a lenda, durante a Revolta dos Segadores utilizábase o coñecido trabalinguas «setze jutges d'un jutjat / mengen fetge d'un penjat» ("dezaseis xuíces dun tribunal / comendo o fígado dun aforcado") para distinguir entre cataláns e casteláns. O «setze» contén a africada alveolar sonora ([d͡z]), un fonema ausente no castelán; segundo Joan Amades, “que os non cataláns cústalles pronunciarse e foi aceptado en xeral como o noso 'zidgolep' [sic.]”.
Outra lenda explica que durante a guerra de independencia, os Miquelets do Empordán obrigaron aos cativos a pronunciar a palabra "marfega". Quen a pronunciou como unha palabra cortante, ao estilo dos franceses, foi guindado por un penedo preto de Colera coñecido como o Salt dels Gavatxos (salto dos franceses).
Os bergueses (de Berga) pronuncian o nome da cidade con [e] pechado; os que o pronuncian co [ɛ] aberto son identificados como forasteiros e son obxecto de burla.
Os habitantes do Tarragonès que conservan a distinción b/v usan como xibolete a frase «beu vi bo de Valls» ("bebe bo viño de Valls").
En inglés
Hoxe, na lingua inglesa un shibboleth tamén ten un significado máis amplo. Refírese a calquera palabra ou frase que se pode usar para distinguir os membros dun grupo dos alleos, sexan ou non hostís. A palabra tamén se usa para referirse ao argot, cuxo uso axeitado identifica a un como membro dun grupo ou subcultura en particular. Figuradamente tamén é sinónimo de tabú.[10]
Na masonería
A palabra shiboleth úsase na masonería simbólica como unha palabra pase do grao de compañeiro.[11]
Notas
- ↑ Runciman, Steven (1997). I vespri siciliani (en italiano). ISBN 88-220-0508-2.
- ↑ "Per un pugno di ceci" (en italiano). Consultado o 2018-12-11.
- ↑ "xibolete – Sua Língua". sualingua.com.br. Consultado o 2022-05-01.
- ↑ Redação (2017-08-17). "Não erre o xibolete!". AMAZONAS ATUAL (en portugués). Consultado o 2022-05-01.
- ↑ "Dicionario de dicionarios". sli.uvigo.es. Consultado o 2022-05-01.
- ↑ Grove, O. (2019-03-12). "Los vídeos de "Fala do Ghrove" ya están disponibles en las redes sociales". Faro de Vigo (en galego e castelán). Consultado o 2022-05-01.
- ↑ "Daporta: «Eu son do Grove, meu»". La Voz de Galicia. 2015-10-04. Consultado o 2022-05-01.
- ↑ "La técnica del chibolete". Expansion. Consultado o 2022-05-01.
- ↑ "«Diccionario de la lengua española»". dle.rae.es/ (en castelán). Consultado o 2022-05-01.
- ↑ "shibboleth - Dicionário Inglês-Português (Brasil) WordReference.com". www.wordreference.com (en portugués). Consultado o 2022-05-01.
- ↑ "Schibboleth". Consultado o 2022-05-01.