Alexander Selkirk
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1676 Lower Largo, Reino Unido (en) |
Morte | 13 de decembro de 1721 (44/45 anos) Cabo Corso, Ghana (pt) |
Causa da morte | Febre amarela |
Lugar de sepultura | Cabo Corso (pt) |
Actividade | |
Ocupación | mariño |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Q27058682 , (p.69-77) Obálky knih, |
Alexander Selkirk, nado Alexander Selcraig en 1676, en Lower Longo, condado de Fife, Escocia e finado o 13 de decembro de 1721 en Ghana, foi un mariñeiro escocés que estivo durante catro anos e catro meses como un náufrago nunha illa deserta na zona central da costa pacífica de Chile; é probábel que tanto as súas viaxes como a historia de Pedro Serrano e outros náufrados da época (Robert Knox ou Henry Pitman) proporcionasen inspiración a Daniel Defoe (el entrevistouno) para escribir a súa novela Robinson Crusoe —aínda que na súa primeira edición de 1719 a illa sitúase preto da desembocadura do río Orinoco e non no océano Pacífico—.
Traxectoria
En 1703 enrólase ás ordes de William Dampier que, ao mando de dous barcos corsarios, marchaba a América para atacar as costas españolas. Ante a escaseza de botín e outros problemas o capitán decidiu dividir a expedición e Selkirk permaneceu no galeón Cinque Ports, capitaneado por Thomas Stradling que se dirixiu ao arquipélago de Juan Fernández (Chile). Selkirk discutiu co capitán que o castigou co abandono dunha illa deserta a 560 km. da costa chilena, en outubro de 1704. Alí permaneceu durante máis de catro anos[1].
O Cinque Ports afundiuse pouco despois e os seus tripulantes capturados polos españois. O rescate chegou o venres 2 de febreiro de 1709, cos barcos Duke e Duchess, mandados polo tamén corsario Woodes Rogers[1], que o enrolou como segundo oficial e despois de percorrer a costa pacífica, atacar Guayaquil e chegar até a costa de México onde capturaron o galeón de Acapulco a Manila -Nuestra Señora de la Encarnación de Singano-[2] cun enorme botín
Dende alí, marcharon cara ás Indias Orientais Holandesas e dobraron o cabo de Boa Esperanza para retornar a Inglaterra o 14 de outubro de 1711,[2] onde ao parecer casou cunha viúva.
Embarcouse novamente en 1717 na Royal Navy e morreu as oito da tarde do 13 de decembro de 1721 mentres servía como tenente a bordo do barco da Armada, HMS Weymouth. Probabelmente sucumbiu á febre amarela. Foi enterrado no mar na costa occidental de África.
Os relatos
No ano 1711, apareceu Selkirk mencionado por vez primeira nun relato de Edward Cook,[3] un oficial do Duchess e, de novo, en 1713 é mencionado no xornal The Englishman polo escritor sir Richard Steele[4] que o entrevistou en varias ocasións. En 1712, o propio Woodes Rogers publicou un libro no que dá noticias das peripecias de Selkirk: A Cruising Viyage Round The World, que seguramente foi lido por Defoe.
O arquipélago
O 1 de xaneiro de 1966 a illa na que estivo Selkirk foi oficialmente rebautizada como Robinson Crusoe. Ao mesmo tempo, a illa máis occidental do arquipélago Juan Fernández foi rebautizada como Alejandro Selkirk, aínda que é probable que Selkirk nunca a vise, dado que este habitou a illa maior oriental.
En torno ao ano 2000 unha expedición dirixida polo xaponés Daisuke Takahashi atopou instrumentos náuticos do século XVIII na illa, que probabelmente pertencesen a Selkirk.
Película
Unha película animada chamada Selkirk, o verdadeiro Robinson Crusoe relata a vida de Alexander Selkirk e as súas peripecias durante as súas viaxes. A película está dirixida por Walter Tournier (Uruguai).[5] O filme foi financiado desde un principio por CORFO (Chile), Consello da Cultura e as Artes (CNCA-Chile) e polo Fondo Ibermedia, o que xerou o impulso para que o proxecto comezase a ensaiar a coordinación entre os países que participan (Chile cos efectos especiais 3D e o storyboard, a Arxentina coas voces, musicalización e o Uruguai coa idea orixinal, dirección, escenarios, bonecos para o stopmotion, rodaxe).[6] É unha produción conxunta da Suma - Tournier Animación (Uruguai), Millo Producións (Arxentina) e Cineanimadores (Chile), e estreouse en febreiro de 2012.[7][8]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 Canal-Soler, Jordi (Abril 2017). "Alexander Selkirk, el verdadero Robinson". Historia. National Geographic (160): 14–18. ISSN 1696-7755.
- ↑ 2,0 2,1 Brescia del Val, Maura (2004), op.cit. páx. 30
- ↑ Brescia del Val, Maura (2004), op.cit. páx.34
- ↑ Brescia del Val, Maura (2004), op.cit. páx.35
- ↑ Muñoz, Diego (2014). Hecho en Uruguay: Historias de emprendimientos exitosos (epub-DRM). Aguilar. ISBN 9789974957398.
- ↑ "Académico de la Facultad de Comunicaciones de UPC crea película sobre Robinson Crusoe". Arquivado dende o orixinal o 15-09-2016. Consultado o 29-05-2017.
- ↑ "Ficha en filmaffinity.com". Consultado o 29-05-2017.
- ↑ "Ficha en Imdb.com" (en inglés). Consultado o 29-05-217.
Véxase tamén
Bibliografía
- Brescia del Val, Maura (2004). Selkirk Robinson: el mito. A tres siglos del desembarco del solitario en Isla Robinson Crusoe. Santiago de Chile. Editorial Mare Nostrum. ISBN 956-8089-04-7.