Busiris (rei de Exipto)

Heracles mata a Busiris e ós seus seguidores (hidria ática de figuras vermellas, c. 480 a.C., Museo Estatal de Antigüidades, Múnic)

Busiris era, na mitoloxía grega, un rei de Exipto, fillo de Poseidón e Lisianasa, filla de Épafo [1]. Foi famoso pola súa crueldade e ó final matouno Heracles.

O seu nome non aparece en ningunha das relacións de faraóns exipcios, e ben pode ser unha deformación do nome do deus Osiris. Grimal di que nomeado rei por Osiris, cando este marchou á súa viaxe ó redor da Terra.

Busiris foi descrito como un rei tiránico e cruel, que mantiña subxugado o país. Un exipcio chamado Proteo houbo de abandonar o país e estableceuse en Palene [2]. Chegou a organizar unha expedición para secuestrar ás Hespérides, entre tres e sete, segundo as fontes, fermosas deidades que gardaban as mazás de ouro da deusa Hera, o que provocou a ira dos deuses.

En consecuencia, o país viuse sometido a unha serie de anos de malas colleitas. O adiviño Frasio (ou Trasio), sobriño de Exipto, procedente de Chipre, aconsellou a Busiris que para recuperar a prosperidade debía sacrificar a Zeus tódolos anos un estranxeiro que entrara no país, e o rei comezou por sacrificar ó propio Frasio.

Heracles mata a Busiris (escultura en Viena)
"Exipto agoniaba por unha seca de nove anos e o rei convocou ós adiviños de Grecia. Trasio ... advirtiu a Busiris que caería chuvia no caso de sacrificar a un estranxeiro, e demostrou a autenticidade das súas promesas coa súa propia morte".
(Hixino: Fábulas 56)

Heracles pasou por Exipto cando ía en busca do Xardín das Hespérides, pois un dos seus doce traballos consistía en levar ante Euristeo as mazás de ouro que crecían alí [3]. Busiris capturouno e levouno atado e coroado de flores ó altar dos sacrificios, pero Heracles conseguiu desatarse e matou a Busiris, ó seu fillo Anfidamante e a tódolos sacerdotes asistentes ó frustrado sacrificio.

"Tamén Heracles foi apresado e conducido ós altares, pero logrou romper as ligaduras e deu morte a Busiris e ó seu fillo Anfidamante".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 5, 11)
[Heracles, a piques de morrer, exclama:]"¿Para isto sometín a Busiris, o que lixaba os templos co sangue dos estranxeiros, e arrebatín ó fero Anteo o alimento da súa nai[4], e non me asustou a tripla figura do pastor ibero[5], nin a túa tripla figura, Cérbero[6], ou vós, miñas mans, humillastes os cornos do robusto boi[7]"
Ovidio: Metamorfosis IX, 182-186

Isócrates nega que Heracles e Busiris foran contemporáneos (Busiris 15) [8].

Notas

  1. Outras fontes din que a nai foi Anipe, filla do deus fluvial Nilo (Graves, px. 255). Hixino dá unha relación dos fillos de Neptuno (Poseidón na mitoloxía romana) e cita a "Ámico, de Melia, filla de Busiris" (Hixino: Fábulas 157, 4).
  2. A península máis occidental da Calcídica.
  3. Outras fontes sitúan este episodio na viaxe de Heracles cara Eritía, onde debía roubar o gando do xigante Xerión (Graves, px. 540).
  4. Anteo era un xigante fillo de Poseidón e Xea. Era invencible mentres estivese en contacto coa nai, coa Terra, e Heracles matouno levantándoo no aire e afogándoo entre os brazos.
  5. Refiríndose a Xerión, un xigante con tres corpos unidos pola cintura, ó que tamén tivo que matar Heracles.
  6. Can xigantesco de tres cabezas, que custiodiaba as portas do Hades.
  7. Pode facer referencia ó touro de Creta, ó que tivo que capturar Heracles, ou a Aqueloo, deus fluvial co que Heracles tivo que loitar pola man de Deianira, tronzándolle un corno.
  8. Nota do tradutor da Biblioteca mitológica de Pseudo-Apolodoro (nota 85, px. 127). Busiris é un discurso retórico que pode datarse entre 390 e 385 a.C.

Véxase tamén

Bibliografía