Calendario gregoriano

Gregorio XIII.

O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo.[1] Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a. C. O calendario xuliano era, basicamente, o calendario exipcio, o primeiro calendario solar coñecido que estableceu a duración do ano en 365,25 días.

Había dúas razóns para establecer o calendario gregoriano. A primeira foi que o calendario xuliano asumía incorrectamente que a media do ano solar era exactamente de 365,25 días, unha sobreestimación de algo menos dun día por século. A reforma gregoriana acurtou o ano medio (do calendario) en 0,0075 días para deter a deriva do calendario con respecto aos equinoccios. A segunda viña dada polo feito de que, nos anos transcorridos desde o Primeiro Concilio de Nicea, o exceso de anos bisestos introducidos polo algoritmo xuliano causara un desfase tal que o equinoccio de primavera estaba ocorrendo antes da súa data nominal do 21 de marzo. Esta data é importante para as igrexas cristiáns porque nela referénciase o cálculo da Pascua. Para restablecer a asociación, a reforma adiantou a data dez días: ao xoves 4 de outubro de 1582 seguiuno o venres 15 de outubro do mesmo ano. Ademais, a reforma tamén alterou o ciclo lunar usado pola Igrexa para calcular a data da Pascua porque as lúas novas astronómicas estaban ocorrendo catro días antes das datas calculadas.

A reforma foi adoptada inicialmente nos países católicos de Europa e nas súas posesións de ultramar. Durante os tres séculos seguintes, os países protestantes e cristiáns ortodoxos fórono asumindo, aínda que o chamaban o Calendario mellorado para evitar referirse ao catolicismo, sendo Grecia o derradeiro país europeo en adoptalo (só para uso civil) en 1923. Durante o século XX, moitos países non occidentais tamén adoptaron o calendario, polo menos para uso civil.

O calendario espaza os anos bisestos para obter un ano medio de 365,2425, aproximando o ano solar de 365,2422 días. A regra para os anos bisestos é:

Todos os anos que son divisíbeis entre 4 son anos bisestos, agás os que son divisíbeis por 100, mais estas centurias son anos bisestos se son divisíbeis entre 400. Por exemplo, os anos 1700, 1800 e 1900 non son bisestos, mais os anos 1600 e 2000 sono.[2]

Baséase na translación da Terra arredor do Sol de 365,2422 días de 24 horas de 60 minutos de 60 segundos métricos. O calendario gregoriano dá un tempo medio para o ano de 365,2425 días; para asegurar un número enteiro de días por ano, engadimos regularmente (97 anos bisestos cada 400 anos) un día bisesto, o 29 de febreiro.

Historia do calendario

Representación de Beda o Venerable no Liber chronicarum (1493). Beda xa avisou no século VIII que había un desfase de tres días no cálculo da data de Pascua.

Antecedentes

Nos comezos do cristianismo, no ano 325, o Primeiro Concilio de Nicea acordou que a Pascua se celebraría o domingo seguinte á primeira lúa chea despois do equinoccio de primavera, cuxa data, para os efectos de cálculo, se tomaba como o 21 de marzo. Isto significaba que o domingo de Pascua tería que caer entre o 22 de marzo e o 20 de abril. A asunción por parte do vixente calendario xuliano de que había exactamente 365,25 días nun ano introduciu unha diverxencia crecente entre a data canónica do equinoccio, o 21 de marzo, e o equinoccio real comprobado polas observacións astronómicas. Como consecuencia, o cálculo da data de Pascua era erróneo.

Os estudosos europeos foron conscientes deste desfase desde os comezos do período medieval. Beda, no século VIII, xa amosaba que o erro acumulado no seu tempo era de máis de tres días. Roger Bacon, arredor de 1200, estimábao en 7 ou 8 días, e Dante, en 1300, avisaba da necesidade da reforma do calendario. Un intento de facelo levouno a cabo o papa Sisto IV, que en 1475 convidou a Regiomontanus ao Vaticano con ese propósito. Porén, o proxecto foi interrompido coa morte deste ao pouco de chegar a Roma.[3] O incremento do coñecemento astronómico e da precisión das observacións cara a finais do século XV fixeron a cuestión máis urxente. Numerosas publicacións nas décadas seguintes propuñan unha reforma do calendario, entre elas dous artigos enviados ao Vaticano pola Universidade de Salamanca en 1515 e 1578,[4] mais o proxecto non foi iniciado ata a década de 1540 e só posto en marcha polo papa Gregorio XIII (r. 1572–1585). Nos tempos deste papa, a Pascua caía xa a primeiros de marzo e os astrónomos decatábanse que pouco a pouco, ao longo dos séculos, a Pascua iría achegándose ao Nadal.

Preparación

En 1545, o concilio de Trento autorizou o papa Paulo III a reformar o calendario, requirindo que a data do equinoccio vernal fose restaurada á establecida no concilio de Nicea de 325 e que o cambio no calendario se deseñase para evitar problemas futuros. Isto permitiría unha datación máis precisa e consistente da celebración de Pascua.

A Comisión do Calendario

O xesuíta alemán Christopher Clavius foi un dos membros máis destacados da Comisión do Calendario. Un dos cráteres máis grandes da Lúa leva o seu nome.

Gregorio XIII, para poder levar adiante a reforma, constituíu a chamada Comisión do Calendario, un grupo formado por eclesiásticos e expertos na materia. En 1577 foi enviado un Compendium a expertos matemáticos, alleos á Comisión para a reforma, para que enviaran os seus comentarios. Algúns destes expertos, como Giambattista Benedetti e Giuseppe Moletti, crían que a Pascua debería computarse a partir dos movementos verdadeiros do Sol e da Lúa no canto de empregar unha táboa, mais estas recomendacións non se adoptaron.[5] A reforma adoptada foi unha modificación da proposta realizada polo médico calabrés Aloysius Lilius (ou Luis Lilio).[6]

A proposta de Lilio incluía reducir de 100 a 97 o número de anos bisestos que hai nun período de catro séculos, para o cal só se consideraría bisesto un dos catro anos múltiplos de cen que hai nese período de 400 anos. Tamén ideou un orixinal e práctico plan para axustar as epactas da Lúa cando se calcula a data anual da Pascua, salvando un vello obstáculo para a reforma do calendario. Lilio, principal autor da reforma do calendario, morreu en 1576 sen ver rematado o proceso.

O xesuíta alemán Cristovo Clavio foi o membro da Comisión que aceptou as propostas de Lilio.[7] Clavio decatouse de que as táboas antigas non atinaban no cálculo do paso do Sol polo equinoccio de primavera, nin na duración do ano solar medio. Tycho Brahe tamén foi consciente destas discrepancias.

A regra dos anos bisestos de Lilio (97 anos bisestos en 400 anos) foi postulada por Petrus Pitatus de Verona en 1560. Decatouse de que esta regra era consistente cos valores dados para o ano solar medio por Afonso X (Táboas afonsinas), Copérnico (De revolutionibus) e Erasmus Reinhold (Prutenicae Tabulae). Estes valores eran de 365,24254606; 365,24255185 e 365.24254352 días respectivamente, coincidentes ata as dezmilésimas.

Foi o matemático español Pedro Chacón o membro da Comisión que redactou o Compendium no que se recollía o ditame de Lilio, apoiado por Clavio. A reforma aprobouse o 14 de setembro de 1580 e levouse á práctica en outubro de 1582.

O primeiro calendario gregoriano impreso

Lunario Novo, Secondo la Nuova Riforma della Correttione del l'Anno Riformato da N.S. Gregorio XIII, impreso en Roma por Vincenzo Accolti en 1582, unha das primeiras edicións impresas do novo calendario.

O 3 de abril de 1582, pouco máis dun mes despois de decretar a reforma mediante a bula Inter Gravissimas, o papa outorgou a Antonio Lilio, irmá do xa falecido Luis Lilio, os dereitos exclusivos da publicación do calendario durante un período de dez anos. Un dos primeiros calendarios, co título de Lunario Novo secondo la nuova riforma della correttione del l'anno, foi impreso en Roma por Vicenzo Accolti. Unha nota ao final da primeira páxina indica que ten autorización papal e de Lilio (Con licentia delli Superiori... et permissu Ant(onii) Lilij). Os dereitos de publicación foron revogados o 20 de setembro de 1582 porque Antonio Lilio non foi quen de satisfacer a crecente demanda de copias.[8]

O axustamento gregoriano

A diferenza principal entre o calendario gregoriano e o seu precedente, o calendario xuliano, está na distribución dos anos bisestos .

Como xa se dixo, o ano solar medio, é dicir, o período de translación da Terra ó redor do Sol, dura 365,2422 días. Engadindo un día bisesto cada catro anos, o calendario xuliano atribuía ó ano unha duración media de 365,25 días. Isto inducía un desprazamento duns 8 días por milenio con respecto ó tempo real, facendo que por exemplo a festa de Pascua, determinada polo equinoccio de primavera, caese alá por febreiro.

Foi preciso entón suprimir os anos bisestos para os anos que son múltiplos de 100 sen ser múltiplos de 400. Así 1600 e 2000 son bisestos, pero non 1700, 1800 nin 1900.

Estrutura do calendario

O calendario gregoriao, é un calendario solar con doce meses de entre 28 e 31 días, igual que o calendario xuliano da Roma clásica, en que se basea. O ano en ambos os calendarios consiste en 365 días, cun día bisesto que se engade en febreiro nos anos bisestos. Os meses e a súa duración tamén é igual en ambos os calendarios. A única diferenza entre ambos é que cada catrocentos anos hai un día menos no mes bisesto. Un ano bisesto ten lugar habitualmente cada catro anos, e o día bisesto adoitaba inserirse dobrando o 24 de febreiro. Porén, na actualidade numéranse os días de febreiro secuencialmente e o día 29 considérase o día bisesto. Antes da revisión de 1969 do Calendario Romano Xeral, a igrexa católica atrasaba as festas despois do día 23 un día nos anos bisestos e as misas celebrábanse de acordo co calendario previo.[9]

Subdivisións

O calendario gregoriano está dividido en doce meses de entre 28 e 31 días:

Nome Días
1 Xaneiro 31
2 Febreiro 28 ou 29
3 Marzo 31
4 Abril 30
5 Maio 31
6 Xuño 30
7 Xullo 31
8 Agosto 31
9 Setembro 30
10 Outubro 31
11 Novembro 30
12 Decembro 31

Ademais, cada período de sete días forma unha semana, herdanza dun calendario lunar. Os días da semana son: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo. A orde dos días é igual en todo o mundo, pero segundo a área cultural o primeiro día da semana pode ser o domingo (como en Reino Unido e nas súas antigas colonias, ou como no calendario litúrxico que usa a Igrexa), ou o luns (como en España).

  • O ano solar fai necesaria unha media de 365,2425 días =8.765,82 horas= 525.949,2 minutos = 31 556 952 segundos.
  • Un ano común ten 365 días =8.760 horas= 525.600 minutos = 31 536 000 segundos.
  • Un ano bisesto ten 366 días =8.784 horas= 527.040 minutos = 31 622 400 segundos.
  • A era normalmente usada co calendario gregoriano é a era cristiá, é dicir, "antes / despois de Cristo", segundo os cálculos de Dionisio o Exiguo. Cómpre salientar que non hai un ano "cero"; os séculos e milenios comezan co ano "un". Así que, o século XXI e o terceiro milenio comezan 1 de xaneiro do ano 1 do terceiro milenio, 2001.

Adopción dun novo calendario

Primeira páxina da bula Inter Gravissimas (1582).

En 1582, o papa Gregorio XIII decidiu mediante a bula Inter gravissimas que o xoves 4 de outubro de 1582 sería inmediatamente seguido polo venres 15 de outubro para compensar o desfase acumulado dende o ano 45 d.C. Pola supresión de dez días, santa Tareixa de Ávila morreu na noite do 4 e foi enterrada ao día seguinte, o 15 de outubro de 1582.

É necesario salientar que o paso ó calendario gregoriano non foi adoptado en toda Europa ó mesmo tempo. Foi imposto por Gregorio XIII nos estados onde era soberano pontífice. O 29 de setembro de 1582, Filipe II de España decretou o cambio do calendario xuliano ao gregoriano.[10] Isto afectou a maioría da Europa católica, xa que Filipe reinaba sobre España e Portugal e gran parte de Italia. Nestes territorios, así como en Polonia-Lituania, gobernada por Anna Jagiellon, o novo calendario implantouse na data especificada na bula. Os imperios español e portugués seguírono de facto máis tarde por mor do atraso nas comunicacións.[11] Outros, coma Francia, seguírono rapidamente.

Outros países foron moito máis lentos en adoptar esta reforma gregoriana, preferindo como di o astrónomo Johannes Kepler "estar en desacordo co Sol, antes que de acordo co papa". De feito, algúns protestantes temían que o novo calendario fixese parte dun complot para volver ao catolicismo. Por exemplo, o Reino Unido non adoptou o sistema católico explicitamente: o anexo á súa lei do calendario e 1750 estableceu o cálculo da data de Pascua do mesmo xeito que a regra de Gregorio, mais sen referirse realmente a el.[12] O Reino Unido e o seu imperio (incluído o que despois foron os Estados Unidos) adoptaron o calendario en 1752. Os suecos seguíronos en 1753.

Cumprirá esperar á revolución de outubro de 1917 para que Rusia o adopte. Iso fixo que a revolución chamada de "outubro" tivese lugar a comezos de novembro, segundo o calendario gregoriano.

En Turquía foi no 1927, como parte do proceso occidentalizador de Atatürk.

191219261923192219191918191619151912187518731867181115841760175217531700168216481582161016051587158615831582

Estas variacións de calendario supoñen un crebacabezas para os historiadores, xa que un documento inglés datado por exemplo o 10 de xaneiro de 1603 é de feito posterior a un documento francés ou español datado o 15 de xaneiro dese mesmo ano. Por exemplo, William Shakespeare e Miguel de Cervantes morreron na mesma "data" (23 de abril de 1616), pero non no mesmo "día".

Ademais, en cada país onde se adoptaba o novo calendario, protestábase, dicindo por exemplo que se tería que pagar un alugueiro mensual enteiro habendo só 21 días no mes laboral.

Con todo, segue quedando algún resto do antigo calendario xuliano, por exemplo, no calendario litúrxico ortodoxo. Deste xeito, os ortodoxos celebran o Nadal, nas datas nas que os católicos celebran os Reis.

Precisión

O calendario gregoriano, ao saltar tres días bisestos cada 400 anos, mellora a aproximación feita polo calendario xuliano, dando un ano medio de 365,2425 días solares medios.[13] Esta aproximación ten un erro de aproximadamente un día cada 3300 anos con respecto ao valor actual do ano solar medio. Con todo, debido á precesión dos equinoccios, que non é constante, e ao movemento do perihelio (que afecta á velocidade orbital da Terra) o erro con respecto ao equinoccio vernal astronómico é variábel; se se considera un intervalo medio aproximado entre equinoccios de primavera cunha duración de 365,24237 días en ciclos de 2000 anos,[14] isto implica un erro próximo a 1 día cada 7700 anos. En calquera caso, o calendario gregoriano é substancialmente máis preciso có calendario xuliano (que cun ano medio de 365,25 días, incorre nun día de erro cada 128 anos).

No século XIX, John Herschel propuxo unha modificación ao calendario gregoriano con 969 días bisestos cada 4000 anos, en lugar dos 970 días bisestos que o calendario gregoriano insertaría no mesmo período.[15] Isto reduciría o ano medio a 365,24225 días. A proposta de Herschel haría o ano 4000 (e os seus múltiplos) comúns no canto de bisestos. Se ben esta modificación xa se propuxo varias veces, nunca se adoptou oficialmente.[16]

En escalas de tempo de miles de anos, o calendario gregoriano atrasa respecto ás estacións astronómicas debido á ralentización da rotación da Terra, que fai cada día un pouco máis longo co paso do tempo, mentres que o ano mantén unha duración máis uniforme.

Erro estacional do calendario

Diferenza entre o calendario gregoriano e as estacións astronómicas.

A imaxe mostra a diferenza entre o calendario gregoriano e as estacións astronómicas. O eixe vertical é a data en xuño e o eixe horizontal son os anos no calendario gregoriano.

Cada punto é a data e a hora do solsticio de xuño dese ano en particular. O erro desprázase arredor dun cuarto de día por ano. As centurias son anos ordinarios, a menos que sexan divisíbeis por 400; nese caso incluiranse nos anos bisestos. Isto provoca unha corrección nos anos 1700, 1800, 1900, 2100, 2200 e 2300. Por exemplo, estas correccións causan que o 23 de decembro de 1903 fose o solsticio máis tardío nun mes de decembro, mentres que o 20 de decembro de 2096 sexa o solsticio de decembro máis temperán, con -2,25 días de diferenza con respecto á data teórica do acontecemento estacional.

Reformas do calendario gregoriano

Se o principio de axuste gregoriano non foi posto en causa, non sucede o mesmo coa súa estrutura interna.

Os críticos ven os seus vínculos co cristianismo, a través das festas cristiás e das referencias ós santos. Iso motivou moitos proxectos de calendarios laicos, como por exemplo o calendario republicano da revolución francesa.

Outras críticas atinxen á construción mesma do calendario:

  • meses de lonxitude variable (de 28 a 31 días), que falsean por exemplo as estatísticas económicas;
  • ausencia de sincronización entre o nome dos días e o seu número de mes;
  • variación da data de certos días festivos que se rexen polo calendario lunar, como a Pascua e as festas que se celebran segundo o día que se fixa esta: por orde cronolóxica Entroido, Coresma, Semana Santa todas antes da Pascua, Ascensión, Pentecoste e Corpus Christi, despois dela. Ou o Ramadán para os musulmáns.

No curso dos tres últimos séculos as proposicións de reforma multiplicáronse. As máis coñecidas son as propostas do calendario universal e do calendario fixo. A mediados do século XX, a Sociedade de Nacións (antecesora da ONU) fixo estudos para reformar o calendario. Pero foron abandonados pola presión de países como Estados Unidos, Reino Unido, Países Baixos ou Indonesia, oficialmente por razóns relixiosas.

Notas

  1. Dershowitz & Reingold (2008), p. 45. "The calendar in use today in most of the world is the Gregorian or new-style calendar designed by a commission assembled by Pope Gregory XIII in the sixteenth century.".
  2. Introduction to Calendars Arquivado 13 de xuño de 2019 en Wayback Machine.. (15 de maio de 2013). United States Naval Observatory.
  3. Ben-Menahem, Ari (2009). Historical Encyclopedia of Natural and Mathematical Sciences 1. p. 863. ISBN 9783540688310. 
  4. Carabias Torres (2012), p. 241.
  5. Ziggelaar (1983), pp. 211, 214.
  6. Moyer (1983).
  7. Clavio foi un reputado matemático e astrónomo, coñecido como o "Euclides do seu tempo". O mesmo Galileo Galilei tíñalle gran respecto e visitouno en 1611 para consultalo sobre a validez das súas observacións telescópìcas. En homenaxe a Clavius, un dos cráteres da Lúa leva o seu nome.
  8. Mezzi, E.; Vizza, F. (2010). Luigi Lilio Medico Astronomo e Matematico di Cirò. Reggio Calabria: Laruffa Editore. pp. 14, 52.  citando como referencias primarias: Biblioteca Nazionale Centrale die Firenze, Magl. 5.10.5/a, Arquivo apostólico do Vaticano A.A., Arm. I‑XVIII, 5506, f. 362r.
  9. Richards (1998), p. 101.
  10. Kamen, Henry (1998). Philip of Spain. Yale University Press. p. 248. ISBN 978-0300078008. 
  11. ""Pragmatica" on the Ten Days of the Year". World Digital Library. : primeira impresión coñecida (Antonio Ricardo, 1584), do edicto de Filipe II decretando o cambio do calendario.
  12. "Calendar (New Style) Act 1750, Section 3". Parliament of Great Britain – vía National Archives. 
  13. Seidelmann (1992), páx. 580–581.
  14. Meeus and Savoie (1992), páx. 42
  15. John Herschel, Outlines of Astronomy, 1849, páx. 629.
  16. Steel, Duncan (2000). Marking Time: The Epic Quest to Invent the Perfect Calendar. John Wiley & Sons. p. 185. ISBN 0-471-29827-1. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Carabias Torres, A. M (2012). Salamanca y la medida del tiempo (en castelán). Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca. ISBN 978-84-9012-076-7. 
  • Dershowitz, D.; Reingold, E. M (2008). Calendrical Calculations (3rd ed.). Cambridge: Cambridge University Press. 
  • Meeus, J. & Savoie, D. (1992). The history of the tropical year. Journal of the British Astronomical Association, 102(1): 40–42.
  • Moyer, Gordon (1983). Coyne, G. V.; Hoskin, M. A.; Pedersen, O., eds. Aloisius Lilius and the Compendium Novae Rationis Restituendi Kalendarium. Gregorian Reform of the Calendar: Proceedings of the Vatican Conference to Commemorate its 400th Anniversary. Vatican City: Pontifical Academy of Sciences, Specolo Vaticano. pp. 171–188. 
  • Richards, E. G. (1998). Mapping Time: The Calendar and its History. Oxford University Press. 
  • Seidelmann, P. K. (Ed.) (1992). Explanatory Supplement to the Astronomical Almanac. 2nd ed. Sausalito, CA: University Science Books.
  • Ziggelaar, A. (1983). Coyne, G. V.; Hoskin, M. A.; Pedersen, O., eds. The Papal Bull of 1582 Promulgating a Reform of the Calendar. Gregorian Reform of the Calendar: Proceedings of the Vatican Conference to Commemorate its 400th Anniversary. Vatican City: Pontifical Academy of Sciences, Specolo Vaticano. pp. 201–239. 

Outros artigos

Ligazóns externas