Casa da Moeda do Xapón
Coordenadas: 34°41′48.6″N 135°31′16.3″L / 34.696833, -135.521194
Casa da Moeda do Xapón –独立行政法人造幣局 – –Dokuritsu Gyosei Hojin Zoheikyoku– | |
---|---|
Sede central en Osaca da Casa da Moeda do Xapón | |
Tipo | Organismo público autónomo. |
Fundación | 1871. |
Matriz | Goberno do Xapón. |
Localización | Osaca Xapón |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas. |
Beneficio operativo | 510.000.000 iens.[1] |
Número de empregados | 843 (abril 2019).[2] |
Na rede | |
https://www.mint.go.jp/ e https://www.mint.go.jp/category/eng | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Casa da Moeda do Xapón (en xaponés: 独立行政法人造幣局 , Dokuritsu Gyosei Hojin Zoheikyoku) é un organismo autónomo de titularidade pública dependente do Goberno xaponés, responsable da produción de todas as moedas circulantes e conmemorativas do Xapón.[3][4] A axencia ten a súa sede central na cidade de Osaca e conta con dúas sedes sucursais en Saitama (área metropolitana de Toquio) e en Hiroshima.[5]
A ceca xaponesa non produce papel moeda; deste mester, xunto coa impresión de selos postais, ocúpase a Oficina Nacional de Impresión ( 国立印刷局, Kokuritsu Insatsu-kyoku).[6]
En abril de 2019, a compañía tiña 843 empregados.[7] Ese mesmo ano, a súa produción de moeda circulante xaponesa acadou as 336.174.000 unidades.[8] Ademais das moedas nacionais, a Casa da Moeda do Xapón produce moedas circulantes e conmemorativas para diversos estados, entre eles os Emiratos Árabes Unidos, Xeorxia, Omán, Laos, Myanmar, Brunei, Camboxa, Bangladesh, Sri Lanka e Nova Celandia.[9]
Historia
A Casa da Moeda do Xapón estableceuse en Osaca polo Goberno Meiji coa intención de modernizar a produción monetaria no país. A cerimonia inaugural tivo lugar o 4 de abril de 1871, nunhas instalacións construídas ao estilo occidental, e inmediatamente comezaron a sucederse nelas as novas cuñaxes.[10]
Como a industria pesada aínda non estaba daquela desenvolvida no Xapón, para o establecemento da nova ceca cumpriu importar todo o equipamento e crear industrias auxiliares, ata entón inexistentes, para a produción de produtos como ácido sulfúrico, sosa cáustica ou coque, e para a fabricación de equipamentos lixeiros, como balanzas e diversos utensilios de cuñaxe. Do mesmo xeito, foi necesario o establecemento de sistemas de comunicacións telegráficos e posteriormente telefónicos. Outra das innovacións foi a adopción dun sistema de contabilidade moderno de partida dobre. Así as cousas, a ceca nipona foi pioneira na introdución da cultura industrial occidental no Xapón dos primeiros anos da era era Meiji.[10]
A partir de entón, a Casa da Moeda do Xapón foise expandindo progresivamente para abranguer, ademais da produción de moedas, a fabricación por encarga de medallas de honra, condecoracións e diversos obxectos metálicos, e mesmo outros labores como a análise e a determinación da pureza de metais preciosos, entre outros.[10]
A compañía converteuse en organismo autónomo de titularidade pública o 1 de abril de 2003.[10]
Sede central en Osaca
O emperador xaponés contactou o 30 de maio de 1868 co cónsul xeral do Reino Unido no Xapón, Harry Parkes, para lle propor a creación dunha casa de moeda pública no país. A partir de aí, establecéronse contactos para a adquisición de prensas de James Watt, en Londres, e tamén para a incorporación de equipamentos provenientes da Casa da Moeda de Hong Kong, que cesara a súa actividade uns meses antes. O proxecto aprobado precisaba contar con arredor de cen traballadores, para producir cada hora 35.000 moedas de prata de características similares aos reais de oito españois e aos pesos mexicanos que circulaban daquela no país. Para ese propósicto nomeouse como director a Thomas Kinder, que xa dirixira a extinta ceca de Hong Kong.[11]
O 14 de outubro de 1868 chegaron os equipamentos ao porto de Osaca, onde xa se comezara a construír o edificio. As instalacións concluíronse e inauguráronse o 4 de abril de 1871, con todos os cargos de responsabilidade en mans de cidadáns británicos. Os talleres entraron en produción inmediatamente. Entre 1873 e 1874, a nova ceca produciu xa 2.319 millóns de moedas de ouro, 24.532 millóns de prata e 36 millóns de cobre, de alta calidade.[11]
Logo da súa posta en marcha, Kinder deixou a empresa, xunto con sete dos seus directivos, o 31 de xaneiro de 1875, cando esta estaba en óptimo rendemento. Os anos seguintes, o cadro de traballadores aumentou de 380 en 1874 a 556 en 1876. Paralelamente, tamén aumentou a produción da planta, que pasou dos 62 millóns de pezas aos 112 millóns na mesma marxe de anos.[11]
Sede de Saitama-Toquio
En 1879 abriu unha nova planta en Toquio, establecida no edificio do Ministerio de Finanzas, na que se recollían prata e ouro dos cidadáns para os converter en moeda, a cambio dunha comisión. Mais esta filial pechou as súas portas en 1907.
En xullo de 1929 reabriuse a factoría de Toquio, esta vez situada en Kojimachi, no distrito de Chiyoda, non para a cuñaxe senón destionada á certificación da finura de artigos elaborados en metais preciosos.[12]
Nunha terceira etapa, en novembro de 1939, a planta trasladouse a outro distrito de Toquio, Toshima, para posibilitar a ampliación das súas operacións, que comezaron en 1941.
A partir de setembro de 1943 pasou a considerarse formalmente como unha sucursal da Casa da Moeda de Toquio e o 1 de abril de 2003 pasou a formar parte da estrutura administrativa da axencia estatal.[12]
Desde outubro de 2016, esta sucursal da ceca xaponesa está asentada no barrio de Omiya-ku, en Saitama, un municipio da área metropolitana do Gran Toquio.[12]
Sede de Hiroshima
A construción dunha nova planta de cuñaxe na prefectura de Hiroshima decidiuse en 1942, co obxectivo de producir moedas por encarga destinadas á súa circulación en diversos países da área do Sueste Asiático. Estas operacións comezaron na planta de Hiroshima enfebreiro de 1945.[12]
Pouco despois do seu establecemento, as operacións desta nova planta víronse obrigadas a suspenderse logo da explisión na cidade dunha bomba atómica, no marco da segunda guerra mundial, aínda que en 1946 logrouse comezar a restablecer a produción e en setembro de 1948 xa se puido realizar o proceso completo de cuñaxe, nas mesmas instalacións. Foi a partir dese momento, coa introdución de novos equipamentos e a racionalización dos procedementros de traballo, cando a planta de cuñaxe de Hiroshima pasou a ser considerada como a segunda sucursal da Casa da Moeda do Xapón.[12]
Do mesmo xeito que a filial de Saitama-Toquio, esta de Hiroshima incorporouse á estrutura administrativa da ceca xaponesa o 1 de abril de 2003.[12]
Premios acadados
Premios da MDC
A Conferencia de Directores de Casas de Moeda (MDC, siglas do inglés Mint Directors Conference) outorga anualmente un premio ás moedas máis fermosas e ás máis avanzadas tecnoloxicamente. Estes son os recoñecementos acadados pola Casa da Moeda do Xapón:[13]
- 2012: Moeda máis fermosa: 1.000 iens de 2012 (prata), conmemorativa do 60 aniversario da aplicación da Lei da Autonomía Local.
- 2010: Moeda máis fermosa: 10.000 iens de 2010 (ouro), conmemorativa do 20 aniversario do entronamento do emperador.
- 2002: Moeda máis fermosa: 1.000 iens de 2002 (prata), conmemorativa do Mundial da FIFA de Corea e o Xapón.
- 1994: Moeda máis avanzada tecnoloxicamente: 50.000 iens de 1993 (ouro), conmemorativa da voda do príncipe herdeiro.
Premio Moeda do Ano
- Artigo principal: Premio Moeda do Ano.
Desde 1984, a editora estadounidense Krause Publications concede o Premio Moeda do Ano, en dez categorías. Estes son os premios acadados por moedas cuñadas pola Casa da Moeda do Xapón.[13][14]
- 2017: Mellor evento contemporáneo: 10.000 iens de 2015, conmemorativa da reconstrución do Xapón logo do terremoto de 2011.[15][16]
- 2008: Mellor moeda de prata: 1.000 iens de 2006 (prata), conmemorativa dos 50 anos do ingreso do Xapón nas Nacións Unidas.[17][18]
- 2002: Moeda máis anovadora: 500 iens de 2000 (cuproníquel), circulante.[19]
- 1993: Mellor moeda de ouro: 100.000 iens de 1991 (ouro), conmemorativa do entronamento do emperador.[20]
- 1988: Mellor moeda de ouro: 100.000 iens de 1986 (ouro), conmemorativa do 60 aniversario do emperador no trono.[21]
Notas
- ↑ "Casa Study: Japan Mint". Páxina 1. Mintindustry.com
- ↑ "Casa Study: Japan Mint". Páxina 1. Mintindustry.com
- ↑ "Coins Presently Minted". Japan Mint.
- ↑ "Commemorative Coins issued up to now". Japan Mint.
- ↑ "Organization". Japan Mint.
- ↑ "What is the difference between the Mint and National Printing Bureau? Do you produce banknotes in your mint? Arquivado 31 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine.". Japan Mint.
- ↑ "Casa Study: Japan Mint". Páxina 1. Mintindustry.com
- ↑ "Number of Coin Production (calendar year 2019) Arquivado 04 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Japan Mint.
- ↑ "Foreign Coins Produced by Japan Mint". Japan Mint.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 "History". Japan Mint.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Depeyrot, G.; Kovalchuk, M. (2013). Páxina 3.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 "History of Branches". Japan Mint.
- ↑ 13,0 13,1 "Award Winning Coins". Japan Mint.
- ↑ Scarinci, D. (2015). "introduction". En Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6
- ↑ "Coin of the Year's 10 winners". En Numismatic News. 15 de decembro de 2016.
- ↑ "2017 awards". En Scarinci, D. (2015).
- ↑ "Canadá wins the COTY". En Numismatic News. 21 de xullo de 2008.
- ↑ "2008 awards". En Scarinci, D. (2015).
- ↑ "2000 awards". En Scarinci, D. (2015).
- ↑ "1993 awards". En Scarinci, D. (2015).
- ↑ "1988 awards". En Scarinci, D. (2015).
Véxase tamén
Bibliografía
- Depeyrot, G.; Kovalchuk, M. (2013). "La Monnaie et la Banque, un transfert technologique et culturel au Japon au xixe siècle". En Revue Sciences/Letres. 1. Páxinas 1-10. ISSN : 2271-6246
Outros artigos
Ligazóns externas
- Sitio web da Casa da Moeda do Xapón (versión en inglés)
- Sitio web da Oficina Nacional de Impresión (versión en inglés)